Luns 2, Outubro 2023
HomePolíticaFraga, ese home. O autogoberno (Parte 1)

Fraga, ese home. O autogoberno (Parte 1)

Recollemos o pensamento  de Fraga Iribarne sobre o dereito de autodeterminación e a implantación no reino de España do estado das autonomías. Recuperamos  un texto publicado por Luís Álvarez Pousa en 1999 e inspirado na tese doutoral de Xosé Rúas sobre o pensamento do político vilalbés. 

Dez anos leva Manuel Fraga ao fronte do Goberno galego. En vísperas das eleccións xerais, el vende ese tempo envolto en éxitos. Faino con tal entusiasmo, que o teñen que parar desde os tribunais. Así é como o noutra época eficaz secuestrador de revistas rebeldes se ve agora obrigado a autosecuestrar a súa propia, pagada, iso si con diñeiro público. Un home contradictorio, por pragmático. Unidimensional e desenfreado, por autoritario. Propuxémonos ofrecer del un retrato interior que o radiografe a través do seu propio discurso. Para comprobar sobre qué aramado de ideas levantou o trebón de Vilalba o castelo conservador desde o que, pese a tódalas derrotas, se mantén retador e xusticieiro. Xa non é o de antes, cando España era unha, grande e única. Galicia é para el un inmenso balneario. O repouso do guerreiro, lonxe dos honores militares. Penetramos no seu discurso sempre contradictorio, frenético e entreguista en tempos de victoria, encanallado e acomodaticio na transición, vengativo e sentimental ás portas de Bonaval. Valémonos basicamente do traballo doutoral de Xosé Rúas, que pescudou e contextualizou nos pronunciamentos fraguistas dos últimos vinte e cinco anos, de maneira obxectiva e sen trampas, todo o que nos leva a formular como conclusión a seguinte pregunta referida a Fraga: ¿evolución ou camaleón? Que respondan os lectores.

[quote style=”boxed” float=”left”] Amosa de maneira reiterada a súa obstinación por xustificar que está sempre no mesmo punto de partida. [/quote]Amosa de maneira reiterada a súa obstinación por xustificar que está sempre no mesmo punto de partida. Así, cando toma posesión da presidencia do Goberno galego, di: “toda a miña vida foi unha preparación para Galicia”, e a cantos viñan de comprobar que a súa aterraxe en Raxoi non era senón consecuencia do seu derradeiro fracaso en Madrid e lle repreguntaban sorprendidos da súa súbita conversión galeguista, espetáballes que el seguía “fiel al compromiso con mi ideología”. Mesmo retaba desde o poder ós da oposición: “que examinen toda a miña traxectoria anterior e posterior ó desempeño da presidencia da Xunta, e poderán comprobar que non variei nos meus puntos de vista fundamentais”.

En efecto, propiciou fluxos discursivos aparentemente discordantes coas concepcións máis españolistas e menos autonomistas do PP, pero nunca deixou de producir tamén e simultaneamente os refluxos que os reconforta e tranquiliza. É un mestre na arte de acomodalo todo ó que presinte que a súa audiencia reclama ou desexa en cada momento. Vese con claridade nas reviravoltas que deu nestes últimos 22 anos. Nos debates do Congreso previos ó da redacción e aprobación definitiva da Constitución, enfrontaríase ó deputado vasco Francisco Letamendía (Euskadiko Ezquerra) para atacar a aplicación en España dos conceptos “nacionalidades” e “estado plurinacional”, facéndoo non tanto con argumentacións teórico-ideolóxicas, que tamén, como amparándose en “razones de conveniencia internacional”, porque “la integración en Europa, contra lo que algunos pretenden, no podrá hacerse sobre la Europa de las Patrias, sino también con la Europa de las Patrias, pues se trata de una unión de Estados”.

[quote style=”boxed” float=”right”] De negarse primeiro a unha reforma da Constitución, pasou despois a defendela porque “no se la debe sacralizar” [/quote]Móstrase primeiramente contrario a que se recoñezan as comunidades históricas, pero non pon reparos anos máis tarde en asumilas de facto cando se refira ós feitos diferenciais. Esa suposta evolución hai que enmarcala así mesmo nas diferentes e contradictorias posicións que foi tendo diante da Carta Magna mentres era negociada e redactada, nos debates e nos anos da súa posta en práctica. Promoveu unha particular cruzada contra a redacción definitiva do título VIII, o que lle valeu recibir en solitario os varapaos de tódolos demais grupos parlamentarios, argumentando con ironía o seguinte: “somos, por supuesto, una derecha conservadora, practicamos el nacionalismo del miedo, utilizamos falsas dialécticas, pero lo que no se ha demostrado en ninguna de las intervenciones de esta tarde es que, efectivamente, en el texto, tal como va, del título VIII, combinado con determinadas disposiciones adicionales y transitorias, y con el importante artículo 2º (que recoñece e garante o dereito á autonomía das nacionalidades e rexións, terminoloxía diferencial que Fraga sempre se negou a aceptar) no haya una clara ruptura del Estado actual”. Xustificaba así a defensa da súa emenda á totalidade do texto constitucional en vigor. O pragmatismo político do que sempre fixo gala amainou nel esa cruzada en solitario, e de negarse primeiro a unha hipotética reforma da Constitución –alegando que os seus preceptos son sagrados- pasou anos máis tarde a argumentar en sentido oposto a súa postura a prol da reforma –porque “no se la debe sacralizar”, afirmou en 1991, cando pensou que o seu protagonismo na política española pasaba desde Galicia por promover que o Senado se convertise nunha Cámara territorial-.

Quen agora arremete contra o centralismo, do que Galicia tería sido unha víctima propiciatoria durante a etapa dos gobernos socialistas, valorábao nas Cortes constituíntes como unha táboa de salvación histórica, nun discurso co que tentaba respostar a quen o acusaba de boicotear o proceso de descentralización do estado:”la centralización como tal, la centralización política y administrativa, no es un mal en sí mismo. ¿Qué sería de España sin el proceso centralizador iniciado por los Reyes Católicos? Sería la Galicia feudal del siglo XV y sería una España dividida en una serie de territorios económicos fragmentados entre sí, incapaces de un esfuerzo serio de tipo moderno”. E lémbralle ó deputado socialista Martín Toval que por non querer “ni separadores ni separatistas”, el acepta un “verdadero regionalismo”, advertíndolle que “frente a tantos partidos que mantienen, que yo sepa sin haber olvidado, sus programas federalistas, me parece muy natural que tomemos algunas precauciones”. Insistirá en que os que falan de federalismo en pleno proceso constituínte mexan fóra de testo, malia que se vexa obrigado a recoñecer que o federalismo non é unha utopía, se ben diferencia “el que ha servido para construir grandes naciones a partir de provincias, reinos o estados separados, como ha ocurrido en Alemania, la confederación Helvética y EE.UU., y el que desgraciadamente habría que llamar hispanoamericano, que ha servido para destruir lo que ya estaba unido”. Por certo que foi Meilán Gil, o agora rector da universidade de A Coruña e daquela deputado por UCD, quen refutou con palabras de Murguía a idea fraguista das bondades do centralismo para Galicia, porque “no es de hoy el deseo de rescatar en Galicia su personalidad”.

Perdida a batalla do título VIII, Fraga non desperdicia unha soa ocasión no Congreso para explicitar o seu patriotismo: “España, nuestra españa, clara España por encima de todo”, aireará con reiterada insistencia nos debates parlamentarios do ano 1981. “Seríamos entes abstractos, restos de un naufragio si no fuéramos (todos los que estamos aquí) miembros de esa patria y de esa nación”, afirma a favor dunha lei de harmonización autonómica, que el contempla necesaria para impedir “toda acción que directa o indirectamente pueda afectar a la sagrada unidad y pertenencia de España”, e máis en concreto para reforzar o español como a lingua que tódolos españois están obrigados a coñecer. Velaí a razón da súa doutrina sobre o galego harmónico, ou a lingua que estaría en igualdade de condicións para a “irreversible e positiva existencia e convivencia pacífica” coa española –clausura do Congreso Internacional da cultura galega-, malia ser esta última a única á que estamos obrigados constitucionalmente. Di que unha cousa é pedir “una España enriquecida y potenciada por todos”, e outra “abrir una vez más el vidrioso proceso de determinados planteamientos nacionalistas, de las discriminaciones de las insolidaridades, de los privilegios y hasta, por qué no reconocerlo, de los imperialismos interiores (…). De eso, de romper la unidad superior de España, debilitar su potencia y su prestigio, de eso ni hablar (…) porque sitio hay en la Constitución para todo y para todos, pero con una sola condición, eso sí, definitiva e indispensable, con tal de que ese sitio sea España, por España y para España”.

Algúns queren ver en posteriores intervencións súas un xiro a prol do sistema autonómico. ¿Un Fraga Iribarne autonomista e fedatario dun Estado composto de nacionalidades e rexións? Sexa porque non decaeu nel a súa non precisamente secreta aspiración a ser algún día o premier español, o que o obriga a homologar no seu ideario españolista e conservador as aspiracións autonomistas dos pobos, nacionalidades e rexións que se senten constitucional e estatutariamente resgardadas, sexa porque é como pode singularizarse como oposición fronte a un PSOE que busca restrinxilas para non dar azos a vascos e cataláns, o caso é que o vilalbés ensaiou publicamente unha estratexia moi diferente da que viñera poñendo en boga con tintes certamente dramáticos. O 27 de abril de 1982 reclama unha maior competencia para as autonomías, botándolles en cara ós demáis que a lei orgánica para o seu financiamento (a LOFCA) quedase tan curta, inda que tamén os acusase de deixar pasar unha nova ocasión “para dar, una vez más, prueba de igualdad entre todas las regiones de España”. Dous anos despois, setembro de 1984, afirma que “no se ha avanzado absolutamente nada en el tema de las autonomías”, se ben complementa esa aseveración con esta outra: “no se ha avanzado nada, poniendo en peligro gravemente el principio de este esencialísimo elemento –quizá el más distintivo de nuestra Constitución vigente- que es el Estado de las autonomías”. Manexa a retórica argumentativa para quedar como o autonomista fetén, ó subliñar que el ve ese perigo en dous frentes: “acontecimientos graves, declaraciones de trascendencia histórica hechas en las últimas semanas y en los últimos meses (…) ponen en cuestión el principio de la superior e indiscutible unidad nacional del estado”, afirmando de seguido que “es evidente que desde el otro ángulo es igualmente indudable y claro que la pobreza de las disposiciones presentadas al respecto, o el cumplimiento retrasado de muchos principios en materia de transferencias, sin duda alguna hacen que por otro lado se cometan todos los errores a mi juicio de un centralismo equivocado y trasnochado”. Mesmo nesa súa teima por achacarlle ó Goberno socialista tendencias xacobinas acaba por asumir implicitamente a diferencia real, política e administrativa entre unhas comunidades autónomas e outras, algo que atacara sistematicamente. No debate sobre o Estado da nación, 23 de outubro de 1984, foille á gorxa a Felipe González, ó que acusará finalmente de carecer dunha verdadeira política autonómica, de incumprir a LOFCA e de cuestionar o Fondo de Compensación interterritorial: “el supuesto incremento de las transferencias es una broma, pues se trata simplemente de que se ha pasado de cuatro autonomías a diecisiete (…), hecho un decreto para una, se fotocopia para otras trece”. É a primeira vez tamén en que ataca que para se asuma desde o Goberno “la discriminación notoria de Galicia como algo normal y no como una tremenda injusticia”.

Atrapado entre dous lumes, quérese dicir, entre o seu pasado franquista e o auxe social que empeza a ter o nacionalismo, o xa daquela presidente da Xunta busca e acuña o concepto de autoidentificación, co obxectivo único de diluír o de autodeterminación que os nacionalistas introducen nos debates institucionais. Un concepto que non acerta a proxectar politica e socialmente, tal vez porque nunca o soubo definir, e só barruntou con indisimulada retórica que se basea “no recoñecemento de que Galicia quere ser a que foi e a que ha ser” (sic), ou en que “somos un país, temos unha lingua, temos unha maneira de ser, temos un clima, temos unha vontade, iso é autoidentificación e iso esixe autogoberno”. Non o inventou el senón a vella UCD galega, pero fíxoo propio, converténdoo no santo e seña do fragaleguismo.”Nós non representamos unha utópica autodeterminación, senón unha irreversible e definitiva autoidentificación (…), non tiramos pola borda séculos da nosa historia común, senón que queremos continuala en novos niveis de integración europea”. Tamén hai que interpretar nesa mesma contextura persoal e política a proposta da administración única, que xa fora acuñada antes polo presidente Pujol cando demandou que a Generalitat catalana deixase de ser unha administración subsidiaria para converterse de facto na institución que representa o Estado no ámbito territorial de Cataluña.

Se o da autoidentificación foi para o consumo galego, o da administración única en cambio estaba destinado para o consumo español, rendibilizando persoalmente as fortes reaccións que xurdiron da rúa Génova polo seu atrevemento, que finalmente deu en nada. Lexitimarse en galego e en galeguista, por unha parte, e forzar contra corrente a súa presencia pública nos tendidos político-partidarios do Estado, pola outra, convertéranse para el nunha obsesión. O seu pragmatismo levárao a asumir desde a súa primeira investidura reivindicacións que foran ata entón obxecto do deu desdén: “As autonomías, e así o recoñece o artigo segundo da nosa Constitución, son un recoñecemento de personalidades históricas e sociais infundibles, como sen dúbida sucede nos casos do País Vasco, de Cataluña e da nosa Galicia. (…) Foi a Constitución a que articulou fórmulas flexibles para que as nacionalidades históricas confirmen a súa integración secular nun Estado nacional común”. Non obstante, compatibilízaas cos poderes que achegan o provincialismo e o localismo, tentando xustificar o que non é senón unha necesidade electoral para el e unha necesidade restrictiva para outros moitos. Así o afirma cando, ó anunciar a reorganización territorial que os baróns locais non lle deixaron finalmente levar a cabo, alude á comarca e á parroquia previstas no Estatuto supeditándoas ó poder das deputacións provinciais. Cando suscita a necesidade de reformar o Senado “como foro de discusión e motor capaz de asegurar a articulación equilibrada das autonomías dentro do sistema constitucional”, dálles ás provincias igual representatividade que ás comunidades autónomas, 150 en cada caso. Foron en todo caso propostas para a galería. Porque ninguén lle fixo caso no seu partido cando era oposición nin despois cando xa era o goberno amigo, nin sequera cando achegou iniciativas que presupoñían un maior poder de coordinación e conseguintemente de control por parte do Estado e do goberno central sobre as comunidades autónomas e os seus respectivos gobernos, como as referidas á creación dun Consello económico e social, un Consello autonómico e unha Conferencia de presidentes. Non pasaban de ser en todo caso reformas administrativas, e a iso se reducía tamén o tantas veces mentado por el pacto autonómico, para “evitar jugar irresponsablemente al nacionalismo radical, a los equívocos de independentismo, a plantear falsos e inútiles debates sobre autodeterminación y a romper el principio de solidaridad”, dicía no ano 1994.

[quote style=”boxed” float=”left”] A Fraga intéresalle interpretar a autodeterminación como arma de guerra [/quote]Botáralle en cara Camilo Nogueira aquel 31 de xaneiro do 90 que considere que “o Estado español é benefactor, e que a Autonomía galega é algo conseguido, definido e acabado”, ademáis de acusalo de furtar o debate sobre a autodeterminación que, lonxe de ser gratuito e arbitrario (Fraga dixit), “forma parte da loita polo autogoberno das nacionalidades históricas, polo que debera ser un debate pacífico e democrático”. Pero a Fraga interésalle interpretar a autodeterminación como arma de guerra –lembra que así foi usada por Wilson contra os imperios centrais e por Lenin para a destrucción dos imperios coloniais-, alegando que “nunca foi considerado un principio básico do dereito constitucional nin do dereito internacional”, unha afirmación que se volveu contra el na Cámara do Hórreo. Xosé Manuel Beiras recrimínalle que se non é nin nacionalista galego nin nacionalista español como proclama, por qué adopta entón unha postura belixerante no debate sobre a autodeterminación, en vez de adoptar unha postura neutral. Xa diante dos periodistas, Fraga sacúdelles ós nacionalistas que promoveran o debate: “Si la autodeterminación no tiene nada que ver con la independencia (así se pronunciaran durante o debate), son ganas de fastidiar”. No ABC brindaba argumentacións para o consumo exterior: ”Los que entendemos que el patriotismo es una obligación permanente, política, no podemos callar cuando se trata del futuro de España y de la paz y de la convivencia fecunda entre los españoles”. No Parlamento insistiría contra o PSOE: “Os que na constituínte e ata hai ben pouco manexaron tópicos mal dixeridos sobre federalismos e aínda coa propia dinamita da autodeterminación, atópanse agora coas habituais consecuencias da improvisación e o oportunismo”. E contra os nacionalistas: ”Corre o sangue plural das Españas. Ninguén xogue con ela. Non estamos para máis sidas. Nin se xogue desde debates extemporáneos nin desde autonomías (…) As autonomías non son un pretexto para o separatismo, a autodeterminación e a creación de novos Estados”.

Fala persistentemente de regionalismo, eludindo explicitar a fórmula constitucional que diferencia nacionalidades e rexións, para subliñar sen interferencias semánticas a súa crenza nunha única nación española, a súa convicción sobre a necesidade de identificar e reforzar a existencia do Estado-nación. En función diso, sortea como pode nos seus discursos esa súa fidelidade ideolóxica ó proxecto político e nacional español, para facela compatible con esa súa necesidade de seguir detentando poder inda que para iso teña que defender o autogoberno de Galicia no que nunca creu. Non abonda con levar ós atrís os nomes do martiroloxio galeguista, que o fai sen ningún tipo de rubor. Viuse obrigado a aventar conceptos e fórmulas que están xa asentadas na cultura política, pero adxectivándoas sempre con afán reduccionista. De os leren entre líñas, nunca a fauna de tertulianos madroñolistas se levarían as mans á cabeza cando Fraga Iribarne, deixando atrás as súas terribles diatribas contra os socialistas que se mantiveron alleos durante a primeira etapa da transición ó xacobinismo que agora volve con saña, asume que “no sería descabellado pensar que el modelo español es tendencialmente federal”, para a continuación subliñar que debería ser en todo caso un federalismo cooperativo como o dos lander alemáns. Daríanse conta do substrato intencional que o anima, e que está ben definido na tese de James Bryce segundo a cal os modelos federais non son senón etapas nun camiño cara á completa unidade estatal. Non en balde a hostilidade do pensamento conservador español cara ás ideas federalistas vén xa de cando o xeneral Pavía liquidou pola brava o experimento da Primeira República. Na súa tese de doutoramento, Xosé Rúas analiza o modelo de federalismo ó que alude Fraga de maneira tan entrevelada: “é semellante ó dos pais fundadores americanos na constitución do primeiro estado federal moderno nos EE.UU que, desde a súa cosmovisión conservadora, preferían o federalismo como contribución a un goberno equilibrado que evitase os riscos que supoñía a aplicación da democracia directa, tal e como o interpretou Tocqueville”.