por Manoel Barbeitos
Como moi ben sinalara a profesor Eric Hobsbawm, a instauración dun réxime autodenominado socialista en moitos dos estados europeos do Leste -por caso, Hungría, Checoslovaquia e Polonia- no foi por mor dunha revolta ou unha mobilización popular senón vía militar. Tamén sería esta a vía que garantiría o dominio do Partido Comunista e as súas elites. A pesar diso, a situación sería diferente segundo o país do que se trate, como tamén foi desigual o apoio popular aos respectivos partidos comunistas nacionais. Así, mentres o Partido Comunista Checo si tiña un forte apoio popular, iso non pasaba cos de Polonia e Hungría. O que si era similar era a súa formación e orientación, xa que todos eles seguían o patrón soviético, o que era o mesmo que dicir o patrón stalinista de culto á personalidade dos dirixentes comunistas, partido único, economía planificada…., e purgas dos elementos disidentes.
Pero sería erróneo non recoñecer que estes gobernos monocordes, a pesar do seu escurantismo e rixidez, tiveron durante os primeiros anos dos seus mandatos un xenuíno apoio popular. Un apoio gañado en base tanto a conciencia social de que era necesario un esforzo colectivo para reconstruír uns países esnaquizados pola guerra, como ao real compromiso dos comunistas coa modernización e o progreso.
Serían os ecos do XX Congreso do PCUS e a súa denuncia dos crimes stalinistas (1956) os que favoreceron que espertaran as reprimidas forzas centrífugas en practicamente tódolos estados incluídos na “zona de influencia” soviética. Liberacións que terían expresións moi diferentes debido, entre outras razóns, tanto ao xa citado distinto apoio popular con que contaban os deferentes partidos comunistas nacionais, con lideres tamén diferentes, como as moi dispares estruturas socioeconómicas.
Foi nese ano de 1956 cando, estimuladas polo refluxo da desestalinización en marcha, se iniciaron unha serie de crises nos gobernos dos países do Leste de Europa que conducirían a unha crise terminal do movemento comunista internacional tal e como se fora artellando e manexando dende a constitución da III Internacional Comunista (Kominter) no ano 1919. Unhas crises que terían en Hungría, Polonia e Checoslovaquia as máximas expresións, pero que tamén provocarían as maiores traxedias.
Hungría: unha auténtica revolución
Foron os maxiares os que primeiro intentaron avanzar cara a constitución dun réxime democrático. Uns avances que, na opinión das autoridades soviéticas, querían chegar demasiado lonxe. Tiñan razón. O que estaba en marcha en Hungría era unha auténtica revolución.
Animados polo sucedido en Polonia, os estudantes -que esixían cambios profundos no sistema- e de seguido os obreiros -que chegarían a montar consellos de traballadores nas fábricas- iniciaron (1953) o que sería unha auténtica revolución nacional e popular. A rebufo deste movemento social, o goberno húngaro presidido polo reformista Imre Nagy -que finalmente saíra vitorioso na loita interna, no seno do Partido dos Traballadores Húngaros, co sector stalinista agrupado en torno a Rakosi- non só aprobou o fin do monopartidismo e a celebración de eleccións libres, senón que apostou pola neutralidade e a saída de Hungría do Pacto de Varsovia. Demasiado para a ortodoxia soviética, que observaba atónita como os estudantes non só querían máis -por caso, a rehabilitación das vítimas das purgas stalinistas-, senón que chegaron incluso a derrubar a estatua de Stalin ao borde do Danubio.
O que estaba en marcha era, como dicíamos, unha auténtica revolución social, con enfrontamentos na rúa entre manifestantes armados e o exército soviético asentado en Hungría. Enfrontamentos nos que unha parte do exército nacional se uniría á poboación, que á súa vez se sumaría á folga xeral convocada polos consellos obreiros. Pola súa parte, o goberno de Nagy asumiu as reivindicacións populares ,entre as que destacaba a abolición do sistema de partido único: enorme herexía.
A resposta dos gobernantes da URSS foi contundente: o exército ruso invadiu Hungría (novembro 1956) e a revolución en marcha foi esmagada e aniquilada. O saldo foi brutal: 2.000 mortos e 13.000 feridos en Budapest, 700 mortos e 1.500 no resto do país, ademais de 105 execucións, entre elas a de I. Nagy e os seus colaboradores. Unha acción xustificada polos gobernantes soviéticos como a única opción posible para “salvar o socialismo en Hungría”.
Pero, contra o que esperaban as autoridades moscovitas, o novo goberno húngaro imposto por Moscova logo de derrotada a revolución resultou ser aínda máis reformista que o anterior. Baixo a dirección de Janos Kaldar, o novo goberno, practicando unha política similar á de Gomulca en Polonia, si foi quen de por en marcha moitas das medidas de liberalización que foran prometidas polo goberno destituído polos tanques. Reformas que, agora si, serían aceptadas polos gobernantes soviéticos.
Había que facer concesións para evitar novas explosións revolucionarias pero, iso si, sen cambiar o réxime stalinista nin a obediencia soviética reflectida no Pacto de Varsovia.
Polonia: unha democracia socialista baixo vixilancia
A realidade económica e social de Polonia era moi distinta. Por caso, a maior industrialización deste país tamén supuxo a existencia dunha clase traballadora máis numerosa e mellor organizada. O mesmo sucedía no campo onde se faría efectiva a descolectivización, dando paso a unha agricultura familiar relevante. Agricultores e traballadores polacos foron quen de crear os seus propios movementos, que non dubidaron en enfrontarse ao goberno comunista, tamén de carácter reformista pero que, a diferencia do húngaro, si recibira o beneplácito por parte de Moscova. Un enfrontamento que adquiriu tódalas características dun levantamento popular.
Polonia foi onde tivo lugar a primeira crise de goberno postestaliniana nos países do Leste. Unha crise (novembro 1956) que tivo o seu alimento nos fortes choques entre os traballadores -que chegaron a esixir eleccións libres e a retirada das tropas soviéticas- e o goberno comunista polaco, que contaba co apoio do clan stalinista moscovita. Choques nos que o goberno polaco chegaría a utilizar ao exército cun resultado dramático: 50 mortos, 300 feridos e centos de detidos, pero que non poderían evitar que se radicalizaran as loitas polo poder no seo do partido comunista entre os reformistas e a liña dura. Esas loitas remataron coa elección de Gomulka -un jruschoviano- como secretario xeral do POUP, a pesar de ter sido anteriormente vítima das purgas stalinistas.
O gran apoio popular con que contou Gomulka dende o inicio do seu mandato freou as ansias invasoras soviéticas e impediu o triunfo de un intento de golpe de estado programado pola facción stalinista do POUP. Gomulka, apoiándose na firmeza que mostraba a pobo polaco, anunciou a posta en marcha de reformas económicas e políticas na senda dunha “democracia socialista a polaca”: reformas que, entre outras comprenderon a descolectivización da terra, a liberdade relixiosa e a liberalización cultural. Como concesión aos mandatarios soviéticos, o novo goberno polaco comprometeuse a non abandonar o dogma comunista do liderado do PC e a seguir mantendo relacións fraternais coa URSS no marco do Pacto de Varsovia.
Checoslovaquia: a primavera de Praga
A situación de partida era moi diferente á dos estados anteriores. A represión e as purgas no interior do Partido Comunista foran moi fortes xa en vida de Stalin, especialmente nos últimos anos. A pesar diso o Partido Comunista Checo gozaba dun importante apoio popular e contaba con líderes, como Alexander Dubcêck, que claramente apostaban pola liberalización política e as reformas económicas. Factores que facilitarían unha axitación social e cultural que rematou na coñecida como “primavera de Praga” (1968) coincidente no tempo, e non por casualidade, cos movementos estudantís que se daban noutras partes de Europa (París, Berlín) e América (México, San Francisco). Durante oito meses, o pobo checo e a gran maioría do partido comunista -liderada por A. Dubček- buscaron conseguir o que querían ser: unha transición pacífica dun réxime stalinista a un réxime socialista.
As reformas que os dirixentes checos querían poñer en marcha afectaban a todo o sistema sovietizado, pois ían máis aló das estritamente económicas. A “ruta checoslovaca ao socialismo” incluía tanto reformas políticas -a real democratización do réxime- como reformas económicas -a introdución do mercado na economía-. Entre as reformas democráticas estaban contempladas a eliminación da censura, a desaparición nos medios de comunicación do monopolio da versión oficial, a implantación da liberdade relixiosa e a aceptación do pluralismo político. Medidas que se despertaron o entusiasmo entre a poboación checoslovaca tamén, e para sorpresa das autoridades soviéticas, recibirían o apoio da maioría dos partidos comunistas occidentais e, mesmo, dos comunistas iugoslavos.
A pesar diso, ese apoio levantou o rexeitamento nos réximes de liña dura, como Alamana Oriental e incluso Polonia, que chegaron a temer que o exemplo checo prendera nos seus países. O que maior temor lles provocaba era que a correlación de forzas ao interior do partido comunista checo se inclinaba cada vez máis claramente a prol dos “progresistas”. Unha distribución de forzas que se ía trasladando a tódalas organizacións de poder comunista: sindicatos, movementos sociais, entidades intermedias… Prenden tódalas alarmas no bloque soviético, que teme se reproduzan os feitos acaecidos en Polonia e Hungría (1956).
Así, reprodúcense e increméntanse as ameazas cada vez máis agresivas e apremiantes, pero producen o efecto contrario ao buscado: que Dubček e a súa equipa teñan un cada vez maior apoio popular. O apoio dun pobo decidido a avanzar na democratización. Algo que asustaba a Moscova porque podía contaxiar ao resto dos países do bloque e cuestionar así o sistema soviético.
A reacción dos dirixentes de Moscova -xa non estaba Jruschchov na secretaria do PCUS, pois fora substituído por Brézhnev- foi a de poñerlle fin á experiencia checa : a rebufo das protestas dos principais dirixentes comunistas do Leste (Bulgaria, Hungría, RDA, Polonia) e dacordo cun plan minuciosamente preparado (Plan Danubio), a noite do 20 ao 21 de agosto de 1968 as tropas do Pacto de Varsovia invadiron Checoslovaquia, poñendo fin ao sono do pobo checo de construír un socialismo con rostro humano.
O que non sabía Moscova era que a chama da liberdade seguiría acendida en Checoslovaquia, pero agora en mans doutros dirixentes que ademais non eran comunistas como un tal Vaclav Havel.
Principio do fin do movemento comunista modelo soviético
A chamada “primavera de Praga” deixaría a súa pegada. Aínda que o bloque soviético se mantivo unido máis de dúas décadas, a imaxe do movemento comunista con centro en Moscova quedaría ferida de morte. Só a ameaza dunha intervención militar foi quen de manter unión do bloque socialista, pero a custo de poñer en evidencia que o réxime soviético era realmente un réxime imperialista que non aceptaba reformas democráticas na súa área de influencia.
Para maior debilidade do antigo movemento comunista, mentres Europa occidental, da man da socialdemocracia, entraba no que se deron en chamar os trinta anos gloriosos -elevado crecemento económico, forte creación de emprego, desenvolvemento dos estados de benestar, democracia pluralista…-, as economías “do socialismo real”, dirixidas polos respectivos partidos comunistas, empezaron a dar claras mostras de esgotamento e debilidade. As diferencias entre o oeste e o leste europeo faríanse cada vez máis grandes e notorias.