Dende a noite do 23 de xullo estaba claro que a cidadanía deixara ao Congreso embarazado de mellizos e que no mellor dos casos só podía sobrevivir un, e no peor, ningún. Examinado o primeiro feto durante máis dun mes, o 29 de setembro cumpriuse con el o fatal augurio cun aborto do que xa dimos noticia no artigo anterior. Había que probar sorte co segundo. Así que, catro días despois, Felipe VI, logo de facer unha segunda rolda de consultas, na que ningún partido agás o PSOE deu por seguro o seu apoio a Pedro Sánchez, designou a este candidato á presidente do goberno. E a presidenta do Congreso, perante o problemático do panorama, deixou en suspenso fixar a data do novo intento de investidura. E en suspenso segue hoxe, 24 de outubro, tres semanas despois. E a un mes e tres días de que, se o segundo mellizo non sobrevive malia a súa probada resiliencia, sexa obrigado convocar eleccións.
En realidade todos os actores políticos que participan no sarao comportáronse nas últimas semanas basicamente igual que no mes anterior, co que case poderíamos aforrarnos esta crónica. Pero sempre acontece algo de certo interés, empezando polo cambio no ocupante do centro do escenario. E sobre todo convén non perder o fío que mantén o suspense até o desenlace da trama, sexa cal sexa. Así que imos co repaso do acontecido.
O PP, coa derrota parlamentaria descontada moito antes de producirse, fixara unha táctica, coa que segue e que lle serve tanto para a oposición a un posible novo goberno social-comunista-filoseparatista como para competir nunha repetición electoral.
O PP, coa derrota parlamentaria descontada moito antes de producirse, fixara unha táctica, coa que segue e que lle serve tanto para a oposición a un posible novo goberno social-comunista-filoseparatista como para competir nunha repetición electoral. Táctica que, como sabemos, consiste en exacerbar o nacionalismo español para que unha parte crecente da sociedade, incluídos votantes socialistas, asuma que o sanchismo é o mal absoluto, sen chisco de ben algún, e non tanto polas súas políticas económicas e sociais (que tamén, aínda que diso falan moito menos) como por unhas concesións “indignas” aos separatistas que abrirán a porta á desmembración de España. E todo polo votos que necesita un tal Sánchez, político sen escrúpulos, capaz de calquera cousa con tal de seguir no poder.
E para xustificar este dicurso recibiron un magnífico agasallo da outra parte: a amnistía dos participantes no procés, como moeda de cambio dos imprescidibles 14 votos de Junts+ERC. A polémica sobre se a tal amnistía é ou non constitucional xa cansa, de tantas semanas como leva ocupando o centro da política española, e non imos entrar aquí nos argumentos duns e doutros. Pero si sobre os posibles efectos políticos da medida, que xa están aí antes de que se aprobe, se é que se aproba. Efectos, en primeiro lugar, de “proba de verdade” do discurso anti-Sánchez porque, se este rexeitou a amnistía hai meses, cando non sabía que necesitaría eses votos, e agora a acepta, quen pode garantizar que non vai facer o mesmo co referendum de autodeterminación, se non ten máis remedio para gañar a investidura? Non é casual que Feijóo pasase de dicir o 30 de setembro en A Toxa que o referendo era só o cebo para a amnistía a afirmar o 16 de outubro en Madrid que Sánchez nos leva á unha España balcanizada, de reinos de taifas.
En segundo lugar, serve para manter a axitación na rúa e nas institucións. Xa xuntaran 40.000 persoas en Madrid o 24 de setembro. E o 8 de outubro, baixo a paraugas a Socidad Civil Catalana, repetiron a xogada en Barcelona cunhas 50.000 contra a amnistía e a autodeterminación. E o día 19, o PP abusou da súa maioría absoluta no Senado e nas presidencias das CCAA para convocar a estas últimas a un aquelarre anti-amnistía, ao que por certo, en contra do previsto, presentouse Pere Aragonés a soltarlles o que lle pedía o corpo para demostrar que, nisto de plantarlle cara ao españolismo, ERC é tan aguerrida como Junts.
E en terceiro lugar, é moi útil para sementar a discordia nas bases socialistas, insistindo en que a deriva ilexítima de Sánchez e os seus vai tamén contra a tradición e os prinicipios do seu propio partido e contra o sentir español de boa parte dos seus dirixentes e dos seus afiliados, que deberían rebelarse. E algún sonado eco conseguiron, nomeadamente na vella garda, como xa vimos o mes pasado. Ecos que continuaron cos infatigables Felipe González e García Page arremetendo arreo contra a amnistía nun labor de zapa a favor da dereita, que eles saberán a onde os leva. Pero nada como a perla con que nos agasallou un resucitado Rodríguez Ibarra coa súa proverbial finezza oratoria: “¿Cómo soportar que alguien viole a 40 millones de españoles?” Á violación púxolle nome: a amnistía. Pero non dixo o nome do violador. Se cadra, porque era obvio.
Sumar e os outros socios de investidura
Pasemos aos posibles socios da investidura. Empecemos por Sumar, en principio o máis seguro. Pero non quere parecelo totalmente para que non se devalúen as súas accións nunha Bolsa tan concorrida. Así que, por un lado, Yolanda Díaz dille ao Rei que está a favor da coalición pero “aínda lonxe do acordo”, e dous días despois acorda con Sánchez pactar un programa de goberno antes do 31 de outubro, pero polo outro vai por libre coa pataca quente da amnistía presentando o día 10 en Barcelona unha proposta propia. Nese afán de situarse á esquerda do PSOE, o portavoz Urtasun di que a negociación co PSOE non avanza no da redución da xornada laboral, e Yolanda Díaz reclama que a prolongación do imposto á banca figure no programa común. Puro teatro. Hoxe, 24 de outubro, Sanchez e Díaz acordan un programa no que Sumar se apunta os tantos que quería. E o PSOE pode centrarse nos demais.
Pero non hai que esquecer os versos libres que fan moi incerta a unidade futura de Sumar. E non tanto porque moitos dos partidos que a forman reclamen peso no futuro goberno, senón sobre todo porque Podemos non se resigna a ser un sumando calquera, senón que pretende ser, e será, sumando “autónomo” (¿?). Así que a incansable Belarra, con independencia de que as cousas que di de Israel son moi certas, esquece que é ministra do goberno pero sen competencias en política exterior, provoca un incidente diplomático (magnificado de modo impresentable pola embaixada israelí) e despois de ser desautorizada polo ministro de Asuntos Exteriores e pola propia Yolanda Díaz, non só segue insistindo na ruptura de relacións diplomáticas con Israel senón que di que ela tamén fala en nome do goberno (¡!). E para fin de festa, o día 19 pide, en nome de Podemos, negociar directamente co PSOE o apoio dos seus cinco deputados, facéndolle un by-pass a Sumar. Todo un aviso do que pode vir.
Logo ven o grupo dos menos problemáticos que, con todo, fan algún xesto para que non se pense que son máis baratos e menos importantes que os cataláns. Nada novo nestes lares. Así que BNG e PNV aparentan que aínda non está todo pechado e só EH-Bildu, que consegue a súa primeira foto con Sánchez seguida dos inevitables espaventos das dereitas, prescinde de disimulos e deixa clara a prioridade: pecharlle o paso a PP-Vox.
Coas esixencias de máximos, ERC e Junts pretenden pasar por riba da división interna do independentismo entre os partidarios de revalidar a Sánchez conseguindo o que se poida e os de provocar, de non logralo todo, un choque frontal España-Cataluña abrindo a porta a un goberno PP-Vox.
E por último, están os decisivos, Junts e ERC, tamén sen cambios substanciais nas súas posturas, publicamente de máximos. O 28 de setembro, logo de conseguir a abstención da CUP, fan que o Parlament aprobe, coa oposición de PSC e Comúns, unha resolución para que se negue o apoio á formación dun futuro goberno “que non se comprometa a traballar por facer efectivas as condicións para a celebración do referendo”. Ademais, na véspera das manifestacións pro independencia de Cataluña co gallo do sexto aniversario do 1-O, esixen que se anule a inhabilitación dos seus líderes. O órdago obriga a Salvador Illa a respostar que por ese camiño imos a novas eleccións. Este espectáculo das espadas en alto pretende, amén de ocultar que negocia en secreto, pasar por riba da división interna do independentismo entre os partidarios de revalidar a Sánchez conseguindo o que se poida (ERC e parte das bases de Junts) e os de provocar, de non logralo todo, un choque frontal España-Cataluña abrindo a porta a un goberno PP-Vox (parte de Junts, ANC, etc).
O 3 de outubro, non sabemos se por unha manobra de Puigdemont ou por presión dos máis radicais, Junts decide que as bases se pronuncien sobre se apoian ou non a investidura, en consulta telemática e non vinculante. O resultado, coñecido o día 24, foi que dos 90.000 afiliados só votaron 4.000, un ridículo 4,4%. E destes, un 74,9% votou en contra de investir a Sánchez. Que fará Puigdemont? Usará a escandalosa abstención como excusa para ignorar o resultado ou a contundente negación para non pactar? As primeiras reaccións indican que seguirá negociando como até agora.
Sánchez vén proclamando con tanta enerxía como imprudencia que o “goberno progresista” está practicamente asegurado, e pretende neutralizar a principal arma da oposición co argumento de que a amnistía, amén de ser constitucional, é a única vía para solucionar o contencioso con e en Cataluña.
O optimismo de Sánchez, malia as esixencias de ERC e Junts
Con este complicadísimo panorama, Pedro Sánchez e a actual dirección do PSOE teñen que atender varias frontes. De cara ao electorado, Sánchez vén proclamando con tanta enerxía como imprudencia que o “goberno progresista” está practicamente asegurado, e pretende neutralizar a principal arma da oposición co argumento de que a amnistía, amén de ser constitucional, é a única vía para solucionar o contencioso con e en Cataluña, argumento que os independentistas se encargan de desmentir a cotío coas súas esixencias e sobre todo con ese “volveremos facelo”, destinado a manter alta a moral dos seus. De cara aos socialistas críticos, procuran facer ouvidos xordos para non provocar unha guerra interna. E de cara ao máis importante, os posibles socios de investidura, din publicamente estaren dispostos a conceder algunha competencia e mellor financiación e a comprometerse coa amnistía (non tramitala antes, cousa materialmente imposible), pero nunca a avanzar cara a autodeterminación. A ver quen gaña o pulso.
E que din os rumorosos? Está funcionándolle ao PP a súa ofensiva? As sondaxes din que algo si, pero de momento non tanto como para solucionarlle o problema. Sube en todas, pero en todas tamén baixa Vox. E o PSOE tamén sube en case todas, co que a distancia apenas cambia. Se cadra é máis interesante a publicada onte, día 23, por eldiario.es: no conxunto de España, un 56,5% (32% en Cataluña) rexeita a amnistía, igual que un 36,3% dos votantes socialistas. E un 56% prefire novas eleccións antes que un goberno Frankenstein. Dá que pensar.
E que di Puigdemont? De momento, nada novo. Que agasallo político tan enorme para o president ter a todos expectantes!. Mágoa non poder alongar ese pracer alén do 27 de novembro.