Sábado 10, Xuño 2023
HomePolíticaE digo eu

E digo eu

Caneiro

Coñecín a Xosé Carlos Caneiro hai uns dez anos. Foi aquí, en Bilbao. El viña a promover unha novela e eu abrinlle as portas da radio. Pareceume un tipo sensible e agradable. Non sei que cables se lle cruzarían nestes últimos anos para escribir e dicir as cousas que di, pero está a traspasar unha liña que considero sagrada: a da decencia. Escribir en Twitter un comentario ferinte polos despidos de El País é algo bastante noxento. Unha cousa é que se entregue a Feijoo e a Rajoy dun xeito militante, acrítico e vantaxista, e outra aledarse polo mal alleo. A profesión xornalística está a sufrir, en Galicia, dun modo especialmente grave, con peches de medios e despidos dolorosos. Pensar que eses medios só estaban aí para tentar afundir a La Voz de Galicia é dun embiguismo, dunha carencia democrática e a demostración clara de que as súas entendedeiras son as dun bebé. Eses xornalistas e eses xornais estaban aí para reflectir a pluralidade do país porque, estea de acordo ou non, señor Caneiro, Galicia é plural e non todos viñemos a este mundo a facerlle os recados ao señor editor nin ao señor presidente. O tempo dos señoritos pasou. E xa está ben, que coa que está a caer, adicarlle ao autor dos artigos máis pedantes e sensibleiros da historia o primeiro espazo deste mes xa é demais.

Mas

Desexa vostede que Catalunya sexa un novo Estado na Unión Europea? Di Artur Mas nunha entrevista en La Vanguardia que esa é a pregunta que lles pretende facer aos cataláns, convencido de que a onda erguida a partir da Diada é imparable. “Levamos trinta anos sendo bos rapaces”, lembra cunha firmeza absoluta. E ten razón, os nacionalistas cataláns sempre se ofreceron a pactar e a axudar á gobernabilidade de España, pero iso non lles serviu para acadar un encaixe adecuado ás súas aspiracións. Todo foron negativas ou remendos temporais como o do Estatut. Agora hai unha xeración de dirixentes que xa non se moven cos clixés dos que fixeron a transición e que, polo tanto, viven a catalanidade sen complexos. Mais a cuestión non é que CiU se volvese independentista, senón que moitos no PSC, os andaluces e estremeños que viven alí desde hai 50 anos e os seus fillos, e outros sen afiliación clara comprenderon que isto non dá máis de si. España, como proxecto incluínte, xa non é posible. Comentábamo hai uns días Carod Rovira: “non é que haxa máis nacionalistas en Catalunya, é que en España xa non quedan federalistas”.

Mas e os mercados

A nación catalá é transversal e interclasista, a diferenza da vasca, aínda quebrada pola violencia de ETA. O reto do PNV e de Bildu é convencer aos socialistas e aos populares e achegalos ao seu proxecto de construción nacional inclusivo. Por iso, resulta hilarante que Soraya lle bote a culpa a Mas de que a prima de risco española estea nas nubes. “A estabilidade política tamén cotiza en bolsa”. A falta de vergoña deste goberno é insultante. Xa confesara Montoro aquilo de que “se afunda España, que xa a ergueremos nós”. Refírese Soraya as manifas que montaban fin de semana si e fin de semana tamén cando os mercados comezaban a abafar a Zapatero? Refírese ao exemplo que deron eles tendendo a man en sinal de axuda? Pode ser que se estea a referir ao ministro Wert, ese que quere “españolizar” aos nenos cataláns? Esa ben pode ser unha maneira de dar estabilidade política: introducir nas escolas clases de touros, flamenco e gazpacho.

PSC-PSE-PSdeG

Canto peor pon a España o Partido Popular, menos se escoita ao Partido Socialista, perdido nunha esquizofrénica carreira cara a ningures, sen definir un proxecto claro en ningún ámbito e co propósito simplemente de facer “oposición responsable”. Cando o PSOE está na oposición, ser responsable significa non dicir nada; cando lle toca ao PP, o normal é ir de país en país falando mal de España, aí teñen a actitude de Aznar sen ir máis lonxe, que non calaba desde México a Alemaña afirmando que Zapatero estaba a converter o seu país nos Balcáns. Agora, Rubalcaba aposta por un Estado federal que arrefríe a cuestión catalá, esquecendo, quizais, que hai dez anos Maragall propuxo algo semellante e ríanse del á cara. O tema xa non é federalismo, asimetría ou pacto fiscal; a cuestión é que a España constitucional ten unhas costuras demasiado estreitas para moitos cidadáns que non estamos cómodos. Vemos acotío exemplos de que as institucións do poder central fallan sempre a favor da parte máis forte: o Constitucional, a posibilidade de consultar, as políticas lingüísticas sempre anuladas… Un Estado español viable non pasa por outro remendo nin por dar un pouco de café de máis a todos. A reforma ten que ser sincera e fonda. Senón, despois de Catalunya virán outras e, para cando o saiba Feijoo, Galicia estará equiparada a Murcia e a Estremadura. Aínda que ben pensado, quizais é o que quere.

Romney

Nos Estados Unidos non hai debatiños nin debateiros nin trapalladas. Alí hai tres debates entre os candidatos, abertos, televisados e cun moderador cun papel testemuñal, máis outro cos aspirantes á vicepresidencia como protagonistas. Os debates son tan determinantes que tras o primeiro as enquisas mudaron de abaixo arriba. Romney, un candidato feble, pouco conexo co aparato republicano e cheo de contradicións, ergue de novo o seu proxecto grazas a unha noite de inspiración na que lle deu un bo repaso a Obama. Levo meses sostendo a tese de que unha vitoria de Mitt Romney no é algo tan desasisado. Os cidadáns estadounidenses teñen unhas bases decisorias moi distintas das que temos os europeos. Un exemplo: ningún presidente puido renovar mandato cunha taxa de desemprego de máis do 7%, e agora é do 8’2% (leva por riba do 8 máis de 40 meses, segundo dixo Romney), e os prezos da gasolina tiran cara arriba desde hai varios anos. Non ten Obama a culpa de todo, de feito o gasto público e o rescate da industria automobilística salvaron moitos empregos, pero aínda así o escenario é moi negativo para el. Romney é un directivo e empresario de éxito que repite seguido iso de que el sabe “como crear empregos” porque o leva facendo toda a vida. Só hai dous países no mundo capaces de premiar a presidentes cun paro de máis do 20%: España e Galicia.

Chávez

Menos preocupacións ten Hugo Chávez, que ten pensado gobernar ata o 2025. “Pídolle a Deus que me dea saúde para cumprir a misión da revolución bolivariana”, di un home que superou á súa personaxe para se converter no seu propio debuxo animado. Teño lonxe as claves dun país demasiado polarizado e complexo como para afirmar nada con rotundidade, pero si observo que os intermedios foros aniquilados, que alí xa non hai grises e que a revolución o único que conseguiu, de momento, é acabar cos ricos, pero mantendo os pobres. Escasa vitoria para 14 anos de mandato que obrigaron a toda a oposición, é o mesmo de que signo ideolóxico, a se unir para tentar mudar o futuro. Demasiada inseguridade, demasiada pobreza, e demasiadas restricións á liberdade de prensa como para entregarse a un Presidente que se autocualifica de “Comandante”. Os ferros, mellor lonxe. O que tamén se confirma é un bloque potente de corte esquerdista en América Latina que está a transformar o continente. Semella que 40 anos despois está a acontecer o que no 70 e 80 non permitiron os servizos secretos dalgúns países.

25-S

Vivín o pos-25-S en Madrid desde un lugar privilexiado: dentro do perímetro de seguridade que pretendía protexer o Congreso o sábado 29, noutra protesta contra o poder soberano convocada catro días despois dunha actuación cuestionable, sendo suaviño, dos antidisturbios. O cabreo da xente empeza a ser monumental e un ex-ministro do interior recoñecíame que hai catro anos algo así era inimaxinable. “Están contra todos nós, dálles igual o PP, ca o PSOE que IU. Os políticos somos o cancro para eles, e iso é o inicio do populismo e, quen sabe se despois, do fascismo. Lémbrome de Grecia, non hai tanto tentaron queimar o parlamento, e xa hai anos que os cócteles molotov forman parte da paisaxe nas rúas. Nós daquela diciámonos que non eramos Grecia. Pero estamos nun punto no que dous meses son un mundo, e eu xa non descarto que en medio ano isto sexa unha guerra civil. O poder democrático contra o pobo indignado. Xa non sei que pensar”. Insisto en que non mo dixo calquera, díxomo Antonio Camacho, ex-ministro do Interior e hoxe deputado desconcertado.

Beiras

Se hai alguén que aínda ten arrestos para limpar o nome da clase política é Beiras. Limpa o nome dos políticos mentres enxurra o dos incompetentes, que todos os políticos non son iguais. Un mitin dos seus é un torrente de forza, metáforas ocorrentes e frases simpáticas que ensinan que se pode ter ideas e, ao mesmo tempo, paixón. Revitaliza o panorama político galego un vello de 79 anos, que manda moito carallo. O feito de que Beiras sexa o aire fresco nesta campaña indica a parálise e a falta de ideas na que estaba instalada a vida política galega. Que os dous apelidos máis determinantes na última década no país sexan Touriño e Feijoo indica que o bromuro gústalle a parte dos cidadáns. Os que precisan taurina abrazan ao Beiras. E que non se queixen os do BNG porque se aliará cos “españolistas” de Esquerda Unida, cando o nacionalismo galego é incapaz de separarse da estratexia de ser a muleta do PSOE. Leva así 15 anos, sen atopar outro carreiro de alianzas nin a vía para loitar pola hexemonía. Asumiron que só poden ser os segundiños se o PP pincha. E, mentres, CiU, pactando unhas veces co PP e outras co PSOE levou a Catalunya ás portas da independencia. Non hai ninguén que pense aí?

Nobel

Danlle o Premio Nobel da Paz á Unión Europea e incéndiase da mesma Twitter con mensaxes sarcásticas e críticas durísimas. Pero logo dunha horas e lidas as razóns da Academia, creo que si teñen razón. O feito de que as institucións comúns estean cubertas de mala imaxe por culpa da crise non lle resta mérito ao traballo que fixo desta parte do mundo a máis estable do último medio século. Europa encarna valores universais como a democracia, a liberdade e os dereitos humanos. Como todo, é mellorable, claro, e pode ser que hoxe esta catarse lle leva a poñer en perigo algúns deses valores, pero dubido que haxa moitos europeos que prefiran vivir en Asia, África ou América antes que aquí. Digamos, polo tanto, que cando queremos tamén facemos as cousas ben. Agora, tamén é certo que se o premio o leva a UE, estaría ben saber quen eran o resto dos aspirantes. Medo dá.