Domingo 1, Outubro 2023
HomePolíticaSanti Domínguez: "Estamos dispostos a negociar un acordo co PSOE, sempre que...

Santi Domínguez: “Estamos dispostos a negociar un acordo co PSOE, sempre que haxa respeto mutuo”

8 meses despois das eleccións municipais de maio, a cidade máis poboada de Galiza, Vigo, segue cun goberno en minoría do PSOE, mentres o seu antigo socio de goberno, o BNG, recupera un perfil opositor e crítico co estilo personalista de goberno do alcalde, Abel Caballero. Conversamos co portavoz municipal nacionalista, Santi Domínguez, para que nos dea algunhas claves da sempre complexa política viguesa, e tamén sobre a XIII Asemblea Nacional do BNG.

Como avalías o descenso do BNG a pesar da avaliación positiva que indicaban os distintos inquéritos?

Se o descenso fose só en Vigo teriamos que nos plantexar moitas cousas, pero foi xeneralizado nas cidades galegas. Hai un elemento “de marca” no descenso. En segundo lugar, penso que hai unha serie de constantes polas que a cidadanía vota que vai máis alá da xestión municipal. Con toda modestia digo que se a xente votase só pola xestión, o BNG tería uns resultados infinitamente mellores. Seguramente non acertamos noutras constantes que determinan o voto da cidadanía.

En todo caso, de que aspectos concretos da xestión realizada quedou Santi Domínguez máis orgulloso?

De todo. E tamén, no aspecto xeral, de terlle dado estabilidade ao goberno. Durante catro anos, puxemos por riba de intereses partidistas e de liortas concretas cos nosos socios de goberno os intereses de Vigo para que a cidade avanzase. Por iso me sinto moi orgulloso do traballo feito polos seis concelleiros e concelleiras que conformabamos o grupo municipal.

En cambio, en Lugo e Ourense, o BNG optou por manter o pacto co PSOE, sen nen sequera debatir a posibilidade de romper…

O BNG é unha forza plural e neste caso concedeu autonomía aos distintos grupos municipais. Entendo que o que se decidiu en Ourense e Lugo a diferenza de Vigo ten a ver con aspectos das propias localidades. Tamén, entendo que depende da relación BNG-PSOE e coa avaliación que cadaquén fai dos resultados locais.

[quote style=”boxed” float=”left”] Os nosos votantes teñen que valorar que a diferenza do sucedido noutras cidades, como Santiago ou como A Coruña, aquí o PP non goberna[/quote]Visto desde fóra, ás veces semella que o carácter de Abel Caballero é un obstáculo para alcanzar acordos…

Por riba dos talantes e das persoas, están as políticas que se fan. Houbo comportamentos que non nos gustaron nos catro anos que compartimos gobernos: inxerencias nas nosas áreas e un modo de facer política que non coincide co que pensamos. Política populista, cara a galería, sen priorizar as necesidades máis importantes.

Na Asemblea Local de Vigo, os afiliados do BNG optaron maiormente por non pactar. Hai quen pensa que unha forza política non se debe só aos seus militantes. E é moi posible que exista unha maioría de votantes do BNG en Vigo favorable a un pacto…

Iso é posible. Pero nós non nos presentamos ás eleccións dicindo que iamos pactar, polo que non se nos pode acusar de incumprir ningún compromiso. O que si dixemos é que si de nós dependía non deixariamos gobernar á dereita nesta cidade. E por iso ningún votante se puido sentir defraudado. Os nosos votantes teñen que valorar que a diferenza do sucedido noutras cidades, como Santiago ou como A Coruña, aquí o PP non goberna. E algún mérito tivo o BNG niso, en manter unha coherencia e unha estabilidade de goberno e creo que iso tamén deben valoralo os nosos votantes.

Non é un pouco forte falar de “restaurar a democracia” a raíz dalgunhas das decisións do goberno do PSOE en solitario?

Cando falo de restaurar a democracia non falo dun cartaz. O órgano máis importante que ten un concello é o Pleno, e cando falo de restaurar a democracia refírome a respetar os acordos que toma a maioría da corporación. Non esquezamos que entre as dúas forzas que hoxe formamos a oposición temos máis votantes que o propio goberno.

Algunhas das reivindicacións que está facendo o BNG na oposición parecen bastante sectoriais, como o tema dunha subvención ao Centro Cívico de Teis. Representantes sindicais dicían que o “micro” non debe afectar ao “macro”, en referencia a chegar a un acordo sobre os orzamentos do ano presente.

Eu estou dacordo con esa percepción. O “micro” non debería impedir o “macro”. Non se trata dun cartaz ou dunha subvención. A ver, os orzamentos son o documento político máis importante que se asina nun mandato, polo tanto, o que nós dicimos é que o BNG quere negociar os orzamentos para axudar a que esta cidade teña un orzamento co que facerlle fronte á crise. Ollo, pero o BNG é tamén unha forza política que pide respeto para os seus votantes e respeto ao conxunto da corporación. Como vamos sentar a negociar cunha forza que non respeta os acordos que se toman? Se o importante para o goberno local é non dar o seu brazo a torcer a respecto do Centro Cívico de Teis ou manter os cartaces de Alcaldía, creo que son eles os que están priorizando o “micro” sobre o “macro”. Tan difícil é reunirse cunha asociación de veciños, realmente?

Hai unha preocupación xeralizada en Vigo sobre a falta de investimentos en grandes infraestruturas: porto, perda de tráfico do aeroporto, AVE…

[quote style=”boxed” float=”left”] Creo que o acordo entre Máis Galiza, Encontro Irmandiño e independentes non é un acordo en contra de ninguén, senón a favor dun novo rumbo no BNG[/quote]Temos presentado sobre estes temas numerosas iniciativas no Parlamento español, no Parlamento Galego e no propio pleno da corporación. Pero o BNG tamén vén dicindo unha cousa: a esta cidade fáltalle un alcalde que en lugar de buscar o enfrontamento coas outras administracións busque a colaboración, e desde logo tamén lle falta un goberno da Xunta e un goberno central que pensen en Vigo. Tanto PSOE como PP, por partidismo, supeditan os seus enfrontamentos ao ben da cidade. Cando gobernamos non temos problemas en chegar a acordos con outras administracións, como exemplo está o Plano de Competitividade Turística do anterior mandato (acordos co Ministerio, do PSOE e coa Xunta do PP) ou o acordo para o segundo cinto de circunvalación durante o mandato de Lois Pérez Castrillo, a infraestrutura máis importante que se fixo nos últimos anos nesta cidade. Tamén, cando había 3 concelleiros nacionalistas nas áreas de turismo na Coruña, Santiago e Vigo fomos quen de presentar unha proposta común para coordinar os aeroportos. O que está pasando é que se antepoñen os intereses partidistas ao ben da cidade.

Vostede é membro da corrente Máis Galiza. Como ve a situación do BNG ante a próxima asemblea? Algúns falan de “choque de trens”…

Eu non diría iso. Hai dúas concepcións distintas sobre por onde debe ir a organización. Creo que o acordo entre Máis Galiza, Encontro Irmandiño e independentes non é un acordo en contra de ninguén, senón a favor dun novo rumbo no BNG, que segue sendo un instrumento moi importante para este país. Penso que temos que reformular a nosa estratexia, os nosos contidos e a forma de dirixirnos a unha sociedade galega que non é a sociedade de 1982. Sempre defenderei, desde Máis Galiza, a continuidade do proxecto do BNG, aínda que farei o posible por mudar as cousas que non comparto.