Domingo 1, Outubro 2023
HomePolíticaChorén: "É tempo de pechar feridas e mirar ao futuro"

Chorén: “É tempo de pechar feridas e mirar ao futuro”

Xosé Chorén (Lugo,1967), funcionario de Correos, é na actualidade o director da Oficina Principal en Lugo. Foi, entre outras cousas, concelleiro na cidade lucense polo BNG antes da súa marcha, e trala VI Asemblea Nacional de Esquerda Nacionalista foi elixido Secretario Nacional, relevando no cargo a Alberte Xullo Rodríguez Feixóo. Este sábado tomará a palabra no acto de “despedida” de Esquerda Nacionalista, xunto con Xosé Manuel Beiras, Xoán Bascuas e o propio Rodríguez Feixóo, o que Chorén cualifica coma un exercicio de reconciliación: “É tempo de xenerosidade e compromiso, é tempo de pechar feridas e mirar ao futuro”.

Esquerda Nacionalista celebrará este sábado día 14 os seus 20 anos cunha “despedida”. É este máis un acto de fusión con Máis Galiza que un acto de disolución ou despedida?

En realidade non é que Esquerda Nacionalista se vaia disolver ou fusionar con Máis Galiza, o que xa de facto está pasando é que a nosa xente fai política en Máis Galiza e participa nos órganos de dirección deste partido. Dende a dirección de EN trasladamos a toda a militancia a importancia de sumar neste proxecto, e o resultado é que unha parte moi importante da nosa xente así o fixo. Certo tamén que outros e outras militantes manteñen a súa independencia neste proceso.
En segundo lugar o que si temos claro é que chegou o momento da simplificación de siglas e da confluencia nun proxecto político (Máis Galiza, Encontro Irmandiño, Acción Galega…) críbel, sustentábel e unívoco, que poida chegar ao conxunto da cidadanía.Neste senso consideramos que o correcto é deixar que fale unha voz organizada e que actúen as persoas sen outro compromiso que a lealdade ao País e ao proxecto conxunto de futuro.

O sábado falan vostede,  Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, Xoán Bascuas e Xosé Manuel Beiras. É este un exercicio de reconciliación?

Efectivamente o que subxace na configuración do acto é, sen ningún lugar a dúbidas, a filosofía que queremos trasladar ao conxunto dos nacionalistas: é tempo de xenerosidade e compromiso, é tempo de pechar feridas e mirar ó futuro. Beiras e Bascuas foron parte do percorrido de EN, negalo sería faltar a verdade, obvialo sería faltar a nosa forma de ver a política, recoñecer as nosas diferencias e buscar unha fórmula de ensamblar a nosa historia e simplemente: coherencia.

[quote style=”boxed” float=”left”]Chegou o momento da simplificación de siglas e da confluencia nun proxecto político[/quote]

Recolle Máis Galiza nidiamente os plantexamos políticos e ideolóxicos de Esquerda Nacionalista? Síntense plenamente representados e representadas?

Máis Galiza móvese nun espazo ideolóxico no que confluímos, no plano organizativo formamos parte da súa historia, eu mesmo son un dos 13 asinantes da primeira constitución legal e formei parte do equipo de organización inicial, con Teresa Táboas, Luis Barcia, Iago Tabarés… Neste momento compañeiras e compañeiros de EN forman parte da dirección de Máis Galiza, iso reforza o noso sentimento de pertenza.

Miremos todo con perspectiva. Din que vinte anos non son nada. Cal foi o papel que Esquerda Nacionalista xogou neste tempo, sempre como partido dentro do BNG?

Esquerda Nacionalista naceu no seo do BNG para convertirse en alternativa ideolóxica á UPG, para ponderar o seu discurso e para facer que o corolario ideolóxico do BNG estivese representado nos órganos de dirección da Frente. En definitiva sempre quixemos facer posible o noso lema “Unha fiestra aberta” cara a sociedade. Non andaban lonxe os obxectivos marcados por EN, naqueles tempos, dos que hoxe en día se marcaron o Encontro Irmandiño e Máis Galiza. O percorrido foi moi complexo, primeiro pola vinculación a Beiras que era o Portavoz Nacional, iso facía que a nosa capacidade de manobra fose limitada e logo xa que, en ocasións, atopámonos demasiadas pedras no camiño que non tiñan moito motivo de ser, sempre tiveron máis de cainitas que outra cousa.

Xosé Chorén

Sen lugar a dúbidas na nosa historia hai dous momentos terriblemente dolorosos, a Asemblea do BNG da Coruña no 2002 na que unha parte de membros fundacionais de EN se marchan e a rutura do ano 2008 que supuxo a saída de parte dos relevos naturais e tamén da estructura organizada da mocidade. Con todo, e co que choveu, fixemos o posible por manter o partido e facer o que o seu traballo fose útil para o BNG e para a cidadanía, participamos activamente nos procesos internos e nos procesos electorais, dando pasiños até chegar aquí: as orixes. Se mo permites, uns e outros facemos o camiño de Adrián Solovio.

[quote style=”boxed” float=”right”]Esquerda Nacionalista naceu no seo do BNG para converterse en alternativa ideolóxica á UPG[/quote]

O BNG nos 90, cun PSdG-PSOE descalabrado, foi o dos ascensos electorais, o que chegou aos 18 deputados no Parlamento Galego, o que gobernaba nas cidades, o que tiña unha forte presenza nos Concellos. ¿Que queda dese Bloque?

Coido que aquel BNG capitaneado por Beiras era críbel, próximo e moi apegado á realidade social. Seguramente no proceso electoral de 1997 foi onde a confluencia entre credibilidade social e programa foi máis palmaria e así foi recoñecido pola cidadanía galega. Hoxe en día pouco ou nada queda, no seo do BNG, daquela forma de facer política.

Unha das vosas aportacións ao debate político foi o de intentar cambiar, ou cando menos, modelar a visión negativa que historicamente tivo o nacionalismo galega sobre a UE, de aí o seu posicionamento en forma de SI crítico, aló por 2004, sobre o referendo da Constitución europea. Está Europa gravamente enferma?

O custe que tivemos que pagar por ter confrontado os plantexamentos con outros sectores do BNG, neste senso foi moi alto, os ataques non foron só políticos, tamén foron persoais. O tempo deunos a razón, a posición defendida por nós e tamén polo eurodiputado Camilo Nogueira era o camiño a seguir: o futuro pasa por Europa e non polo Estado Español.

Dígame, Como ve o País? Como calificaría a acción de goberno de Núñez Feijóo?

A dereita sempre actúa do mesmo xeito, engatusa á cidadanía coa leria do aforro, pero en realidade parten dunha posición ideolóxica na que o principio básico e a descapitalización do estado, da súa capacidade para incidir na vida dos cidadáns e das cidadáns, entregándose logo ó capital e ós mercados e claro, así nos vai.

Entre a Galiza real e a que deseñou Feijóo na campaña hai centos de miles de parados de diferencia, hai miles de empresas pechadas nos últimos anos e os servizos básicos na UVI. A posición que ven mantendo o goberno galego e a que acaba de anunciar o goberno do Estado converxen no peor dos escenarios para a cidadanía e o País, a morte do estado do benestar.

[quote style=”boxed” float=”left”]Entre a Galiza real e a que deseñou Feijóo na campaña hai centros de miltes de parados de diferencia[/quote]

Falemos de futuro. Os diversos estudos din que hai un 28,2% de nacionalistas en Galiza, e o BNG recibe o 12,2% dos votos. Existen, pois, posibilidade dunha nova forza nacionalista e galeguista no Parlamento Galego?

Sen ningunha dúbida, quen arredou aos votantes foi a propia inercia do BNG, a sociedade demanda unha forza política galega transversal socialmente e comprometida coa realidade económica, que priorize as persoas diante dos discursos ideoloxizados. A nosa xente quere unha ferramenta ao seu servizo, que defenda os intereses colectivos e que non se converta nun fin en sí mesmo.

É posible o acordo entre Encontro Irmandiño, Máis Galiza e o chamado proceso Acción Galega de Teresa Táboas para concorrer ás eleccións?

Non só é posible senón que é imprescindibel, nós queremos poñer o noso grao de area o sábado neste senso. Menos siglas, máis persoas e un proxecto que se fundamente na xenerosidade e no compromiso co País. Nese camiño tamén estarán o PNG e os Ecogaleguistas. Existen moitas fórmulas válidas, entre todos e todas escollamos a mellor e poñámola ó servizo da cidadanía.

Estes días fálanse de moitas fórmulas, desbotada a partidaria por falta de tempo, para intentar chegar a unhas eleccións que semella poderían ser a finais deste ano: coalición, agrupación de electores….Unha vez que pasen eses comicios, ¿que fórmula organizativa debería ter esa nova forza nacionalista? ¿Como é posible harmonizar visións tan diversas do nacionalismo?

Concordo na falla de tempo para encarar o proceso das eleccións autonómicas, pero pasadas estas é vital para o nacionalismo buscar unha fórmula partidaria que se rixa por principios ideolóxicos e orgánicos estables, que peche a medio ou longo prazo os debates de posición. Deste modo farase socialmente críbel e permitirá que non vivamos en permanente asemblea, aproveitando esas enerxías para desenvolver traballo social. Esa nova formación deberá acompasar o que nos une, con aquelas diferencias salvables que permitan o normal funcionamento dos seus órganos de goberno.

En que parámetros electorais debería pivotar? ¿ Debería entrar en caladoiros de PP e PSOE ou en primeira instancia debería só centrarse en hexemonixar os espazos nidiamente nacionalistas?

Chorén, con Portas e Bragado

Esa nova forza debe moverse no espazo do centro esquerda, tratando de acaparar un amplo espectro ideolóxico (recordemos a campana de Gaus). Dificilmente se pode plantexar un proxecto político que non entre no centro social, nese corpo social maioritario que representa o 60% ou o 70% do conxunto da sociedade. A cuestión non é entrar nos “caladoiros” doutras forzas políticas e mostrarnos a sociedade como un proxecto real, do País, comprometido, o resto xa virá rodado.

Cales son as mensaxes que se deben mandar á sociedade?

A principal é que somos persoas comúns, normaliñas, con moitas inquedanzas e con ganas de mellorar o estado das cousas. Tamén é moi importante a proximidade, que nos visualicen con naturalidade non en esceas forzadas.
Recordo unha anécdota dun compañeiro do BNG que nun acto en Mesía durante o conflicto do enterramento de animais mortos, comezou o acto dicindo “Aristóteles xa afirmaba que o home é un animal político…”. Como comprenderás, a xente miraban uns para os outros sen entender nada de nada.

[quote style=”boxed” float=”right”] Esa nova forza debe moverse no espazo do centro esquerda, tratando de acaparar un amplo espectro ideolóxico [/quote]

Ocórrenselle algúns nomes para a Candidatura á Presidencia da Xunta e cabezas de lista polas catro circunscricións?

Por suposto que se me ocorren, pero entenda que a prudencia impídeme dicilos polo de agora.

E vostede, a título individual. Que papel lle gustaría xogar nesta nova forza?

Eu como, case sempre na miña vida política, estou para o que me demanden a organización e tamén aquelas persoas as que alén da querencia política lle profeso un profundo respecto e amizade.