por Manuel Martínez Barreiro
Alfonso Rueda leva cotizados máis de 250 días como presidente da Xunta de Galicia. Caen as follas do almanaque, pero a súa mellora en coñecemento e valoración segue a ser cativa. Na primavera enfrontará a súa primeira reválida nas eleccións municipais. Uns malos resultados farán que se resintan as lealdades silentes dos baróns conservadores. Todo o que non sexan vitorias nos grandes concellos ou a toma dos gobernos das deputacións debilitará o seu fraco liderado.
Outro tanto pode dicirse de Valentín González Formoso coma secretario xeral do PSdeG, máis agora que Gómez Besteiro se viu libre das causas xudiciais que forzaron a súa dimisión en 2016. Cada vez que se produciu un avance no seu lento proceso de exculpación agromou o sebastianismo no PSdeG. A semellanza do movemento profético que acreditaba que o rei don Sebastião de Portugal non morrera na batalla de Alcazarquivir en 1578 e que había de regresar para arranxar os problemas da nación, as esperanzas de moitos no PSdeG encomendábase a que, antes que tarde, a absolución definitiva de Besteiro permitiría a súa «resurrección» como líder dos socialistas galegos.
Primeira proba de lume para Rueda
Rueda despediu 2022 cun discurso eslamiado de 6 minutos. Unha ocasión que debería valer para facer balance e comprometerse con futuros desexables. Na Oficina do Peregrino deu conta da marca de visitantes do Xacobeo. O balance de goberno pouco máis ofreceu que 438.000 peregrinos, 6 millóns de visitantes e a proposta dunha Década Xacobea. Sobou, outra volta, unha tríade de valores (responsabilidade, estabilidade e solidariedade), sinalou como o «verdadeiramente importante» o benestar cotián e a calidade de vida como «prioridade de todas as administracións», e gabouse de que Galicia conta cuns servizos públicos de calidade. Retórica compracida que ten un encaixe fanado nos Orzamentos, que o Parlamento aprobou poucos días antes, e non casa co colapso ou desmellora avivecida dos servizos sanitarios, educativos ou dos coidados. Rueda deixou, ademais, unha alegación irenista para manter Galicia afastada da «confrontación estéril» e prescribiu prudencia, sentidiño, optimismo e ilusión.
Amoréanse problemas e conflitos aos que a Xunta non é quen de dar solución. Hai ben tempo que o PPdeG abandonou o solucionismo tecnocrático para dedicarse vigorosamente a negar os problemas e a camuflar as responsabilidades. Culpables son os outros. A orde conservadora enfróntase a un exceso de evidencias.
Galicia non é un feliz balneario. Amoréanse problemas e conflitos aos que a Xunta non é quen de dar solución. Hai ben tempo que o PPdeG abandonou o solucionismo tecnocrático para dedicarse vigorosamente a negar os problemas e a camuflar as responsabilidades. Culpables son os outros. A orde conservadora enfróntase a un exceso de evidencias. En tempo de crise e desafíos, o inmobilismo conduce á irrelevancia. Rueda preside un goberno de autómatas. Goberna rutinas. Como presidente é unha comparsa de Feijóo no seu afán por residir no Pazo da Moncloa. Rueda é fútil. O seu goberno, gratuíto; é dicir, inútil e sen obxectivos.
Para protexer a Rueda, non haberá exame de reválida no Hórreo. Hai que evitar que Pontón aproveite a ocasión para erixirse en líder dun goberno alternativo, como ben fixo xa na sesión de investidura sinalando que se iniciara un cambio de ciclo político en Galicia e a fraxilidade da gobernanza e políticas públicas do PPdeG.
En setembro de 2021, o BNG esixiu a celebración do debate do estado da Autonomía. Non foi tomada en consideración porque só pasaran catro meses desde a toma de posesión de Rueda. Ana Pontón volveu pedir a celebración do debate o pasado 10 de xaneiro. Escudándose no Regulamento do Parlamento, reiterouse a negativa. O último debate xeral sobre o autogoberno celebrouse en outubro de 2021 con Feijóo como presidente. Para protexer a Rueda, non haberá exame de reválida no Hórreo. Hai que evitar que Pontón aproveite a ocasión para erixirse en líder dun goberno alternativo, como ben fixo xa na sesión de investidura sinalando que se iniciara un cambio de ciclo político en Galicia e a fraxilidade da gobernanza e políticas públicas do PPdeG. A primeira proba de estrés do liderado de Alfonso Rueda non terá lugar no Parlamento, será nas urnas municipais.
A cartografía do poder local conservador en Galicia é enganosa. En 2019, o PPdeG fíxose, aproximadamente, co 47 % das alcaldías, o PSdeG co 35 %, o BNG co 9 %, e diferentes formacións con outro 9 %. Non obstante, entre os 22 concellos de máis de 20.000 habitantes, o PPdeG unicamente ten a alcaldía de catro: Arteixo, Ribeira, Lalín e A Estrada. E tan só goberna unha das catro deputacións. Mellorar resultados na Mariña (actualmente 5 alcaldías do PPdeG fronte a 8 do PSdeG e 2 do BNG), recuperar Vilalba e gañar en Lugo son batallas decisivas para ter algunha oportunidade de facerse coa deputación lucense, lograda cunha estreita marxe por Xosé Tomé, alcalde socialista de Monforte. Na provincia da Coruña, os conservadores contan con ocupar a alcaldía de Ferrol, mais, sen unha sorpresa maiúscula en Compostela e unha reviravolta electoral nalgúns concellos da comarca do Barbanza, o obxectivo de lograr a presidencia da deputación coruñesa é improbable. As posibilidades de facerse coa Deputación de Pontevedra son aínda máis remotas. As enquisas de voto nas grandes cidades só dan maioría ao PPdeG en Ferrol.
Uns malos resultados agretarán a silandeira adhesión que lle teñen a Rueda os baróns conservadores, singularmente Diego Calvo e X.M. Baltar. Fanse cálculos sobre as vantaxes que ofrecería ao PPdeG adiantar as autonómicas galegas e axuntalas ás eleccións xerais do 20D facendo, así, pivotar as dúas campañas en Feijóo.
Todo o que non sexan avances nos concellos de máis de 20.000 habitantes e todo o que non se traduza nun incremento de poder nas deputacións debilita a Rueda. Uns malos resultados agretarán a silandeira adhesión que lle teñen os baróns conservadores, singularmente Diego Calvo e X.M. Baltar. Fanse cálculos sobre as vantaxes que ofrecería ao PPdeG adiantar as autonómicas galegas e axuntalas ás eleccións xerais do 20D facendo, así, pivotar as dúas campañas en Feijóo. Nunha entrevista da Radio Galega, Rueda apresurouse a cancelar o debate: «Se un se presenta a unha campaña para gobernar catro anos, os proxectos son para catro anos. Se cortas dous anos antes, está claro que non cumpriches o que tiñas que facer e eu pretendo cumprilo». Morto o debate en público, persiste como solución de urxencia se o balance das municipais é desfavorable ao PPdeG. De vir as cousas mal viradas, desdicirse e adiantar a cita das autonómicas será o menor dos problemas de Rueda.
A ilusión sebastianista do PSdeG
O 11 de marzo de 2016, Xosé Ramón Gómez Besteiro foi imputado no caso Garañón pola xuíza Pilar de Lara como presunto autor de delitos de prevaricación, contra o territorio, de tráfico de influencias e falsidade documental. Besteiro renunciou como candidato dos socialistas á presidencia da Xunta o 12 de marzo de 2016 e, seis días máis tarde, dimitiu como secretario xeral do PSdeG. De Lara xa abrira contra el outra instrución pola operación Pulpo por seis supostos delitos (suborno, prevaricación, tráfico de influencias, fraude ás Administracións públicas, fraude de subvencións e delito continuado de malversación de fondos públicos). Episodios de lawfare que, oportunamente, impediron a elección de Besteiro coma senador (imputación no caso Garañón) e o seu abandono como candidato á presidencia da Xunta (imputación na operación Pulpo).
O 21 de decembro arquivouse a última causa xudicial aberta contra Besteiro e moitos sebastianistas entenden que xa é o momento de resolver de vez a errática estratexia do partido e dispor dun candidato con garantías de éxito para competir pola presidencia da Xunta.
Da dimisión de Besteiro ao peche da causa da operación Pulpo transcorreron 2.476 días de enramallada xudicial. Antes, en febreiro de 2021, pechárase o caso Garañón. O 21 de decembro arquivouse a última causa xudicial aberta contra Besteiro e moitos sebastianistas entenden que xa é o momento de resolver de vez a errática estratexia do partido e dispor dun candidato con garantías de éxito para competir pola presidencia da Xunta. Entenden que chegou o momento da súa rehabilitación política e restitución democrática. Xosé Manuel Lage, secretario de organización do PSdeG, sentenciou: «Cando un ten a Messi, a Mbappé…, ten que poñelos a xogar. Besteiro é un dos mellores activos do PSOE galego. Non sei a súa decisión persoal, pero na miña opinión debe saltar ao terreo de xogo para marcar goles desde a primeira liña». Sen moito tempo para pensar nas consecuencias, González Formoso dixo unha cousa e a súa contraria. «Eu sempre dixen que vou ser candidato á Xunta, a coherencia en política éo todo». «Se [Besteiro] quere ser candidato vai contar con todo o meu apoio».
A ilusión sebastianista enfrontou axiña resistencias. O ex-secretario xeral, Gonzalo Caballero, cuestionou que Besteiro fose un referente acaído malia a súa exoneración xudicial. Abel Caballero foi tallante: «Non toca falar diso. Toca falar de municipais». O voceiro parlamentario, Luís Álvarez, considerou o debate fóra de lugar e reclamou centrarse no reto electoral municipal. Pasouse do entusiasmo ao receo e aos matices substanciais en apenas quince días. Lage esqueceu os referentes futbolísticos: «Non se debe confundir reparar e desagraviar a un compañeiro que sufriu unha persecución xudicial con que ocupe tal ou cal posto». A reparación democrática non comporta restitución da posición institucional no PSdeG. Esta nova doutrina arrefría as paixóns.
No tempo de silencio xudicial, Besteiro non desconectou do PSdeG. No seu mandato como secretario xeral (2013-2016) ofreceu un liderado solvente. Que, tras case 7 anos apartado dos focos, sexa sinalado como un dos mellores activos políticos do partido desmente que o PSdeG —como afirma Lage— teña «moito equipo e banco de suplencias». Sen apenas episodios destacados no acoso e desgaste do Goberno do PPdeG, Formoso esperta máis dúbidas que adhesións como cartel electoral dentro e fóra do partido. En maio, como Rueda, enfrontarase á súa primeira reválida como secretario xeral dos socialistas galegos.
Gómez Besteiro mobiliza ilusións fóra e moitas inquietudes dentro. Apenas hai casos de «rehabilitación democrática» de cargos políticos despois de padecer un viacrucis xudicial e non é fácil estimar, malia a exculpación, canto pesará electoralmente a sombra da sospeita. A repartición de poderes entre un secretario xeral (Formoso) e un candidato á presidencia (Besteiro) non é doada e as diarquías non adoitan dar bo resultado. Sen poder orgánico, Besteiro non poderá construír unha alternativa que non estea pexada e condicionada polas taifas municipalistas ou as interferencias dun aparato monopolizado por Lage.
Medran as especulacións. É sabida a boa relación política e persoal de Besteiro con Pedro Sánchez. Fanse cábalas sobre a súa próxima incorporación ao Executivo, mesmo é sinalado como remuda de María Reyes Maroto —ministra de Industria, Comercio e Turismo—, que será candidata á alcaldía de Madrid en maio. Outro destino especulativo: encabezará a lista lucense do PSdeG ao Congreso dos Deputados e, de producirse a reedición do Goberno da Coalición Progresista, desembarcaría en Galicia para disputar a presidencia da Xunta. Conxecturas.
Na súa cruzada, os sebastianistas insisten en tres cuestións ben reais. Primeira: canto máis tarde Besteiro en retornar á primeira fila da política galega, menores serán os seus rendementos electorais. Segunda: a candidatura de Besteiro demostraría o interese de Pedro Sánchez por competir en Galicia, un dos principais feudos electorais de Feijóo. Terceira: sería un sinal inequívoco de que o PSdeG se toma en serio a construción dunha alternativa de cambio para o autogoberno galego. Non lles falta razón. Mentres, Formoso cambia de tema e Besteiro garda silencio.