Martes 6, Xuño 2023
HomePolíticaFascismo do século XXI

Fascismo do século XXI

Enrique Sáez Ponte

As eleccións europeas amosaron en moitos países (Francia, Reino Unido, Dinamarca, Hungría, Grecia, Holanda, Austria…) unha suba de partidos xenófobos e antieuropeos. A volta de organizacións que reproducen argumentos ideolóxicos do fascismo a espazos próximos do poder político en sociedades avanzadas require unha reflexión e unha análise que axude a identificar os elementos sociais, as mensaxes ideolóxicas e o tipo de ecosistema político que facilitan o desenvolvemento destes movementos.

A exaltación do patriotismo é un elemento emocional doado para mobilizar a parte da poboación.  Cómpre defender a patria, evitando a perda dos valores culturais propios e da capacidade de xestionar os seus recursos: as grandes empresas, os postos de traballo, o acceso ao mercado interior… A propia moeda nacional convértese en símbolo patrio, xunto coa bandeira ou o himno, un reflexo da independencia e da soberanía, un activo nacional a defender ou mesmo recuperar.

O patriotismo non é necesariamente un problema ou un defecto, pero levado aos extremos é un punto de apoio para partidos retrógrados, que promoven unha volta a situacións máis illadas. Isto dálle pulo ao euroescepticismo. No caso de Inglaterra (non digo Reino Unido porque esta corrente non é tan forte en Escocia) é moi popular e conecta con tradicións políticas antigas, ligadas ao que eles chamaron “splendid isolation” para definir as súas relacións co continente e co resto do mundo.

A tendencia a rachar Europa ou a saír do euro está agora presente en todos os Estados europeos, pero é mais forte onde crecen os movementos de dereita radical. Os graves problemas económicos actuais atribúense á Unión Europea ou á súa moeda, con poucos matices.  Os políticos nacionais colaboran a reforzar o euroescepticismo cando lles botan ás institucións europeas, á troica ou ao euro, a responsabilidade exclusiva do que ocorre no interior. Nas máis das veces, este discurso é simplemente un sistema de eludir as propias responsabilidades botando balóns fóra.

Tamén a xenofobia emprégase acotío para mobilizar os cidadáns. O odio ao “outro” é de fácil difusión, especialmente nas zonas onde a inmigración crea bolsas de persoas da mesma orixe, que viven agrupadas en espazos propios e se resisten á integración na sociedade local. Os elementos culturais de difícil asimilación xeran guetos (musulmáns en torno ás súas mesquitas, chinos que non falan o idioma e viven en naves industriais, xitanos en chabolas, subsaharianos que venden na rúa…) que molestan os “nativos” e mesmo dominan sobre os aspectos estritamente raciais.

A popularidade dos partidos illacionistas, con máis ou menos compoñentes xenófobos, atopa enerxía adicional nas dificultades de moita xente para manter o nivel de vida que acadaron. A competencia por postos de traballo escasos tradúcese no desexo natural de impedir a chegada de inmigrantes e a importación de produtos fabricados en países onde os traballadores teñen moi baixos salarios e dereitos laborais. A consecuencia é unha postura antiglobalización, unha prolongación do euroescepticismo, da defensa do estado-nación como fortaleza que protexe dos perigos exteriores.

A combinación dunha mensaxe moi nacionalista –estariamos mellor sos, sen facer o que digan os alemáns, sen soportar a burocracia de Bruxelas, sen abrir o noso mercado aos produtos de calquera país coa man de obra barata…– cunha defensa dos valores culturais sobre os que está construída a identidade da patria é a base do populismo no que se apoian organizacións políticas que están a coller moita forza en Europa. Os elementos que facilitan unha mensaxe política populista, case sempre moi demagóxica, están presentes de xeito permanente en todas as sociedades, pero actívanse e collen pulo nunha crise económica profunda. Xa pasou nos anos trinta do século pasado, e está a pasar agora con características loxicamente diferentes pola mundialización da economía.

Para analizarmos as bases sociolóxicas do rexurdir da ultradereita, hai que esquecer olladas simples. Gran parte dos que votan eses partidos son traballadores e membros da pequena burguesía mercantil, que ven perigar os seus traballos e negocios pola acción de obreiros estranxeiros (moitos deles ilegais), de vendedores ambulantes, de comercios chinos…

Adaptando unha certa análise marxista ao mundo de hoxe, pode dicirse que a loita de clases se despraza a nivel internacional, e parte dela enfronta a clases traballadoras de diferentes países con distinta situación económica. O “exército industrial de reserva” do que falaba Marx, o que preme os salarios á baixa, está agora por todo o mundo, nas brañas de Bangladesh ou nas estepas da África subsahariana. A competencia directa que esta infantería de xente moi pobre, disposta a todo, dirixe os traballadores menos cualificados dos países avanzados –ben incorporando o seu traballo ás mercadorías que exportan, ben arriscando as súas vidas para ser explotados nos países do norte–, fai que estes defendan fórmulas políticas propias das que unha análise de esquerda tradicional chamaría pequenoburguesas. Están a defender as súas condicións de vida, non só contra os empresarios nacionais, que dalgún xeito están no mesmo barco (moitos deles sofren a competencia exterior e tamén piden protección), senón tamén contra traballadores estranxeiros máis necesitados.

A importancia do modelo de Estado

A ultradereita non é, pois, unha plataforma política exclusiva da burguesía, senón de persoas agredidas polas condicións internacionais de produción, que se senten atraídas por un patriotismo simple de volta ao paraíso perdido, a unha situación pretérita idealizada. As sementes para que agromen as ideas de recuperación do estado-nación, con todas as súas competencias, para empregalo na defensa do pobo fronte ás ameazas externas, hainas nos dous extremos do espectro ideolóxico. En ambos os casos, é o aparello estatal o instrumento para a revolución que propoñen. Para acoller estas sementes que darían lugar a un Estado forte encargado de recuperar a dignidade perdida hai terras máis favorábeis, aquelas dotadas xa dun Estado grande e centralizado.

O Estado grande (o que gasta máis de un terzo do PIB do país) é o modelo máis estendido de estrutura política. A tendencia sostida nos dous últimos séculos ao crecemento do Estado para fornecer cada vez máis servizos, trouxo enormes vantaxes: máis igualdade e mellora das condicións de vida para millóns de cidadáns. Pero ese progresivo incremento da dimensión do Estado concentra inevitabelmente crecentes acumulacións de poder, nas que tamén participan as grandes empresas, os sindicatos e os medios de comunicación. O que remata por xerar unha casta de políticos e funcionarios que se intercambian cargos e funcións (e retiros privados ben pagados en compañías sensíbeis ás concesións do dominio público), que actúa de xeito progresivamente autónomo da sociedade que os elixe e paga. Estas castas xestoras do poder intentan sempre desactivar, para a súa protección, os contrapesos  previstos no ordenamento constitucional, ao que non se achegaron moitas ideas novas desde Montesquieu.

Un Estado grande e un pobo acostumado a pedirlle de todo son condicións que poden facilitar o ascenso de partidos extremistas. É o caso de Francia. No hexágono, como eles chaman o seu país, desde a revolución, o pobo sempre negocia os seus problemas na rúa co seu omnipresente Estado. Por outra banda, o sistema constitucional francés combina a figura dun poderoso presidente da República (creada para o xeneral De Gaulle) cunha Administración xacobina moi centralizada, dada ás grandes cerimonias cívicas con liturxia elaborada, na que poden encontrarse a gusto movementos de tendencia totalitaria.

Os países nórdicos teñen algo dos dous modelos políticos aos que nos temos referido. Dunha banda un Estado grande, máis parecido ao francés, que fornece os cidadáns de moitos servizos, e doutra, unha certa tendencia á autosuficiencia, na liña británica. Porén, unha posíbel separación da Unión Europea non garantiría que desapareceran os partidos xenófobos do norte de Europa. Chega con ollar o que ocorre co Partido do Progreso en Noruega, un Estado rico que non está na UE.

Os modelos de Estado descentralizados, federais ou similares, tenden a estar máis protexidos contra o ascenso de liñas políticas totalitarias. Ademais, os resultados das últimas eleccións europeas parecen indicar que os países que sufriron directamente unha ditadura fascista –Alemaña, Italia, Portugal, España– están en certa medida vacinados contra o virus, e rexistran menos virulencia relativa de enfermidades fascistas ou parafascistas.

Outro factor que caracteriza aos movementos de ultradereita é o autoritarismo e o culto a personalidade. O autoritarismo non é moi popular en Europa occidental, pero os partidos xenófobos amosan unha tendencia a potenciar o papel do líder, aínda que sen chegar en xeral aos extremos de exaltación do “salvador da patria” ou cousas similares, que son máis fáciles de atopar en Latinoamérica ou no Leste. A nivel mundial, o autoritarismo, baixo diversas formas (ditaduras persoais ou de partido), representa a maior ameaza actual á extensión da democracia e das liberdades, xunto aos problemas de falta de representatividade que as castas de políticos profesionais están a crear nos sistemas formalmente democráticos.

Para que agrome o autoritarismo, son máis axeitadas as constitucións de modelo presidencialista (o presidente é elixido directamente polo pobo e conta con amplos poderes), con pouca tradición en Europa, agás o modelo francés. Dentro deste tipo de ordenamento constitucional, o indicio claro da aparición do autoritarismo é a erosión da limitación constitucional de mandatos aos que pode aspirar ser elixido un presidente da república.

A limitación de mandatos foi unha gran achega introducida por George Washington na Constitución dos Estados Unidos para afastar a tentación, que el mesmo podería sufrir, de converterse en ditador. Esta erosión ten diversas variantes: suprímese directamente a limitación (intentárono por exemplo Uribe en Colombia ou Chávez en Venezuela, pero hai moitos casos), permítese a volta despois dun “descanso” onde o posto fica en mans dun amigo (Putin) ou déixase en herdanza a algún familiar (Kirchner). Cando a ditadura se consolida e a resistencia popular fica adormecida, pódese manter a xestión do poder polo aparello do partido dominante, normalmente único, que tende a confundirse co Estado.

O fascismo baixo diversas formas

O título do artigo pon o foco na aparición dunha nova vaga fascista. E posíbel ese rexurdimento, ou as condicións actuais son tan diferentes que debemos esquecer esta palabra e deixala para definir partidos políticos doutros tempos? A política ten unha tendencia non aturábel aos eufemismos e hai palabras que tenden a evitarse. Case ninguén quere que lle chamen fascista, pero agora, como mínimo, estamos a presenciar un reforzamento das bases sociolóxicas do fascismo, unha situación que, ata hai pouco, parecía superada en Europa. Estas bases conteñen en distintas doses varios dos compoñentes aos que se fixo referencia: patriotismo exacerbado, euroescepticismo, xenofobia, populismo, Estado forte, autoritarismo, exaltación do líder…

Case todas as compoñentes que permiten identificar unha estrutura política de tipo fascista se dan, en algunha medida, noutras forzas políticas. De feito, os partidos máis euroescépticos da dereita europea teñen importantes diferenzas entre eles. Este espazo que os afasta é bastante claro entre a versión inglesa de máis éxito (UKIP) e a francesa (Front National), e está moi relacionado polas diferenzas en modelo constitucional. Cando se fala dun movemento fascista sempre hai matices nacionais, e case ningún modelo é tan limpo como o imposto en Alemaña polo partido nazi que, cómpre lembrar, chegou ao poder cos votos e o apoio dos cidadáns en plena Gran Depresión.

A nosa propia e longa experiencia histórica co fascismo, o franquismo, estivo moi condicionada pola tradición política anterior, entre militarismo salvapatrias e influencia da Igrexa máis reaccionaria, con toques estéticos e organizativos fascistas, que lles viñan ben ao principio para conseguir apoios externos. O acceso ao poder dos fascistas en España non foi consecuencia dunhas eleccións, como noutros países europeos, senón dun golpe militar, seguido dunha cruel guerra civil e dunha terríbel represión. As circunstancias específicas do franquismo, o seu cruento inicio, a súa longa permanencia e a súa substitución pactada, axudan a que parte das ideas que espallou se manteñan preto do poder e limiten a aparición de movementos especificamente fascistas.

Os propios réximes comunistas de partido único, que seguen o modelo desenvolvido por Lenin e Stalin trala Revolución Rusa, son en certa medida unha variante de esquerda do modelo, unha ditadura de partido único, dura e centralizada, cunha parafernalia estética que pouco ten que envexar aos nazis ou ao fascio. As verdadeiras diferenzas non están nas intencións coas que se instaura unha ditadura de partido único, ou da clase social que os beneficiarios do poder digan defender. Como agora estase a ver en Ucraína, o caso da URSS, por baixo do seu “internacionalismo proletario”, estaba emparentado  coas arelas imperiais da Gran Rusia e procuraba a irradiación do modelo que rexía en Moscú. De feito, esta organización estatal agrupou a un feixe de pobos veciños, pero non estendeu a administración pseudocolonial directa a outros réximes comunistas situados en zonas máis distantes.

Moitos dos movementos da ultradereita que soben en Europa teñen perfil fascista, aínda que algúns o neguen, e cómpre recuperar a palabra fascismo para falar con propiedade. Como mostra do que pretenden, valen as confesións da líder, por herdanza (!), do Front National francés, que manifesta a súa admiración por figuras políticas moi concretas.

A Marine Le Pen gústalle que a identifiquen con Evita Perón. O peronismo é inicialmente a variante arxentina do fascismo, aínda que neste caso, como en todos, coas súas características nacionais, especialmente pola tradición latinoamericana de populismo militar. O lado fascista do peronismo foi maquillado de orixe porque, cando Perón chegou ao poder (1946), xa caeran os movementos alemán e italiano. Hoxe non se identifica tan claramente o peronismo co fascismo, pero leva a súa pegada, sobre todo no combativo nacionalismo e a concepción do Estado e os sindicatos como unha prolongación do Partido, que sempre aspira a ser partido único. En segundo lugar, a política francesa amosa publicamente a súa admiración pola figura do presidente ruso, Vladimir Putin, un exemplo depurado de autoritarismo nacionalista e expansionista, que despreza os valores democráticos.

Parece que o crecemento da ultradereita no panorama político europeo vai durar. Este ascenso, xunto co de diversas variantes de populismo de esquerda, ten moito que ver coa erosión das capacidades do vello modelo de estado-nación. Por fóra, polas complexas consecuencias da maior integración dos pobos do planeta, tras o remate do proceso de descolonización, e por dentro, pola perda de lexitimidade do exercicio do poder, en mans de grupos parasitarios, que decote se afastan das arelas dos cidadáns. Un tema que require unha análise específica, que desborda os obxectivos deste articulo.