Venres 22, Setembro 2023
HomeDestacadasCORONAVIRUS E POLÍTICAS PÚBLICAS

CORONAVIRUS E POLÍTICAS PÚBLICAS

por Manoel Barbeitos

A pandemia do coronavirus está poñendo en evidencia como aquelo que moitos viñemos repetindo a pesar das fortes críticas de que “a austeridade mata”, tiña fundamento. Hoxe xa son poucos os que poden discutir que os duros axustes fiscais e as  drásticas reformas laborais están impedindo ás distintas administracións públicas atacar debidamente os efectos, que xa non as causas, provocados por esta nova pandemia.

Os duros recortes do gasto público en funcións de benestar fundamentais como a sanidade, a atención aos maiores, a familia e a infancia están agora demostrando os seus efectos sobre a saúde e a vida de moitas persoas. A falta de persoal sanitario, de camas e outras infraestruturas sanitarias básicas, o devalo da atención primaria, a menor cobertura farmacéutica pública, as deficiencias na investigación sanitaria pública, os déficits na atención aos maiores (moi visibles nas residencias), os límites dos intereses privados (máximo beneficio)… impiden afrontar esta pandemia como sería mester. De tal xeito que se pode afirmar sen medo que son estas as reais razóns que fan que o coronavirus estea provocando tamaña crise social, por caso, en Europa, con Italia e España como estados máis afectados, aínda que outros virán detrás, sen dúbidas.

As lesivas reformas laborais que teñen como eixo central a facilidade de despido facilitan que diante de calquera dificultade as empresas opten como primeira medida polos despidos e as regulacións temporais de emprego. Así estamos vendo como se disparan os ERTEs cando non os despidos directos (o número de traballadores/as  galegos/as afectados/as supera neste momento, 20 de marzo, os 5.000).

Fronte a esta situación, o goberno de coalición (PSOE/UP) vén de aprobar unha serie de medidas co gallo de limitar os efectos da pandemia (R.D. Ley 8/2020, de 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social del COVID-19. BOE 18.03.2020). Políticas públicas que intentan cubrir diferentes flancos afectados pola pandemia e diante das que cabe facer unha primeira reflexión: este goberno leva moi pouco tempo en activo polo que merece que, a diferencia do que está facendo a oposición (PP, Cs, Vox), se lle dea tanto unha marxe de confianza como de apoio para levar adiante as medidas  aprobadas, pero tamén para vixiar que se cumpran e mesmo esixir máis, porque resulta evidente que son claramente insuficientes (por caso, o orzamento público destinado a estas medidas) e, nalgún caso, insatisfactorias (o aparente esquecemento das familias pobres) cando non directamente reprochables (o trato de privilexio que se lle segue dando aos bancos).

As medidas deben atacar os efectos inmediatos sobre as familias (con preferencia as que contan con membros vulnerables ou en situación de risco) e sobre as empresas (especialmente as Pemes e o comercio polo miúdo) como afectados/as máis inmediatos dando prioridade, claro está, aos máis vulnerables, así coma fortalecer os servizos públicos (atención sanitaria, vellez,…..) que teñen unha demanda máis inmediata.

Empezarei por sinalar que o orzamento público aprobado, 200.000 millóns de euros, paréceme, dada a dimensión da pandemia, claramente insuficiente. Moito máis se temos en conta que moitas desas cantidades non son axudas directas, senón prestamos que, xa que logo, dispararán unhas débedas públicas e privadas xa de por si disparadas. A continuación sinalarei que parecera, a primeira vista, que o goberno español non é consciente, ou non quere mostralo, de que estamos nunha nova recesión camiño doutra crise non menor. Que son necesarias non só medidas paliativas senón tamén medidas de impulso que deben ser maiormente públicas.

No lado positivo hai que saudar as medidas de apoio a traballadores, familias e colectivos vulnerables (capítulo I) en cuxa implantación terán un importante papel os concellos como entidades públicas máis próximas a cidadanía. Moi importante que se busque controlar os prezos de servizos básicos (luz, enerxía…) pensando especialmente nas familias con menores ingresos para o que será preciso poñer freo aos abusos dos grandes monopolios. Dado que as medidas contra a pandemia impedirán tanto o acceso ao traballo a moitos empregados como de subministros a moitas empresas, benvidas sexan as medidas que  tanto potencian o teletraballo como protexen a aqueles traballadores que por distintas circunstancias a nova situación lles impide acudir regulamente ao seu lugar de traballo -agora empezaremos a darnos real conta dos negativos efectos provocados polos recortes en servizos de benestar-, como tamén axudan ás Pemes a unha maior utilización das NTICs. Finalmente, nesta dinámica de caída da actividade non se pode esquecer o impacto sobre os traballadores autónomos que verán caer os ingresos, polo que precisan de axudas para poder cubrir gastos fixos (Seguridade Social,…). Neste grupo de medidas non podían faltar accións orientadas a evitar os desafiuzamentos, especialmente dos colectivos máis vulnerables e máis afectados pola nova situación. Por todas estas razóns hai que saudar moi positivamente as novas medidas tomadas polo novo goberno de apoio a traballadores/as, familias e colectivos vulnerables. Van no correcto camiño. Apoio que non impide lamentar algunhas ausencias relevantes tanto de carácter xeral –intensificar a loita contra a pobreza sistémica- como particular -axudas para os alugueres-.

En relación as medidas dirixidas a frear a ola de despidos que está en marcha (capítulo II), dúas medidas destacables. Por unha parte, o intento de protección aos traballadores despedidos reforzando a cobertura por desemprego, así como, pensando especialmente nas Pemes e no comercio polo miúdo que se verán moi afectados nos seus circuítos comerciais tanto de compra como de venda, parece acertada tanto a axilización dos procedementos como a exoneración de pagos á Seguridade Social. Porén, pensamos que estas medidas son claramente insuficientes polo que será preciso un maior esforzo fiscal: se houbo diñeiro a esgalla para axudar aos bancos, ten que habelo tamén para axudar aos traballadores, ás Pemes e ao comercio polo miúdo. Diñeiro que, por outra parte, non debe ser canalizado a través dos bancos, senón directamente polas propias administracións públicas. Neste apartado son necesarias moitas máis medidas e máis valentes pensando non só no inmediato, senón no curto e medio prazo pois o coronavirus non pode tapar a recesión na que entramos. Haberá que estar á espreita do que vaia decidindo e aprobando o goberno.

Seguramente sexa no capítulo III (medidas de garantía de liquidez) onde poden xurdir as maiores discrepancias en liña co sinalado anteriormente. Avais, créditos, flexibilización de débedas….. son todas axudas indirectas, medidas que derivan en maiores débedas privadas, e tamén públicas. Non abondan medidas monetaristas, hai que acudir á política fiscal. Se, por caso, o financiamento destas medidas corre maiormente a cargo da banca privada, xa sabemos como rematan este tipo de actuacións políticas: máis débeda. E esta non pode ser a solución cando xa nos movemos nuns niveis de endebedamento moi elevados.

Como balance xeral cabe facer as seguintes consideracións. En primeiro lugar, que as medidas tomadas están ben, eran necesarias e axudarán a facer fronte á situación provocada polo coronavirus. Dito o anterior o goberno ten que garantir que estas medidas se executan  a tempo e axilizar a súa posta en marcha, para o que resulta imprescindible coordinar tódas as administracións públicas: Goberno español, Comunidades Autónomas, Concellos. Unha coordinación que, vistos os precedentes, non será doada. Tamén resulta necesaria a implicación dos axentes sociais. Finalmente hai que esixirlle a UE un cambio de prioridades e substituír as políticas monetarias ortodoxas por políticas fiscais expansivas, medidas no que o fiscal sexa prioritario sobre o monetario: o coronavirus está poñendo  de novo en evidencia os fallos e erros da actual UEM.