Jordi Pujol apadriñou a II promoción de Grao de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Santiago de Compostela. No seu paso por Galicia, o político catalán falou con Tempos Dixital sobre o seu amigo Valentín Paz Andrade ao que coñeceu nos anos da Transición. Os dous formaron parte da Comisión Negociadora da Oposición que pactou a reforma democrática co goberno de Adolfo Suárez. Foron días decisivos para Galicia dos que naceu unha amizade entre Paz Andrade e Pujol que seguiría viva ata a morte do escritor e político galego, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.

-Como coñeceu a Valentín Paz Andrade?
Foi nos anos 70, sobre todo, no 76, 77 e 78, na transición. Antes eu tivera algún contacto con algún político galeguista, un que acaba de morrer Xaime Isla Couto e algúns outros do que se chama o grupo Galaxia. Coñecín a Valentín cando se constituíu a Comisión Negociadora de Oposición, onde estabamos un representante por cada un dos partidos políticos que naquela época aínda estabamos na clandestinidade, entre eles, un representante por cada unha das nacionalidades históricas: un polo Partido Nacionalista Vasco, un polo catalán, que fun eu, e outro polo galeguista, que foi Valentín Paz Andrade.
-Cal foi o rol de Paz Andrade na Comisión?
O papel de Valentín foi moi importante dentro da súa discreción e da súa maneira elegante de actuar. Naqueles momentos o galeguismo tiña pouca forza en Galicia, pouco empuxe, e polo tanto, tiña risco de non contar, porque aquel foi o momento de discutir sobre o futuro da Constitución, da estrutura do Estado Español. Pero, alí estaba Paz Andrade coa súa presenza, sempre moi discreta e moi digna, pero que defendía a Galicia sempre que fose preciso. El defendeu a posición de Galicia. Tres ou catro anos despois, o movemento galeguista colleu máis dimensión política, dimensión cultural xa tiña, e entón comezouse a falar con forza do Estatuto de Autonomía. Pero, iso, sen o traballo previo de Paz Andrade, sen a súa presenza non sería posible.

-Mantiveron o contacto despois daquela época?
Sempre estivemos en contacto. Eu sempre que vin a Galicia visiteino. Era a miña unión con esta terra. El explicábame como era Galicia, a súa economía e as iniciativas que se estaban levando a cabo. Por iso, considérome un amigo de Galicia e só desexo que manteñades a vosa identidade.
-Vostedes tiñan moitas cousas en común, sobre todo, a defensa do progreso?
Galicia nos últimos 40 anos fixo un cambio importante, positivo, un cambio que manifestouse na creación dalgunhas empresas e unha desas é Pescanova, da que Valentín sempre falaba con entusiasmo e ilusión. Galicia colleu forza económica, de modernidade,..queda moi lonxe aquela Galicia rural,…agora os pescadores son Pescanova, unha potencia pesqueira económica.
[quote style=”boxed” float=”left”] O café para todos freou a autonomía de Cataluña, de Galicia e do País Vasco[/quote]
-Que queda do Estado das Autonomías que pensaron na Transición?
No momento da Comisión dos Nove, na que estivemos Paz Andrade e eu, como na Transición pensabamos que habían tres nacionalidades cunha personalidade propia baseada na súa lingua, cultura e historia. Cataluña tivera estatuto na República, os vascos tamén, ao final de todo, e os galegos estiveron a piques de conseguila, aprobouse estudar o seu Estatuto no Parlamento, reunido en Cataluña, en plena guerra. As tres nacionalidades tiñamos antecedentes, consciencia histórica. Naquela época ninguén máis en España plantexábase isto. Logo, xurdiu esta idea do “café para todos”, que só fixo frear a autonomía de Cataluña, de Galicia e do País Vasco.

-Agora coa crise económica, hai Autonomías que están dispostas a devolver competencias
As competencias son responsabilidades e obligas. Sobre todo, senon están as cousas ben feitas e o financiamento ben establecido. Todas estas obrigas son difíciles de cumprir. A diferenza entre Cataluña, Galicia e o País Vasco é que teñen unha auténtica vocación de autogoberno. Por iso, asumen responsabilidades difíciles. Outros asumen só competencias que permitan lucimento, non as competencias difíciles. Cataluña ten competencias como a policía, as prisións, iso non o quere ninguén, porque esas competencias non dan votos, son compricadas. Outros din que non queren sanidade porque a sanidade é unha máquina de facer déficit e da problemas. Iso é confundir a autonomía co lucimento, non co servizo á poboación. A autonomía é dar servizo á poboación mediante a policía, a sanidade, non só construindo estradas e entidades culturais. Ser autónomo é ser responsable do benestar da poboación.
-Os desexos de máis autonomía de Cataluña vense truncados coa resolución do Tribunal Constitucional de 2010 sobre o Estatuto de Autonomía de 2006?
A relación de Cataluña con España cambia a partir deste sentenza. Dinnos que a Constitución tense que interpretar dunha maneira na que a nós, como cataláns, non se nos garante a continuidade como pobo, como lingua, como cultura, nin de que non seremos afogados economicamente. Cataluña é un país moi mal financiado, o peor financiado de todo o Estado, cun risco grave de afogamento económico que nos leva a unha perda de empurre económico e sobre todo, unha perda de crear estado del benestar que é unha cousa básica en Cataluña para manter a cohesión do país. A partir da sentenza e da maneira desa sentenza, da política que hai detrás desa sentenza, do PP en boa parte, pero tamén do PSOE, nós, en Cataluña temos a sensación de que temos que enfrentarnos a unha situación de grande hostilidade contra Cataluña.