por Justo Beramendi
Como xa indiquei nun artigo anterior, o mapa político urbano experimenta cambios moi profundos. A novidade de maiores consecuencias políticas de cara ás vindeiras eleccións xerais é a estrea de plataformas ou coalicións anti-“casta” en alcaldías de cidades grandes ou medianas: Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Santiago de Compostela, Cádiz, etc. Pola súa parte, o PSOE mantén ou recupera prazas importantes, case sempre grazas ao apoio doutras formacións de esquerda: Sevilla, Valladolid, Oviedo, Vigo, Alacante, Palma de Mallorca, As Palmas, Toledo, Tarragona, Ciudad Real e outras. No País Vasco, o PNV fai pleno nas capitais e deputacións forais grazas ás carambolas de Vitoria, Donosti e Guipúscoa. CDC só conserva Girona en Cataluña. E o PP retrocede en todas partes, e aínda así conserva catro capitais en Andalucía, outras tantas en Castela-León e as dúas estremeñas, amén de Albacete, Murcia, Santander e Ourense. En todo caso, unha gran perda respecto do que tiña.
Algo moi parecido acontece co mapa autonómico. O PP perde o País Valenciano, Aragón, Castela-A Mancha, Estremadura e Baleares, todas a favor do PSOE. Grazas a aceptar as condicións de Ciudadanos, conserva Madrid, Castela-León, La Rioja e Murcia. En total cinco CCAA, contando Galicia. En cambio, o PSOE pasa de dúas a seis, que poden ser sete se finalmente Podemos e IU deciden non permitir que goberne a dereita en Asturias. Pero sen unha soa maioría absoluta: en Andalucía débenlle a investidura a Ciudadanos; en Estremadura, Castela-A Mancha e Aragón, a Podemos; no País Valenciano, a Compromís; e en Baleares, a Podemos e Mès. A franquía do PP en Navarra, UPN, tamén perde o goberno, que pasa a Geroa Bai coa axuda de Podemos, Bildu (que obtén a cambio a alcaldía de Pamplona) e Izquierda-Ezquerra. Coalición Canaria conserva o goberno co sostén do PSOE. E naturalmente o PNV segue (moi reforzado) á fronte do País Vasco e CiU na Generalitat, se cadra por pouco tempo. Pero todos dependen doutros.
Neste escenario, moi complicado e potencialmente inestable, son obvias a desfeita do PP, a mellora relativa da posición do PSOE, a consolidación do PNV, a precariedade dunha CiU agora rota, a confirmación do avance a medio gas de Ciudadanos, Podemos, Compromís e Geroa Bai, a práctica desaparición de UPyD, a bancarrota de IU en solitario e a súa resistencia cando vai en compañía, e a irrupción ascendente, non sabemos por canto tempo, dun variado conxunto de plataformas locais “de unidade popular”.
No que atinxe a estas últimas, é demasiado cedo para saber se serán quen de ofrecer unha alternativa convincente á vella política. Non lles será doado, tanto polo difícil que é sempre pasar da cultura da oposición radical á cultura do goberno, máxime cando se adoece dunha considerable falta de experiencia na administración da cousa pública, como porque teñen en contra os poderes políticos (estatal e nalgúns casos tamén o autonómico), económicos e mediáticos, moi atentos a organizar cacerías de chusma intrusa á menor oportunidade, como demostran os casos do concelleiro Guillermo Zapata en Madrid (rapidamente exonerado polo xuíz Pedraz) ou dos contratos a familiares de Ada Colau en Barcelona. En todo caso, como dixen no artigo anterior, o que fagan nos próximos meses vai ter moita incidencia nas vindeiras eleccións xerais.
As eleccións xerais, con Grecia ao fondo
Porque, como ben sabemos, estes resultados non só teñen valor en si mesmos para o goberno e a dinámica política das respectivas localidades ou comunidades, senón tamén como ordenación da correlación de forzas de cara a dúas batallas inminentes e de moito máis calado: a de Cataluña, anunciada para o 27 de setembro, e a do conxunto do Estado, que non sabemos se Rajoy adiantará ou non, detalle este que ten a súa importancia táctica (especialmente para o PP) pero que non cambia o fondo das grandes cuestións en xogo.
O PP, moi ferido, necesita cambiar en poucos meses a moi negativa imaxe que gran parte da sociedade ten das súas políticas e dos seus dirixentes. Dada a súa estrutura xerárquica e a súa mentalidade autoritaria, isto depende da personalidade do seu líder máis que en ningún outro partido. E todos sabemos como é Don Mariano, máis paquidermo que guepardo. Nun primeiro momento, aguilloado pola labazada das urnas e o clamor dos seus, insinuou a posibilidade dunha renovación no cumio do partido e no goberno. Pasados uns días, volveu ao seu rego e agasallou a propios e estraños cun fermoso parto dos montes: para non botar a De Cospedal da secretaría xeral, rodeouna de edecáns que suplisen a súa incompetencia e sobre todo o seu notorio déficit no don da palabra articulada; e no goberno limitouse a substituír ao namorado Wert por Méndez Vigo, quen non ten nada difícil mellorar o seu predecesor.
Ben é certo que, co pouco tempo que lle quedaba, non había garantías de que unha renovación a fondo servise para algo, e mesmo podía emitir un contraproducente sinal de debilidade e de recoñecemento de erros en plena precampaña. Así que Don Mariano, por cálculo e por vocación, acabou porfiando no seu plan previo que se basea en dúas esperanzas. A primeira e principal é que o electorado perciba unha mellora significativa no conxunto da economía e na súa situación vital e para iso, amén de publicitar por terra, mar e aire a mellora das contas públicas, o descenso do paro, o crecemento real e unhas previsións infladas de crecementos futuros, vén facendo variados agasallos electoralistas, como o adianto en seis meses da baixada do IRPF ou o anuncio da devolución aos funcionarios de parte do recortado. O segundo piar do seu plan é sementar o medo a unha alternativa, segundo el sinónimo de caos político e desastre económico. E faino por dúas vías: utilizar os pactos recentes para “demostrar” que o PSOE está nunha deriva extremo-esquerdista que o converte en refén ou acólito de Podemos; e igualar este con Syriza, co que fai de Grecia o espello no que debe mirarse España se non segue gobernando o PP, en solitario ou, no peor dos casos, en compañía de Ciudadanos.
Que lle funcione ou non este plan dependerá, máis que da cuestión económica, de como se comporten os rivais, de como funcionen nestes meses os novos gobernos autonómicos e municipais, pero tamén de como se resolva o preito grego. Onte Grecia deu un contundente non á troica no seu referendo. Se a Eurozona decide dar exemplo para evitar contaxios e, negociando ou non, deixa caer a Grecia no abismo, o PP español recibirá unha gran axuda electoral e Podemos terá un problema. Pero se acontece o contrario, se a xogada in extremis acaba saíndolle ben a Tsipras e consegue uns termos mellores que vaian sacando o seu país do pozo, entón quen terá un problema máis será o PP.
O PSOE ten claro o lugar que quere ocupar na contenda, mesmo en Cataluña onde acaba de marcar unha clara equidistancia entre os independentistas e o bloque españolista, cada vez máis reducido a Ciudadanos pola mingua do PP. Outra cousa é como chegar a ocupalo. Necesita non só aproveitar o seu novo poder institucional para predicar con feitos (aínda que se cadra algúns dos partidos que o uparon non llo van poñer fácil), senón tamén desenvolver moito máis o seu programa para ser convincente como forza fiable anti-corrupción e anti-austeridade, pero sen pechar a porta a un probable pacto postelectoral con Podemos e similares. Case a cuadratura do círculo.
Albert Rivera acaba de ser proclamado candidato de Ciudadanos á presidencia do goberno por incomparecencia doutros candidatos. É de agradecer que non amañasen algún sparring para cubrir as aparencias. Pero tan loable sinceridade non anula o feito de que os adaís das primarias e a democracia interna (tamén Podemos) amosan unhas querenzas rechamantes ao caudillismo (ou ao hiperliderado, se queremos ser máis finos). Fóra disto, Ciudadanos está actuando, dentro do seu espazo, con bastante intelixencia, tanto no que atinxe ao ton e contidos do seu discurso como ás súas esixencias en comunidades autónomas e concellos a cambio de prestar o seu voto ás forzas máis votadas. De momento vai construíndo unha imaxe coherente que pode detraerlle ao PP moitos votos no centrodereita e menos ao PSOE no centro, pero nunca até o punto de poder encabezar un goberno. Si pode ser, no mellor dos casos, bisagra necesaria para un deses dous.
Podemos e as súas tácticas de sedución
Pero a gran incógnita é Podemos, que aspira a desbancar o PSOE do primeiro posto na metade esquerda do campo de xogo. Para iso necesita, nunha lóxica estritamente electoral, a omnipresencia dunha marca moi reforzada, o que implica destruír calquera posible rival directo (Izquierda Unida) e fagocitar outras formacións de discurso similar pero de ámbito local ou autonómico. Ao servizo da consecución dese monopolio, Don Pablo Iglesias e o seu círculo van sacrificando fragmentos cada vez maiores do discurso e a práctica fundacionais, aínda ao risco de provocar tensións internas que, de momento, vai superando. O asemblearismo orixinal, aquel “que decida a xente” en todo vai camiño de xaculatoria oca que cubra un centralismo crecente no programático e no organizativo.
Don Pablo amosa cada vez máis a orella de líder dun partido de vangarda (non do proletariado, senón da “xente”). Abonan esta impresión tres feitos recentes. O primeiro é a súa negativa a converxer con IU, á que só lle ofrece a alternativa de disolverse e que os militantes entren individualmente en Podemos, negativa adornada cunha inxusta e despectiva descualificación da “izquierda ceniza”, na que había moito de axuste de contas persoal. O segundo feito é o modo de organizar as primarias, con listas únicas para toda España, de modo que, baixo a aparencia dunha democracia directa impoluta, na práctica só teñen posibilidades as candidaturas bendicidas pola dirección central (cuneros incluídos), co que as posibilidades de que saia algún candidato non desexado polo cumio son mínimas. Este “leninismo amable” (Monedero dixit) está a producir a oposición de 500 cargos, coa lideresa de Andalucía e dous eurodeputados á fronte, así como das direccións de Madrid, Aragón, Asturias, Baleares e Euskadi que, baixo o lema Podemos é participación, reclaman decidir en referendo o sistema de primarias. O risco de fractura non é baixo, pero Pablo Iglesias segue resistíndose a rectificar no momento de escribir este artigo.
E o terceiro feito é como está intentando seducir posibles compañeiros de viaxe, para que fagan de acólitos, naqueles territorios en que Podemos é máis feble en comparación con outras plataformas ou forzas, nomeadamente en Cataluña, Valencia e Galicia. En todos os casos, a vontade de preservar o dominio do partido propio prevalece sobre as bondades, antano sagradas, da construción dende abaixo da “unidade popular” con independencia da marca. Esta deriva cara á “vella política” (que nalgunhas cousas recorda as exitosas manobras do PSOE de Felipe González na transición para destruír e absorber a Federación de Partidos Socialistas e ao Partido Socialista Popular) pódenlle saír ben ou, pola contra, frear ou reverter o crecemento de Podemos. Non tardaremos moito en sábelo.
En todo caso, a día de hoxe a batalla preséntase múltiple e moi igualada. Segundo as últimas enquisas, PP, PSOE e Podemos andan os tres entre o 21% e o 23% en estimación de voto, seguidos de Ciudadanos cun 15%. E logo están as eleccións catalás, que tamén influirán nas xerais de celebrarse antes. O procès xa provocou a ruptura de CiU, senllas escisións en PSC e UDC e a insignificancia do PP en Cataluña. Con todo, o independentismo retrocede lentamente. Segundo a última sondaxe do Centro de Estudios de Opinión da Generalitat (xuño 2014), un 42,9% é partidario da independencia fronte a un 50% que a rexeita. Non obstante, os partidos soberanistas sumarían, en estimación directa de voto, un 34,2% (CiU, 13,3; ERC, 13,3 e CUP, 7,6) fronte ao 32,5% dun galimatías de cinco forzas non sumables neste asunto: Podemos, 10,8%; PSC, 9,2%; Ciutadans, 6,6%; Iniciativa, 3,5%; e PP, 2,4%.
Se os resultados reais fosen iguais ou parecidos a estas cifras, fracasaría rotundamente o intento plebiscitario de Mas-Jonqueras, a formación dun goberno estable sería realmente difícil e a saída á cuestión nacional catalá continuaría á espera dun cambio de interlocutores en Barcelona e Madrid. E non é probable que nin sequera a formación da candidatura unitaria e patriótica que pretende Artur Mas co respaldo da ANC e de Omnium Cultural cambiase suficientemente ese escenario de aquí ao 27 de setembro.
Os novos tempos políticos e Galicia
E por último, Galicia. Aquí, para non cambiar os bos costumes, é onde o PP estaría de momento en condicións menos malas para resistir, malia o golpe recibido nas municipais. E non tanto por méritos propios (o seu longo dominio político de certos espazos, unha menor incidencia relativa da corrupción, unha administración máis prudente da Xunta malia recortes considerables, un liderado sólido, os consabidos e pequenos agasallos electorais en materia social, a vantaxe que supón que as autonómicas galegas sexan un ano despois que as xerais) como polos deméritos alleos, empezando pola febleza dos dous opositores de sempre, a fragmentación do conxunto da oposición, o pouco tempo que teñen as alternativas municipais para ofrecer resultados tanxibles, e as graves dificultades para que se articule unha opción unitaria convincente.
O PSdeG, que parecía recuperar terreo despois do 24-M, perdeu nuns días case todo o gañado co esperpento da Deputación de Lugo, recuperada de momento polo PP grazas a enredos personalistas que deixan moi tocado a Gómez Besteiro como líder galego. E a ver que pasa coas de Coruña e Pontevedra, pois o BNG pretende obter unha presidencia sendo a terceira forza política. Tanto se cae finalmente Besteiro, vítima dos seus propios erros e das mil e unha intrigas dalgúns “compañeiros”, como se é quen de manterse bambeante, a opción socialista en Galicia segue coas súas eivas de sempre.
Non anda moito mellor o BNG, e pode que chegue demasiado tarde a súa recente oferta de mesmo renunciar ás siglas para lograr unha candidatura unitaria de forzas galegas. De conseguilo, seguro que a pendente negativa do nacionalismo cambiaría de signo, pero non o suficiente. Creo que tamén falta tempo e acougo para formar antes das eleccións esa gran marea galega que hipoteticamente convertería Galicia en terra libre de castas. Soños á parte, mentres a moi fragmentada oposición galega non sexa quen de articular unha alternativa convincente, Núñez Feijóo xoga con vantaxe. E xa se sabe que Zamora non se gañou nunha hora.