O actual contexto económico e político representa unha seria ameaza para os dereitos acadados polas clases traballadoras durante o pasado século. As forzas que se autonomean de esquerdas semellan en estado de shock.. O actual dilema e os distintos escenarios posíbeis que se albiscan centran a análise de Justo Beramendi no último número de TN.
Houbo un tempo no que parecía estar claro qué era esquerda e qué era dereita en política. O principal sinal de identidade da esquerda era a procura da igualdade (civil, política, social, económica, de xénero) entre todos os cidadáns e cidadás. Procura que podía intentarse destruindo o sistema capitalista (esquerda revolucionaria) ou loitando dentro dese sistema por aminorar efectivamente as desigualdades e as carencias da maioría da xente (esquerda reformista). Pero, polo que vén sucedendo nas últimas décadas en Europa, e sobre todo dende que empezou a actual crise, ese tempo de claridade pasou, se cadra para non volver.
Xa é un lugar común nos comentarios da actualidade económica afirmar que as fondas turbulencias que está a padecer o sistema capitalista foron provocadas polos excesos especulativos e as fraudes masivas de grandes axentes financieiros e que as consecuencias non as pagan eles senón as masas de asalariados e autónomos que nada tiveron que ver na xestación da desfeita. E é certo. Co agravante de que os poderes políticos e económicos, armados coa falacia de que non se pode facer outra cousa que ofrecer máis e máis sacrificios humanos no altar dos deuses dos “mercados” para calmalos, están aproveitando a coxuntura para dirixir unha brutal ofensiva contra o conxunto de normas e prácticas que, conseguidas gracias ós esforzos das esquerdas do pasado durante máis dun século, garantían unhas cotas relativamente aceptables dos niveis de vida e de protección social en sectores amplos das sociedades europeas. A negativa a emprender políticas keynesianas que abrirían unha saída menos lesiva da crise só pode explicarse pola vontade de que esta se salde cun cambio drástico das regras de xogo que implique un grave retroceso á época anterior á II Guerra Mundial nas relacións entre empresarios e traballadores e entre o Estado e a sociedade no que atinxe á distribución do produto social e á aplicación de partes dese produto a fins asistenciais e formativos de accesibilidade universal.
Pode entenderse que as forzas políticas de dereita e centro-dereita se apunten con entusiasmo a este empeño, aínda ó custo de economías moi contraídas a medio prazo (e polo tanto menos rendibles tamén para o núcleo duro da base social das dereitas) e dunha posible resurrección das agudas loitas sociopolíticas do pasado. Pero o que resulta moito máis difícil de comprender é que opcións políticas que seguen a chamarse de esquerda reformista fagan o mesmo e ás veces, como aconteceu co goberno de José Luis Rodríguez Zapatero en España, mesmo ultrapasen pola dereita coa contundencia antisocial das súas medidas ós adalides dun capitalismo inmisericorde. É verdade que seguen a existir forzas propiamente de esquerdas que actúan como tales e que non faltan as reaccións populares de protesta contra as políticas de “axuste”. Pero as primeiras son minoritarias nuns casos ou incluso marxinais noutros e as segundas, orfas de dirección e de organización axeitadas, de momento acaban esgotándose sen conseguir ningún obxectivo. As “esquerdas” que contan polo de agora, as que encadran en partidos e sindicatos á maioría das persoas políticamente activas que se contan entre os prexudicados, están a colaborar obxectivamente co fundamental da nova ofensiva capitalista.
¿Cómo explicarmos isto? Intentarei expoñer no que segue as diferentes causas que, na miña opinión, veñen contribuindo a este resultado de hexemonía política e ideolóxica das novas dereitas e da conseguinte submisión mental e práctica das pseudoesquerdas de hoxe.
Hai unha primeira causa de fondo, que ven producindo dende o final da II Guerra Mundial cambios estructurais. É a chamada “globalización” na súa dobre dimensión de internacionalización do gran capital e de mundialización completa do sistema capitalista. Na primeira dimensión encádranse fenómenos como a desnacionalización das empresas dominantes en todos os sectores económicos e o predominio (hoxe xa asfixiante) do capital financiero sobre o conxunto da economía. A segunda dimensión levou a que na actualidade non exista no planeta (agás restos marxinais do pasado como Cuba ou Corea do Norte e recónditos recunchos da Prehistoria na Amazonía ou nas selvas de Borneo) ningunha poboación que non estea integrada nunha ou noutra modalidade de capitalismo. E aí está China como paradigma. Pero, como aconteceu sempre dende o seu nacemento, o desenvolvemento capitalista segue a ser desigual tanto no territorial como no sectorial. E isto, para o que aquí nos interesa, ten agora a consecuencia maior dun tremendo efecto boomerang sobre o Primeiro Mundo. (…)
Sobre este escenario incide ademáis outra cara da globalización: a hipertrofia do capital financieiro e a súa autonomía respecto dos poderes políticos. As manobras especulativas dos xestores de enormes masas de capital que atopan máis gañancias a curto prazo nos xogos dos mercados que no investimento produtivo crean graves crises económicas, condicionan as políticas económicas dos gobernos até extremos sen precedentes e, sobre todo, presionan a favor da desregulación e do adelgazamento económico dos Estados coa conseguente perda de recursos para os seus labores de dotación e prestación sociais.
A todo isto súmase a desaparición dunha alternativa sistémica ó capitalismo (mala ou boa, que esa é outra cuestión) de suficiente entidade real. Os notables progresos no nivel de vida das clases traballadoras e a construción do Welfare State en Occidente durante o século XX tiveron como condición necesaria os grandes avances tecnolóxicos e de produtividade e a conveniencia de crear un gran mercado interior. Pero o xigantesco incremento do excedente tamén puido distribuirse doutra maneira menos favorable ós asalariados de darse outro escenario sociopolítico. Por iso a condición suficiente foi a forza e a belixerancia adquiridas polas esquerdas dende o período de entreguerras e nomeadamente a revolución bolchevique e a posterior consolidación e expansión do Segundo Mundo (“comunista”) após 1945. O medo ó contaxio revolucionario e a conveniencia de aplacar ás esquerdas domésticas con substanciosas concesións foron os verdadeiros facedores do Welfare State e do auxe dos valores das esquerda reformista na Europa Occidental. Pero este factor leva vinte anos desaparecido. E sen trazas de reaparecer. (…)
Pero agora están empezando a alterarse elementos fundamentais do conxunto de factores que fixo posible esa deturpación masiva e profunda das verdadeiras esquerdas na Europa desenvolvida. Albíscase nun horizonte non tan lonxano o retorno de condicións materiais favorables en teoría á formación de programas, organizacións e accións colectivas que se enfronten de verdade ás desigualdades, inxustizas e deterioro nos niveis de vida que derivan do sistema. Mais coas condicións materiais non chega. A experiencia histórica dinos que sobre unha mesma base “material” poden construirse políticas moi diferentes, mesmo antitéticas (lembremos a Alemaña dos anos trinta). Por iso son moitos os escenarios posibles no futuro próximo.
O primeiro escenario é o da rexeneración gradual das falsas esquerdas actuais e a súa unión co pouco que queda das auténticas. Sería unha volta ó statu quo ante, unha sorte de resurrección da auténtica socialdemocracia reformista, que coido moi difícil, sobre todo polas poderosas inercias propias. Sería o primeiro caso na historia en que unha tendencia dexenerada fose quen de avanzar cara atrás sobre a súa propia traxectoria. O que si pode acontecer é que os actuais partidos “socialistas” introduzan correccións menores nos seus programas ou nas súas condutas para mellorar as súas probabilidades de gañar as eleccións, pero nada máis. Este é o segundo escenario: que todo siga básicamente igual durante un tempo que non pode ser infinito.
O terceiro escenario é a aparición e desenvolvemento de novas esquerdas transformadoras que tomen o relevo das vellas con análises, programas e formas organizativas e de acción de novo tipo, axeitados á nova realidade. Isto sería o máis lóxico, aínda que tampouco non será doado, polo menos mentres a situación non se agrave aínda máis. O nacemento de fenómenos como o 15M apunta nesa dirección, pero aínda é moi cedo para saber se estas faíscas prenderán nas bases dalgúns partidos e na sociedade ou acabarán apagándose como aconteceu outras veces. E o cuarto escenario é a eclosión de populismos/fascismos salvíficos que se alimenten dun descontento carente doutros canles que o orienten cara proxectos realmente de esquerdas.
O máis probable é unha mestura dos catro escenarios, nunha contenda entre opcións. Que acabe vencendo unha ou outra no espazo da UE dependerá da potencia relativa que vaian tendo os diferentes factores condicionantes, e moi particularmente da rapidez/lentitude do deterioro das condicións de vida en combinación coa natureza das alternativas dun ou doutro signo que se ofrezan á xente, datos que neste momento é imposible predecir cun mínimo de fiabilidade. Pero quede aquí a advertencia dalgo que que non debería ser esquecido: a posibilidade dun tráxico retroceso a medio prazo en economía e en valores deixou de ser unha especulacion sen fundamento para convertirse en acantilado real no horizonte contra o que moi ben pode estrelarse o barco do noso actual modo de vida e da nosa democracia. A responsabilidade de evitalo non corresponde só ós “políticos” máis ou menos de “esquerdas”, senón tamén e sobre todo a todas as persoas que, conscientes do perigo, poden contribuir a reconstruir unhas esquerdas sen aspas.
O artigo completo pode consultarse no número 176 de Tempos Novos, de xaneiro de 2012.