Domingo 28, Novembro 2021
HomePolíticaPONTÓN E A NOVA FRONTEIRA

PONTÓN E A NOVA FRONTEIRA

por Manuel M. Barreiro

Non é inusual que un dirixente político abra un tempo de reflexión sobre o seu papel no partido se vai precedido de reiterados reveses electorais ou recorrentes atrancos de aparatos ou baronías. Máis extraordinario resulta se coroa un mandato de indiscutibles éxitos electorais coma o que avala a Pontón desde que foi elixida voceira do BNG en 2016.

Tras o desconcerto inicial, apuntáronse algunhas posibles motivacións: unha avaliación de custes na súa vida familiar, unha decisión coherente coa súa idea do liderado, un envite para gañar maior autonomía, unha acción preventiva fronte a vellas inercias, un golpe de efecto para asegurar un plebiscito asembleario triunfal…

A todas luces é unha decisión de gran calado que marcará a vida política do BNG, como pouco, no próximo lustro. Non é un efecto escenográfico banal.  En política, é aconsellable aterse ao principio da «arma de Chéjov»: Hai que eliminar todo o que non teña relevancia na historia. Se un arma non vai disparada, non debe incluírse na escena.

Necesidade dun novo horizonte estratéxico ou reacomodo persoal urxido por arelas presidencialistas? Todo apunta que a arma que Pontón situou no centro da escena non é a esixencia dunha adhesión sen fisuras ao seu liderado, senón a necesidade de intensificar un cambio na estratexia para facer do BNG unha ferramenta política quen de impulsar o cambio político e social en Galicia.

Outro tipo de  liderado

44 anos. 28 anos de militancia. Parlamentaria desde fai 17 anos. Un quinquenio como voceira nacional do BNG. Calquera que atendera a conversa que Ana Pontón e María Reimóndez sosteñen en A semente, a árbore e a froita terá reparado no peso que a sororidade e o apego xeracional teñen na súa concepción do liderado e a política.

Pontón está comprometida con facer da súa posición institucional unha panca para o empoderamento das mulleres, e interpreta a súa chegada a portavocía do BNG como expresión «de sectores amplos da organización que defendían a necesidade dun liderado feminino (…) Voces moi diversas que amosaban o seu esgotamento cos liderados masculinos». Un liderado como «reacción contra a invisibilización da opinión das mulleres» e «o sentimento de sentirnos intrusas que acompaña a inmensa maioría das mulleres na súa militancia».

A estratexia presidencialista ao redor de Pontón, con moito aprendido das campañas do SPN de Nicola Sturgeon ou do Sinn Féin con Mary Lou McDonald, rendeu un gran rédito electoral e enforteceu o seu liderado no BNG,  mais tamén entre os votantes non nacionalistas. Pontón iniciou a campaña de 2020 como líder do BNG e rematouna como unha líder nacional con ampla audiencia alén do campo electoral do nacionalismo. 

A poucos escapa, tampouco, o seu compoñente xeracional. Pontón fai parte da «xeración que se pon á fronte do BNG nun momento moi complicado para o nacionalismo, no que había moitas persoas que daban por sentado que o BNG era unha forza política que ía desaparecer do mapa». Fai apelo a non quedar confinada no «baúl dos recordos» de xeracións anteriores e «non deixarse atrapar por unha visión envellecida do que significa a propia identidade». Na conversa con Reimóndez deita trazos da súa idea do liderado: «Autoesixencia». «Autoconfianza (…) reforzada polo traballo». «Non deixarse levar polas inercias». «A clareza nas ideas e tamén na capacidade de escoitar e manter unha interlocución social». «Non me gusta o triunfalismo nin mirar o propio embigo». «Para ser conformistas xa están outros».

A estratexia de campaña do BNG na autonómicas investiu en presidencialismo, cunha intensidade non coñecida. Optimizaba o posicionamento de Pontón como figura opositora fronte ao presidente Feijóo debido á falta de continuidade dos candidatos de PSdeG e En Marea / Galicia en Común e era, ao tempo, unha aposta para salientar un  liderado feminino (e feminista) como activo fundamental do cambio en Galicia e asemade da renovación discursiva e de imaxe dun BNG máis accesible, empático e próximo.

O poselectoral do CIS de 2020 subliñou os principais  criterios de elección: a representación de ideas coincidentes (47 %), as características do candidato (39,4 %) e a súa capacitación para gobernar (27,9 %) por diante do voto de castigo a outra opción (17,6 %) ou a fidelidade partidaria (17 %).  Segundo o estudo, Pontón ten unha mellor valoración (5,9) que Feijóo (5,5)  e era a candidata máis  estimada en todos os grupos de idade, agás no de máis de 65, a que menos rexeitamento provocaba e recibía unha avaliación positiva entre os electores do BNG (7,9), de  Galicia en Común (6,7) e do PSdeG (5,8), e mesmo rozaba o aprobado dos conservadores (4,9). O 45% dos votos do BNG decidíronse na campaña e Pontón foi o factor decisivo no decantamento dos electores.

A estratexia presidencialista ao redor de Pontón, con moito aprendido das campañas do SPN de Nicola Sturgeon ou do Sinn Féin con Mary Lou McDonald, rendeu un gran rédito electoral e enforteceu o seu liderado no BNG, mais tamén entre os votantes non nacionalistas. Pontón iniciou a campaña de 2020 como líder do BNG e rematouna como unha líder nacional con ampla audiencia alén do campo electoral do nacionalismo.

Outro BNG, outra UPG

Pontón responde  a outra caste de liderado político, e personifica unha tripla ruptura respecto a anteriores voceiros do BNG por ser a persoa máis nova en acceder ao cargo (38 anos), por ser a primeira muller en facelo e por ser militante da UPG. De feito, Pontón foi das primeiras voces en sinalar, tras a renuncia de Quintana, que ser da UPG non debía ser considerada unha pexa para acceder á portavocía do Bloque, distanciándose da tradición que, na práctica prevalecente na relación entre o partido guía e a organización de masas, establecía que o cartel electoral e a portavocía do BNG debían ser ocupadas por persoas que enfatizasen o pluralismo da fronte e non estivesen identificadas doutrinariamente coa UPG.

Quen prognostica que asistiremos novamente ás retesías doutrora e que as liortas terán os resultados de sempre, desestiman o peso de Pontón como referente dunha das xeracións politicamente máis cualificadas da UPG actual, e que a nova folla de ruta do BNG non será a imposición mecánica dunha decisión dunha UPG unificada como forza hexemónica da fronte nacionalista. 

Tras o cisma do BNG en Amio, a dinámica do BNG é outra. A pluralidade orgánica (de partidos e colectivos) reduciuse á mínima expresión e reforzouse aínda máis a preponderancia organizativa doutrora da UPG, pero nesta nova etapa o pluralismo exprésase desde a propia UPG, alixeirada das rixideces do centralismo democrático, e desactivouse o antagonismo UPG vs. Non-UPG como catalizador dos debates ou desencontros.

Quen prognostica que se asistiremos novamente ás retesías doutrora e que as liortas terán os resultados de sempre (desafección, custes electorais, cismas, imposición das inercias…) desestiman o peso de Pontón como referente dunha das xeracións politicamente máis cualificadas da UPG actual e que a nova folla de ruta do BNG xurdirá de transaccións e consensos callados nun debate que atravesará tanto o BNG coma a UPG, e non será a imposición mecánica dunha decisión dunha UPG unificada como forza hexemónica da fronte nacionalista.

Un enunciado claro e un debate  (aínda) borroso

O primeiro éxito é a clareza do enunciado do reto do BNG: «Ampliar a súa base social». É un enmarcamento do debate estratéxico que resulta dificimente retrucable, e que apaga toda tentación de caricaturizar o estratéxico como unha operación de empoderamento presidencialista ou unha mera loita entre faccións polo poder. O encadramento remite á necesidade de ampliar as capacidades políticas e da audiencia social do nacionalismo como forza de cambio.

Na idea de Pontón, o BNG «pasou dunha situación de resistencia a unha de reorganización e despegamento», e entende que cómpre superar unha nova fronteira: «Alargar a base social, fortalecer o noso proxecto e seguir agrandando ese movemento de esperanza que se creou en torno ao BNG e que nos catapultou para ser a alternativa real ao PP».

Hai unha cultura forte que concibe o BNG como «unha nación dentro da nación», que cre prioritario reforzar a fronte e as organizacións sociais do campo nacionalista como factorías de conciencia nacional, e que contempla con receo a acción gobernamental fóra dos ámbitos municipais e provinciais. Pesan os reveses da experiencia do Bipartito, pero os receos tamén se deben á falta de confianza nos eventuais socios (PSdeG),  mesmo ás fraquezas do Goberno Progresista no Estado, e moito a unha alerta sobre os límites estruturais —a «impotencia democrática» da que falou Sánchez-Cuenca»— que existen para desenvolver auténticas políticas transformadoras na gaiola de ferro que traza a institucionaliade da Unión Europea, o Estado español e mais a fraqueza do autogoberno galego.

Hai, por outra, evidencias abondas de que ao BNG se lle abriu unha xanela de oportunidade para consolidar o seu sorpasso do PSOE e ameazar o dominio do PP. En 2020 só se traduciu en apoio electoral un pequeno quiñón da audiencia política que o Bloque acadou entre a cidadanía galega. Arestora, agárdase que o BNG se transforme, no dicir de G. Pasquino, nunha alternativa de goberno na oposición. Unha alternativa quen de achegar, xunto co seu compromiso indiscutible coa defensa de Galicia e unha candidata á presidencia da Xunta de gran crédito, políticas públicas practicables para enfrontar os retos de Galicia tras o longo inverno gobernamental que lle debemos a Feijóo.

Gañar credibilidade como alternativa de goberno pasa en boa medida por concertar políticas con organizacións sociais e axentes que non fan parte do campo nacionalista, e que han de ser activamente sumados ás políticas de transformación que son desexables e urxentes. O BNG precísao para non quedar encorado como unha forza de oposición forte ou verse entalado como unha forza de relevo cunha moi limitada capacidade de goberno. Alargar a base social do BNG (ou de calquera forza da esquerda transformadora) non é só un requirimento organizativo e electoral, é a materia imprescindible para ser unha forza de cambio transformador.

O enunciado do reto formulado por Pontón é transparente. Os termos do debate, borrosos. As súas propostas operativas, aínda inéditas. Sinalou ben ás claras a necesidade de abrir un proceso de reflexión estratéxica para o que non cabe agardar unha resolución conclusiva na XVII Asemblea Nacional do BNG. Precisa de tempo e ensaios.  A solución non é doada. A organización é complexa. 

 

En A semente, a árbore e a froita, Pontón confésalle a Reimóndez: «Outra cousa que tamén aprendín é que as organizacións políticas son moi complexas, e o BNG non escapa a esa complexidade (…) pola súa pluralidade interna, por cohabitar militancias individuais e colectivas, onde hai que buscar equilibrios. Penso que temos que tirar conclusións do pasado para evitar repetir erros no futuro (…) Como portavoz nacional aprendín que hai que conxugar diálogo e man tendida con ter claros os principios e as ideas». Ana Pontón sinalou unha nova fronteira para o BNG e ela deixou claro que está disposta a cruzala.

Novidades