Luns 20, Setembro 2021
HomePolíticaEXALTACIÓN ESPAÑOLISTA

EXALTACIÓN ESPAÑOLISTA

por Manuel M. Barreiro

Con todo, o dominante nos faladoiros son declaracións atravesadas ou contrarias aos indultos porque, pretendidamente, creban a igualdade ante a lei e favorecen a ruptura de España.  Os intelectuais do constitucionalismo reaccionario e os líderes conservadores, ultraconservadores e fascistas están arrebatados. Un coro enxordecedor ao que suman voces o filipismo crepuscular, os barons noirs do PSOE e o unionismo centrista e centralista.

Na Transversal Reaccionaria hai unanimidade: non pode haber medidas de graza para o inimigo. Recobra actualidade unha sentenza de Benito Juárez: «Para los amigos, gracias y mercedes; para los enemigos, la ley a secas». Pau e a lei a secas é o que se esixe a Sánchez. Pau e a lei a secas foi o que impuxo a dereita gobernante o 1-O (co laisser faire do PSOE) e o que bendiciu Filipe VI na arenga autoritaria o 3 de outubro de 2017. Crear condicións para o diálogo, e procurar solucións concertadas co independentismo catalán en favor dunha nova configuración plurinacional do Estado, non casan co Réxime do 78 e o clímax  autocrático da Casa Real.

Ante a falta dun proxecto claro do PSOE sobre a gobernanza compartida e o Estado plurinacional, a dereita esperpentiza a Sánchez coma un tafur disposto a todo con tal de gañarse o favor parlamentario dos  independentistas. A caricatura é de trazo groso: os indultos son o prezo que paga para seguir na Moncloa e a proba indiscutible dunha traizón. É un presidente ilexítimo. O plebiscito dominical de Colón foi convocado, basicamente, para certificar a ilexitimidade de Sánchez.

O PSOE e o campo  patriótico español

O «patriotismo constitucional» –como unha solución posnacionalista superadora da España uniformizadora do franquismo– destílase, desde hai tempo, simplemente como españolismo inmobilista e, nos últimos meses, mesmo asistimos á emerxencia incontible do madrileñismo como fase superior do españolismo («Madrid é España dentro de España»). O ayusismo desafía e impugna o Goberno de Sánchez coma se fose unha sorte de Estados Pontificios cercados pola Comunidade Madrid sobre a que non se lle recoñece potestade ningunha. A exaltación españolista marca tendencia. O campo patriótico español está vigorizado: a retesía con Marrocos acendeu as paixóns patrióticas e os indultos acirran o matonismo unionista.

O «patriotismo constitucional» –como unha solución posnacionalista superadora da España uniformizadora do franquismo– destílase, desde hai tempo, simplemente como españolismo inmobilista e, nos últimos meses, mesmo asistimos á emerxencia incontible do madrileñismo como fase superior do españolismo.

Coa hemeroteca non é doado saber cal é posición de Sánchez sobre a unha solución plurinacional para o Estado. 2015: «O PSOE vai estar sempre ao lado da Constitución, da integridade e da unidade de España. Faltaría máis, somos o Partido Socialista Obreiro Español, español».  2017: o secretario xeral do  PSOE propón a  reforma da Constitución para recoñecer a plurinacionalidade de España e un federalismo asimétrico.  2019: En Manual de resistencia anota: «Estaba en xogo a soberanía nacional, a integridade territorial, e que apoiásemos a aplicación [do 155] mandaba unha mensaxe a Europa: isto non era algo dunha suposta dereita franquista nin un conflito entre dous nacionalismos, senón un desafío á Constitución».

Nada importa a consistencia do relato de Sánchez. En canto se enxerga a menor vacilación respecto da Monarquía ou a organización do Estado, os baróns do PSOE e a vella garda filipista pintan as liñas vermellas do necesario e do inaceptable para os socialistas orixinarios. Son os primeiros en dar cobertura á impunidade dos poderosos, á exculpación das corrupcións dos Borbóns, aos privilexios feudais do IBEX e ao enaltecemento xacobino da unidade do Reino.

A reacción dos impunes

Os indultos excitan o «apetito secesionista», advirten algúns dos primus inter pares que máis se beneficiaron (política e materialmente) do réxime de impunidade absoluta das catro últimas décadas. Indígnase mesmo Rafael Vera, condenado por excederse na guerra sucia e que foi indultado graciosamente pola súa negra folla de servizos.

El País editorializou para centrar o debate: «As sentenzas [do 1-O] contribuíron a superar a fase máis aguda da crise, pero non resolveron o reto existencial para a democracia española que supón o independentismo».  «As razóns que apoian o rexeitamento ao indulto son de peso», pero avogan por adoptar medidas e accións de concordia que rebaixen a tensión. Os editorialistas transixen coa concesión do indulto por ser de «utilidade pública». Aconsellan tragar ese sapo para mover algunhas pezas en Cataluña que dean maior estabilidade ao Réxime do 78.

O editorial non impidiu que a clase política impune deslexitimase en bloque os indultos. A súa narrativa fúndase nunha achega que, salienta o penalista Portilla Contreras, se debe a Carl Schmitt: a distinción entre o estranxeiro como inimigo colectivo lexítimo e o inimigo interior ilexítimo, promotor da subversión, que é preciso eliminar para preservar a orde do Estado.

En canto se enxerga a menor vacilación respecto da Monarquía ou a organización do Estado, os baróns do PSOE e a vella garda filipista pintan as liñas vermellas. Son os primeiros en dar cobertura á impunidade dos poderosos, á exculpación das corrupcións dos Borbóns, aos privilexios feudais do IBEX e ao enaltecemento xacobino da unidade do Reino.

A aceptación devota do dereito penal do inimigo alenta a deslexitimación do indulto. Para a barra brava do Réxime do 78, inimigo é toda persoa que contradiga a obediencia mansa. A reiterada oposición aos consensos fundacionais do Réxime acrecentan o perigo dos críticos e disidentes eventuais, e fainos acredores da condición de inimigos e o Estado pode, a discreción, darlles un trato de delincuente (coa aplicación do dereito penal) ou engadirlle un bonus represivo para negarlles a súa condición de cidadáns. Máis claro: a lei a secas ou pau e ferro cando lle reine aos donos do Estado.

O inmobilismo activista e os equilibrios precarios

En febreiro de 2020, Rosa Díaz reapareceu liderando Unión 78 a carón de  ex dirixentes do PP (María San Gil…), do PSOE (Antonio Cuadrado) e vellos compañeiros de viaxe (Fernando Savater…). Adheríronse notables do bipartidismo en excedencia (Francisco Vázquez…) e sobresalientes dos negocios, da academia e dos medios (G. de la Dehesa, A. Trapiello, F. Ovejero, R. Blanco Valdés, Luis Del Val,  Sáenz de Buruaga, Carlos Herrera, Ángel Expósito…).

Un ano despois, Unión 78 – agrupación de «constitucionalistas activos»– resucitou para facer de lebre do black bloc ultraconservador. Citouno o 13 de xuño en Colón  para rexeitar a concesión de indultos. Disparo de saída para iniciar unha ofensiva xeral do campo patriótico español contra o Goberno de PSOE-UP e as forzas soberanistas.  PP, Vox e Ciudadanos sumáronse decontado á mobilización cívica que rexistrou menor asistencia que a de 2019. Pablo Casado non ten motivos para sentirse satisfeito:  apupado e abaixado no seu liderado, comprobou como Isabel Ayuso lle papa o protagonismo na construción da Alt-Right española. 

Desesperación, resignación e utilidade política

Thoreau sostiña que a resignación é a desesperación confirmada. O indulto de Sánchez é unha medida de graza resignada. Fracasou no intento de resolver o «problema catalán» pola vía electoral: gañou o PSC, mais a aritmética parlamentaria foi insuficiente para investir a Illa. Asediou en van á Generalitat agardando que non callara o pacto entre ERC e JxC. Coa desesperación xa confirmada, resignouse a conceder os indultos cando non hai dous anos se ofrecía como aval do cumprimento íntegro das penas. Sánchez parece aceptar que, no tocante ao independentismo catalán, teimar na mesma política e agardar efectos diferentes é unha sorte de loucura. Razón non lle falta. A solución do reto existencial de España será un diálogo multilateral para acordar unha formulación confederal do Estado.

Sánchez parece aceptar que, no tocante ao independentismo catalán, teimar na mesma política e agardar efectos diferentes é unha sorte de loucura. Razón non lle falta. A solución do reto existencial de España será un diálogo multilateral para acordar unha formulación confederal do Estado.

 

Aos indultos asístenlle razóns de utilidade política. Para o Réxime do 78, lubricar –para evitar novas esgazaduras– a relación co independentismo gobernante en Cataluña, unha das súas frontes de erosión máis intensas (a outra é creba política e moral da Coroa). Para o seu Goberno, estabilizar os apoios da investidura á espera de que, tras a fin da crise sanitaria da COVID-19, mellore o humor cidadán e que os Next Generation aseen o seu balance económico e social antes de volver ás políticas austeritarias que a UE esixe para o horizonte pospandémico.

Non faltará, entre os spin doctors presidenciais, quen o anime cos indultos porque son un «acto de grandeza política» semellante ao de Rodríguez Zapatero «acelerando» a fin de ETA. Unha marca de grande estadista que, de certo, a Sánchez tamén lle vai deixar algunhas cicatrices. A Transversal Reaccionaria deixouno claro en Colón: Sánchez é  un traidor e arrastra a Filipe VI a consumar coa súa sinatura unha catástrofe. É un inimigo da España verdadeira. E ao inimigo: a lei a secas, pau e ferro.


 

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]