Venres 26, Febreiro 2021
Home Política CRISE E DELEIBA DA SEGUNDA RESTAURACIÓN

CRISE E DELEIBA DA SEGUNDA RESTAURACIÓN

por Manuel M. Barreiro

Un longo ciclo de erosión dos piares de poder do Réxime do 78.  En 2010, en 2017 e en 2020 cristalizaron episodios de aguda deslexitimación política que deixaron á luz as fraquezas da nosa democracia fronte á Monarquía, á natureza oligárquica dos partidos dinásticos e o centralismo de Estado. A finais de 2019, o establishment saudaba compracido a fin do ciclo do 15-M, pero o devalo de lexitimidade do Réxime do 78 continua e a hipótese democrática ameaza con gañar crédito popular na súa forma republicana.

A monarquía e o código fonte do Réxime do 78

A  arquitectura do Réxime do 78, como ten subliñado Javier Pérez Royo, débelle moito á Lei para a Reforma Política, impulsada por Adolfo Suárez, aprobada polas Cortes franquistas e ratificada en referendo, en decembro de 1976, cunha altísima participación (77%) e un 94% de votos favorables. A LRP será o código fonte fundacional que dirixirá a Transición e conformará os piares de poder do Réxime do 78: a monarquía, un sistema de partidos de pluralismo limitado con vontade bipartidista, e o reforzamento de contrapesos antifederais para coutar o Estado das autonomías.

Ese código fonte fundacional naceu do consenso entre as distintas faccións tardofranquistas e a (máis ou menos) resignada aceptación do PSOE e o PCE que, no referendo de 1976, avogarían pola abstención. O relato amnésico da Transición e a apoloxía das bondades consensuais da Constitución axudarán a fixar eses piares de poder e esluirán a potencia constituínte dunha Carta Magna que excluíu do seu debate, entre outras cuestións, a indisoluble unidade da nación española ou a forma monárquica de Estado.

O continuísmo do vello no novo réxime fíxose forte santificando a Coroa como símbolo e permanencia da unidade da Patria. A Constitución do 78 foi, así, máis unha Constitución da Monarquía española que a Constitución da democracia no Estado.

A Segunda Restauración dos Borbóns, decidida polo ditador en beneficio de Xoán Carlos I, foi  bendicida fortalecendo unha monarquía parlamentaria na que o rei exercería un notable un papel político e non unicamente unha función simbólica. O continuísmo do vello no novo réxime fíxose forte santificando a Coroa como símbolo e permanencia da unidade da Patria. A Constitución do 78 foi, así, máis unha Constitución da Monarquía española que a Constitución da democracia no Estado.

Cando Francisco Franco ratificou ao príncipe Xoán Carlos como sucesor, en 1969, sentenciou: «Creo necesario recordarvos que o Reino nace de aquel acto decisivo do 18 de xullo (…). A forma política do Estado nacional é a Monarquía tradicional, católica, social e representativa. Ten que quedar claro e ben entendido, ante os españois de hoxe e ante as xeracións futuras, que esta Monarquía é a Monarquía do Movemento Nacional continuadora perenne dos seus principios e institucións e da gloriosa tradición española».

A década máis negra dos Borbóns

A desmemoria, a adulación e a complicidade dos medios complementaron o storytelling dunha virtuosa Casa Real e o estilismo de Xoán Carlos I como puntal da democracia e construtor da España moderna, camuflando o monarca que xurou lealdade aos principios do Movemento Nacional. S. Carrillo bendiciu a monarquía dos Borbóns como unha «monarquía habitable», F. Gonzalez e A. Guerra abundaron en apoloxías xoancarlistas, e Zapatero e Sánchez louvaron o paradoxo do «rei republicano».

A Zarzuela e a Moncloa optan por unha xogada agresiva e arriscada: gambito de rei, unha apertura clásica de xadrez na que se ofrece o sacrificio do peón, o que está a carón do rei, a cambio do dominio do centro do taboleiro e a iniciativa do xogo.

Tras décadas de ocultación mediática, a política de enxalzamento e omertá respecto da Casa Real comezou a debilitarse en 2010. O estoupido do Caso Noos abriu unha fenda na pretendida exemplaridade da Coroa. Urdangarín é borrado da Familia Real en decembro de 2011 e Xoán Carlos I, no discurso de Nadal, abondou en sentenzas: «A xustiza é igual para todos (…) calquera actuación censurable deberá ser xulgada e sancionada».

Acenos rexeneracionistas para minimizar danos que trouxeron un alivio momentáneo até a accidentada cacería en Botsuana en 2013. Malia as desculpas de Xoán Carlos I, o barómetro do CIS confirmará a creba da confianza na monarquía: do 7,48, en 1995, ao 3,68 en 2013. A súa relación con Corinna Larsen deixou de ser asunto da prensa rosa para facer parte da crónica negra xudicial. Impúlsase a primeira grande operación de salvamento da monarquía: fórzase a abdicación. Filipe VI promete unha monarquía «escandinava», politicamente discreta e de ética exemplar.

Mais, para non danar o continuísmo dinástico, estréase unha monarquía dupla que reparte papeis entre o Rei rexenerador e o Rei emérito. Mentres a lóxica da Familia Real asemella a dos Soprano. Ignorancia voluntaria ou complicidade, todos están no negocio familiar abeirados por un réxime de impunidade e inviolabilidade. Din as crónicas cortesás que en 2006 Xoán Carlos I reuniu aos fillos para deixar caer unha advertencia: «Traballo, non negocios». Desde a abdicación, o comportamento do rei emérito evoca unha frase célebre dos Soprano: «Dirixo un negocio, non un puto concurso de popularidade».

A impopularidade medra. Marzo de 2019, Xoán Carlos I retírase da vida pública, pouco despois sábese, polas cintas do comisario Villarejo, do seu labor comisionista na contratación do AVE á Meca. Prosperan as investigacións da fiscalía suíza sobre as súas operacións ilícitas. A xustiza española opera con morosidade. Asexado pola sombra da corrupción, pero inviolable, o 6 de decembro, aínda recibe unha sentida homenaxe dos partidos dinásticos por mor do 40 aniversario da Constitución.

A finais de febreiro de 2020, Corinna Larsen denuncia que leva aturando presións por parte del CNI desde hai 8 anos. En España, Anticorrupción mantén abertas dilixencias sobre os negocios do rei emérito. En marzo, revélase que Filipe VI é beneficiario de Lucum, unha fundación off shore de Xoán Carlos I. Con urxencia, trázase unha nova devasa: Filipe VI renuncia á herdanza do seu pai e retíralle  a asignación que percibía dos Orzamentos do Estado.

En xuño, a Fiscalía del Tribunal Supremo asume a investigación contra o rei emérito polo cobro de comisións no contrato do AVE á Meca. Sospeita de branqueo de capitais e delitos fiscais. Actívase unha vergoñenta campaña para culpar a Corinna Larsen. O relato da muller fatal copa titulares e columnas de opinión. Non basta, a Casa Real ten que mover peza e, malia a crise provocada pola pandemia, organízase unha xira propagandística de Filipe VI polo Estado. Política de proximidade para recobrar crédito. Resultados pírricos. O cerco xudicial estréitase e o monarca emérito foxe de España o 3 de agosto.

Gambito de rei sen oposición republicana

A Zarzuela e a Moncloa optan por unha xogada agresiva e arriscada: gambito de rei, unha apertura clásica de xadrez na que se ofrece o sacrificio do peón, o que está a carón do rei, a cambio do dominio do centro do taboleiro e a iniciativa do xogo. A marcha preséntase como unha decisión firme e rotundamente persoal de Xoán Carlos I para non damnificar o reinado de Filipe VI. Unha solución transaccionada co prófugo. A Vicepresidenta Carme Calvo participa activamente no deseño da operación saída que se fai ás costas do socio de goberno. Pedro Sánchez ofrecerá as liñas mestras do novo relato dinástico: adhesión á Coroa de acordo co mandato constitucional, aval ilimitado ás decisións da Casa Real e distinción grotesca entre a institución e a persoa. O paradoiro do rei convértese, temporalmente, en segredo de Estado.

A posición medianeira entre a integración dinástica e unha discrepancia republicana de baixa intensidade debilita a UP. A impugnación republicana aniña na periferia do Estado e ocupa unha posición (aínda) periférica na axenda política. No horizonte, a ameaza máis preocupante dunha nova ruptura republicana en Cataluña.

Indignación nas redes sociais, pequenas sacudidas nos medios e malestar desmobilizado na rúa. A sondaxe de Electopanel sinala un empate entre partidarios da Monarquía (47,5%) e da República (47%), a de Público, un balance favorable á República (52%). As de ABC e La Razón resólvense positivamente para a Coroa (56,3% e 54,8%). Con todo, as catas demoscópicas evidencian que hai desafección xeracional coa Monarquía e acóutase un mínimo basal dun terzo de preferencias republicanas. O que non hai é unha estratexia republicana compartida, nada que lembre ao Pacto de San Sebastián de 1930.

Nas vésperas do referendo catalán do 1-O, fracasou o tímido intento de formar un bloque democrático radical ao redor do dereito a decidir. A asemblea de cargos institucionais promovida por Unidas Podemos para impulsar unha solución política e pactada non tivo maior concreción. A impugnación da Segunda Restauración pasou a ser bandeira tan só das formacións soberanistas. O discurso de Filipe VI, o 3-O, prescribiu unha solución autoritaria para o conflito catalá e crebou a fantasía do monarca como «arbitro e moderador». O momento fundacional da monarquía autoritaria de Filipe VI non tivo réplica coa creación dun bloque democrático republicano.

O perfil rupturista de Unidas Podemos esvaeceuse. En apenas 2 anos transitou desde o compromiso de romper o candeado do Réxime do 78, en 2107, a que Iglesias fixese campaña electoral, en 2019, coa Constitución na man. A viraxe de Podemos cara ao constitucionalismo, en gran medida, é unha resposta táctica fronte a emerxencia de Vox, pero tamén unha consecuencia do abandono estratéxico do dereito a decidilo todo.

A posición medianeira entre a integración dinástica e unha discrepancia republicana de baixa intensidade debilita a UP. Desde o Goberno non se pode exercer de oposición. Para estabilizar a bambeante Coroa, os poderes fácticos prescribiran reforzar o triángulo constitucionalista que convoca a PSOE, PP e Ciudadanos. Vox é un incómodo aliado da tríade dinástica que rende mellores servizos, á marxe, actuando como freikorps para intimidar e poñer a Unidas Podemos á defensiva. A presión para desaloxar do executivo a UP irá a máis, e para preservar a posición gobernamental a súa desconformidade antimonárquica minimizarase.

A impugnación republicana aniña na periferia do Estado e ocupa unha posición (aínda) periférica na axenda política. Nos próximos meses o reinado de Filipe VI manterase nunha precaria situación debido ás turbulencias que provocará a xudicialización dos negocios do patrucio da Familia Real. No horizonte, a ameaza máis preocupante dunha nova ruptura republicana en Cataluña.


 

Novidades