por Manuel M. Barreiro
Naqueles días, Feijóo fixo todo o que puido para conter a fuga de votos críticos cara Democracia Ourensana (DO). Enxalzou a Vázquez como «o mellor alcalde das 7 grandes cidades de Galicia» e chufou «a súa paciencia, resistencia, determinación, traballo, ganas, balance, proxecto, ilusión e futuro». A pirotecnia laudatoria do presidente era cegadora, pero non impedía ver o rotundo fracaso da xestión de Vázquez malia as axudas do goberno amigo de San Caetano.
Jesús Vázquez sumara, en 2015, 10 concelleiros e o 31% dos votos e, na tirada de 2019, caeu até o 22,56% e 7 actas. O devalo electoral do PP na cidade nos últimos 12 anos é desolador. Desde as primeiras eleccións locais de 1979, os conservadores de AP/PP nunca tiveran un resultado tan malo.
DO: Descontento ourensán
Democracia Ourensana estreouse nas eleccións de 2003 cun lamentable rexistro: 284 votos. O partido xurdira, en 2001, a iniciativa dun grupo de amigos que, compartindo unha afección común –a música–, estaban descontentos coa «discriminación de Ourense». Fernández Fasero, un dos fundadores, sinala: «Sen Gonzalo, non existiría DO, é o seu proxecto persoal».
O líder de DO encaixa no retrato dos políticos populistas que compuxeron Ferran Martínez i Coma e Alessandro Nai: «Desagradables, narcisistas e potencialmente exasperados, pero extravertidos e socialmente audaces; en resumo, malhumorados e provocadores, pero carismáticos», e especialmente intensos no que denominan a «tríade escura»: narcisismo, psicopatía e maquiavelismo.
Empresario, Jácome dirixe Jolper Música, un negocio familiar de instrumentos musicais e servizos de son. Emprendedor, promove espectáculos como a sonada carreira de escaleiras de edificios no Hotel Bali de Benidorm. Empresario político, funda Democracia Ourensana e, despois de reiterados reveses electorais, chega á conclusión de que para construír o partido, precisa audiencia e así, en 2010, crea unha televisión local, Auria TV, para discutir a La Región o dominio informativo local.
A grella de Auria TV acubillará o programa de sátira política Planeta Baltar, a MiñoMán, un superheroe ourensán que loita contra o caciquismo, ou a El Puñetas, un ferinte ridiculizador. Todo un mix de antipolítica, humor choqueiro e información contenciosa, maldicente e tendenciosa. Agitprop en bucle cunha audiencia diaria de 35.000 espectadores.
Nacida do «descontento», DO beneficiouse ademais da indignación que abrollaría en 2011. O descrédito de PP e PSOE denunciado polo 15M axudoulle a abrir o campo institucional: DO logra actas municipais para Jácome e Susana Gómez. «Nin de esquerdas, nin de dereitas, de Ourense» será unha das súas divisas doutrinarias. Especializados en campañas negativas, na descualificación basta, no caudillismo histriónico e na xudicialización da vida municipal, gañan popularidade, cobran réditos políticos coas súas denuncias e convértense no látego mediático de Xosé Manuel Baltar.
A Pérez Jácome sácanlle parecidos con outros «empresarios políticos»: Berlusconi, Ruíz Mateos, Jesús Gil… O líder de DO encaixa no retrato dos políticos populistas que compuxeron Ferran Martínez i Coma e Alessandro Nai: «Desagradables, narcisistas e potencialmente exasperados, pero extravertidos e socialmente audaces; en resumo, malhumorados e provocadores, pero carismáticos», e especialmente intensos no que denominan a «tríade escura»: «Narcisismo (condutas de reforzo do ego, tendencia a buscar atención e admiración), psicopatía (falta de afecto, falta de remorsos, insensibilidade) e maquiavelismo (tendencia a usar a manipulación e comportamentos estratéxicos)».
Preparando o gran salto adiante
A primavera municipalista de 2015 rexistra o soado éxito das mareas municipalistas en Ferrol, Compostela e A Coruña… e de DO en Ourense. Malia sufrir a súa primeira crise coa marcha do partido de Susana Gómez, DO é a segunda forza política local, cuadriplica a súa representación e faise con 1 de cada 4 votos. A maiores, consigue 2 actas en Pereiro de Aguiar e outras 2 en Barbadás, pasa a ter representación na Deputación Provincial, e abre así unha nova fronte de loita contra Baltar.
A correlación de debilidades das dúas dereitas traballou en favor dun acordo entre os dous inimigos irreconciliables. A solución: unha repartición de poderes. Cativo do seu bipolarismo, Jácome amosárase partidario de pactar mesmo co Demo para acadar a alcaldía ourensá. O «fantoche cacique» e o «político letal», bendicidos por Núñez Feijóo, asinaron un pacto de non agresión e axuda mutua.
Jácome denuncia un pacto escuro entre PP e PSOE para impedir o seu acceso á alcaldía e entrégase con renovada intensidade aos labores de acoso ao PP en Ourense e á fiscalización da Deputación, multiplica as denuncias contra o nepotismo do PP e exerce como acusación particular contra Baltar Blanco nun caso de acoso sexual, suborno e tráfico de influencias.
Jácome prepárase para o gran salto adiante, pero a proxección electoral de DO sufrirá unha seria derrota nas autonómicas de 2016. A listaxe encabezada por Miguel Caride arrepaña na provincia de Ourense tan só 7.679 papeletas, o 4,42% dos votos. Jácome lonxe de desanimarse, desborda en capacidade de confrontación ao PSdeG e a Ourense en Común, intensifica o seu asedio a Jesús Vázquez e Baltar, e inicia unha xorda guerra mediática contra La Región (beneficiaria de pingües contratos coa Deputación). Nun dos cumes do seu paroxismo antagonista, Jácome chama a Baltar «psicópata de gravata» e «cadáver político».
A pragmática alianza de dous inimigos irreconciliables
Non houbo sorpasso de DO ao PP o 26-M de 2019. O PsdeG, favorecido polo efecto Sánchez, foi a lista máis votada. Ciudadanos obtivo 2 concelleiros. O BNG volveu ao Salón de Plenos e desapareceu Ourense en Común. Retrocederon o PP e DO. Jácome recuou do 25,45% dos votos ao 21,54%; logrou, con todo, igualar en representación ao PP, pero perdeu unha acta.
O sudoku municipal facía impracticable un goberno PSdeG-BNG mesmo sumando a Ciudadanos. Un acordo de Cs e PP tampouco abondaba. Os tempos non estaban maduros para unha Gran Coalición PSdeG-PP e unha alianza de PP e DO era unha solución impensable.
Baltar perdera a maioría absoluta na Deputación Provincial. A correlación de debilidades das dúas dereitas traballou en favor dun acordo entre os dous inimigos irreconciliables. A solución: unha repartición de poderes. Cativo do seu bipolarismo, Jácome amosárase partidario de pactar mesmo co Demo para acadar a alcaldía ourensá. O «fantoche cacique» e o «político letal», bendicidos por Núñez Feijóo, asinaron un pacto de non agresión e axuda mutua.
Achantou Jesús Vázquez, e cos votos do PP Jácome fíxose coa alcaldía o 15 de xuño de 2019. 13 días máis tarde, Baltar foi investido presidente da Deputación co voto de 12 deputados do PP e 2 de DO. «Somos un goberno único», ratificaron Baltar e Jácome.
O acordo de alianza das dúas dereitas incorporaba unha cláusula definitiva: «Democracia Ourensana é un partido de ámbito local e provincial. E, en base á lealdade mutua, renuncia a competir electoralmente co Partido Popular en procesos que transcendan os límites xeográficos da provincia. Polo tanto, non se presentará ás eleccións autonómicas, xerais ou mesmo europeas».
Ourense non adoita ser lugar de alianzas duradeiras, aínda así Jácome cedeu para encomendarse a súa misión municipal: «Salvar a cidade de Ourense». Sen contrapesos en DO, incapaz de manter o mínimo equilibrio emocional ou político, a mestura de mesianismo, autoritarismo, incontinencia verbal e narcisismo fixo que se prodigase en titulares delirantes, decisións fantasmais ao tempo que deixaba á luz a súa notable incompetencia como gobernante e xestor. Con Jácome, Ourense mellora para mal.
A ofensiva baltarista
É improbable que Jácome se decatase de que el tamén estaba na nómina de perdedores das autonómicas do 12X. O PP tivo no concello de Ourense o 45,76% dos votos, lixeiramente por riba da suma de PP e DO nas municipais do ano anterior (44,11%). Ciudadanos e Vox foron reducidos á insignificancia. A partir de aí, o PP comezou a traballar para recuperar a súa posición de «dereita global» en Ourense. A cuarta maioría de Feijóo creaba inmellorables condicións para logralo.
Por outra banda, o 12X inaugurou unha nova etapa na vida orgánica do PPdeG na que, pensando na sucesión de Feijóo, se inicia unha tirapuxa entre as distintas familias conservadoras para acumular forzas e poder. Baltar, como bo barón territorial, sabe o que vén e moverá pezas para reforzarse e facerse valer.
O baltarismo perdeu poder nas municipais e nas autonómicas, que pasou a compensar con agresivas operacións de transfuguismo. Desde xullo, Baltar sumou 4 novas alcaldías: Laza aproveitando as desavinzas entre as forzas progresistas; Castrelo do Miño, San Xoán de Ríos e Viana do Bolo co apoio de tránsfugas. O PP controla arestora 60 das 92 alcaldías de Ourense. A brillante folla de servizos de quen en 2010 prometeu que «Ourense ía cara ao caciquismo cero».
A voadura incontrolada de DO
Sexa desenganado polas arroutadas de Jácome ou vencido pola sutil persuasión, alugueiro ou merca de vontades de Baltar, Miguel Caride, deputado provincial de DO, rendeulle vasalaxe e blindoulle a maioría na Deputación. Desmarcado de Jácome, Caride será quen, estreando novas lealdades, liderará o motín no grupo municipal de DO.
A maiores do estímulo baltarista ao motín, o autoritarismo mesiánico de Jácome actuou como un poderoso catalizador do descontento e a descomposición de DO. Os abandonos de outrora fieis correlixionarias como Susana Gómez, en 2015, disconforme co seu «estilo», ou Laura Nóvoa, en 2019, evidenciaron o seu despotismo. Doída por ser relegada nas listas electorais, Nóvoa explicaba o réxime interno de DO: «É o seu partido, a súa empresa privada, manéxaa ao seu xeito. Jácome toma as decisións, non se deixa asesorar demasiado, é de ordeno e mando».
Os amotinados sinalan agora que populismo disparatado de Jácome é unha catástrofe para Ourense: «O seu soño de ser alcalde é un pesadelo para os demais». Caride e outros concelleiros disidentes poñen en dúbida de que «estea capacitado nin ética nin formativa nin psicoloxicamente para gobernar a cidade». Avéntanse malas prácticas e apropiación indebida dos fondos do partido. Denúncianse na fiscalía. Hai acusacións recíprocas de traizón e retirada de competencias. O PP abandona o goberno. O Pleno reproba o alcalde.
A solución máis simple pasa pola gran coalición PSdeG-PP ou PSdeG-PP-DO. Baltar confía en que a presión e a impotencia desfonden a Jácome. Nestas condicións é improbable. Máis ameazante é a súa posible inhabilitación tras unha longa e sucia guerra xudicial. Jácome ten Auria TV para difundir malestares e defenderse. Conta coas amplas competencias da alcaldía para resistir e dar a súa última batalla.
Jácome arreponse e enrócase. Sabe da difícil alquimia que require unha moción de censura contra el. O sudoku municipal non axuda. A normativa antitransfuguismo complica a aritmética. Con PSdeG, BNG e Ciudadanos non chega. A solución máis simple pasa pola Gran Coalición PSdeG-PP ou PSdeG-PP-DO. Baltar confía en que a presión e a impotencia desfonden a Jácome. Nestas condicións é improbable. Máis ameazante é a súa posible inhabilitación tras unha longa e sucia guerra xudicial. Jácome ten Auria TV para difundir malestares e defenderse. Conta coas amplas competencias da alcaldía para resistir e dar a súa última batalla.
Ourense pagará as contas dun novo goberno fracasado. No seu búnker é posible que Jácome non se lembre das súas palabras na toma de posesión: «Ser alcalde nada me di se non podo cambiar a cidade», pero seguro que si escoita esa voz interior que o acompaña desde 2001: «Son o mellor, con diferenza, para ser alcalde. Son o mellor xestor».