Marciano Sánchez Bayle, portavoz da FADSP

A veterana Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública leva máis de corenta anos defendendo un sistema que garanta o acceso universal e de calidade á saúde. Foi testemuña do desenvolvemento do sistema sanitario moderno en España e, tamén, da súa degradación. O doutor Marciano Sánchez Bayle preside a entidade. Ten unha traxectoria longa e recoñecida, sendo entre 1977 e 2018 xefe de sección de Pediatría no Hospital Niño Jesús de Madrid. É vicepresidente da International Association of Health Policy. 

 

Cada 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde. Unha efeméride creada pola Asemblea Mundial da Saúde que conmemora o aniversario da creación da Organización Mundial da Saúde (OMS). Que obxectivos se buscaban? Como está o mundo, a nivel xeral, en relación a eses obxectivos? 

Evidentemente, tratábase de visibilizar a necesidade de acadar a saúde global, isto é, o dereito á protección da saúde como obxectivo humano fundamental, e a procura de mecanismos para conseguilo. 

Sempre houbo grandes diferenzas entre o Norte e o Sur globais. A día de hoxe, esas diferenzas diminuíron ou aumentaron? Por que? 

Todo depende de onde coloquemos o momento de comparación. Se falamos de hai 20 ou 30 anos, produciuse unha mellora, pero nos últimos anos (máis ou menos, dende a crise de 2008) as cousas empeoraron e retrocedeuse nos avances conseguidos. Obviamente hai moitísimas diferenzas duns países e duns continentes a outros. Avances e retrocesos combínanse.  

Podemos tomar como referencia a pandemia da COVID-19. Que lecturas poden facerse a nivel mundial? Por que tales diferenzas nos impactos (afectados, vacinados, mortes…)? 

É un asunto moi complexo que como se sinalou anteriormente ten moitas diferenzas nacionais e rexionais. Nós acabamos de publicar un libro, La sanidad pública en la era post-covid, que a partir dos casos de varios países (España, Portugal, Reino Unido, Chile, México e EUA) intenta tirar conclusións xerais. Dun xeito moi sumario pode dicirse que houbo varias cuestións que resultaron chave: os recortes previos da crise anterior e as privatizacións que debilitan os sistemas sanitarios; a ausencia de dispositivos axeitados de saúde pública, a adopción de medidas de contención nas primeiras vagas da doenza (prevacina), o acceso ás vacinas, os sistemas de protección social e a influencia do negacionismo entre os gobernos e a poboación.

“A última epidemia de gripe demostrou que tras a COVID-19 non se reforzou o noso sistema sanitario, e que estaba en peores condicións que antes da pandemia”. 

Seguindo coa pandemia de COVID-19, parece que esta deixou unha serie de evidencias que afectan directamente á saúde e, por tanto, á vida das persoas. Así, e agora semella que o estamos a comprobar co impacto da “gripe”, de seguir o camiño actual as pandemias (non sei se é correcto utilizar este termo), serán máis recorrentes e frecuentes. Existe este risco? Por que?  

A ver, o que demostrou esta última epidemia de gripe é que tras a COVID-19 non se reforzou o noso sistema sanitario, e que estaba en peores condicións que antes da pandemia.  

Unha mellor preparación parece imprescindible cando temos xa novos fenómenos, coma o cambio climático. Nesta era postcovid estamos mellor preparados para o impacto das novas pandemias e do cambio climático? Por que? 

Xa se dixo que en España non. A nivel global, pois por desgraza tampouco. Durante a pandemia fixéronse moitas promesas de reforzar o sistema sanitario público que maioritariamente xa se incumpriron. É evidente que a emerxencia climática xera as condicións para a existencia de novas pandemias, o que xa foi reiteradamente sinalado pola Organización Mundial da Saúde. Como dicimos no libro referido, o interrogante non é saber se haberá ou non outra pandemia, senón cando sucederá e que características terá.  

Non semella arriscado afirmar que con esta última pandemia ficou en evidencia o enorme poder da industria farmacéutica a nivel mundial, incluíndo Europa. É isto certo? Que consecuencias se derivan para a atención sanitaria e para a saúde? 

Está claro que a big farma é unha industria poderosísima, en gran parte porque se lle permitiu, e que só se preocupa de maximizar os seus xa enormes beneficios. Ou se lle pon freo controlando os prezos dos medicamentos, a duración e validez das patentes  e os seus enormes beneficios monopolísticos, ou o sistema sanitario público farase insostible nos países desenvolvidos, e nos outros o acceso aos medicamentos verase extremadamente dificultado.  

“A emerxencia climática xera as condicións para a existencia de novas pandemias. O interrogante non é saber se haberá ou non outra pandemia, senón cando sucederá e que características terá”. 

Outra evidencia da pandemia de COVID-19, e nesta profundizaremos, é que en Occidente as políticas chamadas austericidas debilitaron enormemente a atención sanitaria pública, incrementando así os riscos para a saúde e para a vida das persoas e dificultando atender fenómenos como a pandemia. É así? Que pasou? Que podemos agardar para a saúde e a atención sanitaria con estas políticas? 

Debilitouse a sanidade pública pola vía de retirarlle financiamento e privatizala. De seguirmos así o panorama será moi negativo.  

Seguindo coa austeridade, e en concreto coa Unión Europea. Segundo os datos que nos chegan en Grecia, a gran vítima da austeridade europea, nestes últimos anos está a aumentar a mortalidade infantil. Pódese relacionar este aumento coa austeridade? 

A mortalidade infantil é un indicador bastante sensible e aumenta moito coa falta de recursos do sistema sanitario, así como co empeoramento das condicións sociais e económicas da poboación (obviamente, sobre todo as mulleres). A mortalidade infantil está moi influída por cuestións como a alimentación, a hixiene, o acceso a auga potábel e as vacinas. As políticas de austeridade deterioran gravemente estas cuestións. 

As repercusións das políticas de austeridade non só afectan aos pacientes senón que tamén o fan aos profesionais da sanidade. En que medida? Que repercusións ten sobre a asistencia sanitaria?   

Xeralmente propéndese a diminuír os ratios de profesionais por habitante e a empeorar as súas condicións laborais e profesionais. É obvio que unha gran presión asistencial empeora a asistencia e aumenta os erros.  

O impacto é tamén diferente segundo o nivel de renda? Por que?   

Por suposto. Digamos que hai dous motivos básicos: por unha banda, as condicións de vida e a capacidade económica dos máis pobres son peores (os determinantes sociais da saúde), e, pola outra, non teñen alternativa asistencial fóra dun sistema público deteriorado.

A Atención Primaria é a chave da asistencia sanitaria pública e a que pode resolver o 80% ou 90% dos problemas de saúde da poboación. Favorecer o sector privado precisa de deteriorar o sistema público”. 

Hai diferenzas de xénero? 

Sábese hai tempo que hai unha marxinación das mulleres que provén dun ambiente machista e patriarcal (tiveron menos consideración á hora de realizar investigacións, etc). Por outra banda, o seu nivel de renda é menor e a súa marxinación económica e social é maior. Loxicamente, esta situación toma carácter extremo nalgúns países, como Afganistán.  

 As experiencias poñen de manifesto que a Atención Primaria é o obxectivo preferente das políticas de austeridade. A que se debe? Que consecuencias se derivan? 

A Atención Primaria é a chave da asistencia sanitaria pública e a que pode resolver o 80% ou 90% dos problemas de saúde da poboación. Favorecer o sector privado precisa de deteriorar o sistema público. Aí, a atención primaria é crucial. 

“En España sábese que o sector privado ten uns custos (a igual calidade) que supoñen un aumento de entre cinco e once veces a alternativa á sanidade pública. Obviamente, algunha xente obtén beneficios disto”. 

En sentido contrario, poténciase o chamado hospitalocentrismo. Por que? Con que consecuencias para a atención sanitaria e a saúde?  

A atención hospitalaria utiliza máis tecnoloxía, medios e medicamentos máis caros, e resulta economicamente máis rendible ás grandes multinacionais do sector. Evidentemente, un sector hospitalario megadesenvolvido favorece a dilapidación e a utilización inapropiada da tecnoloxía que empeora a atención sanitaria e pode ter un impacto negativo sobre a saúde (moitas actuacións sanitarias teñen potenciais efectos secundarios que son moi importantes). 

Un dos argumentos máis utilizados polos defensores da privatización da sanidade pública é a eficiencia, o feito de facer unha sanidade máis eficaz e rendible. As experiencias coñecidas certifican esas melloras? Que sucede e por que?  

En España sábese que o sector privado ten uns custos (a igual calidade) que supoñen un aumento de entre cinco e once veces a alternativa á sanidade pública. Obviamente, algunha xente obtén beneficios disto: as empresas, as “mordidas”, as portas xiratorias…  

En relación co anterior, existe realmente un mercado competitivo na sanidade? Aplícase nos casos coñecidos de privatización da atención sanitaria? 

Nunca existiu, porque o mercado sanitario ten moitas externalidades que non se controlan, e porque a supervisión da calidade dos centros privados é ínfima ou inexistente.  

É rendible e eficiente a externalización? Por que? 

Non, polo sinalado. Tamén porque elimina o control público sobre unha prestación básica, como é a sanitaria.  

O incremento da externalización e a prestación privada non vai en prexuízo da prestación pública? Con que consecuencias? 

Hai publicacións recentes do efecto das privatizacións sobre a saúde. Un resumo pode ser o seguinte. En Italia, o financiamento dos centros públicos traía consigo unha disminución da mortalidade evitable, mentres que o incremento de financiamento de centros privados non diminuía a mortalidade. Nos Estados Unidos, a mortalidade en hemodiálise en centros con ánimo de lucro é significativamente maior que naqueles sen tal ánimo, e a compra dun hospital por fondos privados asóciase a un aumento de efectos adversos. No Reino Unido, existe unha relación entre morbilidade e mortalidade co persoal de enfermaría por cama en centros hospitalarios. Tamén maior mortalidade por estafilococo resistente á meticilina en centros con limpeza privatizada. Concretamente en Inglaterra, o aumento da asistencia en entidades privadas asóciase significativamente ao incremento da mortalidade evitable. En España, as residencias sociosanitarias xestionadas por colaboración público-privada (isto é, en mans de empresas privadas) tiveron maior mortalidade que as de xestión pública.  

“O noso sistema sanitario, durante algúns anos (os 80 e 90 do século pasado) mellorou moito e moi rápido. Agora está nunha etapa de empeoramento progresivo”. 

En relación con todo o falado, e en termos de saúde e atención sanitaria, como valoras a actual situación en España a nivel xeral?  

Eu creo que hai que ser conscientes de que o noso sistema sanitario, durante algúns anos (os 80 e 90 do século pasado) mellorou moito e moi rápido. Agora está nunha etapa de empeoramento progresivo. Se nos comparamos con outros países do mundo estamos nunha boa situación, pero con tendencia á deterioración. Aínda a sanidade pública ten grandes virtudes, pero están en risco.

“Cómpre lembrar unha frase de Aneurin Beevan (o fundador do HNS, o sistema nacional de saúde do Reino Unido): a sanidade pública continuará a existir mentres a poboación estea disposta a defendela”. 

E a nivel de comunidades autónomas? 

As cousas son moi distintas. Algunhas, como Madrid, Galicia ou Andalucía, empeoraron notablemente. Outras, como Asturias ou Navarra, fixérono menos. Pero o proceso de empeoramento é xeneralizado. 

 Gustaríache engadir algo máis? 

A min sempre me parece necesario lembrar a gran capacidade de resistencia dos sistemas sanitarios públicos, que ten que ver coa estima que lles ten a maioría da poboación e as grandes dificultares dos privatizadores para desmantelalos (Thatcher comezou a facelo no Reino Unido hai 40 anos e aínda non o deron logrado, obviamente empeorárono). Por iso resulta moi importante a mobilización social e profesional para evitar a súa deterioración, ademais de conseguir gobernos comprometidos coa sanidade pública. Ao final, cómpre lembrar unha frase de Aneurin Beevan (o fundador do HNS, o sistema nacional de saúde do Reino Unido): a sanidade pública continuará a existir mentres a poboación estea disposta a defendela. Niso estamos.