Como anunciei no meu artigo do mes pasado, hoxe vou centrarme no fenómeno Podemos, obxecto predilecto dende maio de faladoiros, análises, enquisas, declaracións, apoios e rexeitamentos. E non é para menos. En seis meses conseguiron atraer un cuarto de millón de “inscritos” da máis variada idade e orixe socioprofesional, ter presenza en todo o territorio do Estado, meter o medo no corpo dos grandes partidos, que ven en serio perigo o seu dominio compartido de sempre, e poñer patas arriba toda a esquerda, sexa moderada, radical ou mediopensionista.
No rebumbio de valoracións e ideas contrapostas que padecemos só hai acordo nunha cousa: Podemos é consecuencia directa tanto do altísimo prezo que a crise e as políticas de axuste lles fixeron pagar ás clases populares e a boa parte das clases medias en perda de renda, de empregos, de servizos públicos e de perspectivas de futuro, como da vaga de corrupción e de desprestixio das institucións. Logo dunha primeira fase de protestas máis ou menos espontáneas e politicamente desorganizadas (15M, mareas, etc), a reacción social adquire antes ou despois unha ou outra forma política. No noso caso esa forma é Podemos, que, independentemente do que dea de si no futuro, coa súa simple aparición xa tivo o efecto positivo de axitar as augas podres e obrigar a uns e outros a moverse. E dada a natureza do estímulo, eses movementos nunca poden ser, polo menos no centro-esquerda, para empeorar o que xa temos.
Pero é significativo que o descontento social apenas se orientase cara a opcións de longa traxectoria previa, como Izquierda Unida, que viñeron mantendo oferta moi similar no fondo á que agora presenta Podemos, agás no organizativo. En Galicia, AGE pode considerarse unha experiencia precursora nalgúns aspectos, pero non conta a estes efectos porque xa se encargou de autodestruír en poucos meses as súas posibilidades de consolidación. A aposta da maioría dos indignados por un instrumento totalmente ex-novo indica que tomaron nota da incapacidade dos netos do leninismo para cambiar o sistema e para cambiarse a si mesmos.
De momento as respostas do establishment á irrupción do intruso van dende a pura descualificación apocalíptica por parte das patronais e do PP (“que ven o lobo bolivariano-comunista”), por certo secundados nisto por ilustres intelectuais supostamente de esquerdas, até unha mestura de xiro leve á esquerda e de anatema contra o “populismo” ou o “extremismo de esquerda” por parte do PSOE, principal pagán potencial do asunto. Os pequenos, tamén directamente afectados e de momento sen saber moi ben que facer, oscilan entre o rexeitamento dunha UPyD por distancia ideolóxica, a vacina dunha maior apertura á cidadanía dun BNG e a tentación de montarse no tigre a ver que pasa de IU ou AGE. E a maioría, Indas e Marhuendas incluídos, buscan e rebuscan con lupa posibles trapiños sucios dos novos líderes (a bolsa que lle concedeu a Errejón un camarada na Universidade de Málaga; a participación de Tania Sánchez, compañeira de Pablo Iglesias, na concesión dunha contrata municipal ao seu irmán) para usalos como munición da arma preferida da “casta”: e ti tamén. Porque xa se sabe que, na miseria moral reinante, todo vai como é debido se todos están cheos de merda.
Pero eses ataques, se non se demostran xustificados e argumentados, poden ser contraproducentes neste momento. Mesmo aínda que se fagan con fundamento, é difícil que agora teñan efecto na xente que ve en Podemos o único instrumento dispoñible para axustar contas cos que considera responsables da súa ruína e da destrución do seu futuro. O mesmo cabe dicir das críticas, razoadas ou non, ás propostas económicas, políticas ou do tipo que sexa que fai Podemos. Sempre que apunten ao castigo dos culpables e á recuperación do perdido, esas propostas, viables ou non, serán ben recibidas pola maioría, porque neste momento a arremetida xusticeira prevalece sobre o cálculo racional. O tempo do refluxo reflexivo non chegará até que Podemos teña responsabilidades de goberno, neste ou naquel nivel, e os resultados non sexan os prometidos.
En todo caso, o balance final da conta de perdas e ganancias de Podemos de aquí ás vindeiras eleccións xerais depende en teoría de tres factores. O primeiro, unha recuperación suficientemente rápida do Estado do benestar e das condicións de vida e traballo da masa de damnificados pola crise, é descartable porque o crecemento vai ser demasiado feble e lento para ter unha incidencia significativa antes das eleccións. O segundo é o comportamento da “casta” na recomposición da súa imaxe, nomeadamente no que atinxe á renovación de caras, ás políticas sociais e á corrupción. O acontecido o 27 de novembro coa presentación das medidas “rexeneradoras” de Rajoy no Congreso, en coincidencia coa dimisión forzada de Ana Mato polo auto do xuíz Ruz no caso Gürtel, indican que o PP non vai cambiar o necesario e que os demais van moverse algo ma non troppo. E o terceiro factor é o propio Podemos, tanto no que atinxe á súa política de alianzas, e á súa consolidación organizativa, como á natureza e cualidade da súa oferta. Imos con isto último.
A parte económica do programa de Podemos
Empecemos polo programa. Porque non é certo que Podemos careza de programa como repiten arreo tirios e troianos. Quen se moleste en ler os documentos aprobados na Asemblea de 18 de outubro, así como outros anteriores e posteriores, comprobará que conteñen un conxunto de principios e de propostas de acción política, todo o deficiente ou rexeitable que se queira, pero en absoluto baleiro. Na parte socioeconómica, Podemos foi recollendo velas dende maio e, da man de Vicenç Navarro e Juan Torrres, acaba de presentar o seu “Proxecto económico para a xente” que aínda pretende discutir cos axentes sociais e, no seu caso, modificar. Pablo Iglesias cualificouno de “socialdemócrata”, algo que alporizou a Ramón Jáuregui porque, polo visto, o propietario desa marca en España é o PSOE. Deben tela rexistrada.
Non dispoño aquí de espazo para analizar polo miúdo as case setenta páxinas do corpus delicti pero podo dicir que, cuestións menores á parte, efectivamente é un programa que cadraría moi ben co común á socialdemocracia europea dos anos cincuenta e sesenta do século pasado: gran peso do sector público da economía (hoxe desmantelado case totalmente) en enerxía, transportes, crédito e determinadas industrias e servizos; lexislación laboral protectora; niveis de vida dignos para a gran maioría de asalariados, autónomos e agricultores; Welfare State ben desenvolvido en educación, sanidade, dependencia, vivenda, pensións, renda mínima para todos os parados e outras prestacións sociais. Unha situación, por certo, á que España só empezou a achegarse, e non moito, nos anos oitenta e que está sendo sistematicamente dinamitada dende 2007, so pretexto da crise. Pois ben, resumindo moito, podemos dicir que Podemos pretende regresar ao escenario anterior á desfeita e mesmo melloralo, reconstruíndo o destruído do Estado do benestar, reequilibrando as relacións laborais, dando traballo aos parados, reactivando o crédito ás pemes por medio dunha banca pública, nacionalizando ou controlando sectores oligopólicos, regulando as prácticas financeiras.
De onde saen os cartos necesarios?, preguntan os críticos. Segundo Podemos, dunha maior tributación das grandes empresas e as grandes fortunas, da erradicación da fraude fiscal e da corrupción, da propia reactivación económica que provocarían as políticas keynesianas e da maior produtividade consecuencia de cambiar o modelo económico mediante estímulos fortes ao I+D+i. Contos de leiteira? Pode ser. Neste país somos tan fecundos en contos como infecundos en nenos. Lembremos os 800.000 postos de traballo de Felipe González en 1982 que se converteron en dous millóns máis de parados nos anos seguintes ou, sen ir tan lonxe, os tres millóns de empregos que, segundo o PP, se crearían na lexislatura en que estamos ou a baixada de impostos e os cans atados con chourizos que prometeu solemnemente Don Mariano en 2011.
Chourizos á parte (non amentemos a soga na casa do aforcado), por desgraza tal regreso aos bos tempos da Europa occidental de hai medio século resulta moi improbable, non porque sexa disparatado ou abominable en si mesmo, senón por tres razóns. A primeira e principal é que Podemos, malia o seu ascenso, en ningún caso vai gañar por maioría absoluta, aínda que si pode conseguir que ninguén a teña nin de lonxe, co que, ou ben provoca unha gran coalición PP-PSOE que aliviaría algo as cousas pero sen cambios de fundamento, ou ben emprende o camiño do “realismo” transitado antes por tantos outros, e cogoberna co PSOE, co que debería renunciar ao groso do seu modelo. A segunda razón é a pertenza de España á Unión Europea e á eurozona. Ningún Estado membro ten hoxe capacidade decisoria para aplicar políticas económicas non epidérmicas que contradigan as pautas marcadas para o conxunto. E disto sabemos bastante en España nos últimos anos. Xa que logo, os cambios que propón Podemos só serían imaxinables se estivesen no poder na maioría dos Estados forzas políticas irmáns con programas semellantes. E aínda neste escenario, hoxe impensable, entraría en xogo a terceira razón: os cambios planetarios do capitalismo por mor da “globalización” e dos xigantes emerxentes. Unha Europa de novo “socialdemócrata”, cos seus traballadores moito mellor pagados, moito mellor asistidos e moito mellor xubilados, gañaríase a hostilidade do capital financeiro mundial e dos Estados Unidos e tería máis difícil, agás en certos sectores, competir nos mercados mundiais fronte a custos laborais moito máis baixos, como xa está a acontecer.
Quere isto dicir que quen seguimos estando en contra das desigualdades e da miseria crecente da maioría debemos aconsellar a Podemos que renuncie ás súas propostas e as cambie por outras “viables”, isto é, neoliberais ortodoxas? En absoluto. Entre a realización plena dese programa e o actual retorno cara ao capitalismo salvaxe do século XIX hai moitas posibilidades intermedias, e pode que isto abonde para moita xente. Tamén é posible que a recente “moderación” de Podemos para avanzar polo centro vaia en detrimento do seu crecemento pola esquerda, aínda que isto parece pouco probable mentres as correccións se manteñan nos niveis actuais.
En todo caso hai unha cousa clara: Podemos, pola súa orixe, está obrigada a defender un modelo socioeconómico alternativo á deriva actual do sistema. Para propoñer no fundamental o mesmo, o supostamente “viable” dentro das coordenadas impostas polo neoliberalismo rampante, nin facía falta Podemos, nin sequera nacería. Sexa realizable ou non o seu programa, e en ausencia de algo mellor, a súa presenza de momento é positiva para a maioría porque polo menos mantén en pé un horizonte de defensa da gran masa de arruinados fronte a un sistema que, tendo en todos os seus sectores una capacidade produtiva máis que suficiente para atender as necesidades vitais medias de todos, funciona xerando cada vez máis carencias graves nun número crecente de persoas. Outra cosa é o que poida suceder no futuro coa evolución de Podemos, hoxe imposible de prever.
A parte política do programa de Podemos
Pasemos á parte política do programa. Atopamos aquí un completo rosario, non moi ben articulado, de principios xenéricos, bos desexos e medidas puntuais, todo con dous obxectivos maiores: erradicar os vicios actuais do sistema e construír unha democracia pretendidamente máis auténtica, igualitaria e participativa tanto a escala española como europea: mellora das liberdades de expresión, reunión, asociación e participación; referenda vinculantes para toda decisión importante; recoñecemento do dereito de autodeterminación; iniciativas lexislativas populares; orzamentos participativos; dereitos para os inmigrantes; despenalización do aborto; control sobre o cumprimento dos programas electorais; despolitización do poder xudicial incluída a Fiscalía; Carta Democrática Europea e derrogación do Tratado de Lisboa; prohibición de monopolios en medios de comunicación privados; paz entre os pobos; promoción de orzamentos sociais na UE e até “adopción de una política europea que racionalice, desburocratice y humanice” (¿?). Amén dunha panoplia de medidas contra a corrupción e os malos políticos: regulación das finanzas e ingresos dos partidos, limitación de mandatos, salario máximo dos políticos non superior ao medio, rendición de contas, revogabilidade, incompatibilidades severas, limitación de lobbies, etc.
Como conseguir todo isto? Tamén mediante un retorno, neste caso á falida ruptura democrática da Transición. Logo dun diagnóstico algo tremendista da “descomposición del régimen del 78”, “candado” que cómpre abrir, Podemos, nun exercicio de adanismo un tanto inmaduro, propón a “apertura de un proceso constituyente democrático que garantice que los derechos sociales y culturales tengan el mismo estatuto que los derechos civiles y políticos, esto es, que sean consustanciales a la condición de ciudadanía”. Bonito pero oco.
Como deben ser as liñas mestras da nova Constitución para chegar aos obxectivos programados? Que modelo concreto de participación electoral e non electoral propoñen? Que tipo de Estado, nomeadamente no que atinxe a distribución territorial do poder? Que regulación dos partidos políticos? Que relacións entre os poderes lexislativo, executivo e xudicial? Que organización do lexislativo? Que facer coas Deputacións provinciais e os oito mil e pico concellos? Que autonomía municipal e como combater que se use para prácticas corruptas? Misterio. Neste terreo do deseño das institucións, onde en principio deberían pisar máis firmes os politólogos pais de Podemos, si que se pode dicir que non hai programa. Só unha longa declaración de intencións xenéricas destinada a acariciar os ouvidos dos receptores. Será por aquilo de que non son de dereitas nin de esquerdas, senón todo o contrario?
E logo está a organización, instrumento indispensable de calquera acción política. No ronsel de indignados e mareas, Podemos nace cun asemblearismo radical, pero non espontáneo, senón inducido dende un reducido núcleo pensante que sabe usar con virtuosismo as redes sociais e a presenza en faladoiros televisivos de ampla audiencia. Suficiente para un arranque espectacular, pero non para manter a máquina en marcha. De aquí a aprobación dun organigrama nun proceso que puxo de manifesto as tentacións caudillistas dos fundadores. Formalmente respéctase un asemblearismo en rede, pero non para fomentar e practicar a deliberación e sínteses das diferentes posturas, senón para aceptar ou rexeitar en bloque tanto o paquete de propostas do líder como o equipo de dirección seleccionado por el, quen ademais avisou previamente que non aceptaría continuar se era corrixida nalgunha das súas partes a liña por el marcada. Ao cabo, a estrutura resultante, coas súas secretarías xerais, consellos, executivas e asembleas nos diversos chanzos (local, autonómico, estatal), vén sendo, unha vez máis, o vello centralismo democrático pero con adobíos plebiscitarios, o que non deixa de implicar unha contradición de fondo coas arelas de democracia directa da maioría. Os entusiasmos do presente reducen de momento as tensións internas conseguintes a escaramuzas cos Echenique, que Pablo Iglesias e os seus resolven sen gran custo. Pero non sempre vai ser así.
Porén, o que se albisca como máis probable a día de hoxe é que, de non mediar algún desastre mediático que manche gravemente a imaxe dos fundadores e/ou unha inverosímil mutación drástica da “casta”, Podemos avanzará posicións nas municipais (envolto en mareas varias) e nas autonómicas pero sen tocar demasiado poder de momento. Daquela, non poderá manter a indefinición da súa política de alianzas. Se acerta, continuará co vento de cola e chegará ás eleccións xerais de finais de 2015 con moitas posibilidades de converterse en árbitro da formación de goberno. Entón terá que mollarse e perder a virxindade.