“O apoio enérxico e continuado dos poderes públicos vai ser vital para a lingua”
texto Manuel Forcadela fotos Fernando de Paz
O primeiro que me chama a atención é o título do teu libro: O idioma galego baixo o franquismo. Da resistencia á normalización. E aí véñenme á cabeza as ideas dos estudosos da infrapolítica, dos medios de confrontamento en condicións moi precarias, en tempos de imposible oposición. Nin houbo tanta resistencia nin está a haber demasiada normalización.
No limiar do libro xustifico este subtítulo, que escollín deliberadamente, aínda sabendo que ía ser rechamante. Durante o franquismo o único horizonte que se ofrecía ás persoas comprometidas co galego era a resistencia. Na autonomía abriuse o horizonte da normalización. Canto houbo de resistencia lingüística contra a ditadura, quen, cando e como se exerceu, é o propio obxecto do libro. Se houbo pouca, máis mérito terán os individuos que se arriscaron a resistir. Canto hai de normalización nas últimas décadas é outro asunto, sobre o que tamén teño escrito un chisquiño e sobre o que penso seguir traballando.
A túa posición persoal, Catedrático, Académico, Director de Grial…, choca un pouco coa atitude simbólica, significativa na túa escrita e no teu libro, de defensa radical da lingua galega. En que medida son coherentes unha e outra ou hai un conflito entre posicións?
Máis coherencia non podería haber: son catedrático de filoloxía galega e profesor de sociolingüística galega, especializado en historia (social) da lingua. Son académico da Real Academia Galega, unha institución dedicada exclusivamente á defensa e ilustración do idioma e da cultura galegas. Fun membro do consello de redacción de Grial desde 1988, codirector desde 2003, director desde 2019: é a “Revista galega de cultura” (este é o seu subtítulo) de máis longa vida, unha referencia inescusable da cultura de expresión galega desde nada menos que 1963. Eu vexo todo isto moi coherente con ser un “defensor radical” da lingua galega.
Desde que te coñezo, van alá máis de corenta anos, tempos da fundación de Dorna, sempre estiveches no centro do fulgor político e cultural deste país. Outrora podíasete ver nos círculos da estrema esquerda, arestora alternando, polos compromisos laborais e institucionais, con políticos da dereita…
Coido que cando nos coñecemos xa era militante do PSG / Esquerda Galega, o partido co que máis me identifiquei ao longo da miña traxectoria. Cando morreu Franco, eu, con 16 anos, militaba nas Xuventudes Comunistas, despois fíxeno —brevemente— en “Bandeira Roxa”, na ANPG, no grupo libertario “Arco da Vella” e en Galicia Ceibe, todo moi vertixinoso e propio daqueles tempos e da mocidade comprometida daquela. Por tanto, a miña relación con eses círculos é de hai 40 anos para atrás. Non me arrepinto nin me avergoño dela: podo presumir de que fun un mozo idealista, entregado e xeneroso, e aquela foi unha etapa da miña vida sumamente interesante e formativa, na que trabei amizade con persoas estupendas. O meu traballo nas institucións comezou a finais da década dos ’90. Fun dez anos secretario do Consello da Cultura Galega (2000-2010). Aí aprendín a valorar a importancia do labor institucional, especialmente para unha cultura en precario coma a nosa.
“O meu traballo nas institucións fíxome contemplar as cousas dun xeito máis obxectivo e permitiume buscar colaboracións en positivo por riba das diferenzas persoais e políticas sempre desde o respecto e preservando as miñas liberdades de investigación como profesor, de acción como cidadán e de opinión como intelectual”.
Satisfeito?
Este labor permitiume respirar fóra da universidade, fíxome contemplar as cousas dun xeito máis obxectivo e permitiume buscar colaboracións en positivo por riba das diferenzas persoais e políticas. Isto inclúe responsables políticos electos pola cidadanía, uns de esquerda e outros de dereita —a segunda é a que gaña máis eleccións en Galicia—, sempre desde o respecto e preservando as miñas liberdades de investigación como profesor, de acción como cidadán e de opinión como intelectual. Nas institucións apréndese moito: a non se pechar en capelas e a dialogar co país real, a non confundir fantasías con realidades nin enlearse en lideiras bizantinas, a medir as posibilidades de conseguir melloras e avances concretos, as dificultades da xestión dos organismos públicos… Non se transformará o país sen as institucións, aínda que tampouco se pode facer só desde elas. Sempre procurei tecer colaboracións cos colectivos cívicos, que fan un traballo fundamental.
Esta directiva da Real Academia Galega supuxo ou non un achegamento ás políticas de Feijóo?
A RAG nin está máis próxima nin máis arredada da Xunta agora do que estaba antes: cada institución ten o seu ámbito de responsabilidade e, desde logo, ata onde eu sei, a RAG exércea con total independencia de criterio, a pesar de que depende financeiramente da Xunta (sobre todo) e dos orzamentos xerais do estado (en menor medida). Debo dicir que o señor Feijóo e a Xunta respectan como é debido esa liberdade, aínda que tamén é certo que non toman moi en conta as propostas da RAG nos importantes aspectos en que existen discrepancias, como se viu co Decreto de Plurilingüismo.
A materia do teu libro é claramente de interese universitario e, ao mesmo tempo, moi alentadora para o público común, na medida en que a lingua, o idoma do país, sempre simbólica, é tamén claramente real, e resulta unha preocupación diaria para miles de galegos en materia de dereitos, de competencias, de integración ou non noutros contextos. Ten futuro a nosa lingua sen un apoio decidido e permanente dos poderes públicos ou sen el estamos condenados á alternativa extinción/revolución?
Na actualidade, todas as linguas e culturas, exepto a(s) de expresión anglófona, precisan de apoio público: véxase senón as políticas de defensa da diversidade lingüístico-cultural da Unión Europea. Moito máis as linguas e culturas “menores”, e moitísimo máis as “minorizadas” ou “ameazadas” coma a galega. Supoño que a normalidade se traduciría en menos necesidade de apoio institucional, cunha lingua plenamente empregada en toda a sociedade e en todos os ámbitos funcionais, e un mercado cultural amplo e diversificado, soporte sólido dunha produción e dunha industria cultural potente. Estamos moi lonxe desa situación, así que nun futuro previsible, o apoio enérxico e continuado dos poderes públicos vai ser vital, igual que unha adhesión máis ampla e máis activa da cidadanía, dos medios de comunicación, do tecido asociativo, das entidades profesionais, das empresas, etc.
Tense falado de que estamos perante unha crise cultural que non atinxe só á lingua, senón que é tamén un momento de mudanza interepocal de grande protagonismo da tecnoloxía e dos novos medios de comunicación. Pasamos do carro ao 5G en pouco máis dunha xeración. Os galeguistas doutrora deben agora producir contido para as redes e non só escritos senón tamén audiovisuais. Nunha economía globalizada a expresión é sempre múltipla e diversa. A resistencia faise máis complexa tamén. Apocalípticos ou integrados? Inxenuos ou perversos?
Se xa era consciente antes disto, desde que son profesor en Comunicación audiovisual fíxenme moito máis. A xeración da resistencia á ditadura estaba convencida de que a prioridade naquela época era o libro, a literatura, a escrita. Victor Freixanes tenme contado que cando, nos mediados dos setenta, lle foi falar a Ramón Piñeiro da necesidade de ter unha cadea de radio en galego, este quedou desconcertado. Hoxe o principal desafío está na produción audiovisual, tanto a difundida por vías convencionais (cinemas e televisións), canto a espallada a través das redes. É un dos principais retos da xeración que vén detrás da nosa. A RAG está dando pasos modestos, pero significativos, neste campo. Estoutro día, no Consello de redacción de Grial, cando eu propuxen dedicar un número a este asunto, tivemos esa discusión a que aludes: precisamos series de televisión para as grandes plataformas, como “O sabor das margaridas”, ou creacións culturais densas, como “Nación” de Margarita Ledo, “María Soliña” de Ignacio Vilar ou “O que arde” de Oliver Laxe? E na música: que pensar do suceso de Verto ou das Tanxugueiras? Unha cultura normal ten ofertas para os diversos públicos, gustos e sensibilidades, ten liñas máis comerciais e de consumo masivo, e outras máis esixentes para públicos selectos. Independentemente do criterio persoal de cadaquén, eu penso que na situación do galego todo o que entra na patela é peixe e, por suposto, sempre defendendo a calidade, temos que estar abertos ao grande público, sobre todo no ámbito xuvenil.
“A RAG nin está máis próxima nin máis arredada da Xunta agora do que estaba antes. Debo dicir que o señor Feijóo e a Xunta respectan como é debido a súa liberdade, aínda que tamén é certo que non toman moi en conta as propostas nos importantes aspectos en que existen discrepancias, como se viu co Decreto de Plurilingüismo”.
O idioma por vir. Da estrutura do teu libro, no que desde o inicio advirtes que segues as pautas da división cronolóxica convencional ao sinalar as etapas do franquismo, 1936-1975, xorde un relato de final feliz, un percorrido marcado por tres funcións narrativas típicas: prohibición, resistencia, redención. Cres que quen te continúe, dentro de corenta ou cincuenta anos, poderá seguir ese guión?
Dis ti? Eu non tiña esa liña narrativa na cabeza, máis ben pensaba nun final aberto. Pretendín aterme aos feitos, pero debo recoñecer que no libro hai un alento apoloxético, porque coido que o noso país, ante o pesimismo e a auto-minusvaloraización que se nos inocula, precisa un relato histórico en que se poña de relevo os esforzos inmensos, e neste caso moi sacrificados, que moitas boas xentes fixeron por construír a nación e dignificar a lingua. Son moi consciente de que a miña obra, sen deixar de ser académica, dalgún xeito forma parte dese esforzo. Como investigador, traballo nunha área en que cómpre superar o dilema entre a obxectividade científica e o compromiso transformador. Como profesor, estou en contacto estreito coa xente nova, e son consciente do enorme descoñecemento da historia do galeguismo. E non só entre a mocidade: estou certo de que moitas das cousas que se contan no libro son ignoradas pola inmensa maioría, incluso entre as persoas ilustradas. A miña intención é que se coñezan, e logo que cadaquén tire as súas propias conclusións.
O período histórico subseguinte precisa outro tratamento, porque é un tempo moi distinto. Non descarto escribir unha obra que lle dea continuación, é máis, propóñome facelo por volta de 2025, cando se cumpran 50 anos do pasamento do ditador e 45 de autonomía. Como digo no limiar deste libro, vou ter que resolver o problema de como integrar (ou deixar fóra) a miña propia memoria persoal nesa obra; problema que non tiven no caso d’ O idioma galego baixo o franquismo. Por sorte, para as últimas décadas, entre outras cousas, temos acceso a unha información moito máis abundante e a fontes de datos que facilitan as valoracións obxectivas.
Xa pasou un tempo, logo do fin da ditadura, e seguimos sen mudanzas políticas significativas que teñan unha repercusión na normalización da lingua. Ao inicio do libro citas a Ramón Piñeiro falando da atonía histórica do pobo galego, esa Penélope de Díaz Castro a tecer e a destecer. Un paso adiante e outro atrás. A que cres que se debe esta continuidade?
A Guerra civil e a ditadura tiveron un efecto demoledor sobre o noso país. A represión decapitouno, privándoo dos individuos con maior capacidade de liderado e dos colectivos mobilizadores. A sangría emigratoria, que foi brutal durante o franquismo, destruíu a Galicia campesiña e mariñeira e expulsou os seus sectores potencialmente máis dinámicos. O medo paralizou a sociedade, reafirmada no seu escepticismo desmotivador, e os aparatos ideolóxicos infundiron o conformismo. Se xa Ortega y Gasset se referiu nos anos vinte do século pasado ao “nihilismo nacional” e ao “pragmatismo suicida” —falo de cór— de moitos galegos, non sei o que diría hoxe. O caso é que a dereita herdeira do franquismo, aínda que moito máis civilizada, soubo manter baixo o seu control os resortes do poder, mentres que desde a esquerda e o nacionalismo non se deu artellado un proxecto de país capaz de gañar a hexemonía. Cómpre botar pola borda moito sectarismo, moito personalismo, moito infantilismo, moito afán de mando e moito caneo en curto. Cómpre ofrecer alternativas serias e cribles, tecendo colaboracións plurais entre os diversos, cunha ollada longa e ampla. Xa sei que é máis doado dicilo que facelo, e admiro moito as persoas que están deixando a pel no intento.
Persoalmente boto en falta argumentarios a favor da lingua e de dominio público, fóra dos círculos da erudición e da élite culta, que contesten os tópicos supremacistas do castelán. Non cres que se podería facer máis desde o punto de vista organizativo desde institucións como a RAG?
Sempre se poden facer mellor as cousas, pero non hai que perder de vista que a RAG é un grupo moi reducido de persoas —poucas delas en condicións de dedicarlle moito tempo— e con recursos escasos, a pesar de contar cun persoal técnico magnífico, que merecería ter unhas condicións laborais máis acordes coa súa capacidade e co seu labor. O que fan falla é máis medios de comunicación comprometidos coa causa do idioma e da cultura, ou ben, que os medios existentes se comprometesen máis con ela. Sen medios de difusión que cheguen ás maiorías sociais, os nosos discursos irán a contracorrente e acadarán soamente unha acollida minoritaria. Compañeiros e compañeiras da RAG están facendo un enorme esforzo por intervir nos medios de comunicación, e calquera observadora perspicaz se decatará do salto cualitativo que se produciu na súa presenza pública nos últimos anos. É unha estratexia deliberada, conducida por Victor Freixanes, que o ten moi claro e sabe como facelo.
“Cómpre botar pola borda moito sectarismo, moito personalismo, moito infantilismo, moito afán de mando e moito caneo en curto. E ofrecer alternativas serias e cribles, tecendo colaboracións plurais entre os diversos, cunha ollada longa e ampla. Admiro moito as persoas que están deixando a pel no intento”.
A proxección internacional da lingua. O galego e portugués. Un soño (im)posible que está na raíz do galeguismo. “Á nobre Lusitania os brazos tende amigos”, di Pondal no himno. O PP proclamando que a proxección foránea do galego é o que eles chaman español. Por outra banda, o fracaso do reintegracionismo tanto aquí como en Portugal. Está toda a froita vendida e isto é o que hai ou cabe algunha outra alternativa que nos beneficie?
Coido que non temos que dar esa batalla por perdida, senón aprender dos erros cometidos e repensar obxectivos e estratexias. Aquela tolería de arremeter desde o reintegracionismo contra o galeguismo, continuación por outros medios da previa loucura de atacar o galeguismo desde o nacionalismo, xa se ve os froitos merados que trouxo. O que me ensina a miña modesta experiencia é que tecer redes con Portugal e Brasil (falo do que sei) esixe moita intelixencia, fineza e tenacidade. Desde Galicia temos moito máis que gañar presentándonos como o que realmente somos e non disfrazados de non se sabe o que, expoñendo as nosas razóns e explicando o que podemos ofrecer da nosa experiencia como país diglósico e bilingüe, fronteirizo, que loita por preservar a súa lingua e a súa identidade. Ata onde sei, e falo só do ámbito cultural e académico, se se fai ao xeito, iso interesa, polo menos interesa a aqueles sectores aos que máis nos interesa a nós chegar. E a partir do coñecemento conséguese o recoñecemento.