UNHA DEMOCRACIA MINGUANTE

por Xosé Luís Franco Grande

Todas as sondaxes indican que a sociedade española ten unha idea pésima da xustiza, da independencia xudicial e das garantías dos procedementos. A contundencia deste parecer é manifesta. Abonda con botar unha ollada pola rede para que non haxa dúbidas: “seis de cada dez españois non confía na xustiza (ABC, 22 novembro 2013); o 64 % dos españois non confía no sistema xudicial (El Periódico, 21 novembro 2013); España cuarto país europeo con menos confianza na xustiza (El Periódico, 23 novembro 2013); España, terceiro país da UE onde os cidadáns confían menos na xustiza (elespañol.com 10 abril 2017); España sitúase no nivel de Botswana en independencia xudicial, segundo estudo do Foro Económico Mundial (segre.com); España está no grupo de cabeza dos países europeos con peor percepción da independencia xudicial (elmundo.es, 10 abril 2017)… e así por aí adiante, que din no Brasil.

Pero hai que distinguir e non confundir, cousa que non sempre resulta das sondaxes, porque ese parecer pode que teña o seu fundamento no que é máis visible da actuación da xustiza, que son os procesos con forte carga política, ou de morbo especial por razón da persoas implicadas, que hoxe enchen as páxinas dos xornais e demais medios de comunicación, pero non se pode estender ao traballo cotián dos xulgados, sen dúbida moito mellor valorado e apreciado: este é escuro, con poucos medios, sen publicidade e sen morbo. Teñámolo moi presente xa que de xustiza falamos. Pero iso non quita para que a xente perciba que nas máis altas instancias do poder xudicial, por mor especialmente das influenzas políticas máis ca evidentes, miren por onde se miren, se produzan situacións que poden levar, e de feito está claro que levan, a unha deterioración clara do sistema democrático. Porque a sociedade percibe con claridade que temos uns procedementos absurdos de nomeamento deses altos cargos nas máis altas instancias xudiciais e, aínda peor, que son agradecidas ao poder. De onde se segue a xeneralizada percepción, aínda que só sexa por simplificación, de que nas alturas dun e doutro poder se procede da mesma maneira e se dan os mesmos casos de corrupción. Como se acostuma dicir, entre eles enténdense.

Os supostos que resumimos a seguido, parécenos, producen na sociedade dende perplexidade a rexeitamento, dende incredulidade a desconcerto, dende rabia a noxo. E son os que nos levan ao risco evidente de que por eles, e algúns outros, se xulgue a totalidade, o que dista moito de ser xusto. Case medio século de exercicio da avogacía avalan este criterio.

Con independencia diso, nós pensamos, como moitos xuristas de moi recoñecido prestixio, que hai hoxe en España presos políticos e resolucións que só poden ter explicación por motivacións políticas e non xurídicas. E que, en todos os casos , se trata de procedementos de grande repercusión social e mediática e, polo tanto, que chegan con facilidade á sociedade, inflúen nela e non sempre son debidamente dixeridos.

1.- Presos políticos. Non pode haber xa a máis mínima dúbida de que os presos cataláns son presos políticos. Primeiro, porque o fiscal pretende criminalizar dereitos constitucionais fundamentais, como son os de manifestación, protesta ou disidencia, en contra do previsto nos arts. 16.1 e 21, 1 e 2 da Constitución. Iso na súa orixe: e segundo, porque a seguido, ou tamén asemade, se prescinde da presentación da querela ante o xuíz natural ou predeterminado pola lei (ademais de pretender aplicar normas para as que o xulgado arbitrariamente elixido non ten competencia), co que se conculca o art. 24.2 da mesma Constitución.

Non pode haber xa a máis mínima dúbida de que os presos cataláns son presos políticos: o fiscal pretende criminalizar dereitos constitucionais fundamentais, como son os de manifestación, protesta ou disidencia.

E o mesmo resulta dos feitos seguintes a aquela presentación: todas as resolucións da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo foron abertamente refugadas por moi egrexios penalistas e outros xuristas, que non dubidan en conceptualas como absolutamente ilegais, especialmente por ampliar o tipo delituoso máis alá do que establece o Código Penal, conculcando dese xeito un principio elemental do dereito punitivo que rexeita tal conduta. E xa non nos refiramos á retirada da euro orde para a detención de Puigdemont, acto que, como teñen sinalado ilustres xuristas, só se explica pola sospeita do propio instrutor de que a orde non será atendida conforme ao dereito de países como Bélxica ou Dinamarca  porque, naturalmente, ningunha das condutas supostamente delituosas que se imputan polos xuíces españois están previstas como tales nas leis europeas. Ou, en fin, o feito de se inmiscir o xuíz instrutor nas funcións da Mesa do Parlament ou esixindo declaracións, moi lonxe da súa función de xulgador, de acatamento constitucional aos investigados, todo o que debuxa un cadro mesmo esperpéntico, e que deixa empequenecido o ambiente de “La corte de los milagros”.

O que en linguaxe lisa e accesible quere dicir que o fiscal non se fiaba do xuíz predeterminado pola lei –Tribunal Superior de Xustiza de Barcelona–, preferindo a Audiencia Nacional, herdeira e continuadora do sinistro TOP, e que se tratan de aplicar unhas normas penais, amañadas e agravadas, que nada teñen que ver cos feitos.
Cando se di que aquí non temos presos políticos senón políticos presos por conculcaren as leis, hai que dicir: 1) Que iso e non outra cousa tamén se dicía no réxime anterior, e o que se di en todos os réximes autoritarios, e que 2) O TOP non tiña necesidade de retorcer as leis nin de esquecer principios elementais do dereito sancionador: as leis que manexaba xa lle permitían establecer as condenas que impoñían. A diferenza non é pequena.

2.- Fóra xuíces que molestan. É cousa sabida, porque a prensa se ten ocupado deste verdadeiro escándalo, que o partido no Goberno ten levado a cabo unha grande actividade para conseguir que xuíces molestos, pola natureza dos asuntos que teñen en trámite –de corrupción, naturalmente–, deixen de instruír esas causas elevándoos a cargos moi ben retribuídos, moitas veces no estranxeiro, cargos que constitúen verdadeiras canonxías e que, en xeral, son aceptados lambeteiramente e sen miramentos polos interesados. Que cada quen cualifique estas condutas como mellor lle pareza: para uns serán promoción e para outros corrupción. E o que queira informarse máis, que lea Listado de jueces apartados. La justicia en manos del poder político, en Recuperando Memoria, 24 febreiro 2017. Que se saiba, ningunha acción legal exercitou ninguén en procura dun desmentido.

3.- O inimaxinable caso do maxistrado Pérez de los Cobos. Un maxistrado notoriamente inidóneo para ocupar o cargo de xuíz do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos é proposto polo Goberno, sen outros méritos que o de ter sido Presidente do Tribunal Constitucional, nomeado por aquel, e que, ao parecer, se distinguiu por exercer a súa influenza para que prosperasen resolucións favorables ao Goberno (Antonio Baylos, en Nueva Tribuna, 25.01.2018), proposta non só como forma de “recompensar os servizos prestados”, senón “por unha aposta estratéxica, porque o situaría nun espazo de control xudicial que ten sido crítico coas decisións españolas tanto en materia de antiterrorismo e malos tratos como no caso das devolucións en quente de inmigrantes, e que no futuro inmediato vai ter que pronunciarse contra os pasos que se foron dando no proceso independentista de Cataluña”. Xulgo de especial interese informativo este artigo do catedrático, señor Baylos.

Como é de común coñecemento, o señor Pérez de los Cobos estaba tan lonxe de ser un aspirante idóneo que foi cualificado con 0 puntos en canto a coñecemento de linguas. Aínda que, segundo informa o mesmo autor, non foi ese o principal entretollo para o Consello de Europa, en canto a este nomeamento, senón o ter sido o “Tribunal Constitucional español… un instrumento caucionador permanente das disposicións do Goberno durante toda a época da crise e que validou o ataque aos dereitos fundamentais”, como tamén, por outra banda, pero en paralelo, ten sinalado o TEDH. Polo que se ve, o Goberno esperaba moito, máis ben demasiado, do seu protexido.

4.- Outros casos desconcertantes: Garzón, a Infanta Cristina e Puigdemont. Por moi coñecidos só lembraremos, en apertada síntese, que Garzón foi condenado por feitos nos que tamén tiñan igual o moi semellante participación o fiscal do caso, así como tamén outro xuíz que, en substitución do titular, prorrogou as medidas que este adoptara (gravar conversas dos acusados cos seus avogados, porque se sospeitaban constitutivas de delitos); naturalmente, a condena, de ser procedente, tería que ser dos tres, non só dun deles. Pero do que se trataba era de eliminar o que estorbaba, aínda que fose convertendo en cómplices os outros dous, ou suxeríndoo. Por iso, un xornal que por aqueles tempos era progresista e non retrógrado, sostivo que a condena de Garzón chegou ao punto de colocar “el proceso español al nivel de los sistemas totalitarios” e que o obxectivo era “anular as Garzón como juez” (El País, 10.02.12) para que non seguise investigando a corrupción do PP.

Aínda máis coñecido é o caso da Infanta Cristina, e pode resumirse en poucas palabras. Ela non sabía nada do que o seu home argallaba, estivo sempre allea ás súas actividades e non sabía o que asinaba (e foi moito o que asinou). Santa Lilaina pariu por un dedo: átemo aquí miña nai se llo creo.

A verdadeira chafallada xurídica do Goberno, interpoñendo ante o TC un recurso que este só podía rexeitar (non procedía legalmente por se tratar de invalidar actos aínda non acontecidos) foi emendada polo tribunal nunha resolución que pode ser moi discutible, pero que supón unha saída para o Goberno.

En calquera caso, a sociedade preguntarase que finalidade teñen tantas medidas extraordinarias, xudiciais, políticas e mixtas, para evitar que o President sexa elixido democraticamente. Goberno e tribunais, coa colaboración da oposición –caso de que esta exista– están conseguindo unha democracia sui generis, non semellante a ningunha coñecida. Todo un éxito, abofé.

O xornal El País, en 29 de xaneiro, deu a noticia das presións que se din exercidas polo Goberno, incluído o seu presidente, sobre os maxistrados do TC coa finalidade de lle transmitir a “grave situación” en que quedaría o Estado se lle rexeitaba o seu recurso. O tribunal, como é sabido, non suspende a investidura de Puigdemont, senón que pospón a resolución do recurso do Goberno no canto de aplicar a súa propia reiterada doutrina, segundo a cal o recurso non debe ser admitido. Afórraselle ao Goberno un desaire monumental e dáselle osixeno poñendo condicións, na práctica imposibles, para a investidura.

5.- Maza e Catalá. Casos tan coñecidos como os do fiscal xeral e do ministro de Xustiza penso que nos relevan de maiores comentarios: o primeiro por ser o artífice do caso que sinalamos en primeiro lugar, a onde nos remitimos, e o segundo por ser o inimigo dos fiscais que exercen a súa función coa debida entrega que o seu oficio esixe –o caso do fiscal de Murcia, entre tantos outros. Un e outro, como é sabido, foron reprobados polo Congreso dos Deputados. Naturalmente, a lista é en numerus apertus. O numerus clausus, ao día de hoxe, é imprevisible.

Trátase só dunha mostra de casos moi claros que nos empuxan á dúbida sobre a independencia de certos xuíces e tribunais por mor dos ataques que reciben doutro poder do Estado, o que baleira de contido unha democracia digna deste nome. Son conscientes os partidos que teñen arte e parte na designación dos máis altos cargos do poder xudicial dos prexuízos, pode que irreparables, que están causando á nosa democracia? E será consciente o Goberno da desmoralización colectiva que se segue desas prácticas máis propias da mafia ou do crime organizado que de actos de goberno? Hai consciencia da desmoralización que o exposto pode supoñer e supón para a xeneralidade dos servidores do poder xudicial que son honestos, que traballan en condicións impropias dun país moderno, non saen na primeira páxina dos xornais e son eficientes no seu traballo, non sempre debidamente remunerado? Somos adultos os cidadáns deste país ou só súbditos submisos sometidos a tutela?

Preguntas absurdas, por suposto.