7 de febreiro, Día dos Medios en Galego

| Sen categoría

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA) celebra o XI aniversario do Día dos Medios en Galego. Este día 7 de febreiro coincide coa saída da primeira publicación monolingüe en galego O Tío Marcos d’A Portela, editado por Valentín Lamas Carvajal no ano 1876.

Nesta nova edición, AMEGA presenta un programa composto por varias actividades e celebracións relacionadas coa nosa lingua. A primeira será unha rolda de prensa conmemorativa no Pazo de San Roque, o 6 de febreiro ás 10h, co gallo do 175º aniversario de Valentín Lamas Carvajal e para amosar o programa de actividades deste ano. Ademais, presentarase unha guía didáctica para que o profesorado galego poida incluír contidos relacionados co pasado e o presente dos medios en galego, que leva por título “Coñecendo os medios en galego”.

Seguidamente, a asociación organiza ao longo do mes de febreiro un conxunto de roteiros xornalísticos por varias vilas do país. Neles visitaranse lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados  por expertos na temática e amenizado por bandas musicais. As localizacións confirmadas son A Estrada (3 de febreiro), Santiago de Compostela e A Pobra do Caramiñal (17 de febreiro), e A Coruña (24 de febreiro).

Por último, AMEGA repite na organización dun evento musical para reivindicar o uso da lingua. Nesta ocasión as protagonistas serán Fillas de Cassandra e De Ninghures, e os concertos celebraranse o vindeiro xoves 22 de febreiro na Sala Inn Club da Coruña a partir das 21h.