Venres 22, Setembro 2023
HomePolíticaA ULTRADEREITA, AO ASALTO DE EUROPA

A ULTRADEREITA, AO ASALTO DE EUROPA

Texto David Alvarado

Os temores das elites europeas cumpríronse en parte. Non foi a vaga populista que se albiscaba, pero o 26M si sancionou a instalación en forza da ultradereita no hemiciclo comunitario, onde terá capacidade de bloqueo e, sobre todo, de distracción e propaganda. Unha familia nacional-populista non tan homoxénea, e en cuxo auxe ten moito que ver a propia natureza da UE e a falta de adaptación aos novos tempos dunha esquerda cada vez máis alonxada das clases populares.

Hai xa moitos meses que en Bruxelas e Estrasburgo reina unha atmosfera cando menos tensa. Malia que as eleccións europeas adoitan ser unha cita do calendario que se salda de xeito máis ou menos previsible, desta volta os ferventes crentes do proxecto comunitario temían o peor. Lonxe semellan aqueles períodos nos que a política europea residía entre as mans de tres grandes familias de partidos: democristiáns, socialdemócratas e liberais. A “nova política” dos Verdes a partir da década dos anos setenta e, nomeadamente, a dereita radical populista que arranca a súa andaina europeísta na década dos oitenta, cambiaron paulatinamente este panorama, xunto con algunha outra esporádica incursión. Este proceso gradual foi de súpeto removido pola crise financeira mundial de 2008, a partir da cal os populismos nacional-conservadores ocupan cada vez máis o centro de atención, tanto no leste coma no oeste do vello continente, agás en Portugal, aumentando o seu número de adeptos e introducindo no debate cuestións que teñen cambiado, e minado, a faciana da Unión Europea (UE), cada vez máis cuestionada.

A aritmética electoral pode desatar unha crise maior na UE, se ben obxectivamente é este un andazo que Europa padece desde hai tempo: dous membros comunitarios, Polonia e Hungría, puxeron en marcha os procedementos do artigo 7 do Tratado da Unión, e mesmo un Estado ponderado como Reino Unido elixiu abandonar o club europeo!

Houbo un tempo no cal non era apenas relevante se as eleccións eran gañadas polo centro esquerda ou polo centro-dereita, porque calquera resultado non introducía variantes de calado nas grandes orien tacións políticas. En maior grao que a propia Comisión, o Parlamento Europeo (PE) erixíase coma o gardián da chama federalista e na práctica, a  case- única razón de ser das eleccións era a de confirmar o sentido da ideoloxía domi nante, que avanzaba inexorablemente cara unha Unión cada vez máis estreita. Certo que as eleccións europeas ofrecían ás veces un privilexiado escenario a unha hoste de axitados e heréticos da ortodoxia, pero ninguén estaba en disposición de cuestionar o adagio que nos repetían unha e outra vez de “ante todo Europa”, que implicaba un camiño nunha soa dirección. Así as cousas, os europeos tíñanse afeito a que desde Suecia ata Francia, pasando por Italia ou Hungría, os nacional-populistas colleitasen bos resultados nos escrutinios nacionais sen que saltasen as alertas, xa que o risco de contaxio non se facía masivamente extensivo ao hemiciclo comunitario.

Cada partido desta suposta familia está determinado polo devir específico do seu país. Non se entende o fenómeno Orban sen ollar a historia de Hungría e o seu desmembramento polo Tratado de Trianon, hai algo máis dun século. O mesmo para a Liga Norte, o FPO austríaco, o SD sueco, o PiS en Polonia e os tardofranquistas de Vox en España.

Aínda hai un par de anos, tal visión de cousas era dominante, convencidas as elites de que o desembarco nacional-populista no cerne da UE non era posible. Emmanuel Macron batía a Marine Le Pen nas presidenciais galas e prometía aportar aire fresco á política, así en xeral, e mesmo salvar Europa a través da reactivación do eixo franco-alemán. Tralo referendo sobre o Brexit e a elección de Donald Trump, que comportaron importantes desfeitas para a ortodoxia progresista continental, Macron estaba chamado a acabar coa ascendente dos populismos de todo sino, e retrotraer o ente comunitario a tempos Resultado de imaxes para viktor orban. Ao contrario, o “efecto Macron” rematou de laminar ao centro-esquerda e centro-dereita! Apenas un ano despois da vitoria de Macron, o Partido da Liberdade (FPÖ) volvía ao goberno en Viena e Viktor Orban era reelixido en Hungría. Milos Zeman, a quen algúns cualificaban de “marioneta do Kremlin”, repetía á fronte do executivo checo tras ter flirteado coa idea de organizar un referendo de saída da UE. En Italia, o Movemento 5 Estrelas e a Liga Norte impoñían a súa lei, e AfD e Die Linke deviñan ineludibles en varios Laenders alemáns, incluída a rica e próspera Baviera.

NACIONAL-POPULISMO ESTRUTURAL

As ultradereitas nacional-populistas téñense consolidado paseniñamente como unha compoñente política estrutural na meirande parte de países, vendo as eleccións europeas coma unha pasarela para asaltar definitivamente as institucións comunitarias. Deste xeito, os comicios foron presentados como un combate binario desde o bando conservador, pero tamén así o plantexou o propio presidente Macron, quen dixo “encarnar o campo dos progresistas fronte o dos populistas”. Aínda que, segundo un amplo estudo conducido polo diario británico The Guardian, durante os últimos 20 anos os partidos populistas teñen triplicado os seus electores, votando 1 de cada 4 europeos en 2018 opcións nacional conservadores, non se entoxaba unha hipótese plausible que os populistas acadasen unha maioría de escanos no PE. Aínda que si era a ter en conta que constituísen unha minoría de bloqueo, tal e como corroboraron ulteriormente as urnas. Unha aritmética electoral que pode desatar unha crise maior na UE, se ben obxectivamente é este un andazo que Europa padece desde hai tempo: dous membros comunitarios, Polonia e Hungría, puxeron en marcha os procedementos do artigo 7 do Tratado da Unión, e mesmo un Estado ponderado como Reino Unido elixiu abandonar o club europeo!

En diversos países, moito antes dos derradeiros comicios europeos, partidos nacional-populistas xa formaban parte de gobernos, se ben non dispoñían de capacidades plenas, e mesmo se estas formacións non estaban no poder, si lograron condicionar de xeito continuado o curso da acción política e construción europea, atribuíndolle algúns autores o “mérito” de ser artífices de primeira orde na crise de confianza no proxecto comunitario. O ideal de asaltar Europa por vía das eleccións do 26M quedou patente a poucos días dos comicios, nun acto organizado pola Liga Norte na praza do Duomo de Milán ao que acudiron ata once líderes da ultradereita europea encabezados por Marine Le Pen, quen tomou a palabra para arremeter contra a “oligarquía sen raíces” coa que “a UE so mete aos países”. A líder da AN criticou a actual Unión caracterizada por “unha globalización salvaxe, sen regras, que só produce escravos e desempregados”, e onde “o libre mercado descontrolado é só a beneficio das multinacionais”. Como o resto de líderes presentes, cuxo obxectivo declarado é a fundación tralo escrutinio en focodo grupo Europa das Nacións e das Liberdades (ENL) no PE, Le Pen atacou á inmigración, da que dixo “somete aos nosos países e pon en perigo aos nosos pobos”. Para a líder da AN, “Europa só pode atopar a súa coherencia e forza nas nacións que a compoñen”, no “espertar dos pobos”.

 Marine Le Pen (fotografía: AFP)

Pero é esta eventualidade realmente posible? Como conciliar o discurso patriótico excluínte e a declarada vontade de impoñer de novo fronteiras e a volta ao proteccionismo, para persoas e mercadorías, coa conformación dun bloque homoxéneo en Europa? Porque cada partido individual dentro desta su posta familia está determinado polo devir específico do seu país. Non se entende o fenómeno Orban sen ollar a historia de Hungría e o seu desmembramento polo Tratado de Trianon, hai algo máis dun século. O mesmo para a Liga Norte, o FPO austríaco, o SD sueco, o PiS en Polonia e os tardofranquistas de Vox en España. Máis aló de certos denominadores comúns, relativamente febles, en ocasións os politólogos atopamos certas dificultades para ver unha certa homoxeneidade e continuidade na pola nacional-populista de extrema dereita. Quizais un primeiro denominador común sexa a consideración de que o pobo ten sempre razón fronte ás elites. Amais, que no interior dun país existen nacionais e estranxeiros, e que, segundo a súa lóxica, debe primar a discriminación xurídica entre “cidadáns puros” e metecos, é dicir, que os primeiros son susceptibles de ter máis dereitos e axudas que os segundos. O patriotismo, entendido ás veces como nacionalismo, e a súa exacerbación, é outra variable compartida.

Diante deste contexto, co gallo das eleccións do 26 de maio exacerbouse o temor diante dunha potencial vaga conservadora representada polas forzas nacional populistas de ultradereita, cuxo auxe podía implicar a posta en cuestión de primarios fundamentos do consenso comunitario. “As eleccións europeas representan un estrés para a democracia”, declaraba o pasado febreiro en comparecencia pública diante dun grupo de xornalistas, no Megarón de Atenas en París, o primeiro ministro grego, Antonis Samaras, non agochando todas as alertas que tiñan saltado, nun momento no que as sondaxes atribuían ata un 20% da intención de voto dos seus compatriotas ao partido neonazi Amencer Dourado. A carón de Samaras, na mesma liña Thierry Repentin, ministro de Asuntos europeos francés, que nun senso positivo apelaba á participación, e advertía contra “a tentación do repregue identitario” e de “imputar as dificultades económicas aos outros pobos”. Non se cumpriron os peores augurios, pero a ultradereita si conformará un conxunto de bloqueo, e propaganda, durante os vindeiros anos no hemiciclo comunitario. A cita do pasado 26 de maio viu unha vez máis o reforzo desta corrente e en países como Bélxica, Italia, Reino Unido, Polonia, Francia e Italia, entre outros, acadou moi bos resultados electorais, cunha solidez que lle garante presenza, e respecto.

AS ESQUERDAS, SEN MARXE?

O voto de ultradereita non é un voto popular stricto sensu. A meirande dos seus electores son obreiros de dereita, radicalizados durante os últimos anos. O obreiro de esquerdas defínese pola súa non participación electoral, quedando patente a imposibilidade dos partidos socialdemócratas e socialistas para restablecer a identificación con esta franxa de poboación, e mobilizar a un electorado particularmente volátil. Subliñaba xa nos anos trinta do pasado George Orwell que “cando a extrema dereita medra entre as xentes correntes, é sobre ela mesma que a esquerda debera interrogarse”, chamando a atención sobre a necesidade de comprender por que traballadores das clases populares apoian ao fascismo, e non a ideoloxías a priori afíns. Alertar sobre o rexurdimento fascista ou vilipendiar á “besta inmunda” non serve, non exerce efecto algún sobre case ninguén. Segundo o sociólogo francés Jean-Claude Michéa, “inscribir a loita actual na loita antifascista histórica será necesariamente percibido coma unha sorte de manipulación das elites liberais e os seus medios de comunicación servís, para lexitimar a dominación planetaria do capital e desviar a atención dos electores cara obxectivos de substitución”.

Na UE, a esquerda queda máis confusa ca nunca. A socialdemocracia apoia sen reflexionar. Aplícase en seguir docilmente as directivas dos tratados rexeitados masivamente polas súas poboacións. Privatiza e desregula como se non houbese un mañá, baixo pretexto dunha modernización querida por Bruxelas.

Quizais a meirande responsabilidade da esquerda no auxe da extrema dereita nacional-populista provén da súa crecente desconexión das clases populares. A esquerda aburguesada, preferindo a unha “clase de coñecemento emerxente”, ou un conglomerado de mulleres, minorías e xoves, non cesa de afastarse do groso da clase traballadora, das categorías populares, depauperadas a ritmo de crise económica e financeira, para quen a extrema dereita comulga mellor coas súas coitas e representa mellor os seus intereses electorais. Coincidindo plenamente con Pierre Bourdieu, a esquerda é, cada vez máis, o reflexo dunha clase social educada, cada vez máis distante socioloxicamente das capas inferiores da pirámide poboacional, servindo o liberalismo cultural das novas clases medias como mecanismo de distinción social, e reforzando de xeito acusado os prexuízos de arriba a abaixo. Asistimos, doutra banda, ao que o autor estadounidense Thomas Frank denomina o “desprezo do home da rúa” de parte da “esquerda progre”, que percibe nestas clases populares viveiro de voto da dereita un conservadurismo endémico tendente cara a intolerancia e o racismo, reprochándoselle, de xeito altivo, “erros de percepción” ou mesmo “ter votado mal”.

Cabe subliñar que o 26M era unha cita do pobo coas urnas baseada sobre aspiracións irrisorias. É notoria e impotencia do Parlamento europeo, excluído do dereito de iniciativa lexislativa e confinado na complexa rede de actores da gobernanza europea, en mans de tecnócratas e responsables dos diferentes estados. E como agravante último, a UE non é un proxecto de esquerdas, senón un gran mercado, concibido nas súas orixes como tal. Na súa xénese foi a liberdade de circulación, primeiro dos traballadores, sancionada ulteriormente coa homoxeneización das diferentes lexislacións para mellor asentar a empresa capital-comunitaria. Logo foi un mercado único, que permitía socavar progresivamente o intervencionismo duns estados-nación, sempre baixo sospeita de introducir elementos de competencia no sistema, nomeadamente pola vía de monopolios públicos abundantemente subvencionados. En paralelo, as institucións comúns, xa foran estas a Comisión ou a Corte de Xustiza, evolucionan paulatinamente cara ferramentas de control da axeitada submisión dos membros do conxunto á fe comunitaria. Os avances na dimensión controladora-coercitiva, e os retrasos na conformación dunha auténtica política exterior común, non agochan o feito que a construción europea é a historia dunha carreira, do ímpeto por nivelar por abaixo a marxe de manobra dos estados membros para consolidar un mercado -por fin- óptimo.

Europa é unha sorte de colofón de particulares frustracións e incapacidades do político, cabeza de turco das miserias nacionais e horizonte arcádico dun porvir colectivo mellor, necesariamente mellor. Europa é un espello onde cada quen semella ver aquelo que quere ver, segundo a súa particular relixión ideolóxica. Mentres para uns é un sinxelo mercado, outros compréndena como unha sorte de prisión de vontades nacionais afogadas por unha tecnocracia insensible, e mesmo algúns como un ente posnacional susceptible de realizar o soño de cohabitación pacífica entre po tencias antes belicosas. “O nacionalismo é a guerra”, foi a célebre declaración de François Miterrand no seu último discurso diante do Parlamento europeo, en 1995. Aquí se insire precisamente o proxecto da esquerda europea, á que dentro dunhas marxes tan estreitas, tan só lle restaba traballar sobre un proxecto humanista de cooperación entre os pobos do vello continente sobre a base dunha harmonización progresiva, por arriba, dos modelos sociais.

Na UE, a esquerda queda máis confusa ca nunca. A social democracia apoia sen reflexionar. Aplícase en seguir docilmente as directivas dos tratados rexeitados masivamente polas súas poboacións. Privatiza e desregula como se non houbese un mañá, baixo pretexto dunha modernización querida por Bruxelas. Así favorece un terreo propicio á dualidade voto de extrema dereita —abstención, que se enracina nun contexto de poboación atomizada e desertificación dos territorios periféricos.

___________________

Artigo publicado en TEMPOS NOVOS Nº 265 (xuño 2019)