Corrupción sistémica

O polo de agora derradeiro escándalo de corrupción das dereitas españolas (Caso Montoro), e á espreita do que dea de si o do PSOE (Caso Cerdán), sumado aos numerosos anteriores (Gurtel, Kitchen…), moitos deles pendentes de xuízo, poñen en evidencia, unha vez máis, que a corrupción en España é un fenómeno sistémico. Que non ten un carácter illado xa que conta coa complicidade e a participación de elites políticas, económicas, xudiciais e mediáticas, quen forman parte dun sistema no que ocupan postos de relevancia.

As evidencias son contundentes. Un exemplo paradigmático de corrupción sistémica e do papel na mesma das elites citadas tivo lugar co gallo da burbulla inmobiliaria/crediticia (1997-2007), moi especialmente durante os gobernos de José María Aznar (1996-2004) cando a complicidade de banqueiros e construtores con dirixentes políticos fixo medrar unha enorme burbulla que ao estourar (2008) deixou ao descuberto miles de créditos e hipotecas de elevado risco, apalancamentos bancarios suicidas, urbanizacións salvaxes e obras faraónicas, prezos disparados, permisos e licenzaas sen limites, publicidades enganosas… Só posibles tanto polo enorme poder da citada oligarquía financeira inmobiliaria como pola corrupción das elites políticas. Unha corrupción que quedou en evidencia co elevado número de dirixentes políticos posteriormente imputados e condenados (ministros, presidentes de comunidades e de deputacións, alcaldes…) polas condutas ilícitas habidas durante ese período. Expedientes que, en non poucos casos, foron tapados polos medios amigos así como por membros do poder xudicial que os paralizaron poñendo en evidencia a complicidade de ámbalas dúas elites coa corrupción. Velaí que esta poida ser cualificada con razón de sistémica e non de illada. Corrupción que pode incluso chegar a ser premiada como se puxo en evidencia cando a pesar das súas prácticas corruptas e suicidas durante a burbulla a banca sería posteriormente rescatada con abondosos fondos públicos de cuxo uso e destino, en non pouco casos, aínda no se sabe nada ao día de hoxe.

Unha corrupción sistémica que tamén se pon en evidencia por mor das chamadas “portas xiratorias” que explican o enorme poder de influencia que teñen, por caso, os oligopolios (electricidade, enerxía, telefonía…) tal que lles permite obter ganancias multimillonarias grazas a cometer infinidade de abusos e atropelos á cidadanía. Os (escasos) estudos que se teñen feito sobre a corrupción en España poñen en evidencia como nestes oligopolios, e moi especialmente o eléctrico, a maioría das persoas que ocupan postos de relevancia proveñen do poder executivo, especialmente de ministerios e consellerías autonómicas, e que os dous partidos que mais relacións teñen entre o poder político e o empresarial son o PSOE e o PP, coincidindo coas dúas formacións que mais tempo gobernan en España. Portas xiratorias que chegan ao poder xudicial e condicionan o seu comportamento, como podemos ver claramente nestes últimos anos. Así vemos como maxistrados actúan de avogados de dirixentes políticos, grandes financeiros ou directivos destes oligopolios que cando son condenados en firme son posteriormente indultados de xeito irregular se antes os seus procesos non prescribiron nos xulgados por mor da conivencia de maxistrados cubicados nas mais altas instancias do poder xudicial.

Neste auxe da corrupción sistémica en España inflúe o forte partidismo que caracteriza o sistema político español, como practicamente a todo o occidental co caso paradigmático dos Estados Unidos. Os grandes partidos en España, PSOE e PP, que se alternan na gobernanza, convertéronse en grandes maquinarias electorais, moi burocratizados, co seu funcionariado e os seus intereses partidistas e particulares o que se pon de manifesto nas enormes dificultades que teñen para renovarse e/ou abrise á sociedade civil. Ningún deles, a pesar das evidentes diferencias, cuestiona o sistema o que lles permite ter unhas relacións moi fluídas coas elites económicas -como pon de manifesto o fenómeno anteriormente citado das portas xiratorias-. Pero os dous precisan de grandes medios económicos tanto para manter a súa organización como para realizar as súas actividades  partidarias (publicidade, campañas electorais, actos partidistas…) que non poden cubrir coa exclusiva achega dos seus afiliados polo que precisan de acudir ao financiamento privado. Un camiño que, en non poucos casos, conduce a soados expedientes de corrupción como sucede cos casos FILESA (PSOE) e GURTEL (PP).

Fenómenos como os sinalados son os que lle dan un carácter sistémico á corrupción en España. Unha corrupción na que participan elites políticas, económicas, xudiciais e mediáticas que aproveitan a súa posición de privilexio no sistema para enriquecerse ilicitamente.