Domingo 24, Setembro 2023
HomePolíticaAs esquerdas e as guerras

As esquerdas e as guerras

por Manoel Barbeitos  

A guerra en Ucraína, froito dunha invasión militar rusa que supón un acto criminal e un atentado ao dereito internacional, veu poñer en evidencia como as esquerdas, a pesar das terribles experiencias vividas na súa longa historia, non é quen de afrontar este terrible drama cun discurso alternativo que teña coherencia co seu ideario.  

Estámolo vendo de novo agora cando as distintas esquerdas manteñen discursos e posturas políticas moi diferentes, que van dende a opción maioritaria na socialdemocracia europea de aliarse coas posicións belicistas que defende unha OTAN resucitada e de novo liderada polos Estados Unidos, a unha postura moi minoritaria que, nostálxica da grande Rusia, se alinea coa posición belixerante e imperialista do goberno que lidera Vladimir Putin, e que intenta xustificar con argumentos obsoletos que incluso poderíamos considerar reaccionarios. Entre ambas as dúas posicións navegan dispersos e practicamente ignorados, cando non ridiculizados pola maioría dos medios de comunicación e opinión, os que defenden a paz como alternativa á guerra, unha posición difícil nos tempos que corren. 

O sucedido ante as guerras mundiais 

Esta pluralidade de opinións a respecto das guerras dentro das esquerdas non é algo novidoso. Vén de moi atrás. Lembremos, por caso, o que sucedeu cando a I Guerra Mundial con dirixentes de esquerdas como Jean Jaurès, Rosa Luxembourg e Karl Liebknecht, incluso o mesmo V.I. Lenin, que se opuxeron firmemente a unha guerra que consideraban imperialista -todas o son- e por tanto contraria aos intereses das clases traballadoras. Un posicionamento que aos tres primeiros lles custou a vida -serían asasinados-, pero que foi apoiada por non poucos sindicatos e partidos de esquerdas.  

A pesar diso, e de terse pronunciado a Internacional Socialista (Basilea 1913) “contra a absurda carreira armamentística da época e a ameaza de guerra” en liña co que vello Engels manifestara no seu día con admirable clarividencia -“eu consideraría unha guerra europea como un desastre; esta vez sería terriblemente grave, exacerbaría por todas partes o chauvinismo durante anos…-, á hora da verdade as distintas socialdemocracias europeas adoptaron maioritariamente unha postura belicista de apoio ao goberno respectivo, o que na práctica comportou adoptar posturas enfrontadas, como sucedeu coas socialdemocracias alemana e francesa. Unha diverxencia que posteriormente lle resultaría moi cara. 

A II Guerra Mundial -unha guerra claramente interimperialista que non poucos consideraron unha continuación da I Guerra Mundial- “atopa en Europa aos socialdemócratas e aos comunistas seguramente máis divididos ca nunca con situacións de claro enfrontamento”, afirma Eric Hobsbwan na súa Historia do século XX. E engade:”Por se iso non fora suficiente, no seo da Internacional Socialista tamén se reproducen as desavinzas e os desacordos tanto entre os diferentes partidos europeos como no interior de cada un deles, onde abundan as fisuras. Así, na SFIO (Francia) a división entre “pacifistas” e “belicistas” estivo a piques de provocar unha escisión, e o mesmo sucedería no POB (Bélxica) e no Partido Laborista noruegués (DNA). Na división entre socialistas e comunistas xogou un papel decisivo a sinatura do pacto xermano-soviético do 29 de agosto de 1939″.   

No marco dunha postura común de resistencia ao nazismo alemán e ao fascismo italiano, esas desavinzas e desacordos mantivéronse practicamente durante toda a II Guerra Mundial, mesmo cando Rusia entra na guerra (1941), o que derivou nun cambio de postura dos partidos comunistas, pero sen que se evitara que as relacións entres as esquerdas foran moi distantes. 

Pódense citar as desavinzas entre as esquerdas á hora de afrontar tanto a Primeira como a Segunda guerra mundial, para así mellor entender o seu actual posicionamento diante da guerra en Ucraína, cando de novo aparecen enfrontadas e sen un discurso propio e convincente. 

Pódense citar máis exemplos destas claras desavinzas entre as esquerdas á hora de afrontar as guerras -poida que a guerra en Vietnam fora unha excepción, pola postura practicamente unánime contraria á mesma e de apoio ao pobo vietnamita- para así mellor entender o actual posicionamento daquelas diante da guerra en Ucraína, cando de novo aparecen enfrontadas e sen un discurso convincente. 

 A pesar diso, é preciso recoñecer que a postura do socialdemocracia europea non carece de certa lóxica: hai que deter ao imperialismo ruso, opoñerse ao que é un crime de guerra e un atentado ao dereito internacional e, o máis importante, hai que apoiar ao pobo ucraíno que está sendo masacrado.  

A pregunta entón é se a asunción da estratexia militar defendida por quen lidera a OTAN -os Estados Unidos- é a que mellor garante aqueles obxectivos e asegura a paz en Europa ao tempo que alonxa o perigo certo dunha III guerra mundial.  

Non deixa de sorprender que a maioría dos partidos políticos de occidente non parecen poñer o foco no risco dunha nova guerra mundial, que sería nuclear, un risco que medra consonte a guerra ascende en chanzos bélicos e armamentísticos. 

En primeiro lugar, hai que dicir que non deixa de sorprender a distinta posición que teñen as esquerdas europeas maioritarias a respecto da guerra en Ucraína en comparación coa que manteñen en relación coas guerras en Siria, Xemen ou Palestina. En segundo lugar, non deixa de sorprender que a maioría dos partidos políticos de occidente non parecen poñer o foco no risco anteriormente citado dunha nova guerra mundial, que sería nuclear, un risco que medra consonte a guerra ascende en chanzos bélicos e armamentísticos. 

En relación ao sinalado en primeiro lugar, acaso non afecta á credibilidade dos Estados Unidos e os seus aliados na OTAN a realidade das guerras anteriormente sinaladas, e tamén o sucedido a posteriori en Afganistán, Iraq, Libia e, indo un pouco mais lonxe no tempo,  na antiga Iugoslavia? En que quedaron as proclamas a prol da democracia, a liberdade, a seguridade internacional, e o benestar dos pobos afectados? Tendo en conta estes precedentes, que quedará de Ucraína logo desta guerra, mesmo tendo en conta a hipótese dunha retirada do exército ruso?. Ampliando o foco: haberá unha nova orde mundial? De que tipo?.  

Está fora de toda dúbida razoable que esta guerra ten un principal responsable: Putin e a súa camarilla de silovikis, que cometeron un acto criminal, violaron o dereito internacional, puxeron en risco a paz mundial e están cometendo verdadeiras atrocidades en territorio ucraíno. E con isto non queremos dar a entender que esquezamos que a respecto de situacións violentas deste tenor nin os Estados Unidos nin os seus aliados na OTAN están para dar leccións.  

Acaso as esquerdas europeas xa esqueceron aqueles precedentes? Como hai algunhas que tamén parecen esquecer que se o Kremlin é o principal responsable desta guerra, non é menos certo que anos antes, dende os tempos de M. Gorbachov, as provocacións occidentais e a ruptura de compromisos foron constantes. Onde quedou a  promesa ao daquelas dirixente ruso de que a OTAN non ía estender a súa influencia aos países do Leste? Onde as súas promesas de non amplificar o risco nuclear?. 

A aposta pola paz a través da negociación 

Pero volvendo ao máis importante: que horizontes se albiscan actualmente na guerra en Ucraína? Cal de todos eles é o máis favorable para a paz en Europa e para o futuro da poboación ucraína? Analicemos as posibilidades partindo dunha evidencia que algunhas das esquerdas minoritarias se negan a admitir: Rusia non está gañando a guerra -non está sendo o paseo militar que esperaba-, aínda que non se pode dicir que fora derrotada. Tamén desde outra evidencia, que un sector amplo das esquerdas -e non digamos os dirixentes da OTAN- non parecen ter en conta: unha hipotética derrota final de Rusia non beneficiará a Europa senón aos Estados Unidos.  

Se falamos do pobo ucraíno, as alternativas que se lle poden presentar non son precisamente esperanzadoras. Se é Rusia a que sae vitoriosa, as consecuenias serían mortais para Ucraína: quedaría baixo o xugo dun nacionalismo panruso, reaccionario, ortodoxo e de extrema dereita. A derrota rusa daría paso a unha situación de enorme inestabilidade na zona, cun veciño que seguirá sendo poderoso, que conta cun terrorífico arsenal nuclear, pero que estaría corroído polo rencor e a sede de vinganza, e tendo enfronte unha Ucraína totalmente sometida aos designios da OTAN e dos Estados Unidos. 

No marco estratéxico actual, as esquerdas maioritarias están aceptando o dominio político e militar dunha OTAN liderada polos Estados Unidos, que é quen realmente está marcando o paso na guerra en Ucraína.

Falando de Europa: en calquera das circunstancias que se produzan, vitoria ou derrota, no marco estratéxico actual as esquerdas maioritarias están aceptando o dominio político e militar dunha OTAN liderada polos Estados Unidos, que é quen realmente está marcando o paso na guerra en Ucraína. Unha aceptación que supón que as esquerdas maioritarias europeas abandonaron calquera estratexia que aposte por ter unha política exterior e de defensa europea autónoma para aliñarse co imperio. Un imperio cuxo obxectivo nesta guerra é debilitar, incluso humillar, a Rusia para logo ocuparse de China, que é quen realmente ameaza o seu liderado mundial. 

Neste marco, ningunha das esquerdas, nin a maioritaria nin a minoritaria, parecen entender que hai outra opción posible. A de defender o dereito de Ucraína a ser un estado soberano xunto co dereito de Rusia a non ser humillada, a ser respectada e viceversa. Unha opción que suporía apostar por un novo equilibrio na orde internacional, con Europa como actor importante, e que comporta poñer a diplomacia á fronte da política. Unha opción que supón varias cousas: aceptar que a derrota final de Rusia non está no horizonte inmediato nin próximo, polo que apostar pola guerra conduce á súa prolongación indefinida, co conseguinte sufrimento do pobo ucraíno, auténtica vítima do conflito, e sempre coa ameaza nuclear presente. E que, unha vez aceptada a premisa anterior, seguramente haxa que negociar unha paz a cambio de territorio, con Crimea en primeira liña.  

Hai personalidades estadounidenses que comezan a estar satisfeitas co regalo ruso: resurreción, fortalecemento e ampliación da OTAN, grandes ganancias da industria militar e substitución parcial Rusia no subministro de gas a Europa. Un regalo polo que vale a pena renunciar a Crimea.  

Nese escenario, a opción das esquerdas europeas debería ser a de parar a guerra e negociar a paz, aceptando concesións territoriais. Esa tería que ser a opción, a pesar dos sinais que nos chegan actualmente e que indican ás claras que nin Rusia nin Ucraína están dispostas a aceptala. Polo de agora, claro. A non ser que se queiran repetir os fracasos de Iugoslavia, Libia, Siria, Iemen, Afganistán e Iraq…, entre outros, pero agora coa ameaza engadida dun conflito nuclear. 

Fronte a eses sinais claramente contrarios a darlle fin ao conflito armado, tamén se empezan a percibir outros que apuntan en sentido contrario. E iso indica que a opción pola que avogamos, e deberan estar avogando as esquerdas, é non só coherente a respecto da argumentación comparativa exposta, senón tamén realista. De certos movementos e declaracións entre liñas, os expertos deducen que tanto na Casa Branca como no Kremlin hai relevantes persoeiros que apostan pola diplomacia, convencidos de que non é posible unha vitoria militar de ningunha das partes. Hai dirixentes rusos que empezan a ser conscientes do erro estratéxico cometido polas autoridades militares do seu país, un erro que lles vai pasar factura a medio ou longo prazo. E de hai personalidades estadounidenses que comezan a estar satisfeitas co regalo ruso: resurreción, fortalecemento e ampliación da OTAN, grandes ganancias da industria militar e substitución parcial Rusia no subministro de gas a Europa. Un regalo polo que vale a pena renunciar a Crimea. Tamén ao Dombás?. 

Nesa hipotética saída negociada, como quedaría Europa? Cada vez menos autónoma, cada vez máis dependente dos Estados Unidos. Un dato: cando se redacta este texto, chegan noticias de que Rusia e Ucraína están negociando un novo intercambio de prisioneiros. Con quen de mediador? Cos Emiratos Árabes Unidos.