Mércores 30, Novembro 2022
HomePolíticaOs malos gobernos non caen sós

Os malos gobernos non caen sós

por Manuel M. Barreiro

A política da aldraxe achega contestación compracente a curto prazo e conformismo vitimario máis alá. As guerras culturais non cancelan a necesidade de políticas públicas concretas, practicables e postas ao servizo das maiorías sociais. A solidez da hexemonía conservadora confróntase en Galicia cun activismo da esquerda fráxil, máis virtual que presencial, cada vez máis gasoso e individualizado, moito máis reactivo que propositivo.

A solidez da hexemonía conservadora confróntase en Galicia cun activismo da esquerda fráxil, máis virtual que presencial, cada vez máis gasoso e individualizado, moito máis reactivo que propositivo. 

A efervescencia crítica e a participación política episódica non son quen de suplir a organización da cidadanía desconforme e a construción de contrapoderes e frontes de resistencia na sociedade civil.  Desde 2005, o calendario de vitorias rexistra contados éxitos. Hai, porén, fartura de derrotas metabolizadas ao xeito que xa apuntou Valle-Inclán hai un século: «O mesmo dá triunfar que facer gloriosa a derrota».

Á oposición parlamentaria cómprelle madurar como alternativa de goberno. As fiestras de oportunidade non se abren soas. Reina a acomodación e gobérnamos a resignación. O campo do posible segue a ser moito máis amplo do que a orde conservadora deixa enxergar. Un outono quente é a mellor garantía dunha primavera municipalista co avance electoral dos partidos que desexan o cambio político en Galicia. É precisa a colaboración de todos os que non se conforman coa actual orde das cousas, os malos gobernos non caen sós.

Melloramos para peor

Mellorar para peor. A retranqueira e paradoxal sentenza de Mia Couto cualifica perfectamente o horizonte da Galicia posfeixoniana.  Os 100 primeiros días da Xunta de Alfonso Rueda ofrecen pouca marxe para o entusiasmo. O novo presidente está subscrito a un duplo continuísmo: seguidismo respecto das políticas santificadas desde 2009 e aceptación, como presidente da Xunta, dun papel político subordinado á axenda táctica de Feijóo. Rueda xestiona o programa político de Feijóo en Galicia e confía en que o seu crédito presidencial medrará ao ronsel dos éxitos electorais do novo presidente do Partido Popular. O presidente da Xunta de Galicia aínda non deixou de ser o vicepresidente de Núñez Feijóo.

O presidente da Xunta aínda non deixou de ser o vicepresidente de Núñez Feijóo. A externalización de responsabilidades e a batucada reivindicativa precederon ao encontro de Rueda con Pedro Sánchez, rebaixado no seu protocolo e paupérrimo en resultados.

A externalización de responsabilidades e a batucada reivindicativa precederon ao encontro de Rueda con Pedro Sánchez do 28 de xullo.

A cita foi morosamente fixada, rebaixada no seu protocolo (pola convocatoria o mesmo día dos encontros institucionais con  Fernández Mañueco e Juanma Moreno) e paupérrima en resultados. Garantías rutineiras (para a execución dos proxectos de Next Generation), consensos evasivos (para «despolitizar» as responsabilidades gobernamentais no tocante aos megaincendios), rotundas negativas (á transferencia das competencias de xestión do litoral» ou a comprometer novos investimentos en sanidade) e adiamentos preguiceiros (para non acordar a axenda de debate do novo modelo de financiamento autonómico). Non houbo oco para triunfalismo ningún, nin tan sequera nos medios máis afectuosos co presidente Rueda; todo quedou reducido a unha crónica esluída sobre un encontro intranscendente.

A pesar de non sufrir gran castigo por parte da oposición parlamentaria e de beneficiarse dun devoto sistema de medios, o liderado de Alfonso Rueda fermenta lentamente e a súa imaxe non gaña gran volume nin como presidente nin como «barón» do partido. A súa axenda social do verán valeulle máis para mellorar en coñecemento que en valoración política. Rueda conserva o monopolio da voz no PPdeG e na Xunta entrementres os outros epígonos manteñen perfís baixos e as súas ambicións son prudentemente agochadas, pero nin así destaca e lidera. A demoscopia apunta unha recuada de apoios e algunha cata —coma o Panel de agosto de Electomanía— mesmo prognostica que o PPdeG pode perder a maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas (PP: 37; BNG: 22; PSdeG: 14; Galicia en Común: 2).

A tendencia á baixa do PPdeG rima mal coa mellora das expectativas electorais do Partido Popular desque Núñez Feijóo ocupa a súa presidencia. As sondaxes evidencian, na súa competencia co PSOE,  unha notable recuperación de apoios cidadáns que converten o Partido Popular, outra volta, na primeira forza política do Estado, aínda que o «efecto Feijóo» comece xa a amosar síntomas de esgotamento. Con todo, arestora é bastante indiscutible que en Galicia o baixo de engado de Rueda aínda é ben compensando polo arrastre electoral de Feijóo. En 2024, na estratexia de campaña haberá pouca sorpresa: Feijóo será o auténtico cartel electoral, o grande activo do PPdeG. Entre os conservadores galegos dáse por lograda a Quinta Maioría se, daquela, Núñez Feijóo é presidente do Goberno.

Horizonte conservador e goberno sen rumbo

A Xunta viuse dramaticamente superada polas situacións críticas que abrollaron neste verán, fosen o colapso da atención sanitaria, a seca, os problemas de convivencia xerados polo turismo masivo, o acelerado encarecemento do custe da vida ou os megaincendios que asolaron Galicia. A falta de prevención e anticipación, os atrasos na posta en marcha das actuacións planificadas e a falta de contundencia de plans de choque improvisados, deitan a imaxe dun Executivo excedido en todo momento polos problemas e que foi incapaz de facerse cargo das súas responsabilidades. A desorientación respecto das prioridades, a demora na toma de decisións, a dilación na posta en marcha de medidas e a desatención dos auténticos desafíos para distraernos con polémicas intranscendentes e realizacións banais, son os puntos cardinais que pautan as actuacións do Goberno de Alfonso Rueda cando as cousas se poñen difíciles.

Todo este cadro de inacción resulta aínda máis grotesco se se acompaña coa lectura do Plan Estratéxico Galego 2022-30 co que, de acordo coa narrativa oficial, se quere «mostrar unha senda previsible, rigorosa e estable de actuación do goberno, impulsar e coordinar as diferentes estratexias sectoriais da Xunta de Galicia a medio prazo». Formalmente, o PEG 2022-30 deseña as estratexias do Goberno galego para enfrontar os retos demográficos e a creación de emprego; é a arquitectura básica «dunha Galicia máis ecolóxica e climaticamente neutra, máis dixital, máis resistente» e o sostén dun «modelo baseado na innovación e o capital humano»; define o marco de acción para «favorecer os valores diferenciais de Galicia como factores de desenvolvemento entre os que destacan a lingua, a cultura e o medio ambiente» e impulsar, tras a pandemia, «unha recuperación sostible, resistente e inclusiva».

O PEG 2022-30 gusta dunha linguaxe pretendida neutral, de gramática tecnocrática, pero responde á construción de futuro da Galicia conservadora. As súas diagnoses poden ser confrontadas cos feitos e moitas das súas directrices poden ser impugnadas por unha nova orde de prioridades.

O PEG 2022-30 gusta dunha linguaxe pretendida neutral, de gramática tecnocrática, pero responde á construción de futuro da Galicia conservadora. As súas diagnoses poden ser confrontadas cos feitos e moitas das súas directrices poden ser impugnadas por unha nova orde de prioridades. A construción dunha nova maioría de goberno en Galicia pasa necesariamente por unha crítica superadora das directrices de longo alento do PEG de Rueda e Feijóo. No outono haberá dos momentos decisivos para confrontar modelos: o debate do Estado da Autonomía e o debate e aprobación dos Orzamentos de 2023. Nesta ocasión, cómpre máis destacar o que BNG e PSdeG cren prioritario facer para enfrontar o devalo do noso autogoberno e a construción dun novo modelo de desenvolvemento que abondar na descrición das ruínas da Autonomía conservadora. A tribuna parlamentaria debería servir para confirmar a idea de que outro goberno é posible en Galicia.

Colaboración e confrontación antagonista

Con todo, a falta de sintonía entre a axenda do PSdeG e a do BNG achica a ventá de oportunidade do cambio político. A tentación de priorizar a confrontación cos (futuros) aliados para diferenciarse e maximizar vantaxes electorais no curto prazo producirá poucos réditos nas urnas e moitos custes en forma de desafección cidadá. Nas súas relacións políticas, as forzas da actual oposición, para poder ser goberno nun futuro próximo, precisan máis de estratexias colaborativas que dunha política agonista. Como quedou en claro en 2005, a derrota do PPdeG foi posible non só pola intensa mobilización dos cidadáns identificados coa oferta do BNG ou as propostas do PsdeG, senón tamén grazas á existencia dun terceiro polo cidadán, non adscrito partidariamente, que estaba claramente comprometido coa necesidade do cambio político.

As retesías entre BNG e PSdeG encoran o cambio a forza de visibilizar imposibilidades. Esas friccións restan e desmobilizan. A crenza de que a competencia electoral entre as forzas da esquerda só pode manifestarse como antagonismo irreconciliable non crea condición ningunha para a creba do dominio conservador.

As retesías entre BNG e PSdeG encoran o cambio a forza de visibilizar imposibilidades. Esas friccións frean o avance. Restan e desmobilizan. A crenza de que a competencia electoral entre as forzas da esquerda só pode manifestarse como antagonismo irreconciliable non crea condición ningunha para a creba do dominio conservador. A condición da competencia na esquerda é mellorar e enriquecer a oferta de cambio político, social e cultural en Galicia.  Canto máis se tarde en asumilo, menores serán as posibilidades de recuperar o autogoberno coma cerna de políticas igualitarias para as maiorías sociais.  A estas alturas xa deberiamos ter aprendido que a competencia antagonista debería reservarse para confrontar co Partido Popular. Competir colaborando é o único marco viable para poñer fin á orde conservadora en Galicia. Equivocarse de inimigo sementará novas e dolorosas derrotas.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]