Hai unha maza por aí?
O xornalista e filósofo Josep Ramoneda é unha desas persoas (das poucas que quedan por aquí preto) que aínda causan admiración cando un os le ou escoita. Reflexiona sobre o futuro da socialdemocracia en España no Gara (5-02-2012) e sinala que o PSOE non reparou en que Aznar gobernou cun proxecto claro de “reconquista ideolóxica, de hexemonía cultural, e cando logras iso, a hexemonía política vén de seu”. A proba é que o PSOE xa non existe nalgúns lugares: Murcia, Madrid, Valencia…“Para min, un dos grandes fracasos de Zapatero é que en sete anos non deu recortado nin un milímetro a hexemonía ideolóxica do PP”, remata Ramoneda. Cando alguén fai unha diagnose tan atinada, poucas preguntas xorden. Agora ben, hai unha moi necesaria: ¿Teñen Rubalcaba e o PSOE un relato alternativo para derrubar o muro conservador que o PP e os seus medios afíns están erguendo en España? Precísase unha maza ben grande.
Fai falta tanto?
Escribe Xosé Carlos Caneiro (29-01-2012) na Voz que mentres Feijoo “reforma”, a oposición, tanto dá PSdeG que BNG, está “secuestrada”. “Presa de si mesma, a esquerda sofre incoherencia ideolóxica, demagoxia constante, deterioración intelectual e desgraza electoral”. Pola contra, segundo o escritor ourensán, Feijoo rematou a “renovación” do seu partido e a súa praxe de goberno “marca paradigma noutros ámbitos territoriais”. Realmente, para que quede claro que alguén está entregado a un partido e a un goberno, fai falta ser tan descarado? Quizais convén completar a análise dicindo que o secuestro da oposición conta coa axuda de medios de comunicación e ámbitos de influencia entregados á Xunta a bo prezo. E que as “reformas” de Feijoo implican destrución de tecido produtivo e industrial, aumento de varios puntos na taxa de desemprego en toda Galicia, fracaso eólico despois de show político-mediático organizado no 2009 e sometemento a Madrid ata o extremo de adormecer o autogoberno. E despois, se queres, todo o demais.
Quen é o inimigo?
A esquerda española quere recuperar nas rúas o que perdeu nas urnas. É lóxico e lexítimo. A presenza na rúa estivo sempre no ADN da esquerda. Pregúntome se no da dereita está xustamente o contrario: o control da rúa. O de Valencia supera calquera entendemento. As porradas e paus aos estudantes non nos iguala a Grecia, como pretende a dereita mediática. É bastante peor que Grecia. Eran mozos protestando porque lles recortaron en mestres e ata na calefacción do instituto. Cualificalos como “o inimigo” devólveme á reflexión de Ramoneda: en España xa hai xente que deixou os complexos no armario e ten como faro a testosterona no canto do civismo propio dun sistema de liberdades.
E agora que?
O PSOE pechou o 2011 coa economía medrando ao 0,7%, pero cun baixón no tramo final do ano derivado do parón xeral en Europa. Co PP xa estamos en recesión e a CEOE fala da posibilidade de chegar ao parado 6 millóns. Con razón, pregunta Iñaki Gabilondo cando chegará o momento de que o actual goberno empece a ser responsable do que pasa e deixe de selo Zapatero. Rajoy quería eleccións, tivo eleccións; quería maioría para enviarlles aos mercados serenidade, tivo maioría; recortou, dinamitou o sistema de relacións laborais, abriu a porta para privatizar as televisións públicas (que ganas tiñan!), variou as regras do sistema financeiro… E Bruxelas di que nada, e as axencias de cualificación din que nada. Primeiro balance do goberno do PP: 5 millóns e medio de desempregados e recesión.
Quen é o tecnócrata?
Mario Monti chegou á presidencia de Italia coma unha sorte de interino. Bautizámolo como “tecnócrata”. Substituía a Berlusconi, segundo supúñamos todos, para facer o que os mercados querían facer con Italia. Pero o tecnócrata saíu político, moito máis do que algúns políticos profesionais, e non está só cumprindo ordes, senón aplicando novas estratexias para salvar o seu país. Non lle vai tan mal de momento. De feito, liderou a redacción dunha carta dirixida a Van Rompuy e Durao Barroso para que Bruxelas permita políticas económicas que permitan reactivar a actividade. Asinaron outros 11, entre eles Rajoy. Nin Merkel nin Sarkozy quixeron. Monti non é precisamente da CIG, nin sequera socialdemócrata, pero ve o que moitos ven: ou se fai algo máis que reducir o sector público, ou isto vénse abaixo. Resulta o que o tecnócrata lles está a dicir aos políticos que fagan política. Isto é o mundo ao revés.
O pecado do sindicalismo
A reforma laboral amosa con ferocidade ata que punto esta crise nos vai empobrecer. Imos retroceder tanto tempo que farán falla dúas xeracións ben armadas para recuperar todo o perdido. Hai un argumento perverso, case maligno, no argumentario da intelligentsia que se encarga de furar as cabezas para que esta reforma entre como fundamental neste intre: “os sindicatos nunca se preocuparon dos cinco millóns de parados”. A cruzada antisindical é repugnante. Acaso son os sindicatos os encargados de crear postos de traballo? Non, os sindicatos responsabilízanse de defender os dereitos dos que traballamos. Actualmente, somos 17 millóns de cotizantes á Seguridade Social: somos os que sostemos o sistema, pagamos as pensións, as prestacións de desemprego e toda a cobertura social que foi a envexa de medio mundo. A gadaña neoliberal dinos que non hai alternativa, pero si existe: 1- A de educar novo empresariado, que se preocupe por conformar empresas de carácter social, non as que tiña España ata agora, obsesionadas polo prezo do despido, as que trancaban a porta á mínima; e 2- Impedir a impunidade fiscal, os fraudes millonarios, os que van desde os paraísos monegascos ata a factura sen IVE. Hai alternativa, carallo!
Quen son os nosos?
O BNG esgaza en mil anacos. Case todos aqueles que axudaron a configurar un referente político e electoral do que copiaron outros moitos noutros países cren que deu de si todo o que podía. Iso é un erro: non hai outra fórmula para Galicia. Case todos os países sen Estado teñen dous referentes ideolóxicos no campo do nacionalismo: en Catalunya son CiU e ERC, en Euskadi PNV e Amaiur, etc. En Galicia podería existir unha proposta de esquerdas e outra máis de centro, o que sucede é que parte do centro estaba no BNG e a outra parte está no PP, e do PP non se vai ninguén mentres goberne. Que haberá, dúas propostas nacionalistas de esquerdas nas vindeiras eleccións? Nunha Jorquera e noutra Beiras? O nacionalismo foi facéndose o haraquiri a medida que ía gañando institucións: primeiro ideolóxico, abandonando a autodeterminación como obxectivo penúltimo; e despois vital, reducindo o debate interno ao que quixeran os de sempre. Iso si, os adversarios están de festa. O PP porque non precisará de gran cousa para seguir na Xunta, e o PSdeG porque así cumprirá o seu soño de ser o eterno segundo.
É Beiras vello?
Non sei cantos anos ten nin o penso mirar. A idade non é un factor relevante: se as persoas son válidas, serano independentemente da súa idade. Teño para min que Beiras foi o presidente que nunca tivemos e que, desde logo, podería ter sido alguén tan capaz como Touriño ou Feijoo, que marcan o mínimo que se pode esixir a un gobernante. Lembro que nun mitin, hai anos, se comprometeu a facer o que fose necesario para defender os intereses de Galicia, “como se hai que ir a Bruxelas e acampar diante da Comisión ata que nos escoiten”. Houbo moitos intereses unidos para pecharlle as portas do Goberno da Xunta daquela. E hoxe temos a clase política que nos merecemos. É Beiras vello? Stephane Hessel, 95 anos; José Luis Sampedro, 95 anos… Os referentes da indignación actual, os que inspiran a xente nova non teñen 30 nin 40 anos. É Beiras vello?
Isto é unidade?
O Congreso únese para deixar soa a Rosa Díez, Rosa I de España, e retomar a unidade contra ETA que non se daba desde os tempos do Pacto de Ajuria Enea. Trátase dunha cobertura de facto para que Rajoy xestione como marca o sentido común o tramo terminal de ETA (presos, vítimas, disolución da organización). O PP debe ter axuda, claro, tantos anos buscando os votos á conta dos mortos supuxo a alimentación dun sector que agora se vai virar na contra (asociacións de vítimas, medios de extrema dereita, tertulianos). O que pasa é que o texto asinado é tan pobre e escaso que dá mágoa lelo. O 12 de xaneiro de 1988 asinouse un acordo que referendaron desde o PP ata Eusko Alkartasuna, no que se dicía: “coa fin de propiciar o diálogo político, afondaremos nas vías que posibiliten a incorporación á democracia de quen hoxe non acepta a vontade maioritaria do Pobo Vasco”. Imos cara atrás.
Fálame ben!
A crise económica está comportando un proceso de manipulación idiomática ante o que pretendo rebelarme. Chámanlle “reformas” ao que son leis de perda efectiva de dereitos: reforma laboral ou a reforma do sistema de pensións. Non, se se trata de reformar o que existía, é un recorte. Acaso na aldea falan de “reformar o centeo”. Non, chámanlle seitura. Non se reforma a leira, senón que se sega a herba. Pretenden que pase por “austeridade” o que é a laminación dos incentivos á economía desde o sector público. Recorte tras recorte, estamos cada vez peor, non hai expectativa de mellora, por iso 12 líderes europeos lle piden por carta a Barroso que muden axiña de políticas. Ser austero é ser sobrio. Xeralmente, as persoas austeras non son neoliberais.
Un exemplo: Bielsa
Marcelo Bielsa é a austeridade. O adestrador do Athlétic (recordade que Athlétic só hai un, que é o de Bilbao) pasea pola cidade nun Seat Ibiza ben trillado, e sempre viste chándal. Non vai a actos públicos, non viste traxes de Armani, non di paridas nin concede entrevistas, só roldas de prensa. Introduciu un estilo de fútbol de moitos quilates en San Mamés, que é a Catedral do fútbol por moito que Florentino queira cambiar o ronsel da historia. Non lles permite aos seus futbolistas (uns aldeaniños forxados en Lezama, cunha media de 24 anos) simular faltas, nin perder tempo, nin lle protestar ao árbitro. Iso é a austeridade, é a clase con chándal. Bielsa case nunca sae na tele porque os programadores prefiren a Mourinho. Bielsas contra Mourinhos, pedras contra tanques que cantan Leilía na letra de Suso de Toro. Eu son de Bielsa. Por todas estas razóns, e porque sempre que berra di “Carajo!”.