Domingo 1, Outubro 2023
HomePolíticaO SUR TAMÉN EXISTE

O SUR TAMÉN EXISTE

por Manoel Barbeitos

Días atrás os medios de comunicación nos transmitían diferentes novas sobre Latinoamérica que sendo de moi distinto signo teñen unha mesma raíz: as dificultades e atrancos que atopa a democracia para o seu asentamento nesta rexión. Dificultades que, por caso, se reflicten na difícil situación que nestes intres atravesan dous dos máis significados líderes latinoamericanos: Lula e Morales.

En relación ao primeiro chéganos a nova que millóns de cidadáns demócratas en ámbolos dous lados do Atlántico levabamos tempo agardando: a súa posta en liberdade. Ben é certo que se trata dunha liberdade condicionada, pois a resolución definitiva está pendente dos fallos da Corte Suprema do Brasil aos seus recursos de apelación. Pero agora Lula estará, sen dúbidas, en mellores condicións e maior ánimo para organizar a súa lexítima defensa: “non detiveron un home, tentaron matar unha idea. E unha idea non se pode matar” (Lula).

A nova con relación ao segundo foi realmente inesperada, aínda que entraba dentro do posible se temos en conta o cambiante escenario político latinoamericano no que os militares tiveron sempre un grande e sinistro protagonismo que parecen querer conservar. Evo Morales foi forzado polos militares a abandonar a xefatura do goberno de Bolivia no que non deixa de ser un novo golpe militar sedicioso (“parece un pato, camiña coma un pato e gralla coma un pato: é un pato”) que se suma á longa e terrible lista de golpes militares que teñen prisioneiro a este país. Nos últimos cincuenta anos Bolivia coñeceu cinco ditaduras militares, a cada cal máis violenta e criminal, de forma que se pode dicir que até a chegada de Evo Morales á xefatura de goberno en Bolivia estivo máis tempo baixo ditaduras militares que en democracia.

Luiz Inácio Lula da Silva e Juan Evo Morales Ayma, con todos os seus defectos e erros,  son un claro exemplo de que “o Sur tamén existe”. De que hai dirixentes latinoamericanos sincera e honestamente interesados polo benestar dos seus pobos.

Luiz Inácio Lula da Silva e Juan Evo Morales Ayma, con todos os seus defectos e erros,  son un claro exemplo de que “o Sur tamén existe”. De que hai dirixentes latinoamericanos sincera e honestamente interesados polo benestar dos seus pobos, e moi especialmente por aqueles dos seus cidadáns que peor o están a pasar. Dirixentes que a pesar da brutal ofensiva tanto das oligarquías autóctonas como dun Imperio (USA) e unhas multinacionais (dende as sinistras United Fruit Company e I.T.T. hasta as Standard Oil Company, Mc Donalds, Wal-Mart, Drumond….), sempre dispostos a apoiar golpes militares que aseguren as súas ganancias,  grazas a un indiscutible apoio popular son quen de chegar por vías escrupulosamente democráticas aos respectivos gobernos nacionais para a continuación poñer en marcha políticas que teñen como obxectivo central mellorar as condicións de vida da maioría da poboación. Dunha poboación entre a que a pobreza alcanza índices insoportables (30,2%).

Un pasado de horror

Para mellor entender a historia última de Latinoamerica é necesario atender ás seguintes evidencias históricas. En primeiro lugar que, practicamente dende que rematara a II Guerra Mundial, os pobos latinoamericanos teñen sido vítimas dun rosario de crueis e sanguinarias ditaduras militares (31 ditaduras) das que non se librou practicamente ningún país latinoamericano (18 países latinoamericanos foron vítimas de ditaduras militares entre as que podemos subliñar as de Castillo en Guatemala, Somoza en Nicaragua, Duvalier en Haití, Stroessner en Paraguai, Bordaberry en Uruguai, Videla en Arxentina, Banzer en Bolivia, Pinochet en Chile, Castelo Branco en Brasil….). Ditaduras que ademais de sementar de cadáveres este territorio (aínda que a cifra exacta de vítimas é moi difícil de saber fontes autorizadas sitúanas por riba do medio millón) aplicaron, baixo o patrocinio do chamado Consenso de Washington e co apoio financeiro dos organismos internacionais (FMI, BM) durísimas políticas de axuste estructural. Políticas que tanto dispararon as desigualdades e a pobreza –Latinoamérica pasou a converterse nunha das rexións do mundo con maiores niveis de desigualdade (entre os 14 países con maior desigualdade no mundo 6 son latinoamericanos, con índices de Gini que chegan ao 53,7) que inevitablemente agudizaron os conflitos sociais- como crearon as bases dun auténtico espolio financeiro: entre os anos 1970 e 2000 a débeda externa en toda América Latina e o Caribe pasou dos 33.000 aos 800.000 millóns de dólares a pesares de que tiñan devolto entre os anos 1982 e 2000 como servizo de débeda (xuros máis amortizacións) máis de 1,4 billóns de dólares: catro veces o stock da débeda inicial (1982).

Por se isto non fora suficiente, a violencia disparouse de tal maneira que entre as 50 cidades máis violentas do mundo corenta e dúas están en Latinoamérica. A debilidade democrática, a desigualdade social, a corrupción dos aparatos do estado, o excesivo poder dos militares, as inxerencias estranxeiras, o auxe do narcotráfico… son o caldo de cultivo dunha violencia que ten aos lideres locais e as mulleres como principais vítimas: unha media diaria de 10 mulleres morren vítimas da violencia en Latinoamérica, rexión onde se producen tamén máis asasinatos de líderes medioambientais (321 so en 2018).

Un presente de esperanza

Unha dinámica histórica que empezou a experimentar cambios moi relevantes neste século XXI cando un destacado número de líderes políticos (encabezados por Hugo Chávez e seguidos por Rafael Correa, Evo Morales, Fernando Lugo, Jose Mújica, Lula da Silva, Nestor Kirchner..) aceden por vías democráticas á gobernanza de países latinoamericanos relevantes (Venezuela, Ecuador, Bolivia, Paraguai, Uruguai, Brasil, Arxentina, …). Dirixentes que, coñecedores dos graves problemas que teñen os seus países, puxeron en marcha políticas dirixidas tanto a reducir as enormes desigualdades sociais, prestando especial atención aos sectores da poboación máis desfavorecidos, como tamén a liberarse do bota do imperio para así emprender o seu propio camiño na escena internacional e sen interferencias ocupar no mundo o lugar que lles corresponde.

Co obxectivo de reducir as enormes desigualdades estes gobernos, con diferentes matices e niveis de intensidade, puxeron en marcha políticas públicas expansivas.

Paralelamente, estes dirixentes non esqueceron a necesidade de dar unha visión latinoamericana as súas políticas sabendo que si querían ter éxito debían transcender o escenario nacional. Dende o principios dos seus respectivos mandatos estes dirixentes foron conscientes da perentoria necesidade de unirse e superar as lóxicas diferenzas para así poder cambiar a situación herdada que viña marcada pola total dependencia do Imperio. Neste esforzo pola autonomía fóronse creando importantes organismos rexionais dirixidos a potenciar a cooperación e a solidariedade entre os estados latinoamericanos. Nesa dirección foron a creación da UNASUR (Unión de Naciones Sudamericanas), a CELAC (Comunidad de Estados Latinoamericanos y Caribeños) e o ALBA-TCP (Alianza Bolivariana para los Pueblos de Nuestra América-Tratado de Comercio de los Pueblos). Organismos cos que buscan “consolidar unha zona económica complementaria, diversa, desenrolada, cos seus mecanismos financeiros e monetarios que permitan a Latinoamérica converterse nun poderoso bloque económico que sexa quen de redefinir as relacións comerciais e económicas con Europa, con Estados Unidos e onde Latinoamérica non volva a ocupar o papel de colonia”.

A contraofensiva neoliberal

Estes cambios, que supuxeron un claro e sincero intento de romper co statu quo anterior, que se apoiaba nas ditaduras militares como forma de goberno, e na pobreza e na desigualdade social como forma de vida da maioría da poboación, foron obxectivo de brutais ataques dende o primeiro momento. Ataques que teñen como obxectivo eliminar politicamente, e se fora necesario fisicamente, os novos e populares líderes políticos para así descabezar estes movementos alternativos que cuestionan o secular dominio imperialista. Ataques que baixo o liderado dos USA e dirixidos polo Departamento de Estado  teñen como axentes no terreo ás oligarquías locais, a destacados membros dos exércitos nacionais –educados nos escolas militares do Estados Unidos-, aos aparatos xudiciais e a maioría dos medios de comunicación e opinión.

Nesta ofensiva contra líderes políticos latinoamericanos progresistas Lula foi sempre un dos obxectivos prioritarios por varias e importantes razóns. En primeiro lugar por que Brasil é a maior potencia latinoamericana o que lle outorga un papel de liderado indiscutible. Un liderado que alcanzou recoñecemento internacional: velaí a entrada na escena mundial dos BRIC. En segundo lugar por que Lula, que ven do mundo sindical como Evo Morales, non é un militar (como, por caso, H. Chavez) nin un intelectual (como R. Correa) e, xa que logo,  ten a imaxe dun líder máis popular en toda latinoamérica. Finalmente, porque Lulanunca escondeu as súas diferenzas co chavismo, o que lle fixo gañar simpatías entre sectores progresistas críticos cos dirixentes venezolanos. Circunstancias todas que o converteron en moi perigoso a ollos do Impero que, con dirixentes como Lula, ve perigar seriamente o su liderado imperialista en Latinoamérica.

Algo parecido, aínda que dende outra perspectiva, sucede con Evo Morales. Este gobernante, logo das súas repetidas vitorias electorais, estaba convertendo Bolivia nun modelo de éxito, de desenvolvemento autónomo e progreso social en democracia exportable a toda Latinoamérica. Un modelo que cuestiona o dominio imperialista e potencia a autonomía rexional. Un modelo que, xa que logo, hai que extirpar polo ben do Imperio. Velaí as razóns últimas do novo golpe militar.

A difícil conxuntura que atravesan Brasil e Bolivia, como tamén sucede con Guatemala Ecuador, Perú, Paraguai, Chile….. non deberan, nembargante, facernos pensar que en Latinoamérica se está producindo un cambio de ciclo. Como ben subliña o excelente periodista Adolfo Serrano Mancilla, gran coñecedor da realidade latinoamericana “nin fin de época nin fin de ciclo. Nin tampouco hexemonía conservadora. A rexión segue en disputa. Sempre o estivo e o estará. E neste péndulo, ao día de hoxe, Latinoamérica é máis progresista que onte”.