por Manoel Barbeitos
Non deixan de seren rechamantes, por escandalosos, os criterios que utilizan as elites políticas, mediáticas e económicas occidentais para recoñecer a condición de democráticos aos distintos reximes. Criterios que responden máis aos seus intereses económicos e estratéxicos que aos das realidades políticas. Pódense dar así as situacións máis rocambolescas, por non dicir filisteas, como sucede por caso cando se refiren ben a Latinoamérica, ben aos Estados Unidos. Se ademais se trata de Venezuela, entón xa non hai dúbidas: o réxime venezolano é autoritario, despótico e perigoso para a democracia en Latinoamérica. Cousa distinta é o caso de Estados Unidos, a democracia máis antiga do mundo, do que din eses mesmos que se trata dun réxime democrático modélico, aínda que o que evidenciaron as últimas eleccións presidencias demostren o contrario.
Pero que pasa se non facemos caso da opinión desas elites e analizamos polo miúdo as realidades? Que seguramente cheguemos a conclusións diferentes. Vexamos entón que nos din as evidencias, non deixemos que as árbores nos impidan velo bosque.
Empecemos dicindo que poucas veces nas últimas décadas o réxime político dun pais soberano foi tan vilipendiando e atacado como o da actual Venezuela. Un país que vén de celebrar novas eleccións parlamentarias, as sextas nos últimos vinte anos. Ningún outro pais de Latinoamérica ten celebrado tal número de comicios en tan escaso tempo, e tamén ningún foi e segue sendo obxecto de tan intenso escrutinio internacional. Unha vixilancia que non teñen as eleccións nos Estados Unidos, nin tampouco as que se celebran, cando se celebran, en Honduras, O Salvador, Guatemala, Colombia, Paraguai, Brasil…, por citar outros estados latinoamericanos. Por que sucede isto?-
Poucas dúbidas caben ao afirmar que o réxime venezonalo actual está sumido no que poderiamos calificar de desastre político. Un desastre provocado tanto pola incompetencia dos seus gobernantes como por certos trazos autoritarios de demasiados dos seus dirixentes que teñen, ademais, un líder realmente estrambótico. Un desastre político que favorece a ruína económica e dispara as desigualdades sociais. Pero Venezuela non é un caso illado en Latinoamérica. Nesta rexión son, por desgraza, máis frecuentes as situacións de desigualdade social e crise política que as contrarias. Por que entón estes outros reximes non reciben o mesmo trato informativo, a mesma atención mediática, o mesmo rigor crítico?. Por que ese odio a Venezuela?.
A explicación e ben sinxela. Porque esas elites non son obxectivas nin imparciais. Teñen intereses que veñen chocando cos desexos venezolanos dende que Hugo Chaves accedeu ao poder (1999) e puxo en marcha unha serie de políticas reformistas e de alianzas latinoamericanas que cuestionaban o statu quo anterior. Uns intereses que teñen raíces históricas e que, como puidemos comprobar recentemente en Ecuador, Perú, Bolivia, Brasil, Paraguai e a mesma Arxentina, nada teñen que ver coas necesidades dos respectivos pobos americanos.
Ese frontón de intereses está liderado e controlado por EE.UU., e como dispoñen dun arsenal de poderosos medios de comunicación, son os que marcan a axenda informativa e política de occidente. Que estea nesa estratexia a Unión Europea, resulta especialmente penoso e ultraxante, pois parecera que os gobernos europeos, incluído o español, ignoraran a dura historia de Latinoamérica, sempre escrita por autores estranxeiros guiados por intereses coloniais. É unha historia marcada por criminais ditaduras militares que masacran as poboacións, colaboran no espolio dos recursos e as materias primas, e contribúen á súa ruína financeira. Polo demais, tratouse sempre de ditaduras que contaron sempre ben co apoio loxístico e político tanto do imperio como da maioría dos gobernos de occidente, ben con unha cínica indiferenza.
O sesgo político e mediático desde Occidente
As probas deste sesgo político e mediático para con Venezuela son contundentes. Moitos medios destacan un feito indiscutible como é que nos últimos anos o nivel de pobreza acada neste país cifras escandalosas (79,3%), pero poucos informan dalgunhas das causas que as provocan. Por caso, o brutal embargo que sufre. O bloqueo e o embargo de bens ao que está sometido. E como quera que é un país que ten unha alta dependente do comercio exterior, o resultado é que os venezolanos se ven privados de produtos básicos en materia de alimentación, saúde, vivenda ou enerxía.
Certo que esa agresión exterior, absolutamente inxusta, non pode ocultar, e moito menos pode servir para xustificar, as flagrantes violacións de dereitos (torturas, intimidacións, persecucións, privacións de liberdade…) desde organismos relevantes do estado venezolano. Con outro efecto político a maiores: ese bloqueo permítelle a Maduro xustificar a súa pésima e moi criticable xestión. Porque é verdade que os indicadores sociais, económicos e democráticos empeoraron ao tempo que se ían acentuando as presións e os ataques exteriores liderados por Estados Unidos.
Disto que dicimos, e que se evidencia botando man das estatísticas, non dan información as elites políticas e mediáticas españolas. Para elas, faga o que faga o goberno venezolano, a democracia en Venezuela sempre será deficitaria. Como se este país tivese a exclusiva latinoamericana a respecto desa deficiencia, a pesar das incontables evidencias en sentido contrario.
Á hora de avaliar a realidade actual venezolana, non se pode perder de vista que antes de que se fixesen efectivos o bloqueo, o embargo e os ataques á súa economía, Venezuela presentaba uns indicadores sociais dos máis positivos ou favorables en comparación dos demáis países latinoamericanos. Moitos deses indicadores eran, por caso, moi superiores aos dos Estados Unidos e outros estados de Occidente. Sucedía outro tanto coas principais variables macroeconómicas. Aínda así, con unha realidade social e económica en auxe, esas mesmas elites das que falamos non deixaron de daren dela unha visión catastrófica de Venezuela. Coido que podo asegurar, sen temos a equivocarme, que nunca esas elites chegaron a emitir un só informe favorable para ese país desde que Chaves subiu ao poder (1999). Nunca denunciaron tampouco o bloqueo e o embargo aos que o ten sometido EE.UU. contando coa complicidade de Occidente.
Persiguen a riqueza que aporta o petróleo
E fácil de entender esta animadversión. Venezuela é seguramente o país con maiores reservas petrolíferas do mundo. Unhas reservas que controla o estado venezolano e non as grandes multinacionais estadounidenses e europeas. Velaí que unhas elites occidentais, que son quen de gardar silencio sobre os crimes e os abusos en materia de dereitos humanos por parte das ditaduras de oriente medio porque lles garantan ese recurso, teñan no punto de mira a un goberno que intenta que os ingresos pola venda de tal recurso beneficien ao seu país.
Tendo en conta ese marco, cabe pensar que mentres continúe o apoio ao bloqueo e ao embargo, así como os ataques á economía de Venezuela, os gobernos occidentais non están lexitimados para denostar ao goberno dese país, a pesar dos seus grandes erros e dos seus evidentes déficits democráticos. Non é creíble o obxectivo que pregoan de querer que progresen a democracia e o benestar no país, por canto que seguen mantendo en paralelo o seu apoio a ditaduras feudais de Oriente Medio, ou o silenzo diante de situacións incluso peores en materia de dereitos humanos como se constatan en Latinoamérica, “desde Haití ata Chile, pasando por Colombia, Ecuador, Honduras, Nicaragua e México” (Amnistía Internacional).