As institucións políticas, sen excepción, perderon toda auctoritas; unha caída das institucións. A separación de poderes, nunca completa, nunca estivo peor: velaí os xuíces, especialmente os do TC. A desigualdade entre administración pública e cidadán é maior que nunca; o dereito publico dexenera. O estado, irrelevante no exterior, é implacable no interior. Soportamos controis desproporcionados para ir á delegación de Facenda ou coller un tren a Vigo. O panopticon botou raigaños. No 1992, o IBEX 35 marcou o paso ao capitalismo financeiro, á bancocracia e o Palco do Bernabeu; adeus á tradicional clase empresarial vasca ou catalana con raigaños e paternalista, despegue do Gran Madrid. O poder medra e as liberdades retroceden sen cesar —Lei Mordaza—, os españois son máis submisos que os alemáns e coa covid o control total tomou carta de natureza. Se houbera que buscar parteaugas, eu poñería un nos últimos anos de Felipe González e primeiros de Aznar (IBEX, AVE, fin da orde decimonónica) e outro tras a crise de 2008-2012: globalización, panopticon, submisión total de España e dos españois, finalmente, covid. No plano territorial, nos 90 acabouse o triángulo Bilbao-Madrid-Barcelona, indiscutida estrutura económica de España dende o século XIX. E no plano cultural, continúa realmente a existir o pobo español?
As esquerdas españolas, como precisan a todo prezo seguir parecendo de esquerdas, non poden cesar de fuxir cara diante alí onde Los que Mandan (J. L. Imaz, 1964) lles deixan, temas de orixe progresista-capitalista USA: aborto, eutanasia, familia, relacións sexuais detalladas estilo Ione Belarra, educación, alimentación, animais.
Hoxe propiamente non hai esquerda en España. Se a besta negra da extrema esquerda non é Black Rock nin a dixitocracia senón o que queda da ensinanza relixiosa, saquemos conclusións. Xa no 2008 o Economist publicara “The left’s resignation note”. Con todo, por conveniencia chamaremos así á coalición PSOE-Podemos (as esquerdas periféricas comparten moito, como a antropoloxía, pero teñen outra dimensión), forzas políticas que, como precisan a todo prezo seguir parecendo de esquerdas, non poden cesar de fuxir cara diante alí onde Los que Mandan (J. L. Imaz, 1964) lles deixan, temas de orixe progresista-capitalista USA: aborto, eutanasia, familia, relacións sexuais detalladas estilo Ione Belarra, educación, alimentación, animais.
Nesa España tan cambiada —non hai outra— e polarizada hai hoxe un novo (xa menos novo) consenso transversal aos dous grandes (Vox e Podemos/Sumar, cada un pola súa banda, non de todo) cos seus mainstream media axordándonos. Pode estrañar o “novo consenso” en plena polarización pero, na miña modesta opinión, haino, e os principais riscos (ningún completamente novo) dese bloque serían os que seguen.
Riscos do “novo consenso español”
- O recorte das liberdades está consolidado e non se discute: Lei Mordaza, escasa liberdade de expresión, supervisión das información co gallo das fake news, corrección política obrigatoria, cancelación do disidente; submisión… Novo autoritarismo: adeus á pretensión de igualdade cidadán-Administración, indefensión nosa, imperio do estado, goberno por medo, la ley es la ley.
- A ilusión tecnocrático-autoritaria: control social total. Imposible entrar ou saír da cidade sen ser gravado por algunha cámara. Nada espontáneo. Reconfiguración social; novo papel do dereito penal nesa liña. Febleza da sociedade civil; só existen per se partidos, bancos e fútbol. Non hai institucións sociais independentes (educación, medios, museos, festas antes populares). Masas de xente subvencionadas; aos 18 anos xa reciben bonos. Moitos non terán traballos estables nin formarán familias estables.
- PP e PSOE profesan o ethos oficial: eutanasia, aborto, ideoloxía de xénero, LGBTI, trans, cultura e educación woke, especie de relixiosidade laica imposta; inclusividade e diversidade politicamente correctas e, no fondo, excluíntes de todo o que non as acepte aínda sendo causas de orixe minoritaria.
- Nin Pedro nin Alberto farán nada serio noutro importante punto: suicidios, xente desarraigada e cada día con menos vencellos, o país onde máis ansiolíticos se consumen, desgana de futuro, tristeza; de entrada e como norma, non reproducirse. Estamos a quedarnos sen sociedade. Hai tamén consenso, polo menos fáctico, na visión da familia: fluidez, imposibilidade legal de contraer matrimonio heterosexual. Para a demografía, en caída libre, nin tiritas. Visión da inmigración, igualmente común.
- Non haberá reindustrialización, defensa da industria española do automóbil, do agro nin da pesca. Bancocracia, economía financeira. Paro: estrutural e medrando por causa da IA. No supermercado continuarán as ameixas de Sudáfrica e as lentellas dos USA. A gobernación económica continuará a ser pro-Black Rock (máis podente que o PIB español enteiro) e pro-furgoneta de Amazon; contra o débil e as tendas da esquina (ou o que queda de elas); contra autónomos, pequenos agricultores e gandeiros; contra os que temos coches vellos. Os impostos non teñen máis límite que a vontade do goberno e cóbranse inhumanamente dende o parteaugas Montoro.
- No exterior, submisión: Marrocos, Davos, OTAN, Ucraína, ONU, OMS, OMC, cidades de 15 minutos (nun país de poboamento disperso!), zonas de baixa emisión (ZBE) mesmo na ventilada península de Coruña… PP e PSOE comparten o “gozo da submisión” á UE e poderes supranacionais. Os políticos compórtanse non como delegados nosos senón como delegados da UE para aplicarnos as súas políticas. A Axenda 2030 non se discute. Dos perigos da IA, nada que dicir.
- A ningún dos dous impórtalle moito a Constitución: estado de dereito, sistema electoral, presidencialismo fáctico incluso co minoritario goberno de Sánchez, deterioro institucional xeral da coroa ao TC, desconstitucionalización da vida pública (non sendo esgrimir a Constitución fronte a Cataluña). A Polonia ou Hungría hai tempo que estarían a tirarlle das orellas en Bruxelas.
8. No territorial, ambos partidos son centralistas. Non discuten as CC AA, pero nada reformarán de fondo; se cadra, erosionar competencias autonómicas sen ruído. Caso de pasar algo en Euskadi ou Cataluña, ningún partido ten un plan serio. Para a España baleirada, algunha tirita. Consenso tamén no Gran Madrid-Miami europeo.
9. Outro aspecto transversal: a cultura política. Os políticos de hoxe aférranse a poder e cartos como nunca; sobran exemplos. Moita ambición sen un paralelo espírito de servizo. En tempos, os políticos españois non se facían particularmente ricos. Fraga tiña espírito de servizo e ambición de poder, non de cartos.
10. Os dous grandes están na rebelión das elites, non das masas; están na ditadura tipo Silicon Valley e na expertocracia (coacción incluída, de ser o caso), non na democracia: eles nos ditan ao pobo o que hai que facer. Ninguén ofrece proxectos de futuro non sendo conformidade. Cero resistencia diante do que erosiona España; aos españolistas non lles importa. Conseguido o anterior obxectivo nacional (ser Europa), os músculos de España ténsanse agora para o seguinte: que todos falemos inglés (España, “un protectorado alemán que tolea polo inglés”). Conseguido iso, España quedará sen propósito.
11. Por último, tanto un como outro profesan cero liberalismo (no sentido literal: defender a nosa liberdade). España nunca foi un país libre, non o é, e polo camiño que vai nunca o será; só na finada UCD houbo algo. A día de hoxe, da liberdade nin se fala, non sendo terreos de sexo e afíns. Gustan da expertocracia, que despolitiza canto toca, poñéndoo alén da libre discusión.
Das eleccións do 23-X e Europa
“Toda profecía é arriscada e máis sobre o futuro”, di o refrán danés. Se asemade temos o valado dos 9.000 caracteres, non nos queda senón pedir comprensión ao lector.
O novo consenso, ou a teoría do vinilo de I. Arias (PSOE e PP: cara A e cara B dun mesmo vinilo), non impide que tamén haxa diferenzas. Primeiro, porque discrepan en diversos puntos (e os seus potenciais aliados, máis); segundo, porque as personalidades de Feijóo e Sánchez son opostas. Pedro Sánchez foi distinto de todos os anteriores. Combinou valentía, narcisismo, tenacidade, agresividade e, antes, inexperiencia. As súas políticas semellan erráticas, pero pódense detectar fíos condutores en inmigración, política económica (contra os autónomos, os pequenos empresarios, a industria automobilística española, o transporte privado); gobernar moito e a presa; o gusto pola subvención ata extremos nunca vistos, impostos confiscatorios, submisión total no exterior, control social, recortar liberdades e debilitar a sociedade civil; control da xustiza, subsidiar aos medios…
Presumiblemente algunhas desas políticas serán tamén as do Feijóo, se goberna (exemplo: total control da TV pública). De momento ten sido máis prudente, amigo de gobernar pouco, menos agresivo, pero ignoramos que faría no caso de verse cunha maioría absoluta e sen freos (velaí Rajoy, antes tan moderado e raposeiro). Non me imaxino a unha ministra de Feijóo dando detalles das relacións sexuais e recomendando un procedemento ou outro, pero, quen sabe? É de supoñer que Feijóo, se recorta as liberdades, farao dun xeito máis brusco, que en xeral subvencionará un chisco menos (pero moitas subvencións son autonómicas e locais), que non atacará, ou menos, á familia, ao cristianismo e a ranqueante educación concertada, que non terá tanta obsesión sexual-antropolóxica-ética. No apartado territorial, o anti-galego Feijóo gustaría dun estado centralizado gobernado por el, pero como prudencia non lle falta, e sabe que ata en Teruel agroma un rexionalismo, se non quere empeorar as cousas en Euskadi e Cataluña, é improbable que busque liortas de momento. En materias como defensa e Latinoamérica, a súa política non cambiaría moito.
Sendo España un “super-protectorado”, en certos puntos un presidente español non pode facer moito, pero algo si. Trump, desbardallando ao seu estilo, dixo que rematará o de Ucraína en dous días: imposible, pero simplemente dicilo, no medio do abafante belicismo oficial, xa abre un debate.
Na UE, innecesario dicir que estas eleccións impactarán pouco; o contrario sería unha novidade. Pedro Sánchez deixou a Podemos os Ministerios de Sexo, Ética e Antropoloxía pero para os cartos, Calviño, que traballaría igual cun Feijóo. Cando Meloni formou goberno preguntáronlle a Romano Prodi, ex-presidente de Comisión Europea, que sucedería. Respostou que se economía e asuntos exteriores quedaban en boas mans, nada serio que temer. Nin Sánchez nin Feijóo propoñerán en Bruxelas nada substancial nin defenderán seriamente a España (para non falar de Galicia).
Deberían traballar para recuperar algunhas competencias, para que a desnortada UE se independizara militarmente dos USA e non se deixara envolver na globalización, e para que non fora belicista nin autoritaria. Se ao españolista Feijóo todo o que se lle ocorre é estudiar inglés aos 62 anos no canto de defender o castelán na UE, que impacto español se pode esperar? Compre tamén subliñar que para propoñer algo serio na UE hai que coñecela e ter ideas, cousa da que Pedro Sánchez ten demostrado cos feitos carecer. E ao Feijóo ninguén o pode acusar de ter unha idea propia.