Xoves 30, Novembro 2023
HomePolíticaUN NOVO MAPA MUNICIPAL. UNHA NOVA ORDE MUNICIPAL?

UN NOVO MAPA MUNICIPAL. UNHA NOVA ORDE MUNICIPAL?

texto Manoel Barbeitos

As eleccións municipais últimas, do 26 de maio, trouxeron a nivel partidario un novo mapa municipal para Galicia marcado fundamentalmente por catro eixos: grande  acumulación de poder municipal por parte dun PSOE que navega co vento a favor, retroceso relevante do PP, confirmación do BNG como referente soberanista nos concellos pero con escaso poder municipal e desfeita de EN MAREA que pasa a ser, a nivel municipal, unha forza practicamente residual.

Neste marco xeral cabe preguntarse que cambios son previsibles na administración  local en Galicia. Algúns parecen bastante evidentes, outros non tanto. Entre os primeiros destaca o feito relevante de que haberá gobernos locais progresistas –nucleados en torno a alianza PSOE/BNG pero baixo clara hexemonía do primeiro agás casos moi puntuais- en numerosas e importantes administracións locais –deputacións, concellos das grandes cidades, concellos medianos e pequenos-. Unha alianza probable que cambiará de xeito importante o actual mapa electoral.

Entre os segundos cabe preguntarse si estes cambios incidirán nos problemas sistémicos que agocha a administración local galega. Problemas relativos ao financiamento, a planta municipal, o urbanismo, os servizos, o despoboamento, a participación cidadán, etc. E sinceramente, neste caso, non hai moitas razóns para o optimismo. Comparto así a visión do meu querido amigo Xosé Antón Jardón de que “non se albisca nada no horizonte que nos axude a prever mudanzas substanciais que ataquen a raíz das maluras dos concellos galegos” (X. Antón Jardón: “Eivas e maluras dos concellos galegos”). Non, non se albisca. Pero demos tempo ao tempo. Igual –oíalla!- nos sorprenden. Igual os cidadáns galegos pasamos a ter os mesmos dereitos que os cidadáns doutras comunidades do estado grazas a que, por caso, se avanza decididamente na autonomía local e tamén na xusta participación dos concellos galegos nos tributos do Estado por que a nivel de financiamento local se remata por ter en conta as particularidades do noso territorio.

Igual, tamén, a maioría dos concellos cambian radicalmente a orientación de planeamentos urbanísticos anteriores exercendo e executando unha planificación territorial solidaria e con visión de país.

________________________________