Mércores 28, Setembro 2022
HomePolíticaAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS: O post-stalinismo

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS: O post-stalinismo

por Manoel Barbeitos

A invasión de Ucraína por Rusia, que xustamente hai que cualificar como un crime de guerra que atenta contra o dereito internacional, está a provocar nun sector minoritario das esquerdas galegas e españolas unha nova crise de identidade e de paradigmas. Algo que se ven repetindo regularmente dende fai xa moitas décadas, pero que se enrudece cando xorden conflitos bélicos como este de agora, e que afecta ás dúas correntes maioritarias nas esquerdas: comunismo e socialdemocracia.

Para axudar a mellor entender as causas destas crises recorrentes imos retroceder no tempo e analizar como e por que se reproduciron as máis sobresalientes e tamén como se resolveron. A importancia deste tipo de análise deriva, por caso, de que pode axudarnos a entender o por que de tantos fracasos. Imos tamén a separar o que podemos considerar crises no movemento comunista das que tiveron lugar no campo socialdemócrata, pois son de natureza distinta e  tiveron lugar en tempos diferentes.

A morte de Stalin e o inicio das crises dos paradigmas comunistas

O 2 de marzo de 1953 morría Iosif Vissariónovich Dzhugashvili (Stalin), o todo poderoso líder comunista, o gran temoeiro. Poucos sospeitaban, especialmente no seo do movemento comunista, que coa morte do ditador se abriría a porta a unha revisión do sucedido durante o seu longo mandato na URSS. Unha revisión que cinguiría tanto a personalidade e a forma de gobernar de Stalin como a propia natureza do réxime soviético e que, como consecuencia, afectaría ao propio relato comunista sobre o sucedido en todo ese tempo (1924/1953) e a auténtica realidade rusa daqueles anos  (1953). Unha revisión e un debate que alcanzarían a  actuación tanto de Stalin como do partido comunista da Unión Soviética pero, o que resultaría máis inesperado para moitos, tamén a historia do propio movemento comunista.

Os historiadores coinciden en sinalar que foi a análise obxectiva da situación da economía soviética a que marcou a primeira ruptura cos dogmas oficiais. Estaba a economía soviética no estado en que afirmaban os seus dirixentes e repetían como papagaios os burócratas tanto do estado como do partido comunista? Acadara a URSS finalmente a fase socialista e encmiñábase imparable á sociedade comunista? Era o réxime soviético unha mostra irrefutable da superioridade do sistema socialista sobre o capitalista?.

Axiña se puido comprobar que a propaganda xa non era quen de seguir ocultando a realidade. Os sectores produtivos, incluso os que foran postos como referencia da superioridade da planificación socialista, como por caso a industria pesada, atravesaban todos unha profunda crise e non eran quen nin de satisfacer a demanda interna nos asuntos  máis básicos. A agricultura seguía sen ser quen de levantarse do desastre provocado polas colectivizacións forzosas impostas por Stalin, e a produción de cereais básicos como o trigo tiña caído a niveis inferiores aos previos á revolución bolxevique. A industria lixeira non arrancaba e a pesada daba mostras claras de obsolescencia. O crónico problema da vivenda seguía sen se resolver. As arcas públicas aparecían exhaustas tanto polo elevadísimo gasto militar como pola enorme carga que supoñía a impoñente burocracia que a falta de ingresos non era quen de cubrir.

Coa morte de Stalin empezarían, xa que logo, a quedar en evidencia a falsidade dos paradigmas comunistas como, no caso citado, a proclamada superioridade da planificación socialista soviética que se ben fora eficaz para manexar a economía -se non se ten en conta claro está o enorme custo social, nunha situación de guerra como por caso puxo en evidencia a súa extraordinaria vitoria militar fronte ao enorme aparato bélico nazi-, aparecía agora como inútil e incluso contraproducente en épocas de paz. A realidade da situación que aparecía na URSS mostraba un sistema que nin sequera era quen de cubrir as necesidades máis inmediatas da poboación: alimentación, vestido, vivenda… Unha economía incapaz de competir, por caso, no subministro dos bens de consumo, coa súa rival capitalista.

A nivel político e social emerxía unha sociedade que quedaba moi lonxe do modelo de democracia social defendido polos fundadores do comunismo: un mínimo de 10 millóns de cidadáns soviéticos habitaban as cárceres e os campos de concentración. Maior sería o impacto político e emocional provocado polas informacións que se ían coñecendo sobre a real dimensión das purgas e os crimes stalinistas.

Para rematar o desastre, a morte de Stalin supuxo que, escapando ao control dos novos dirixentes, se empezaran abrir algunhas fiestras no férreo sistema soviético, polas que se podían visualizar as realidades que se tiñan agochadas trala propaganda stalinista, pero que tiraban por terra todo un arsenal de mentiras montado ao longo de case corenta anos, e que serviran de alimento paradigmático ao movemento comunista internacional (“a superioridade da madre Rusia sobre o occidente capitalista”)

Jruschchov e a desestalinización

Morto o gran ditador, a descomposición do réxime soviético, feito a súa imaxe e semellanza, era tan evidente e notoria, que sería a propia burocracia stalinista (Malenkov, Bería, Molotov, Jruschov….) quen tomaría a iniciativa de pór en marcha unhas mínimas reformas que garantiran a súa supervivencia e evitaran o derrubo que inevitablemente os arrastraría tamén a eles. O que non poderían impedir é que se abrira unha enorme crise ideolóxica no movemento comunista internacional, moitos de cuxos membros non podían dar crédito, outros moitos se negarían a facelo e como moito aceptaría falar dos “erros de Stalin”, a realidade que aparecía diante dos seus ollos: a dun fraude, dunha enorme e cruel mentira, que arrastrara consigo a millóns e millóns de persoas que inxenuamente confiaran durante décadas no que os seus líderes lles contaban.

Sería un personaxe curioso, Nikita Jrushchov, quen estaría a piques de salvar o mobiliario do estado soviético, ou cando menos de evitar o seu derrubo por demolición. Como secretario xeral do PCUS, trataría de demostrarlles aos fieis comunistas, e ao mundo, que o réxime soviético era reformable. Nos anos previos, e máis directamente baixo o seu mandato,  o réxime puxo en marcha unha serie de reformas, algunhas de gran calado, que durante uns anos devolveron a confianza a moitos comunistas de que o sistema non só se salvaba, senón que podía demostrar a súa superioridade sobre o sistema capitalista.

A nivel político as novas autoridades liquidaron o aparato represivo anterior -o propio Beria, que fora o todopoderoso director da sinistra NKVD, que entre outras planificara as matanzas de Katyn cando máis de 20.000 prisioneiros polacos foran sumariamente executados, recén nomeado Ministro do Interior, sería detido e xulgado secretamente para finalmente ser executado.- e se declararon unhas sucesivas amnistías que beneficiaron ás 4/5 partes dos presos que se amoreaban nos gulags. Pero seguramente a acción que tivo máis impacto foi o Informe presentado por Nikita Jrushchov ao Comité Central do PCUS (25 febreiro 1956) -feito público no XX Congreso do PCUS- no que se denunciaban os terribles crimes de Stalin, e cuxa difusión tivo un impacto devastador nun movemento comunista internacional que era maioritariamente stalinista.

O derrubo dos paradigmas comunistas parecía imparable: se antes fora o da “superioridade da madre Rusia sobre o occidente capitalista agora eran o da “suposta infalibilidade e indiscutible capacidade de liderado do pai Stalin” e, seguramente o máis devastador, que “o réxime construído baixo o mandato de Stalin estaba moi lonxe de ser un réxime democrático dos traballadores, pois era unha cruel e sinistra ditadura”.

Temporalmente, Nikita Jrushchov conseguíu frear o que parecía unha caída irremisible do réxime, fundamentalmente grazas aos magníficos resultados económicos obtidos polas reformas introducidas (1954) tanto en materia agraria, que axudaron a multiplicar a produción cerealeira e a reducir a fame, como na demanda interior con melloras palpables no consumo .

Pero o mal estaba metido moi adentro e se estendía no movemento comunista. Agora afectaría a outro dos seus paradigmas, o da “solidariedade internacional”. Unha solidariedade que Polonia, Hungría e Checoslovaquia deixaron en evidencia, ao tempo que revelaron tamén os límites da desestalinización dos novos dirixentes.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]