Outra volta, Feijóo demostrou ser o maior activo electoral do PPdeG. Os conservadores impuxéronse con rotundidade o PSdeG, que encadea dous serios reveses electorais seguidos, e o BNG, que non cumpriu as expectativas de lograr un grupo parlamentario forte. Sumar resolveu satisfactoriamente a súa estrea electoral e mantivo os escanos logrados por Galicia en Común en 2019. A solidez do PPdeG está directamente ligada á fortuna política de Feijóo. De non haber repetición electoral, a corrosión do seu liderado pode deixar aberta a porta a un cambio político en Galicia.
Feijóo, catalizador do PPdeG
Cando se fixo coa presidencia do PPdeG, Rueda sentou o seu primeiro mandamento: «Non fallar ao presidente Feijóo». Agora presume de que non se lle fallou: 669.513 votos, 13 deputados e 12 senadores. 224.315 votos e 3 deputados máis dos que conseguiron para Casado o 10N de 2019. Reivindícase Rueda o 25 de xullo nunha entrevista auxiliadora de La Voz de Galicia: «O resultado en Galicia aválanos fronte a Feijóo, e máis fronte a calquera outro».
Favorecido polo xiro ultraconservador na UE, engordado por sondaxes triunfantes, acirrado por un formidable exército mediático e bendicido polas súas catro maiorías absolutas, o arrastre de Feijóo permitiu o PPdeG acadar o seu segundo mellor resultado nunhas xerais.
É un espellismo propagandístico. En realidade, Feijóo non lle fallou a Feijóo. A ninguén se lle escapa que el é o principal activo do PPdeG. A poderosa maquinaria electoral da dereita galega rende mellor co ex presidente como cartel. Ninguén da nomenclatura conservadora está en condicións de igualar a súa marca nas urnas. Feijóo segue a ser o gran catalizador político do PPdeG e o principal avalista de Rueda como presidente delegado na Xunta.
O seu soberbio resultado —13 de 23 deputados, 12 senadores de 16— agocha que o voto das candidaturas progresistas sumou máis que o das dúas dereitas (50,3 % vs. 48,3 %), aínda que a fenda se acurtou 3,75 puntos respecto a 2019. Favorecido polo xiro ultraconservador na UE, engordado por sondaxes triunfantes, acirrado por un formidable exército mediático e bendicido polas súas catro maiorías absolutas, o arrastre de Feijóo permitiu o PPdeG acadar o seu segundo mellor resultado nunhas xerais (15 deputados, 52,53 % dos sufraxios, 864.567 papeletas en 2011).
Desta volta, o éxito conservador cifra porcentaxes de voto por debaixo das acadadas por Feijóo nas autonómicas de 2009, 2012, 2016 e 2020, respectivamente, 46,68 %, 45,72 %, 47,53 % e 47,96 %. Con todo, o 23X o Partido Popular tan só superou a porcentaxe lograda en Galicia —43,54 % dos votos válidos— no feudo de Cuca Gamarra, A Rioxa, co 45,56 %, e na cidade autónoma de Melilla co 49,19 %.
Adianto electoral en suspenso
Os plans de adianto electoral dos populares repousarán na gabeta até que se resolva a investidura do novo Goberno. De fracasar Sánchez na consecución dunha maioría parlamentaria, a finais de novembro ou comezos de decembro haberá novas eleccións. Daquela, o máis vantaxoso para o PPdG será facer coincidir as eleccións ao Parlamento de Galicia coas lexislativas do Estado.
De non ter que acudir de novo ás urnas, a consolidación de Feijóo como presidente do PP non vai depender tanto do seu desempeño como xefe da oposición como do resultado nas autonómicas de Galicia, que probablemente coincidirán coas eleccións do Parlamento Europeo, no que sería o seu segundo round para achegarse á Moncloa e o primeiro test de forza do novo Goberno de Sánchez.
O fracaso de Feijóo no primeiro asalto aviva xa o debate sobre a súa idoneidade como líder. O peixe comeza podrecer pola cabeza e no PP a descomposición iníciase sempre coa perda de crédito do seu presidente. Os pesadelos de Casado xa asexan a Feijóo.
O fracaso de Feijóo no primeiro asalto aviva xa o debate sobre a súa idoneidade como líder. O peixe comeza podrecer pola cabeza e no Partido Popular a descomposición iníciase sempre coa perda de crédito do seu presidente. Os xubilosos berros de apoio a Ayuso na noite do 23X interpelan severamente a Feijóo por non conseguir no Estado o que ben logra en Galicia: achicar o PSOE e laminar a VOX. Os pesadelos de Casado xa asexan a Feijóo.
PSdeG, un novo revés
Tras a recuada das municipais, o PSdeG suma un novo revés. Ten 14.329 votos máis que o 10N de 2019, mais mingua do 31,59 % ao 29,84 % dos sufraxios e cede 1 deputado ao PPdeG en Ourense, en Lugo e na Coruña. Galicia fai parte —xunto con Melilla (25.36 %), Madrid (27,88 %), Navarra (27,38 %) e Euskadi (25,27 %)— das comunidades nas que o PSOE ten menos do 30 % dos votos, pero é a única delas na que se perden escanos. Galicia e Andalucía rexistran as súas maiores perdas: 3 e 4 deputados, respectivamente.
Esvaécese a ilusión que espertaron os novos liderados: Miñones e Besteiro saen do 23X claramente damnificados e pouco sumaron ao avance do PSOE. Besteiro sofríu un duro golpe: o PPdeG fíxose con máis do 50 % dos votos na cidade e a provincia de Lugo. Unha esmagadora derrota no seu campo base electoral que compromete o seu perfil competitivo.
No PSdeG atopan consolo na distancia electoral e de representación que teñen respecto a Sumar e o BNG. Sobre esa vantaxe queren cimentar o seu papel como forza reitora dunha alternativa a Rueda. Fráxil punto de partida, a distancia foi moito maior o 10N e non impediu a desfeita electoral do PSdeG e o sorpasso do BNG en 2020.
No PSdeG atopan consolo na distancia electoral e de representación que teñen respecto a Sumar e o BNG. Sobre esa vantaxe queren cimentar o seu papel como forza reitora dunha alternativa a Rueda. Fráxil punto de partida, a distancia foi moito maior o 10N e non impediu a desfeita electoral do PSdeG e o sorpasso do BNG en 2020. Desde 2016 o PSdeG ten que resignarse con ser a terceira forza do Parlamento de Galicia porque lle falta liderado, iniciativa política, unificación de obxectivos e programa.
Sumar, estrea e éxito
Sumar resolveu con éxito o seu primeiro ensaio e mantén a representación acadada por Galicia en Común en 2018 e 2019. O seu devalo —de 211.057 a 175.813 votos e do 14,34 % de sufraxios ao 10,94 %— non fixo perigar os seus dous escanos. Marta Lois, na Coruña, e Verónica Martínez Barbero, en Pontevedra, melloraron os votos, pero non a porcentaxe que acadaron Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz na convocatoria do 10N.
Sumar Galicia acomodouse ao enfoque da campaña de Sumar para fixar un marco de competición política netamente estatal e presidencialista. Co foco en Yolanda Díaz, nas súas realizacións e valores políticos, investiu en complicidade e fair play co PSdeG e nunha liña discursiva contenciosa máis ruda, por momentos, co BNG que co PPdeG. Conseguiu, ao cabo, impoñerse na pugna por protexer o seu espazo electoral do voto útil en beneficio do PSdeG ou do BNG.
A coalición Sumar ofrece unha faciana de acusado gobernamentalismo (…) Tamén evidencia un compromiso confederal moitísimo máis abaixado que o de alternativas precedentes da esquerda rupturista, aínda máis enfraquecido debido á ausencia dunha axenda galega para a política do Estado.
En termos político-organizativos todo está por facer, tanto no Movemento Sumar de Galicia como na coalición de Sumar con Podemos e Esquerda Unida. Todo se confía a unha política de adhesión ao liderado de Díaz e nada queda da nova cultura política doutrora. As urxencias eivaron todo o proceso democrático e participativo no peche das candidaturas e na elección da dirección política da campaña. Unha estrutura lixeira para atender o momento electoral debería dar paso a un novo espazo organizativo compartido para facer políticas de proximidade en Galicia. Unha nova oportunidade para enfrontar os retos que Galicia en Común non foi quen de resolver anteriormente: afianzar unha organización plural e estable, e afirmarse como unha forza de esquerda (nacional) galega.
Ausente a esquerda soberanista, a coalición Sumar non se sitúa nas mesmas coordenadas de AGE ou de En Marea. Ofrece unha faciana de acusado gobernamentalismo, ligado ao labor ministerial de Díaz, e ten un perfil reformista forte máis que impugnador do Réxime do 78, cun programa laborista e propostas sociais e ecoloxistas avanzadas, un «feminismo máis inclusivo para o 99 %» e reforzados liderados femininos. Tamén evidencia un compromiso confederal moitísimo máis abaixado que o de alternativas precedentes da esquerda rupturista, aínda máis enfraquecido debido á ausencia dunha axenda galega para a política do Estado.
De prosperar a investidura de Pedro Sánchez, coa incorporación de Sumar a un novo Goberno progresista aumentarán as súas posibilidades para obter escanos no Hórreo e ser parte relevante dunha alternativa fronte ao PPdeG. Para iso non abondará con ser o reflexo da acción de Sumar no Goberno, cómprenlle raíces territoriais, outorgar centralidade á axenda galega e ofrecer un espazo de participación e autoorganización cidadá para o cambio político en Galicia.
BNG, expectativas frustradas
Animado polo éxito das municipais, o BNG ambicionaba lograr un «grupo parlamentario forte» con representantes das catro circunscricións galegas. Grande expectativa que se reflectía mesmo nas sondaxes máis optimistas, nin consideraba as pexas do sistema electoral na repartición de escanos en Lugo e Ourense.
O do BNG é un resultado limitado polas desfavorables condicións de competición que tradicionalmente enfronta nunhas eleccións formatadas como unhas presidenciais bipartidistas e nas que se impón un enfoque informativo estatalista e uniformizador.
Desde 1982, en tan só 3 ocasións o PPdeG e o PSOE compartiron escanos en Lugo ou Ourense con outra forza política. En Ourense, en 1986, cando a circunscrición contaba 5 escanos, obtivo acta de deputado Senén Bernárdez de Coalición Galega co 13,87 % dos votos. En 2015, En Marea logrouno en Lugo co 19,26 % dos sufraxios e en Ourense co 17,84 %. En 2016, En Marea mantivo a acta de Miguel Anxo Fernán-Vello co 16,94 %, pero perdeu o escano de Ourense malia obter un 15,65 %.
Para dar conta dos seus obxectivos, o BNG debía superar a súa porcentaxe de voto nas municipais do 28M (16.08 % en Lugo e 14.92 % en Ourense) e achegarse aos máximos das autonómicas de 2020 (21,53 % en Lugo e o 19,90 % en Ourense). O seu intento de fidelización fracasou pola extrema bipolarización da campaña e só na Coruña superou o 10 % dos votos. Aínda que insatisfeitas as expectativas, non se pode restar valor ao mantemento da representación na Coruña e ao avance en porcentaxe e en número absoluto de votos (1,3 puntos e case 32 mil votos máis). É un resultado limitado polas desfavorables condicións de competición que, tradicionalmente, enfronta o BNG nunhas eleccións formatadas como unhas presidenciais bipartidistas e nas que se impón un enfoque informativo estatalista e uniformizador, máis acentuado por acomodarse os medios galegos á axenda e marcos dos medios públicos e privados estatais.
Pesou todo isto e máis. «A solución aos problemas de Galiza non está no bloque do PP nin no bloque do PSOE, a solución pasa polo Bloque Nacionalista Galego». O BNG ficcionou a confrontación de tres bloques: o de Sánchez, o de Feijóo e o de Galicia para alentar o antagonismo coas dúas dereitas, pero tamén para afastarse criticamente do Goberno da Coalición Progresista. Unha cartografía de equidistancia que se esborrallaba á hora de contestar a pregunta decisiva sobre a formación do goberno do Estado. «Do que de nós dependa non gobernará a dereita nin a extrema-dereita». A redución da batalla electoral á confrontación entre o bloque da involución autoritaria e a alianza democrática progresista non deixou moita marxe para matices e chamou máis atención sobre os desencontros do BNG co PSdeG e Sumar que sobre o esforzo compartido por impedir a maioría absoluta de PP e Vox.
Ao longo da lexislatura evidenciouse asemade a fraxilidade da política de Estado do BNG. O empeño propagandístico por salientar que un único deputado nacionalista resultaba moito máis útil para Galicia que os outros 22 de PP, PSOE e Unidas Podemos compadecíase mal co balance do logrado. Os avances rexistrados no acordo de investidura, que asinaron Ana Pontón e Adriana Lastra en 2019, foron cativos e moi parciais e por máis que a responsabilidade sexa atribuíble principalmente ao PSOE, tamén pesou negativamente na conta utilitaria do BNG.
O empeño por acoutar basicamente a súa acción parlamentaria á «representación dos intereses galegos» e a insistencia por acompañala dunha crítica programática de máximos respecto dos logros do Goberno Progresista, restoulle atractivo ao BNG entre os electores preocupados por evitar retrocesos en dereitos e liberdades, e unha boa parte elixiu a papeleta de Sumar como actor e promesa de continuidade do conseguido e non dun BNG máis escorado cara á crítica que cara á complicidade. E, por cabo, como xa aconteceu coas candidaturas municipais nas cidades, pesou negativamente unha confección das listas que atendeu máis á orde doméstica que a concretar o compromiso de ampliación da súa base social. As súas papeletas non son espello da súa pluralidade de apoios sociais. O gran reto, como apuntou Pontón no seu día, segue a ser «abrir o BNG a todos».