Domingo 1, Outubro 2023
HomePolíticaGalicia e o Estatuto, despois da sentenza do TC

Galicia e o Estatuto, despois da sentenza do TC

Coñecida a sentenza do Tribunal Constitucional, a pelota da reforma estatutaria fica no tellado dos partidos galegos. Están dispostos a poñela de novo en xogo? Baixo que condicións? PP, BNG e PSdeG responden.

Participan: Pedro Puy (PPdeG), Xaquín  Fernández Leiceaga (PSdeG-PSOE) e Carlos Aymerich (BNG)

 

Texto Equipo Tempos Novos

Chegoulle a hora ao Estatuto de Galicia?

Xaquín Fernández Leiceaga (PSdeG).- Cremos que a reforma era necesaria desde hai algúns anos, para non perdermos o tren da nova arquitectura do autogoberno en España. Frustrouse pola cerrazón de Feijóo, que non quería darlle ao goberno progresista un triunfo político nin saír das liñas mestras marcadas por Rajoy. Hoxe eliminouse a última barreira argumental do Partido Popular para oporse á reforma do Estatuto: xa é coñecida a sentenza sobre o novo Estatuto catalán. Polo tanto, trátase xa dunha cuestión de vontade política. Para que? Para modernizar as institucións de autogoberno, adaptándoas aos novos tempos. Para reforzar o peso de Galicia en España, contando coas mesmas ferramentas
doutras comunidades autónomas que xa fixeron a reforma. Para revalidar a identificación dos cidadáns coas institucións democráticas de autogoberno. Para atender os novos problemas, inexistentes hai vintecinco anos, da era dixital, a integración europea ou a multiculturaidade, do despoboamento do mundo rural, a planta municipal ou o artellamento das áreas urbanas. Para afianzar mellor a nosa identidade nun mundo globalizado. Para dotármonos de instrumentos para impulsar o novo modelo de crecemento, saída natural da crise económica actual.

Pedro Puy (PPdeG).- Galicia conta cun Estatuto de Autonomía concibido, desde o primeiro momento, para permitir o máximo desenvolvemento do autogoberno dentro da Constitución de 1978. Galicia, como as restantes comunidades autónomas denominadas históricas (ás que houbo que engadir Andalucía) non precisou reformar o seu Estatuto para asumir novas competencias (como a educación ou a sanidade) e mesmo, pola vía do previsto nos artigos 150.2 da Constitución e 36 do Estatuto de Autonomía de Galicia pode ampliar o seu teito competencial (como de feito xa ocorreu no pasado coas políticas activas de emprego e outras materias). Polo tanto non é estritamente necesario reformar o Estatuto para acadar maiores niveis competenciais. Algo semellante acontece coa rede institucional autonómica, que pode ser incorporada a un estatuto reformado, pero que tamén pode ser amplamente desenvolvida pola vía lexislativa. Non obstante, si pode ser útil reformar o Estatuto para actualizar a nosa norma institucional básica, adaptándoo ás novas circunstancias e ás demandas da cidadanía tanto no terreo competencial, como no institucional, como no ámbito dos dereitos que se exercitan diante da Administración autonómica na liña dos principios desenvolvidos nas últimas décadas a respecto da boa gobernanza.

Carlos Aymerych (BNG).- En realidade a nosa hora xa foi. En 2007 tivemos o Novo Estatuto ao alcance da man e non se puido lograr. Daquela foi, como se sabe, a consecuencia do veto imposto polo PP. Agora temos, aínda que serodia, unha segunda oportunidade para alargarmos o noso autogoberno político e financeiro, protexermos a nosa identidade cultural e lingüística e declararmos a nosa condición nacional.

A quen corresponde a iniciativa de poñer en marcha a reforma? Por que?

Pedro Puy.- A iniciativa formal pode corresponderlle, como recolle o propio Estatuto (art. 56) tanto ao Executivo como ao Parlamento, ou mesmo ao Congreso dos Deputados. Politicamente, e tendo en conta o precedente do frustrado proceso de reforma da pasada lexislatura e a necesidade dunha maioría cualificada para a súa aprobación, o recomendable sería que se reiniciase a reforma só se existen unhas mínimas garantías de que é posible rematala con éxito, cuestión que deben determinar os responsables das forzas políticas galegas.

Xaquín Fernández Leiceaga.- Somos os grupos parlamentarios os protagonistas ineludíbeis. En primeiro lugar porque é precisa unha maioría cualificada para a súa aprobación definitiva. En segundo lugar porque debemos partir dos consensos acadados na anterior lexislatura. Pero, por riba de todo, porque o Estatuto debe contar cun respaldo social e político amplo: para ser de todos non debe ser de ninguén. E o procedemento parlamentario garante esa transversalidade.

Carlos Aymerych.- No BNG entendemos que a iniciativa lle debe corresponder ao Parlamento e que debe ser, como na pasada lexislatura, un relatorio parlamentar o que elabore a proposición de reforma. A razón, obvia do noso punto de vista, estriba na maioría necesaria para a aprobación da reforma, dous terzos do Parlamento, superior á maioría que un goberno require para ser investido e se manter no poder. É por iso que é preferíbel que o protagonismo lle corresponda ao Parlamento e non a un proxecto de reforma do goberno.

Que achega a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut que non estivera no Estatuto en vigor nin no borrador da reforma que se debateu no tempo do bipartito?

Carlos Aymerych.- A sentenza do TC non achega nada bo, tanto por coutar a posibilidade de alargar o autogoberno en materias como a Xustiza (se hai un Estado composto, como é que o poder xudicial segue a ser único?) ou, entre outros, o sector financeiro, como tamén por ofrecer unha interpretación pechada e restritiva da Constitución española ao consagrar a desigualdade entre o castelán e as demais linguas oficiais e proclamar, mesmo que sexa por medio dunha alambicada e contraditoria argumentación, que a única nación é a española e que a soberanía non se partilla. Polo demais, a sentenza non impide que o preámbulo recoñeza a condición nacional de Galiza nin se opón a que o Estatuto recoñeza o deber de coñecemento da lingua galega, mesmo que sexa cos límites que a sentenza estabelece por vía interpretativa. O que si dificulta, e isto para nós é básico, é a blindaxe ou, se se quere, a protección efectiva das competencias autonómicas deixándonos inermes fronte, por exemplo, a agresións flagrantes ao noso autogoberno como a recente reforma da LORCA (Lei Orgánica de Caixas de Aforros) pactada entre o PP e o PSOE.

Pedro Puy.- A STC sobre o Estatut que, á vista dos votos particulares, é a máis favorable ao desenvolvemento estatutario de entre as xuridicamente posibles, resulta enormemente clarificadora sobre os límites constitucionais do exercicio do dereito á autonomía. Os límites sinalados na STC son aplicables ao conxunto das normas estatutarias, con independencia da súa data de aprobación, pasada ou futura, e delimitan o campo da reforma galega. En todo caso, non achega moito máis do que xa se considerara na Comisión parlamentaria para a reforma do Estatuto na pasada lexislatura.

Xaquín Fernández Leiceaga.- Achega sobre todo claridade á hora de resolver algunhas dificultades que fixeron encallar o último intento de reforma: desde a posibilidade de utilizar o binomio nacionalidade histórica (que xa está no actual estatuto galego e debe continuar no articulado do mesmo) e a condición nacional de Galicia (no Preámbulo). Ou a posibilidade de establecer a igualdade na condición das dúas linguas oficiais (aínda que sexa baixo a restritiva interpretación que fai o TC na súa sentenza)…. Pero, sobre todo, avala unha proporción elevadísima das solucións introducidas no último intento de reforma, por máis que case sempre as formulacións sexan diferentes ás catalás: a posibilidade de reflectir dereitos dos cidadáns, alí onde as competencias son autonómicas, como en Sanidade e Educación; a pertinencia da bilateralidade, a carón de foros de carácter multilateral; a imbricación do local no autonómico; a posibilidade de optar por formas propias de artellamento territorial,….

Á luz da sentenza sobre o Estatut, que se debería reforzar do actual Estatuto, e que do borrador negociado na época do bipartito, para aproveitar ao máximo o marco constitucional en cuestións que son vitais para institucionalizar, co que iso leva aparellado, o “feito diferencial” galego?

Carlos Aymerych.- O fundamental é que o Parlamento galego non se autolimite converténdose no delegado e intérprete do TC. O Parlamento, como representante do pobo galego, debe recoller no Novo Estatuto todo aquilo que sexa do interese de Galiza. Aínda que só sexa porque no proceso de aprobación do Estatuto tal papel correspóndelles ás Cortes Xerais. O Novo Estatuto debe conter, xa que logo, un recoñecemento claro da nosa condición nacional, a igualdade xurídica real entre o castelán e o galego (que é tanto como dicir a igualdade plena de dereitos entre os galegofalantes e os castelanfalantes), un incremento decidido do noso autogoberno, alargándoo a novas materias (como, por exemplo, a política industrial e enerxética, o dominio público marítimo-terrestre e a pesca en augas exteriores) e mellorando a calidade e a protección delas fronte a eventuais tentacións recentralizadoras, un catálogo de dereitos e deberes definidor da cidadanía galega e un novo marco de relacións entre Galiza e o Estado no que a garantía dun financiamento xusto e suficiente ha ocupar un lugar central. Todo isto cabe na Constitución? Nós entendemos que debería caber. En calquera caso, de non ser así, de non teren cabida as aspiracións de Galiza no actual marco constitucional, non é Galiza quen debe renunciar ás súas demandas –lexítimas e, como se ve, ben moderadas– mais a Constitución a que debe ser reformada. Como demócratas pensamos que son as institucións as que deben acomodarse ás demandas cidadás e non ao revés.

Xaquín Fernández Leiceaga.- Hai que acertar na regulación estatutaria das linguas, combinando a súa igualdade formal con outros dous criterios: a protección específica que por mandato constitucional debe dárselles ás linguas propias de cada territorio (no noso caso, o galego) e o absoluto respecto ás opcións lingüísticas de cada persoa, coas salvidades propias dos funcionarios públicos ou do profesorado no ámbito escolar.

Pero hai dous ámbitos de traballo específicos que para Galicia son de enorme importancia e nos que debemos acertar: a proxección internacional da nosa cultura e as especiais relacións co mundo lusófono. Cuestións relacionadas pero autónomas. Converter a nosa particular posición entre dúas culturas de enorme presenza no mundo como un factor diferencial favorable, e incorporar aos galegos do exterior como unha parte do universo referencial, en tanto que consumidores de produtos culturais e tamén como participantes e criadores…

Pedro Puy.- A sentenza vén reforzar, en case todos os extremos pendentes de acordo na anterior lexislatura, a posición mantida entón polo Grupo Popular en relación con: a inclusión do termo “nación” no preámbulo; o fundamento constitucional do autogoberno (os “dereitos históricos”); as implicacións estatutarias do recoñecemento constitucional das linguas propias; as relacións coa Administración Xeral do Estado (a “bilateralidade”); os poderes locais; as relacións coas institucións constitucionais (Tribunal Constitucional, Defensor del Pueblo, Tribunal de Cuentas); o Poder Xudicial en Galicia; a chamada “blindaxe” competencial; ou as cuestións financeiras públicas. Tanto o texto vixente, como aquelas propostas de reforma acordadas ou pendentes de acordo na pasada lexislatura, deberán axustarse, obviamente, á sentenza. O feito diferencial concretarase tanto nos aspectos recollidos na propia Constitución (a lingua propia, o dereito civil propio) así como, por suposto, e en uso das capacidades lexislativas que a Constitución e o Estatut nos confiren, a través do desenvolvemento dun marco normativo propio e axeitado á nosa realidade socioeconómica respectuoso coa Constitución.

Concrete o diferencial estatutario no que Galicia e Catalunya terán que diverxer en función das especificidades de cada unha delas. Como se ha de abordar o financiamento?

Pedro Puy.- Xa na pasada lexislatura existía un certo consenso que consideraba que a reforma do noso Estatuto non debería seguir algunhas das liñas emprendidas polo Parlamento de Cataluña, como por exemplo o relativo á excesiva e detallada descrición das competencias. No ámbito financeiro non é posible, á luz da propia STC sobre o Estatut, invadir competencias estatais introducindo condicións ao sistema de financiamento autonómico (como a referencia ao “esforzo fiscal similar” como condición para a participación na solidariedade); ou á capacidade das Cortes para determinar os investimentos públicos. Polo tanto, a introdución de criterios específicos de financiamento de Galicia quedou, como era previsible, circunscrito á posibilidade de introducir criterios que a Comunidade Autónoma queira incluír como expresión dunha demanda compartida pola sociedade galega á que a Administración central do Estado, en uso das súas competencias, queira darlle cumprimento.

Xaquín Fernández Leiceaga.- O financiamento autonómico non se concreta nos Estatutos  aínda que todos puidemos apreciar o influxo das posicións maioritarias en Cataluña sobre a última reforma do sistema de financiamento–. Hoxe, ademais, a reforma é un feito. Pero hai aspectos conexos, tanto no ámbito interno como nas relacións dentro de España, que si merecen algunha referencia estatutaria. E posiblemente discrepemos de novo das solucións adoptadas en Cataluña. Por exemplo, unha Axencia Tributaria Galega, para xestionar eficazmente os tributos de responsabilidade da Comunidade Autónoma, debería aspirar a cooperar estreitamente pero non a substituír a AEAT (Axencia Española de Administración Tributaria). A reforma do FCI (Fondo de Compensación Interterritorial) ou a xestión dos programas europeos son asuntos de enorme importancia para Galicia.

Carlos Aymerych.- Na lexislatura anterior, no seo do relatorio parlamentar, PP e PSOE coincidiron en propor para o Estatuto galego unha redacción copiada da proposta do Estatuto de Cataluña en materia de financiamento, porcentaxes incluídas. Nós opuxémonos porque a igualdade non supón aplicar solucións idénticas para situacións diferentes senón permitir que Galiza, en función dos seus intereses e das súas circunstancias, poida formular –como fixo Cataluña– un modelo que asegure a autonomía e a suficiencia financeiras indispensábeis para un autogoberno real.

Concrete á luz da sentenza o baremo que a respecto da lingua entende que debe cubrir o Estatuto reformado.

Carlos Aymerych.- Como mínimo, o Novo Estatuto debe estabelecer a igualdade xurídica plena entre galego e castelán, garantir os dereitos lingüísticos individuais (coas conseguintes obrigas para os poderes públicos) e asegurar o impulso ás políticas de normalización lingüística goberne quen goberne na Xunta.

Pedro Puy.- Da STC dedúcese que a normalización lingüística pode ser abordada nun dobre plano: no Estatuto e nas políticas que, a través das leis, cada Comunidade adopte. Por dicilo doutra forma: o que o TC cuestiona é a incorporación de determinadas políticas lingüísticas ao Estatuto. Dito isto, e á luz das diferentes políticas lingüísticas que se teñen posto en práctica tanto en Galicia ao longo do tempo, como noutras comunidades autónomas (por exemplo, o País Vasco e Cataluña), o razoable é buscar un consenso similar ao de 1981, baseado ao redor da necesidade de impulsar políticas de normalización do galego, deixando ao ámbito normativo de desenvolvemento a concreción desas políticas. É preciso buscar, en definitiva, unha fórmula que permita, dentro da imprescindible defensa da promoción da lingua galega, unha redacción que posibilite que os defensores dunhas ou doutras políticas lingüísticas, se sintan cómodos dentro do Estatuto.

Xaquín Fernández Leiceaga.- Xa contestei a esta cuestión nunha pregunta anterior, a referida aos aspectos que se deberían reforzar no novo Estatuto para institucionalizar o feito diferencial galego.

Valore as políticas que vén acometendo o goberno de Núñez Feijóo en relación co potencial autonómico e de país.

Pedro Puy.- O desenvolvemento do “potencial autonómico e de país” depende do marco institucional, e das políticas que se poñan en marcha desde as institucións constituídas. Na miña opinión, o goberno de Núñez Feijóo está impulsando, particularmente no ámbito económico, as políticas que favorecen o desenvolvemento futuro do potencial de país que Galicia ten.

Carlos Aymerych.- Se algo caracteriza estes quince meses de goberno de Núñez Feijoo, alén do desmantelamento e privatización dos servizos públicos, é o ataque contra a identidade, a lingua e a cultura do país. Xa por dúas veces, con ocasión da visita de Esperanza Aguirre e da imposición a Mario Conde da orde da vieira, Feijoo defendeu as virtudes do híbrido galego-madrileño. Toda unha declaración de principios, todo un programa de goberno que logo se concreta na entrega de Galiza ás grandes empresas españolas. El, que adoita pasar todas as fins de semana en Madrid á custa do erario público, sabe ben de que fala. Porén habería que lle lembrar que os híbridos son estériles.

Xaquín Fernández Leiceaga.- O goberno de Núñez Feijóo está sendo insuficiente na xestión, no ámbito político de máis alcance (incluídos todos os aspectos relativos ao autogoberno) e insidiosamente regresivo nos aspectos que lle afectan á identidade. Nas súas relacións co goberno de España adopta por regra xeral unha actitude partidaria, de confrontación, con escasos réditos para Galicia, en vez de optar por unha negociación eficiente dos intereses de Galicia.