Xoves 30, Novembro 2023
HomePolíticaO PAC E O FUTURO DO CAMPO GALEGO

O PAC E O FUTURO DO CAMPO GALEGO

Texto Xacobo Feijóo Lamas 

Se se me preguntara cales son os dous principais factores que máis condicionarán o futuro do campo galego nos vindeiros anos que se corresponden co próximo período de programación (2021-2027) dos fondos da PAC, eu diría que será o acerto ou desacerto en responder correctamente a estas dúas preguntas: debe cobrar as axudas da PAC o propietario da terra ou quen as utiliza para producir? Como imos organizar en Galicia a mobilidade das terras no inmediato futuro? 

A primeira pregunta ten que ver coa renda dos produtores agrarios. Non podemos pretender que a xente siga na agricultura e a gandería se segue agrandándose fenda entre as rendas dos cidadáns do urbano e do ruralSendo ben sabido na teoría económica que a produción primaria ten limitacións para remunerar os produtores unicamente vía prezo das producións agrarias (inelasticidade da demanda, oscilacións de prezos, colleitas dependentes das condicións agroclimáticas), os reforzos de renda mediante pagos directos seguen a ser fundamentais para cohesionar o mundo rural e urbano.

Na actualidade, en Galicia os pagos directos da PAC (ou “Primeiro  Piar” da PAC) supoñen no 2019 uns 170 millóns de euros entre 33.000 perceptores, cubrindo unhas 475.000 hectáreas de superficie en produción, o que dá unha media de reforzo de rendas de 5.150 euros por perceptor e ano. Estes fondos percíbenos fundamentalmente explotacións lácteas, de carne de vacún e vitícolas, ademais dos agricultores en réxime ecolóxico e apicultores, en réxime de pago básico, “verdeo” e distintos pagos acoplados. Hai outros subsectores, como a gandería intensiva de porcino ou aves, que están fora deste réxime de pagos. 

Para o conxunto de España hai uns 900.000 perceptores das axudas directas da PAC, dos que unicamente 300.000 son profesionais, e o resto maiormente xubilados e propietarios absentistas das terras. Por iso, un agricultor francés cobra de media 20.000 euros ao ano fronte aos 5.150 euros dun galego. 

Se examinamos as tendencias dos últimos anos, atopamos que en Galicia hai 50.000 hectáreas menos con dereitos de cobros destas axudas que no anterior período de programación dos fondos (2007-2014), axudas estas que supoñen unha media do 30% dos ingresos das explotacións galegas. Representan un 3% dos fondos de España (cando Galicia conta co 16% das explotacións), e un 40% destes fondos son cobrados por persoas maiores de 65 anos. Os datos amosan que para o conxunto de España hai uns 900.000 perceptores das axudas directas da PAC, dos que unicamente 300.000 son profesionais, e o resto maiormente xubilados e propietarios absentistas das terras. Por iso, un agricultor francés cobra de media 20.000 euros ao ano, reforzando así as súas rendas, fronte aos 5.150 euros dun galego. 

Se afinamos aínda máis, veremos que só nas cidades de Madrid, Barcelona, Sevilla, Valencia, Zaragoza, Córdoba e Valladolid hai censados “agricultores de salón”, propietarios de terras e xubilados, que cobran anualmente uns 380 millóns de euros, o dobre do que perciben os 33.000 agricultores galegos. 

Todos estes datos cualitativos póñennos na pista de dúas reformas moi importantes de cara ao próximo período de programación da PAC: cómpre unha acción valente e decidida por parte da UE e por parte do Ministerio de Agricultura de España para poñerlle un tope á cantidade máxima que se pode cobrar por explotación (competencia UE), pero sobre todo para que cambie a figura de quen ten dereito a percibir as axudas (competencia dos estados membros), que teñen que pasar a ser cobradas por quen traballa a terra e a pon en produción, e non polo propietario da terra. Francia, país que tomou en serio esta reforma hai máis dunha década,  conta cun sector agrario de gran saúde e vitalidade en comparación co español.  

Mobilidade das terras 

Estas reformas das axudas directas da PAC, ou do primeiro piar, para que estean xustamente repartidas e cheguen realmente a quen está na actividade agraria, téñense que acompañar de medidas novidosas que incidan na mobilidade de terras. Está claro que o acceso á terra é un dos principais problemas estruturais das explotacións galegas, debido ao minifundio, a falta de dinamización dos terreos de concentración parcelaria, á fiscalizade perversa dos alugueiros de terras e a falta dun marco xurídico que faga imposible na práctica que unha terra agraria estea fóra da produción (como ocorre en Francia, onde un terreo agrario ou está en produción polo seu propietario, ou posto en aluguer, ou mantido en condicións agronómicas estables, pero nunca abandonado polo propietario). 

Cunha reforma do marco legal da mobilidade de terras pivotando sobre un Banco de Terras efectivo, garantiríase a dispoñibilidade do acceso á terra para as explotacións que precisasen ampliar a súa base territorial, e tamén para os mozos que se quixesen incorporar pero que carezan de terras en propiedade. 

Teñamos en conta que ao final do período de programación 2021-2027, dentro dunha década, probablemente queden en activo unicamente un terzo dos agricultores e gandeiros actualmente activos en Galicia. Simplemente pola pirámide de idade dos cotizantes agrarios: na próxima década vaise xubilar un 70% dos profesionais, e as estimacións indican que nese mesmo prazo temporal unicamente se vai incorporar á actividade un 5% do censo actual. 

Que medidas se van tomar para garantir que toda a superficie que cesa quede dentro da actividade e non se sume ao abandono, e para que se incorpore a mocidade á actividade agraria 

Unha solución sería exixirlles aos propietarios de terreos agrarios que toda a superficie agraria teña que estar permanentemente coidada e rozada, sancionándose a quen incumpra este principio. As opcións dun propietario dunha parcela agraria serían a de producir el mesmo, a de arrendar esa parcela a un produtor, ou a de mantela desbouzando cada ano.  

Pero para que este sistema non sexa inxusto cómpren dúas iniciativas previas, a poñerse en marcha antes dun réxime sancionador. A primeira delas, crear un Banco de Terras verdadeiramente operativo, de xeito que calquera propietario poida cederlle os dereitos de arrendamento da súa parcela agraria, percibindo desde ese momento unha renda o propietario, facéndose cargo ademais dos custos de mantemento da parcela ata que atope un arrendador interesado nela. Desa maneira, o mantemento da parcela sen uso non sería unha carga para o propietario. A segunda iniciativa sería a reforma da fiscalizade dos arrendamentos agrarios, de xeito que percibir unha renda polo alugueiro a un xubilado non lle supoña a perda automática do complemento de mínimos da súa pensión. 

Polo tanto, cunha reforma do marco legal da mobilidade de terras pivotando sobre un Banco de Terras efectivo, garantiríase a dispoñibilidade do acceso á terra para as explotacións que precisasen ampliar a súa base territorial, e tamén para os mozos que se quixesen incorporar pero que carezan de terras en propiedade (isto último algo impensable a día de hoxe en Galicia, onde a incorporación dun mozo que non teña terras en herdanza familiar é unha quimera). 

E se esa explotación, que tería así garantido o acceso á terra que precise, pasa a percibir ademais os complementos da renda do primeiro piar da PAC en vez do propietario absentista da terra, tería sentada as bases mínimas da súa competitividade en condicións similares as doutros países da Unión Europea cos que temos que competir. 

 Os fondos de desenvolvemento rural 

E no que respecta aos fondos do Segundo Piar da PAC, ou Fondos do Desenvolvemento Rural? A diferenza dos fondos do Primeiro Piar que vimos de examinar, estes fondos non os paga integramente a UE aos beneficiarios, senón que teñen que ser cofinanciados por cada Estado membro, e programado o seu investimento dentro dun PDR, ou Plan de Desenvolvemento Rural. 

Non se coñece aínda o Regulamento da UE que fixará a aplicación dos fondos de Desenvolvemento Rural para o próximo período de programación 2021-2027, aínda que as perspectivas financeiras da UE permiten anticipar un recorte orzamentario dun 20% para Galicia no próximo período de programación. Non obstante, a experiencia na aplicación da última década permitiría establecer as prioridades na definición do próximo PDR de Galicia. 

Así, os fondos do Segundo Piar da PAC, terían que se distribuír do seguinte xeito: a) atendendo todas as solicitudes de instalación de mozos/as e de Plans de mellora. b) cobrando os agricultores e gandeiros das zonas desfavorecidas os módulos máximos, por cabeza ou por hectárea, das indemnizacións compensatorias que permita o Regulamento da UE. c) o mesmo para os pagos por cabeza ou por hectárea das Medidas Agroambientais. 

E unha vez atendidas así estas prioridades, terían que ser atendidas subsidiariamente o resto das Medidas do PDR ata completar a dispoñibilidade orzamentaria. 

Un uso intelixente da PAC 

Proceder a estas reformas, abordalas con enerxía e convencemento, correndo incluso o risco de equivocarse (pero evitando o maior erro que sería “non facer nada”), é moito máis importante que perderse nos detalles, ou lamentarse de se se van recortar os fondos dispoñibles en maior ou menor porcentaxe. 

As ferramentas e instrumentos da PAC están dispoñibles, con suficiente flexibilidade para adaptárense ás nosas necesidades. O seu uso intelixente xunto con reformas estruturais que garantan mobilidade de terras e acceso da mocidade ao campo, poden sentar as bases para que afrontemos o inmediato futuro do rural e do campo galego, con realismo e optimismo.  

Camiño nada fácil e sinxelo, o cal non xustifica o desalento.

___________

Consulte tamén esta entrevista con TOMÁS GARCÍA AZCÁRATE, experto en PAC.