Gaza: que nos está pasando?

Leo un correo que me vén de enviar UNICEF -quen me ten puntualmente informado- que, entre outras cousas, di: “Intensos bombardeos, desprazamentos masivos e falta de accesos no Norte de Gaza obrigan a adiar a campaña de vacinación contra a poliomielites. Esta fase final da campaña en curto pretendía vacinar a 119.279 nenos e nenas en todo o norte de Gaza”.

Continuo lendo: “As condicións actuais, incluídos os continuos ataques as infraestruturas civís, seguen poñendo en perigo a seguridade e a circulación das persoas no norte de Gaza o que fai imposible que as familias leven aos seus fillos a vacinar de xeito seguro e que os traballadores sanitarios poidan traballar”.

Máis: “o feito de que un número significativo de nenos e nenas non reciba a súa segunda dose de vacina porá en grave perigo os esforzos para deter a transmisión do polivirus en Gaza. Iso tamén poderá conducir a unha maior propagación do polivirus na franxa de Gaza e nos países veciños co risco de que mais nenos e nenas queden paralíticos. É imperativo deter o brote de poliomielites o antes posible”.

Copio unha extensión considerable do comunicado de UNICEF para que sexa unha voz autorizada quen describa a terrible situación que atravesan os nenos e nenas de Gaza por mor dos ataques israelís. Ataques que están convertendo a Gaza tanto nun cemiterio de nenos e nenas como nun campo de nenos e nenas paralíticos/as: ou morren ou quedan paralíticos.

Fronte a esta barbarie da que os gobernos occidentais, na súa inmensa maioría, son case tan responsables como o criminal goberno israelí, que lidera unha besta humana chamada Netanyahu, un non pode por menos que preguntarse…. que fai a opinión pública internacional? Como non mostra publicamente e nas rúas o seu total rexeitamento a este xenocidio?

Ao tempo que me fago estas preguntas non podo por menos que retroceder aos anos 70 do século pasado e lembrar as grandes manifestacións que se produciron en Europa como repulsa á guerra en Vietnam e as monstruosidades que estaba cometendo o exercito estadounidense (durante esa guerra lanzáronse sobre terreo vietnamita 7,5 millóns de bombas, 400.000 de napalm) que provocaron entre outros desastres a morte de tres millóns de vietnamitas (entre soldados e civís). Mais axiña vén tamén á memoria a invasión de Iraq xustificada en base a mentiras (nin había armas de destrución masiva nin laboratorios de experimentación para bombas químicas) pero que provocou decenas de miles de vítimas iraquís e que deixaron un pais arrasado e falido, envolto no máis absoluto dos caos.

Pero agora, diante dunha barbarie de dimensións bíblicas, a cidadanía occidental non expresamos, como nos casos citados, a nosa repulsa e rexeitamento, a nosa indignación diante deste xenocidio financiado e armado por Occidente. Así, diante, desta pasividade, non podo por máis que preguntarme: que nos está pasando? “The answer my friend….is blowing in the wind”.