Artigo inserido no dossier A herdanza de Feijóo publicado no número 184 da revista TEMPOS NOVOS (setembro 2012)
por Xurxo Borrazás
A chegada de Feijóo en 2009 interpretouse como a marca de que o temón do PP cambiaba de mans, pasaba da boina ao birrete. A imaxe é ocorrente, literaria, amábel, para referirse de feito ao paso do franquismo ao neoliberalismo, do caciquismo populista e autoritario ao todo pola pasta, a revolución dos ricos contra os pobres, isto é… a loita de clases.
A nova orde determina que os principios ideolóxicos non son un obxectivo en si mesmo, deben ser dúctiles, substituíbeis e estaren ligados aos dous obxectivos máximos que son: a imaxe persoal como xestor eficiente, submiso a quen corta o bacallau do PP en Madrid, e a transferencia de riqueza do sector público cara ao privado, co conseguinte beneficio económico das elites adiñeiradas. A solidez dos seus principios viuse cando redactou unha axenda de traballo para o parlamento e dous días despois disolveuno porque llo ordenaron aló. Ou no persoal cando se rodeaba de sotanas e logo, tanto se é certo o que din del como o que el di de si mesmo, vivía en pecado mortal.
Feijóo non foi o representante máximo dunha comunidade histórica, foino da república independente de si mesmo e, polo que contan, mesmo se cría fisicamente atractivo e con magnetismo persoal. En palabras de Xosé Manuel Pereiro, cando facía surf pensaba que era el o que dirixía a onda. O seu concepto de Galiza quedou patente cando visitou o lume xa apagado nas Fragas do Eume, desta vez sen mangueira, e ante a prensa declarou que tamén ardía en Asturias, o lume estaba a afectar “en xeral a todo o noroeste”. Velaí o grao de emoción e de identificación coa terra: un anaco do noroeste da piel de toro.
Feijóo non representou a cidadanía, nin o territorio nin a historia, foi o técnico liquidador dos activos dunha empresa con problemas de liquidez, coma o chatarreiro que despeza os aparellos e vende esas pezas a prezo de saldo. Hai técnicos que liquidan Viaxes Marsáns e hainos que liquidan Galiza. Que un servizo ou un ben pase de ser público a ser privado non só implica un cambio de modelo de xestión, é unha perda democrática porque a comunidade deixa de poder decidir sobre el, mesmo deixa de ter acceso a el. Cando un edificio histórico público se converte en hotel privado e de luxo, a comunidade perde ese ben e debe conformarse co pracer neurótico de que sexan outros os que gocen del. Nós mesmo pagaremos entrada para ver como os ricos o pasan bomba.
Hai tres anos e medio o propio PP, axudado pola lei electoral, viuse sorprendido e acadou o goberno. Esa sorpresa foi aproveitada pola caverna, galega e madrileña, para atribuírse o mérito e pasar factura. A galega pedía cartos, e fóronlle concedidos: “Os voy a repartir Galicia, os voy a dar una herencia de puta madre”, confesoulle daquela un alto cargo do Xacobeo a uns empresarios. A caverna madrileña pedía combater os tépedos avances galeguistas do bipartito e a nova Xunta arrincouse a desmontar Galiza coa guerra aberta do decreto do ensino que encheu varias veces as rúas e prazas de Compostela, continuada co desprezo explícito e o baleirado da política cultural e do fomento das súas industrias, a asfixia dos medios de comunicación galegos e a renuncia á defensa e a promoción da lingua, o factor individual que máis sentido lle dá á existencia do autogoberno. Todas esas medidas supoñían dentadas ao patrimonio común e ao sector público. A deterioración culminouse, seguindo unha lóxica impecábel, coa eliminación da consellería de cultura. Total pa que?
O cosmopaletismo
A programación cultural e as relacións entre a política cos intelectuais e os produtores culturais son sen dúbida un dos campos máis idóneos para observar o xogo ideolóxico. Antes de ser suprimida, a Consellería de Cultura estivo okupada por un cosmopolitan chisgarabís que no Gaiás nos ía montar unha réplica mellorada do MoMA, o Guggenheim e a Scala, todo a un tempo e ao tempo que cada vez que abría a boca rebaixaba a nosa produción artística a un refugallo espiñento e acomplexado. Non lle faltaron ollos, mans e torsos que o abrazasen e lle risen a súa espontaneidade.
O modelo era o dun consumidor de caviar, non o dun produtor de pan. O resultado: a morte lenta das compañías teatrais, os festivais e o CDG, os problemas das editoriais e as asociacións, o abandono da formación musical, dos museos, etc. Como ben expresara a concelleira de Cultura da Coruña, as actividades eran “demasiado gallegas”, ata que chegaron ela e o admirador de Millán Astray para poñernos firmes.
Unha das primeiras decisións do chisgarabís fora eliminar os Premios Nacionais da Cultura Galega. Desde o punto de vista ideolóxico, máis reveladora que a supresión foi a súa reinstauración, quitándolle o de nacionais, retirándolles toda dotación económica e suprimindo categorías como Arquitectura ou Pensamento científico, xesto que lembraba o franquismo prohibíndolle a Grial traducir filosofía alemá ao galego.
O pouco que se investiu en cultura fíxose cun lema repetido: a cultura galega ten que saír fóra, tense que exportar. O que subxace no lema é que a cultura vale en tanto mercadoría, non como expresión crítica e artística colectiva ou individual. Tamén que “estamos dispostos a dar unha esmola sempre que se agradeza, e sobre todo que o produto non teña impacto social en Montealto, en Coia, nas Lagoas ou en Viveiro. Que o teña en Lorient, en Frankfurt, en Boloña ou en Bos Aires, canto máis lonxe mellor. Por iso, polo seu éxito interno, se suprimiu o Culturgal, e ante as protestas retomouse coa condición de que non se celebrase na Coruña, mellor recluílo en Pontevedra, a cidade con menos poboación e un territorio perdido para a reevanxelización popular.
E de paso afórrase
Todos os recortes supoñen un menor gasto que é cualificado como austeridade e aforro, tanto en cultura como en medicamentos, dependencia, infraestruturas, educación… Tal reforma supón un aforro de tanto. Aforro para quen? Para o goberno que transfire o gasto ou a carga da precariedade sobre a poboación. E que fai o goberno co que aforra? En educación, por exemplo, o que aforra no ensino público (coas súas cifras) desvíao cara aos centros relixiosos integristas en nome da liberdade de elección. O que aforra coa eliminación de profesorado destínao a contratar empresas para burocratizar ata a tortura chinesa os docentes que quedan, en nome da excelencia, gasto que ataca a calidade do ensino e para o que non faltan cartos. O que nun hospital se aforra pechando quirófanos, invístese en contratar a Tom Jones ou na Vuelta ciclista a España. Gasto en manter as deputacións provinciais opacas, caciquís e antidemocráticas que financian touradas, equipos de fútbol, viaxes ou paparotas, imprescindíbel. Gasto en manter os 75 deputados do parlamento elixidos nas eleccións para representar á cidadanía, ruinoso. No Parlamento o que fai falta é un comedor VIP e asesores e coches e choferes para unha presidenta cun soldo que dignifique o seu cargo.
Conclusión, a austeridade non debe converterse en dogma. Austeridade que comporte redución do sector público e dos servizos básicos, ben. Gasto que premie as empresas amigas e as operacións con cazo, mellor. Gasto ou austeridade que evite que os ricos paguen a sanidade dos pobres ou dificulte que a xuventude con menos recursos acceda á universidade: primordial!
A lexislatura abriuse co decreto do ensino e pechouse co trending topic de Collarte en forte competencia co Ecce Homo de Borja. A crise aféctanos a todos e todas. Se a baronesa Thyssen ten que vender un Constable para ter cash, como non as vai pasar canutas Collarte cuns miserentos 5.100 euros ao mes? Ten máis razón el ca o Ecce Homo cando di que “Estanme a crujir vivo por dicir a verdade”, entre outras cousas que se eses escasos 5.100 euros lle veñen de rañar a barriga, de non presentar nin unha soa iniciativa parlamentaria, é porque o único papel dos parlamentarios é premer o botón do voto. Non é raro que a Feijóo lle sobren deputados, e mestres, e enfermos, e parados, e inmigrantes. Sóbralle o campo, a pesca, a industria, o comercio, a cultura, a educación, a sanidade… Un pouquiño de austeridade, por favor!