por Manuel Barbeitos
Un na súa inxenuidade, esperaba que esta nova convocatoria electoral tamén serviría para facer balance de país. Do país que temos a respecto do país que queremos. De como seguir avanzando na tarefa colectiva de facer un auténtico país. É indiscutible que a pandemia está condicionando tanto a campaña electoral como o mesmo resultado final. A pesar diso, sempre cabía agardar que entre tanta nube negra aparecera unha raiola de sol que nos iluminara para axudarnos a desvelar o que deu de si o camiño tracexado na última década. Asi, de entrada, o que a un lle sae é que non houbo visión de país.
A xeito de exemplo, podemos dicir que facemos país cando non somos quen de garantirlles ás persoas maiores – un 25% da poboación- os seus dereitos máis fundamentais, como por caso o dereito a vida, que incluso chegan a ser tratados como títulos que cotizan en bolsa? Non se trata só, aínda que sexa relevante, de polemizar e incluso de competir sobre o número de prazas residenciais, e se estas deben ser públicas ou privadas. Trátase tamén de definir con claridade cal pensamos debe ser o lugar e o papel das persoas maiores no noso país. Porque se non o temos claro, estaremos dando paus de cego. Pero se o temos claro, igual nos damos conta que, dadas as características territoriais de Galicia, tan importante ou máis que o número de prazas residenciais públicas para maiores é outro tipo de servizos e atencións públicas a ter moi en conta. Trataríase dun tipo de atención que parta da base de que ás persoas maiores non hai que illalas en reservas, xa que moitas delas poden seguir desenvolvendo un papel activo e relevante para o país. Un papel satisfactorio para ambas partes.
Podemos falar e presumir de país cando a industria se nos cae en anacos (Meirama, Alcoa, Endesa….), tanto por razóns de mercado como por causas ligadas ao medio ambiente, sen que aparentemente sexamos quen de evitalo? Temos claro por caso cal é a mellor e máis viable industria nunha bisbarra como a da Mariña lucense, que conta cunhas moi fortes e competitivas flotas de altura e grande altura? Digo isto porque nese caso poida que entón -e que me entendan ben os traballadores afectados- talvez non estariamos tan preocupados porque ALCOA pechara, pois habería alternativas. Preguntémonos tamén ao respecto: se esta factoría pecha por mor de que así lle interesa aos fondos voitre, é inevitable o declive dun territorio que aporta o 20% da produción e o 25% da facturación pesqueiras galegas? Non falta neste caso unha visión de país? Unha falta de visión que se reflicte, por exemplo, no tipo de industrialización que se promove.
Esa cegueira podemos extendela a toda a provincia de Lugo, a máis gandeira de Galicia e posiblemente de España. Pois trátase dunha zona agrícola que de maneira silenciosa, pero non por iso menos dramática e con menor impacto social, vén perdendo nas últimas décadas explotacións gandeiras de xeito ininterrompido. Tanto, que xa perdeu arredor dun 40% no que vai de século, podendo atribuirllo tanto ao mercado como á incompetencia das administracións públicas. Que isto suceda, é facer país ou un síntoma de que este país se nos cae a cachos? Coa campaña electoral ás portas, os partidos políticos puxeron o foco do debate na factoría de aluminio da Mariña lucense. É comprensible. Pero non se debería esquecer, en campaña ou fóra dela, que na provincia de Lugo está en grande medida a base do que tiña que ser unha das columnas económicas do país galego. Ou acaso se pode pensar nun país galego sólido sen unha agroindustria potente? E cabe pensar nunha agroindustria potente sen a participación decisiva da provincia de Lugo?
Seguindo con esta falta de visión de Galicia como país, chama a atención que fronte a problemas estruturais como os anteriormente sinalados -que son só unha pincelada do conxunto- unha parte moi relevante da clase política galega nos siga ofrecendo o turismo como a alternativa do presente (a hostalería galega representa máis da terceira parte da riqueza terciaria e acolle ao 6% do turismo total español) e de futuro (Xacobeo 2021), e de maneira máis sorprendente en plena crise global provocada pola pandemia sanitaria, que vai condicionar moi duramente ao sector por mor das dificultades que comporta para os desprazamentos. Hai que dicir, ademais, que a aposta polo turismo de masas como motor de crecemento non é se non apostar pola precariedade e a estacionalidade laboral, o deterioro ambiental, pola forte presión sobre os entornos urbano e natural… factores que poñen en cuestión as vantaxes de tal aposta.
É certo que cada vez nos visitan máis turistas. Tan certo como que ao tempo que entran turistas, saen en dirección contraria milleiros de mozos e mozas galegas, seguramente a mocidade máis preparada da historia. Fano camiño da emigración: unha media de 10.000 por ano. E non se deciden a marchar por afán de aventura, senón porque no seu país non atopan traballo ou o que lle ofrecen é de miseria. Un país que presume incluso de AVE, pero que cada ano que pasa amplía a súa fenda en I+D+i e en formación ocupacional. Algúns chamaranlle a aquelo facer país, facer que Galicia sexa coñecida a nivel internacional ao tempo que entran divisas… Pero se Galicia leva séculos facendo isto: cambiando xente moza por divisas que logo volven marchar! E nestes anos tivemos máis e mellor país?
Son moitos máis os síntomas de que de seguir por este camiño corremos un risco certo de quedármonos sen país. Sería prolífico enumeralos todos nesta columna de opinión. O que pretendemos é chamar a atención sobre esa gran ausencia de visión global sobre o país. O noso país. Cando a campañ electoral está a piques de comezar, un non pode menos que refugar dese país que os da maioría nos quere vender. Porque ese país nin sequera é un país.