Sábado 10, Xuño 2023
HomePolíticaEIVAS E MALURAS DOS CONCELLOS GALEGOS

EIVAS E MALURAS DOS CONCELLOS GALEGOS

texto Xosé Antón Jardón

Se queremos dispor dun certo grao de desenvolvemento e benestar, semellante angueira pasa necesariamente pola asunción dun maior nivel competencial en materia de administración e facendas locais, pola elaboración dunhas directrices de ordenación do territorio que, entre outros aspectos, nos permita redefinir a planta local e as súas competencias e por un novo sistema de financiamento local, no que o modelo de participación dos concellos galegos nos ingresos do Estado recoñeza os nosos trazos diferenciais.

O catedrático de Xeografía, Rubén C. Lois González, ten manifestado en máis dunha ocasión que a hexemonía do sistema capitalista en Galicia exprésase nunha ocupación moi desigual e pouco racional do territorio. Un territorio que sufriu un proceso urbanizador intenso e moi rápido, que deu como resultado o eixo urbano atlántico, urbano e superpoboado e o rural, interior, caracterizado polas súas dinámicas de despoboamento, abandono e atonía económica. Noutra orde de cousas, mais sen que por iso garde menos relación co tema que nos ocupa, María Teresa Salvador Crespo, profesora de Dereito Constitucional da Universidade de Xaén, nun traballo titulado “O impacto da crise económica na reforma do Goberno local en España” (Dialnet, nº 15, 2014), afirmaba: «A Constitución española foi reformada en 2011 para asegurar o cumprimento do equilibrio orzamentario e a estabilidade financeira, mais o seu impacto foi moito máis alá do simple control do déficit e da débeda pública. O Estado central aproveitou esta reforma para alterar o sistema de relación entre os tres niveis territoriais de goberno».

A veciñanza galega, malia ter as mesmas obrigas ca a do Estado, carece dos mesmos dereitos, porque o noso país sofre as consecuencias discriminatorias dun sistema de participación dos concellos nos recursos do Estado que ignora adrede unha realidade totalmente distinta.

Outra cousa distinta é que a lei non atine na regulación desta realidade, e que ás arcas municipais non cheguen as correspondentes dotacións económicas dende os orzamentos da Xunta ou do Estado, circunstancia que, obviamente, diminúe a calidade e a universalidade dos servizos propiamente municipais que, por lei, deben prestarlle os concellos á súa veciñanza. O PP non conseguiu aquel obxectivo, mais non perdeu o tempo. A día de hoxe, o PSOE xa se esqueceu da súa promesa de derrogar a lei e, entre ámbolos dous partidos sistémicos, xa lograron que medren e se asenten novos mecanismos recentralizadores e de control, neste caso, da administración central sobre a local.A Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, que modifica a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de Réxime Local, que o PP vendeu co discurso de «unha administración, unha competencia», nunca alcanzou tal obxectivo, porque ese axioma amais de imposíbel é unha parvada, pois os concellos, como administración máis próxima á cidadanía, non poden deixar de atender varios servizos impropios, aínda que non lle competen, amais de compartir a atención doutros que, polo menos teoricamente, están asignados á administración autonómica ou á central.

Pero, amais de todo iso, a veciñanza galega, malia ter as mesmas obrigas ca a do Estado, carece dos mesmos dereitos, porque o noso país sofre as consecuencias discriminatorias dun sistema de participación dos concellos nos recursos do Estado que ignora adrede unha realidade totalmente distinta.

En fin, o Goberno central e as Cortes miran cara a outro lado á hora de recoñecer as evidencias, mentres a Xunta, coa inestimábel axuda dos nosos parlamentarios, non ten vagar de ler os artigos 2 e 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia, que nos permiten exercer competencias en materia de organización territorial.

Remedios caseiros para graves doenzas

Os artigos 152.3 e 148.1.2ª da Constitución, unidos aos 2 e 27 do Estatuto de Autonomía de Galicia, dotan a Xunta dunha certa capacidade para configurar no seu territorio unha estrutura local propia e diferenciada, sen necesidade de agardar á necesaria e urxente reforma constitucional.

Por lei, as Deputacións deben priorizar as entidades locais máis pequenas, mais o que fan é operar coma devoradoras intermediarias entre todos os concellos e o Estado e CCAA, co encarecemento e absorción de recursos que podían chegar directamente do Estado e da Xunta aos seus destinos finais.

foto Fernando de Paz

O que non é de recibo son as brincadeiras de Feijóo, tratando de convencernos de que, tamén en materia de ordenación territorial, un é a metade de dous e, se arrincamos os marcos entre Oza e Cesuras e Cerdedo e Cotobade, xa está resolto o problema. Bastaría con botarlle unha visual ao informe xustificativo da fusión de Cerdedo e Cotobade, cuxo autor é o propio alcalde de Cotobade, ao parecer experto en xeografía, urbanismo, historia, etc,  para decatármonos de que primeiro tomaron a decisión e despois xustificaron o proceso. Obviamente, as hortiñas son algo máis grandes, mais abonda con preguntarlles a uns cantos veciños do lugar para decatarnos de que os servizos non son de mellor calidade, que diminuíu a universalidade, que vai afrouxando a proximidade e que os gastos correntes non se reducen. Claro, as razóns de peso seica eran a construción dunha gardería e dun centro de maiores, e mesmo que as esmolas de Feijóo serían maiores. Galicia, conformada polos 313 concellos nos que se asentan 3.778 parroquias e 30.374 entidades de poboación, amalloados polo arame aceirado das catro provincias, precisa como a auga de maio dunhas directrices de ordenación do territorio, que sexan o resultado dun debate serio, sosegado e amplo, que sirvan de base para dispormos dunha nova organización territorial, dotada dunha táboa de competencias que lles permita ás entidades resultantes prestarlle á xente uns servizos básicos de calidade e universais. E, para iso, o que nos cómpre é dispor canto antes dun maior nivel competencial en materia de administración e facendas locais e, por suposto, un novo modelo de participación nos ingresos do Estado.

 O atranco das deputacións

Cando o Estado decidiu suprimir as deputacións nas comunidades uniprovinciais, asignándolles a estas as competencias do artigo 36 da Lei de Bases de Réxime Local, talvez fora porque alguén con sentidiño chegou á conclusión de que eran prescindíbeis.

Se furgamos algo na situación galega –semellante á do resto do Estado– a escape podemos constatar que as administracións provinciais están dirixidas por representantes, previamente seleccionados polos partidos políticos, elixidos de forma indirecta entre os alcaldes e concelleiros que, no canto de gobernar, supeditando a súa acción ás realidades dos concellos, acontece xustamente o contrario. Os recursos que xestionan son case na súa totalidade produto da participación nos ingresos do Estado (só recadan arredor do 5%), e o seu persoal absorbe en moitos casos ata un 80% do orzamento. Por lei, as súas funcións deben priorizar a actividade de cara ás entidades locais máis pequenas, mais o que fan é operar como devoradoras intermediarias entre todos os concellos e o Estado e CCAA, co correspondente encarecemento e absorción de recursos que podían chegar directamente do Estado e da Xunta aos seus destinos finais.

Consumen nas cidades unha parte substancial do diñeiro que xestionan, atendendo e duplicando servizos que deberían custear aquelas, porque amais dispoñen de maiores recursos. E, todo iso, burlando a lei, e sen que ninguén mova unha palla, malia estar establecido que: «Son fins propios e específicos da Provincia garantir os principios de solidariedade e equilibrio intermunicipais, no marco da política económica e social e, en particular, asegurar a prestación integral e adecuada na totalidade do territorio provincial dos servizos de competencia municipal» (artigo 31.2.a, da Lei de Bases de Réxime Local).

 A cinguida autonomía local

No seu artigo 140, a Constitución española garante a autonomía dos municipios. Por se houbese algunha dúbida, o goberno español ratificou a Carta Europea de Autonomía Local, norma que con máis claridade cá Carta Magna si define con nitidez nos artigos 3 e 4 o alcance do concepto.

Nesta liña, a mediados dos anos oitenta do século pasado, mentres se construía o denominado “Estado autonómico”, tamén se comezou a teimar coa “segunda descentralización”, que debería agromar dende as comunidades autónomas cara aos concellos, para achegar o máis posíbel a prestación universal dos servizos básicos á veciñanza. Mais para que tal circunstancia acontecese, no noso caso a Xunta de Galicia debería demandar maiores competencias en materia de administración e financiamento local, sen deixar de espremer as que lle recoñece o Estatuto, comezando pola substitución, por outra máis acaída, da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia, un auténtico arremedo das normas do Estado na materia.

As forzas políticas estatais nunca tiveron moita ansia de asentar e protexer a autonomía local, nin a nivel xurídico nin na praxe cotián. Sen ir máis lonxe, por obra e graza dunha cremalleira denominada “regra de gasto”, os concellos nin sequera gozan de autonomía para gastar os seus propios aforros.

O que aconteceu entón –e segue a acontecer agora– é que as forzas políticas estatais nunca tiveron moita ansia de asentar e protexer a autonomía local, nin a nivel xurídico nin na praxe cotián. Nunca deixaron de fabricar normas e artimañas afogadizas da pouca e indefinida marxe de manobra dos concellos que, malia recoñecerse no BOE, sempre fica amalloada por unha chea de pexas. Sen ir máis lonxe, por obra e graza dunha cremalleira, denominada “regra de gasto”, os concellos nin sequera gozan de autonomía para gastar os seus propios aforros.

Mercé a esa confabulación do PSOE e do PP, que renaceu en setembro de 2011, cando modificaron o artigo 135 da Carta magna, agromou a Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira, que arrecantou definitivamente aos concellos na minoría de idade, someténdoos á patria potestade e tutela da elite funcionarial do Ministerio de Hacienda (Estado) e da Consellería de Facenda (Xunta), sempre presta a subordinarse aos ditados de Madrid. E, para rematar esta gatada todo ficou, finalmente,  atado e ben atado coa Lei 27/2013, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local.

Paralelamente ía asentando, con absoluta confianza e familiaridade, a cerna sólida  e resistente do que poderiamos denominar «neoliberalismo local», que comezou predicando o principio de que cada servizo básico debe autofinanciarse, para ir minguando a calidade, a universalidade e a proximidade, ata acabar franqueándolle as portas –coa inestimábel axuda das deputacións– a un potente e próspero nicho de negocio das empresas privadas do sistema.

O financiamento dos concellos galegos

foto Fernando de Paz

O tecido do financiamento local non ten evolucionado case nada nos trinta anos de vida da Lei 39/1988, do 28 de abril, reguladora das facendas locais, malia que as circunstancias nas que se promulgou mudaron radicalmente. As infinitas modificacións posteriores trouxeron algún tributo novo (Imposto de construcións), fixeron desaparecer practicamente o Imposto de Actividades Económicas e os vellos tributos locais, verbi gratia, o Imposto de Bens Inmóbeis, foise enchendo de exencións e bonificacións, cuxa xustificación é moi discutíbel, mais foi incapaz de entrar a saco en situacións sangrantes, como é o caso das vivendas desocupadas e leiras abandonadas.

As transferencias, resultantes da participación dos concellos galegos nos ingresos do Estado, son moi inferiores ás dos restantes de España. As da Xunta tamén son menores que as recibidas polos outros concellos das respectivas comunidades autónomas. Maiormente existe unha fenda substancial entre as axudas que chegan ás arcas municipais galegas dende as deputacións, se comparamos a costa co interior. A débeda dos entes locais galegos é realmente insignificante, representa un 0,80% do PIB, mentres a do Estado é do 2,90%.

Respecto do financiamento dos concellos galegos, a solución debería pasar por un novo modelo de participación nos tributos do Estado, no que se considere o número de entidades de poboación, a taxa de envellecemento e a nosa renda per cápita.

Mais o problema crucial está no vixente sistema de participación dos concellos nos tributos do Estado, por tratarse ademais dunha das súas principais fontes de financiamento, que se caracteriza pola aplicación de criterios uniformes en todo o territorio, ignorando adrede as circunstancias diferenciais de Galicia. Na actualidade hai dous modelos: o modelo de cesión, consistente nunha porcentaxe do 2-3 por cento do recadado por IRPF e outros tributos que gravan o consumo, nos concellos capitais de comunidades autónomas, de provincias e con poboación superior a 75.000 habitantes. E, o modelo do réxime común, para os restantes concellos, dotado cun fondo que se distribúe, un 75% baseándose na poboación, un 12,50 ao esforzo fiscal e outro 12,50 inversamente á capacidade fiscal de cada municipio. Dentro do elemento poboacional aplícase unha escala que beneficia os de maior poboación, en detrimento dos que que teñen menos censo de veciños.

A solución, de xustiza para Galicia, debería pasar por un novo modelo de participación nos tributos do Estado, no que se considere o número de entidades de poboación, a taxa de envellecemento e a renda per cápita dos galegos. Se tivésemos en conta estes tres factores e lles désemos un coeficiente do 10% sobre o total, as nosas entidades locais dobrarían esta fonte de ingresos (1.102.287.131 euros multiplicados por dous, en datos do 2016). Paralelamente, a Xunta debería crear un Fondo Municipal que inclúa o actual de Cooperación Local, unha boa parte dos recursos finalistas que destina aos concellos e deputacións, o que lle corresponda a Galicia por mor da participación nos ingresos do Estado, e a maior parte das transferencias que reciben as deputacións por este concepto. Finalmente, o Parlamento galego debería posuír a competencia para elaborar os criterios de distribución.

Este artigo forma parte de En Destaque do número 264 (maio 2019) da revista TEMPOS NOVOS

________________

Xosé Antón Jardón é Secretario-interventor de administración local. Foi alcalde de Vilar de Santos e vicepresidente da FEGAMP.