Luns 2, Outubro 2023
HomePolíticaFormez vos bataillons!

Formez vos bataillons!

Formez vos bataillons! Así arengaba a Marsellesa aos citoyens para que loitasen unidos contra a tiranía do absolutismo. Hoxe, vintetrés décadas despois, nos países do chamado Primeiro Mundo non están as cousas nin para unidades nin para épicas revolucionarias. Pero si para votar de cando en vez a ver que pasa. Por exemplo, en vésperas da festa binacional do Apóstolo. Así que todas as tribos políticas andan moi atarefadas para formar os seus batallóns.  O 23 de xullo pódese abrir a porta ao primeiro goberno con presenza da extrema dereita dende a defenestración de Arias Navarro no verán de 1976. Case medio século, que algúns queren percorrer cabalgando contra o tempo e berrando “¡Santiago [Abascal?] y cierra España!” para espantar á mourería sanchista.

por Justo Beramendi

Pechabamos a crónica precedente cos resultados das eleccións municipais e autonómicas do 28 de maio e o inmediato adianto das xerais por Pedro Sánchez. Nestas últimas tres semanas os partidos actuaron e sobreactuaron co pano de fondo dunha realidade que uns procuran ignorar e outros amplificar: a evolución positiva duns datos macroeconómicos que non son bós, pero son menos malos. A inflación xeral baixou en maio ao 3,2%, a subxacente ao 6,1% e a dos alimentos ao 12%. A ocupación chegou á cifra récord de 20,8 millóns e o paro baixou en 49.000. E o 19 de xuño o Banco de España, nada sospeitoso de ser progobernamental, elevou en sete décimas, até o 2,3%, a previsión de crecemento do PIB para 2023. Porén, todo indica que isto, que en teoría debería beneficiar ao goberno, nin tivo nin vai ter un efecto electoral apreciable, o que non deixa de ser moi significativo de en que terreo se libran hoxe as batallas políticas en España.

O Banco de España vén de elevar até o 2,3% a previsión de crecemento do PIB para 2023. Porén, todo indica que isto nin tivo nin vai ter un efecto electoral apreciable, o que non deixa de ser moi significativo de en que terreo se libran hoxe as batallas políticas en España.

E parece que Pedro Sánchez por fin tomou nota disto, de que tiña que intentar neutralizar por todos os medios o que tanto dano lle fixera na campaña anterior. Así que deu orde de que a EH-Bildu e aos independentistas catalans, nin auga. Dito e feito. Mentres el insistía nos medios en que as acusacións de pactos con Bildu son falsas porque no Congreso o PP votou máis veces co PSOE que os vascos, e porque non cogoberna con estes en ningures, os seus aplicaban disciplinamente o mandato onde cumpría. E así, no País Vasco uníronse a PNV e PP en Vitoria para impedir a alcaldía de Bildu, que de paso se levaron eles. En Pamplona abstivéronse, co que agasallaron a UPN co bastón de mando tamén en prexuizo de Bildu, neste caso mesmo ao prezo dunha represalia que lles pode costar o goberno de Navarra. E en Barcelona aliáronse co PP e os Comúns para derrotar ao tándem Junts-ERC e facerse en precario coa única gran cidade despois da desfeita. Xa veremos se este cambio de guión lles dá resultado. Tamén lles podería traer máis dun desgusto se a aritmética parlamentaria pos-23X fixese posible intentar repetir o pasado bloque de investidura.

Pero tampouco non se renuncia ás cuestións nas que o PSOE se considera máis forte. En primeiro lugar, as socioeconómicas. De aquí que Nadia Calviño rete ao PP a un debate sobre políticas económicas. De momento non hai resposta, algo previsible. E en segundo lugar, ao combate singular entre líderes. Así que ao criptofranquista “O Sánchez, o España” de Núñez Feijóo, o aludido respostou o 5 de xuño: “O Sánchez, o Feijóo”, en modo Gary Cooper en Solo diante do perigo. E como adoita facer, pasóuse de freada propoñendo nada menos que seis debates entre os dous, confiado en repetir por triplicado a fazaña de Felipe González con José María Aznar en 1993. Feijóo tardou quince días en contestar e, moi en modo Feijóo, fixo como que atendía o reto pero sen facelo: aceptaba un só debate pero con Yolanda Díaz tamén presente e sen Santiago Abascal. Naturalmente, o PSOE rexeitouno.

O espectáculo posterior despois da inscripción de Sumar como partido instrumental non contribuiu a facer atractivo e creíble o proxecto de reunificación do espazo á esquerda do PSOE, condición necesaria, aínda que non suficiente, para que non gañen as dereitas.

E falando de Yolanda Díaz: non se demorou tampouco perante as urxencias impostas polo novo calendario que en todo caso facía imposibles as primarias da discordia. Dous días despois do 28M rexistrou Sumar como “partido instrumental”, co que deixaba só nove días a Podemos para decidir se entraba ou non. O espectáculo posterior non contribuiu precisamente a facer atractivo e creíble o proxecto de reunificación do espazo á esquerda do PSOE, condición necesaria, aínda que non suficiente, para que non gañen as dereitas. Na ceremonia de apareamento houbo de todo. Presións para entrar en Sumar por parte de dirixentes territoriais de Podemos en Baleares, Navarra, Canarias, Castilla-La Mancha, Galicia, Euskadi, Extremadura. Rosario de acordos de integración das demais forzas políticas (Más País, Más Marid, IU, Verdes Equo, Alianza Verde, En Comú Podem, Proyecto Drago, Chunta Aragonesista, etc), nalgúns casos, como o de Compromís, tras duras negociacións. E sobre todo, houbo demasiadas acusacións cruzadas que transmitían unha mensaxe negativa: non se discutía dos problemas da “xente” para elaborar un bó programa, senón que se rifaba polas cotas de poder de cadaquén, empezando polas candidaturas. Malia os reiterados desmentidos, o desenlace final demostra que os vetos á presenza de destacadas figuras de Podemos nas listas, e moi en especial de Irene Montero, foron certos.

Enténdese a resistencia de Pablo Iglesias e o seu círculo a aceptalos por moitos motivos pois, aparte da perda de poder e algún interés familar de por medio, hai poucos precedentes de que na formación dunha coalición, ademáis do reparto de postos e recursos, unha das partes decida sobre membros da outra parte. Pero tamén se entende a actitude de Sumar, e nomeadamente de Yolanda Díaz quen, por vontade ou por necesidade, está a montar unha organización que xira excesivamente ao redor da súa persoa. Ter a Irene Montero e a Echenique xunto a Ione Belarra no futuro grupo parlamentario ou, se cadra, tamén no futuro goberno sería, dados os precedentes, garantía de desunión, de lea continua e liderado feble para Díaz.

En todo caso, a dirección de Podemos fixo as súas contas e decidiu que, malia os vetos, era mellor estar dentro de Sumar que fóra. Pero antes, a só un día de que rematase o prazo para a presentación das coalicións, organizou o esperpento de pedirlle as bases autorización para negociar o que levaba meses negociando. Autorizada á búlgara polo 93% dunha militancia reducida á cuarta parte do que foi, entraron in extremis presumindo de sacrificio polo ben común, criticando a Yolanda Díaz polas exclusións e insistindo en que rectificase con Irene Montero, un erro político que segundo Pablo Iglesias aplaude a dereita e lle “regala la victoria a la mafia”. En suma, asinando un acordo co que, segundo manifestaron públicamente, estaban en desacordo. O certo é que Podemos ten nas listas de Sumar moitos máis postos de saída que deputados conseguirían en solitario e un anaco do pastel económico (23%) moi superior ao dos demáis. E nesas seguen. E seguirán? De momento, Ione Belarra di que Podemos terá un “papel modesto”, o que non sona moi esperanzador. O parto do batallón Sumar dificilmente puido ser peor. Esperemos que mellore e gañe credibilidade.

A dereita de Feijoo, aberta á extrema dereita de Abascal
Feijóo, virtuoso do marxismo de Groucho, segue a dar unha de cal e tres de área: preséntase como estadista centrado e virtuoso, como demostran os apoios puntuais aos socialistas en Vitoria e Barcelona, e segue negándolle o pan e o sal aos partidos do goberno incluso contra toda evidencia.

Pasemos á banda dereita. Como xa dixemos o mes pasado, o PP conseguiu o 28M todos os seus obxectivos menos un: facer recuar a Vox. De feito, os dous medraron. E isto obriga ao PP a atender asemade dúas frontes da mesma importancia: á súa esquerda, para manter a vantaxe respecto do PSOE; e á súa dereita, para dosificar os acordos con Vox cos que consolidar o gañado en poder municipal e autonómico, pero sen que unha sobredose de ultradereita poña en perigo o avanzado polo centro. En ambos, Núñez Feijóo, virtuoso do marxismo de Groucho, segue a aplicar a mesma táctica coa que tivo tan bos resultados até agora: dar unha de cal e tres de area. Na primeira fronte, por un lado preséntase como estadista centrado e virtuoso, que gobernará con sentidiño, como demostran os apoios puntuais aos socialistas en Vitoria e Barcelona. Polo outro, segue negándolle o pan e o sal aos partidos do goberno incluso contra toda evidencia (“a economía española está estancada, en declive”), contradicíndose a si mesmo se é necesario (por exemplo, co adianto das eleccións ou co mantra da lista máis votada), e mantendo a extrema belixeancia do seu batallón contra o espantallo do “sanchismo”, epítome do Mal a derrogar.

Na segunda fronte, a dos pactos con Vox, Feijóo ideou un artificio ao servizo da súa táctica e para intentar minorar posibles danos nas próxima eleccións: dar “autonomía” ás súas organizacións territoriais para que fagan unha cousa ou a contraria. E así, temos gobernos de coalición PP-Vox, coa conseguinte asunción polo PP de puntos antidemocráticos do programa de Vox, na Comunidade Valenciana e posiblemente en Baleares, así como en 26 das 51 cidades de máis de 30.000 habitantes (en 14 das que o PSOE foi a lista máis votada). E temos outros casos, como Murcia e sobre todo Extremadura, nos que as direccións do PP, por decencia democrática ou por outros motivos, se negan a meter a Vox nos gobernos.

Como é lóxico, os de Abascal non aceptan o veto, non van “dar gratis” os seus votos, e todo pode acabar nunha repetición de eleccións. Pero, a efectos políticos, este conxunto bifronte cumpre o que se busca: agradar asemade á extrema dereita e ao centro-dereita. E pode que o consiga porque as sondaxes e votacións indican que boa parte da sociedade xa considera a Vox un partido intrasistema, non antisistema, co que é perfectamente lexítimo cogobernar.

E esta deriva de parte da cidadanía é o verdadeiro problema. Polo que sexa, as prioridades discursivas das dereitas penetraron moito mellor no electorado que a xestión do goberno de coalición e os esforzos das esquerdas por non retroceder. As últimas enquisas din que, malia os pactos PP-Vox e os anuncios de retrocesos lexislativos en cuestións de xénero, de relacións laborais, de inmigración, de educación, etc., o PP segue en cabeza e aumenta a sua vantaxe, mentres que o PSOE baixa algo e Sumar consegue como moito igualar o que tiña UP ou pouco máis. Só queda un mes para darlle a volta a estas tendencias. Moi difícil, a non ser que aconteza algo moi sonado. Pero non imposible, dinos o Resistente. Que a Fortuna lle acompañe.