As próximas eleccións europeas poden ser un bo termómetro para avaliar o avance do que eu chamo neoliberalismo radical (que no reino de España tan ben se concreta na suma social que representan PP e Vox) neste vello continente. Confeso que non son nada optimista á vista do que imos sabendo do clima social en moitos países. Para empezar de como neste Reino de España estivemos a un tris da suma neoliberal-patriótica de PP/VOX, que xa gobernan en varias Comunidades Autónomas e que podería clonarse en Galicia se unha alternativa plurinacional e social non lles paramos os pés.
No caso de Chile esa pantasma que percorre o mundo (na Arxentina ou Italia, pero tamén dunha banda a outra do Pacífico) xa amosou a súa potencia ao rexeitarse a proposta da Constitución social de 2022 por case oito millóns de votos fronte a menos de cinco millóns favorables. Co que seguiu vixente a Carta neoliberal promulgada polos golpistas militares en 1980. Que derrocaran a Allende no 1973 co concurso do neoliberal Kissinger e dos seus chicago bois. Aquela Carta constitucional saíra adiante din que con catro millóns de votos.
Cincuenta anos despois, o resultado de 2022 supuxo todo un avance do neoliberalismo, agora fronte a un Goberno de Gabriel Boric que por aquí chamarían social-comunista, pois conseguiron manter pola vía democrática, xa sen a forza das armas, aquel artefacto neoliberal. Algo que no seu día analicei polo miúdo (en galego) (en castelán) como un trunfo dun prato combinado de antifeminismo, racismo e individualismo extremos favorecidos por medios de comunicacións (en papel e dixitais) controlados polos poderes fácticos daquel país.
Este domingo 17 de decembro de 2023 vén de celebrarse un novo referendo sobre un novo texto elaborado por un Consello Constitucional con maioría de neoliberais radicais, que moitos analistas coinciden en cualificar como un traxe a medida desa maioría minoritaria no citado Consello. Unha nova ocasión para manter (caso de perder, si gaña o Non) o imposto polas armas contra a democracia de Salvador Allende, ou mesmo de profundar aínda máis (caso de gañar o Si) naquela dirección neoliberal e pola vía democrática. Unha encrucillada neoliberal de ganador-ganador que é todo un aviso a navegantes desta vella Europa.
A nova proposta vén de recibir este domingo ó redor de cinco millóns e medio de votos a favor e algo menos de sete millóns en contra. O que supón un apoio afortunadamente insuficiente para saír aprobada, pero superior ao da proposta social tamén derrotada en 2022, e con menos votos contrarios que naquela ocasión. Confírmase así en Chile unha onda social neoliberal en ascenso pois, cincuenta anos despois, están a ser quen de manter a Constitución aprobada baixo o réxime de ditadura militar de Pinochet. Con máis votos a favor e menos en contra que a súa alternativa do pasado ano.