Damián Villalaín
Cada vez falta menos para o 9 de novembro de 2014, día sinalado nas axendas políticas todas por ser para uns a data histórica na que Cataluña decidirá se quere ser un Estado independente, e para outros o día da consulta ilegal que de ningunha maneira se vai celebrar. Para a maioría supoño que se trata sobre todo dunha data marcada pola incerteza e mesmo pola inevitable inquedanza que se deriva da contemplación de dúas razóns e dous poderes que fixeron todo o posible para non chegar a ningún tipo de entendemento.
Razóns teñen tamén os cataláns que queren a independencia, tantas polo menos como os que non a queren. No debate esgrimíronse argumentos de todo tipo, desde os máis trucados, baseados na incrible emotividade que aínda son quen de espertar reais ou inventados agravios históricos, ata os máis (relativamente) obxectivables, que son os que adoitan atopar fundamento na economía. Aínda sen chegaren os asuntos económicos a hexemonizar o debate sobre a independencia na mesma medida en que o fixeron en Escocia, é evidente que as cuestións relacionadas co diñeiro, co nivel de vida e coas expectativas dunha maior riqueza futura están a ser elementos moi importantes para que os cidadáns de Cataluña se coloquen do lado do si ou na beira do non. A propia Generalitat puxo en marcha un Consello para a Transición Nacional que ten como principal encarga a elaboración de informes detallados e rigorosos, aínda que cun carácter inevitablemente desiderativo, sobre as consecuencias económicas da independencia. Trátase de que os cataláns se convenzan de que teñen algo grande que ganar coa independencia –uns 12.000 millóns de euros anuais– e de que, por tanto, os riscos da aposta merecen a pena.
Como o goberno de España non só está, loxicamente, en contra da secesión de Cataluña, senón que ademais prohibe a realización do referendo por consideralo ilegal, nin sequera contempla a posibilidade de que o escenario deseñado por CiU e ERC chegue a tomar corpo máis alá dos papeis e os pronunciamentos políticos. Por tanto, non encargou, que se saiba, informe ningún sobre como podería afectar á economía española unha hipotética separación e limitouse a advertir reiteradamente que o divorcio suporía a inmediata exclusión de Cataluña da UE e do euro. Porén, fóra do ámbito gobernamental, todos os economistas coinciden en que a marcha de Cataluña significaría un pau, non letal pero si dalgunha gravidade, para a economía española.
No País Vasco, lugar onde aínda se xestionan asuntos tan delicados como os que comporta a desaparición definitiva do terrorismo (conlevanza, memoria, vícimas, presos, etc.), o proceso catalán obsérvase con expectante simpatía, pero está a manexarse cunhas altas doses de prudencia política e sen ningunha clase de mimetismo. De momento, o único que imitaron de Cataluña foi a substitución do anticuado e un pouco terceiromundista dereito de autodeterminación polo máis posmoderno e de deseño dereito a decidir, habilísimo achado da retórica política nacionalista. Os abertzales vascos están á espreita, seguros da súa maioría soberanista e na fase de pedir informes sobre os efectos dunha hipotética separación. É probable que as próximas eleccións nesa comunidade resulten decisivas para que Euskadi se encamiñe polo pragmatismo da actual dirección peneuvista –o concerto vasco supón unha independencia fiscal case plena e dentro da UE– ou pola incerta épica secesionista que non tardará en alentar Bildu. En calquera caso, por causa do privilexio constitucional vasco, unha posible independencia catalá tería uns efectos sobre a economía de Euskadi (e sobre a navarra) moito máis febles ca no resto de España.
O que parece certo é que as comunidades pobres, entre as que se inclúe Galicia, si verían seriamente prexudicadas as súas economías pola independencia de Cataluña. A recente publicación gobernamental das balanzas fiscais, con todo o discutidas que estas poidan ser en detalles non esenciais, non fixo máis que confirmar o que todo o mundo sabe: utilícese o método de cálculo que se utilice, Galicia figura entre as comunidades máis beneficiadas por un sistema de financiamento territorial no que só achegan substancialmente máis do que reciben Madrid, Cataluña, Baleares e Valencia. Os territorios ricos. Por iso non acaba de entenderse o entusiasmo nada disimulado co que a maior parte dos nacionalistas galegos acolleron desde o primeiro momento a proposta independentista de Artur Mas.
Descartado de entrada o masoquismo como posibilidade explicativa, queda outra opción, que é a de sospeitar que o nacionalismo galego se lanzou a apoiar a causa independentista catalá de forma un tanto irreflexiva, sen informes nin estudos económicos de por medio, por pura solidariedade negativa contra o inimigo común, o Estado español. O paradoxal desta posición é que aqueles que máis din empeñarse na exclusiva defensa dos intereses de Galicia estarían apoiando unha causa obxectivamente gravosa para os galegos, polo menos desde o punto de vista económico.
Por suposto, non todo é economía e seguramente son moitos os que esperan que o proceso catalán acabe xerando unha conxuntura política de creba que desemboque no exercicio galego do dereito a decidir. Pero ninguén parece pensar que tampouco un escenario coma este garantiría de seu unha súpeta asunción por parte da cidadanía galega dos postulados independentistas maioritarios, polo visto, en Cataluña e Euskadi, é dicir, en dúas comunidades ricas que foron definindo proxectos nacionais autocentrados, capaces de erixirse en alternativas viables, non só nos planos simbólico e cultural, ao proceso nacionalizador español. En fin, todo o contrario que Galicia.
Talvez o BNG, mergullado hoxe nun mimetismo político que linda co delirante, logre autopersuadirse da exactitude das contas da leiteira que tan afeccionado é a botar. Case ten graza ter que lembrarlle que Galicia é un sitio distinto, unha realidade de seu con características propias. Que esa realidade sexa teimudamente reticente ás propostas nacionalistas é un problema que non se resolve confundindo Galicia con Cataluña. E aínda menos sen informes e estudos económicos como eses que fan os cataláns e xa están a pedir os vascos.