Luns 4, Decembro 2023
HomeDestacadasENTREVISTA A MIGUEL ANXO F. LORES

ENTREVISTA A MIGUEL ANXO F. LORES

Abre a ventá do seu despacho a un sexto mandato. E, literalmente, asómase a ela, pero non para cobrar alento, senón para tomarlle o pulso a unha rúa que antes soportaba 14.000 vehículos diarios, e desde a que agora escoita o humanizante murmurio da xente. É a particular proba do nove de Miguel Anxo Fernández Lores ás medidas de peonalización que impulsa en Pontevedra dende hai vinte anos. Os que leva na cadeira da alcaldía, posto que acaba de revalidar, en coalición co PSdeG-PSOE. “Antes isto era un maltido asubío constante, e o ruído mata”, advírtelle ao xornalista. O rexedor do Lérez, médico de familia, mantén unha batalla feroz contra a prórroga de 60 anos que un día lle facilitou o Goberno de Mariano Rajoy a Ence para se manter na ría de Pontevedra. Neste momento, agarda o desenlace despois de que o avogado do Estado, xa cos socialistas no Goberno, “achantase” a reclamación municipal e remitise a Audiencia Nacional un escrito no que apunta que non foi axustada a dereito.

 

Texto Luís Villamor Fotos Fernando de Paz

Un alcalde marxista-leninista que gaña elección tras elección nunha das cidades máis burguesas de Galicia, mesmo antes de que se celebren, coas enquisas como aliadas. Como fai? Dios mío, Dios mío…! E en canto ao tema de entre as máis burguesas de Galicia, teño moitas dúbidas. Creo que a sociedade de Pontevedra cambiou moitísimo. Nas primeiras décadas do século pasado houbo un rexurdir do nacionalismo, de xente avanzada, progresista e demais. Logo está o que se poida percibir, claro. O que temos feito nesta cidade, a súa actividade cultural, empresarial e a creatividade que hai non teñen nada que ver con iso. Certo que tamén hai unha elite moi determinada unida ao Casino e tal…

Ao famoso Casino de Pontevedra… Si, pero que ao final é un núcleo duro, e non é a maioría da poboación, para nada. E dentro dese núcleo hai xente tamén con sentidiño. Non imos dicir unha dereita ilustrada, pero hai un pouco de todo.

[…]

Como ten evolucionado o asunto de Ence no que fai ao Goberno central? Pode quedar en papel mollado? Inicialmente houbo un informe que dicía: en liñas xerais, e porque mo mandan, dígolle que é legal, pero eran dous folios sen ningún tipo de subargumentario. E cando se pediu un informe por parte do Goberno actual, entón argumentaron no mesmo sentido que os nosos técnicos municipais, que son moi brillantes. Nós fi xemos un recurso contra a presentación da prórroga que o avogado do Estado achantou, e este achantamento vaino recorrer a empresa. A Audiencia Nacional ten que decidir se a prórroga está mal dada. E, se o está, acabouse. Se non, recorreremos. E, se non sae, iremos ás institucións europeas. Imos utilizar todos os mecanismos.

[…]

Unha cidade urbanisticamente modélica

A súa sintonía coa cidadanía é máis pola peonalización ou pola oposición a Ence? Aquí hai un modelo que o percibe todo o mundo, ata unha parte pequena da dereita. Pero estou convencido de que é pola xestión, que vai máis alá da peonalización. Eu son médico, e o ruído produce mortes. Aumenta a secreción de corticoides e os riscos cardiovasculares. O único que fixo de bo o PP, en 1998, foi un estudo de tráfi co. Entraban na cidade ata 150.000 vehículos diarios. E reducímolos a 15.000-20.000, cun descenso da contaminación do 70 %. Hai xente que quere correr, que quere carrís bicis, pois vai ser que non. Nas zonas peonís quen manda é o peón. Non fai falta poñer letreiro ningún.

Ence, PP e Feijóo dixérannos que lles saía máis barato cambiar a opinión pública que a ubicación da celulosa

Pontevedra, un referente institucional para o BNG

En que medida achega o seu modelo ao BNG? Agardo que sexa así, igual que puideron facelo no seu momento Allariz, Tomiño, Carballo, Poio ou quen sexa…

[…]

Como é iso de que non lle colle o teléfono ás empresas? É que un día chamou o de Ikea e non lle collín. A min non me interesa Ikea, para nada. Por cuestión conceptual, porque non xera postos de traballo. Crea competencia desleal con todo o comercio, ebanistería e traballadores autónomos, e un confl ito de tráfico moi grande. E fanlle rotondas por todos os lados e quédache cara de gilipollas cando non es capaz de montar o moble. E isto utilizárono en campaña. E dicindo: Pontevedra está moi bonita, pero non hai traballo. E se estivese fea, habería máis traballo? Aquí promovemos moita actividade económica, pero relacionada coa cultura. Agora é capital do Camiño Portugués, hai dúas ou tres etapas que se fan con base aquí, en hoteis ou parador. Só temos un Carrefour, e a xente está encantada con el. E dise, pero Santiago ten moitos premios, e eu digo que alí ándase coa mesma bombona de butano ao lombo como hai corenta anos. Eu teño catro aparcadoiros subterráneos ao redor do casco histórico, onde está o piso máis caro. Está todo cableado, temos gas cidade e os servizos modernos. Vai ser que en Santiago, non…!

[…]

Que lle parecen as declaracións de Beiras sobre os resultados electorais de Santiago e a metáfora dos restos humanos en descomposición? Parécenme de mal gusto, cando menos. De mal perdedor. A min decepcionoume moito ao longo da súa vida, e punto.

As Mareas esborrallaron, percibe unha operación retorno ao BNG? O BNG sempre foi unha
organización interclasista, onde se entraba a título individual, independentemente de que foras do PSOE, PSG, UPG, Partido Galeguista… É unha fronte que entende que hai que ter obediencia política neste país, e entón cando alguén pacta con outra forza política para min non é nacionalismo, será o que se queira… E hai outra xente que pensa que os cans os atan con longaínza e din: para adiante… No BNG estanse producindo incorporacións de forma regular. O que creo é que aí [nas Mareas] hai moito ego xunto. Unha das causas polas que rompen é por este batiburrillo, onde hai moita xente que opina diferente e que ten moitos intereses. E dígoo respectuosamente, eh!

___________

Podes ler a entrevista completa no número 266 da revista TEMPOS NOVOS (xullo 2019). Pide aquí o teu exemplar.