A revista Tempos Novos, coa colaboración da Asociación Alexandre Bóveda, organiza un coloquio sobre a figura e a obra da autora Luísa Villalta, homenaxeada no Día das Letras Galegas 2024. Estará conducido pola xornalista Montse Dopico e contará coa participación de Mercedes Queixas, Beatriz Maceda e Pilar García Negro. Celebrarase no local da Asociación Alexandre Bóveda, no nº36, 1º da rúa de San Andrés da cidade da Coruña. Será o sábado 20 de abril ás 20h, con entrada libre ata completar aforo.
Montse Dopico, xornalista, é autora da biografía ‘Abonda con vivir: Luísa Villalta’, editada por Xerais, unha biografía que baixo a forma de reportaxe reconstrúe a través das súas amizades a figura da autora, construíndo unha análise literaria, sociolóxica e histórica.
Mercedes Queixas Zas, escritora, é coordinadora xunto a Montse Pena Presas de ‘Un ruído provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta’, de Laiovento, unha obra que recolle doce voces arredor da vida e da obra da autora como narradora, poeta, ensaísta, dramaturga e profesora.
Beatriz Maceda, escritora, é coautora da biografía para público xuvenil ‘Luísa Villalta. Alma de violino’ (Xerais) xunto con Eli Ríos.
A escritora Pilar García Negro tivo unha fonda relación persoal coa autora homenaxeada e compartirá as súas vivencias e reflexións sobre a figura de Villalta.