O medo a gobernar

Moitas veces non podo evitar pensar que sectores poderosos do Bloque Nacionalista Galego (BNG), como a vella garda da UPG, non queren que aquel chegue algún día a gobernar con Ana Pontón á fronte da Presidencia da Xunta de Galicia. Parecera como se houbera un medo a gobernar e a que o contacto coa realidade da xestión pública lles fixera perder as esencias. Unha opción respectable pero que, na miña opinión, non beneficia nin a Galicia nin, por suposto, as súas clases de rendas medias e baixas.

Esta reflexión vén a conto das conclusións políticas que nos chegan do décimo sexto congreso da UPG, cando esta formación tamén celebrou o seu 60 aniversario, na que aparecen como referentes ideolóxicos no horizonte “a independencia e o socialismo”. Unhas referencias que foron habilmente aproveitadas polos medios ben pagados pola Xunta de Galicia para encabezar titulares sabendo que escandalizarían a non pouca xente e que molestarían a moitos votantes do BNG. Unha utilización que en non poucos casos foi escandalosamente terxiversadora.

Pero, independentemente da lexitimidade de calquera reivindicación política que se faga por vías democráticas, non deixa de ser evidente que este tipo de bandeiras non benefician a unha organización (BNG) que, por caso, nas últimas eleccións autonómicas se fixou como obxectivo acadar a Presidencia da Xunta de Galicia. Bandeiras que se eran relativamente lóxicas na Cuba dos anos sesenta, na Galicia do século XXI non deberan ter cabida se, repito, se quere sinceramente chegar ao goberno galego nun futuro inmediato ou próximo.

Ben é certo que o feito de que no horizonte non se visualicen convocatorias electorais fará que este congreso e as súas conclusións non teñan un efecto práctico dende o punto de vista da cidadanía galega. Pero si vai producir movementos no interior do BNG, algo con seguridade buscado, que de  ningún modo beneficia a esta organización e a súa líder Ana Pontón, cuxa figura política e pública, que tan bos resultados lle esta dando ao BNG, en pouco ou nada a cidadanía galega identifica con esa consigna.

Galicia está en Europa. Non poucas das decisións que lle afectan moi directamente (a nivel fiscal, social, medioambiental…) se toman en Bruxelas e en Frankfurt. Neste marco, formular a independencia é unha utopía, e facendo futurismo, sería un enorme desastre para Galicia. Por se iso non fora suficiente, o sentimento independentista de galegos e galegas é moi, moi minoritario. Velaí que, hoxe por hoxe, calquera organización democrática que queira influír decisivamente no presente e no futuro de Galiza deba formularse outros obxectivos reformistas máis relativos e viables, sen por iso renunciar aos seus principios.

Atrévome a subliñar que se finalmente a UPG lle impón ao conxunto do BNG os seus criterios políticos, esta organización se situará máis lonxe do obxectivo de acceder a Presidencia da Xunta que, coido non equivocarme, é o obxectivo da maioría dos seus votantes.