“A psiquiatría tamén se utilizou como unha ferramenta de control das feminidades diverxentes”
A investigadora Carmen V. Valiña, doutora en Historia Contemporánea, foi unha das creadoras participantes nas Residencias Artísticas Mariñan. O seu traballo Recuperando a memoria das “tolas” galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas bota luz sobre a memoria das internas do manicomio compostelán de Conxo.
En que consiste a investigación?
A partir dos arquivos do manicomio de Conxo da Cidade da Cultura fago unha lectura da vida desas mulleres con perspectiva de xénero. Utilicei os testemuños das internas para ver como se representaban a si mesmas e amosar como naquel tempo (de fins do XIX a 1936) moitas mulleres foron cualificadas de ‘tolas’ sen ningún trastorno mental, por non encaixar no molde de xénero.
Esváese a liña entre a patoloxía e patoloxización?
Hai casos onde existe un diagnóstico claro, pero noutros hai décadas de historia no manicomio sen mención a unha doenza mental. Mulleres con problemas de alcoholismo, nais solteiras, mulleres con relacións fóra do matrimonio… Cóntanos moito sobre a sociedade que as patoloxizaba.
Como naceu a idea?
Cando tiven noticia da existencia tiven curiosidade. Tiña algunha percepción previa logo confirmada: que moitas non tiñan doenzas mentais, que pertencían ao ámbito rural ou ambientes humildes… En Conxo aparecen moitos documentos ademais de informes médicos: cartas, debuxos…
Unha historia fragmentaria?
Algúns expedientes teñen moita información. Noutros casos apenas sabemos nada de mulleres que botaron décadas en Conxo. As cartas resultan moi interesantes. Moitas non chegaron a enviarse pero foron unha estratexia de resistencia que permitía á muller construír a súa identidade alén do papel da “tola”.
De cantas mulleres falamos?
Entre 1885, cando se abre o psiquiátrico, e 1936, máis de 400 expedientes. Cada un inclúe a historia clínica e distintos documentos. Os máis completos, unha historia clínica, outra familiar -cuberta pola persoa que levaba a muller a Conxo, un varón da familia- e un cuestionario de ingreso con preguntas coas que non entendes como se determina se a persoa está ou non tola. E algúns expedientes inclúen debuxos, cartas, informes…
Por que parar no 36?
Parto da idea de que tras o 36 cambia o perfil de ingresadas. Podemos intuír que moitas entran por motivos políticos. Ademais, ao analizar a loucura desde o punto de vista de xénero e tendo en conta que moitas internas non estaban tolas, podemos vincular a sociedade con ese tempo de cambio de século. Estaban a romperse roles de xénero: mulleres no espazo público, que traballaban e estudaban… Non era o perfil maioritario no mundo rural, pero a psiquiatría tamén se utilizou como unha ferramenta de control das feminidades diverxentes. O control da loucura a través da psiquiatría é característico dese período. Conxo inaugura a psiquiatrización da loucura en Galicia. Ata ese momento, os tolos eran recluídos na casa. Quixen centrarme nesta época por ser o tempo en que se controla así estas mulleres transgresoras.