AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS. A socialdemocracia e a división do movemento socialista internacional

por Manoel Barbeitos

O século XX atopa a socialdemocracia europea disputando en sumarísima confrontación fratricida o liderado da clase obreira cun movemento comunista internacional en auxe que, empurrado polo influxo que entre as clases traballadoras europeas acadaría a revolución de outubro de 1917, aspiraba seriamente a substituíla. Unha confrontación que ten lugar nun escenario europeo marcado por dúas guerras mundiais e distintas fases do ciclo económico dun sistema capitalista que está dando o salto do espacio nacional ao internacional, e que supón por caso cambios históricos que apuntan a aparición no escenario europeo do imperialismo capitalista.

A socialdemocracia e a primeira guerra mundial

Como sinalaba con anterioridade, o triunfo da Revolución bolxevique en Rusia  (1917) tivo un grande impacto sobre a socialdemocracia europea para quen, como deixara escrito o vello Engels, “a época dos ataques por sorpresa, das revolucións feitas por pequenas minorías conscientes á cabeza das masas inconscientes, xa pasou” (F. ENGELS: “A loita de clases en Francia”. Introdución). Estaba equivocado o xenial ideólogo alemán?.

Ese impacto tivera os seus preludios nos albores da I Guerra mundial coas batallas que se libraron no interior da socialdemocracia europea en relación coa postura que deberían adoptar fronte á grande guerra. Batallas que compre explicar polas consecuencias que se derivaron das mesmas, non en van bastantes autores consideran que tanto os partidos socialdemócratas como os partidos comunistas son produto deses anos que precederon a grande guerra. Uns partidos nos que non poucos dirixentes pensaban por eses anos que estaban ás portas de asistir ao definitivo colapso do capitalismo. Ese pensamento contrastaba co sentimento xeral da “sociedade burguesa no seu conxunto”, que “non se sentía ameazada de xeito grave e inmediato, tampouco os seus valores e as súas expectativas históricas extraordinarias se viran seriamente socavadas aínda. Esperábase que o comportamento civilizado, o imperio da lei e as institucións liberais continuarían o seu progreso secular” (ERIC Hobsbawn: “A era do imperio 1875-1914”).

A realidade política era que en vésperas da primeira guerra mundial (1914-1918), os avances do capitalismo industrial en Europa deran paso a aparición de partidos socialdemócratas en practicamente tódolos estados europeos con un mínimo de democracia. Partidos que nalgúns casos -Alemaña, Dinamarca, Bélxica- chegaron a ter unha forza electoral relevante, e contaban con organizacións de base -sindicatos, cooperativas- sólidas e disciplinadas que en xeral experimentarían un crecemento na afiliación realmente extraordinario. Crecer dese modo elevou o optimismo dos dirixentes socialdemócratas europeos ata un punto que, como se comprobaría posteriormente, resultaba totalmente infundado. Pero a verdade histórica é que neses anos previos a 1914 “nunca ata entón se vivira unha era de esperanza similar para aqueles que traballaban coas súas mans na fábrica, o taller e a mina” (E.H.).

Nos partidos socialdemócratas a aposta maioritaria era pola revolución social. Porén, había a pesar diso importantes diferenzas en torno a como se debía plasmar, encol da natureza dese grande cambio social que non poucos consideraban inevitable. Se por unha parte lideres moi destacados, como por caso Karl Kautsky, afirmaban que o afundimento do vello sistema capitalista non era eminente e que “un partido aínda que é revolucionario non fai a revolución” (E.H.), os dirixentes máis radicais, que realmente non militaban nos partidos socialdemócratas tradicionais, senón ben nas organizacións de base -sindicatos-ou ben pertencían a intelectualidade de esquerdas, apostaban pola acción proletaria directa e a insurrección. Finalmente impoñeríase a forza organizativa e disciplinada dos grandes partidos socialdemócratas (Alemaña, Austria….) e “os mitins de masas organizados, as manifestacións de masas coidadosamente planificadas e as campañas electorais substituíron, mais que prepararon o levantamento e a insurrección” (E.H.). Unha imposición na que tería unha influencia decisiva o feito innegable de que realmente as melloras que se ían conquistando eran grazas ás accións destes partidos, eran grazas á solidariedade entre as masas explotadas.

Pero o estoupido da I Guerra mundial provocaría unha envorcadura histórica na socialdemocracia europea, que vería como a división interna se facía inevitable e o risco de ruptura era máis real ca nunca. A división apoiouse inicialmente na diferente visión que da grande guerra tiñan algúns dos seus dirixentes máis relevantes, por caso Jaurès (SFIO) e Haase (SPD), e que conducía inevitablemente a diferenzas non só na política de alianzas e moi en concreto na participación ou non nos “gobernos burgueses”, senón na propia posición fronte á guerra -apoio ou oposición-. Diferenzas que posteriormente provocarían tanto rupturas no seo dos partidos socialdemócratas -a máis sonada sería no SPD alemán- como a propia morte da II Internacional. Curiosamente durante este período practicamente tódolos partidos socialdemócratas e a maioría dos seus dirixentes se declaraban fieis seguidores do pensamento de Karl Marx, aínda que na realidade cada quen facía a súa particular interpretación do mesmo. Algo que será unha constante ao longo da historia das esquerdas europeas.

Esa envorcadura socialdemócrata viña a producirse nun momento histórico en que, como sinalaba con anterioridade, o seu ascenso en Europa estaba sendo impresionante grazas, moi especialmente, ao seu crecente ascendente no movemento obreiro. Unha situación que preocupaba non pouco ás elites europeas: “antes de nada hai que rematar cos socialistas, decapitalos e impedir que poidan prexudicar, aínda que sexa por medio de matanzas. E despois, facer unha guerra exterior. Pero non antes e non en seguida” (Declaracións do Káiser alemán recollidas por JOSEP FONTANA: “El siglo de la revolución”).

Se no congreso da Internacional Socialista celebrado en Basilea (novembro de 1912) os socialistas se mostraran de forma unánime totalmente contrarios á guerra, xa que “era deber das clases obreiras e os seus representantes parlamentarios… realizar todos os esforzos para previr o inicio da guerra”, e se esta se producía, “utilizala crise económica e política creada pola guerra para levantar ao pobo e acelerar a caída do goberno da clase capitalista” (J.F.), pronto mostraron importantes diverxencias internas. Así, “na tarde do 4 de agosto de 1.914 tanto os socialistas franceses como os alemáns aprobaron entusiasticamente nos seus respectivos parlamentos a declaración de guerra e votaron os créditos necesarios para o seu inicio. O SPD alemán, que organizara actos contra a guerra deica xullo de 1914, non só a aceptou a comezos de agosto, senón que se integrou nunha política de Burgfrieden ou tregua, que implicaba o compromiso de non criticar ao goberno mentres durase a guerra, e de esforzarse en desalentar as folgas” (J.F.)

Neste cambio de postura dos socialdemócratas franceses e alemáns non tivo pouco que ver o asasinato de Jean Jaurès (31 de xullo de 1914), líder carismático da socialdemocracia francesa e férreo opositor á guerra. Asasinato que foi seguido pola declaración gobernamental do “estado de guerra” e o inicio dunha fortísima represión contra as clases traballadoras e os seus representantes que se opoñían á guerra: recortes de liberdades, censura, represión de manifestacións, penas de prisión, execucións….Asasinato que tamén facilitou que triunfaran na socialdemocracia europea as teses dos que defendían o apoio a guerra: escasos días despois do asasinato de Jaurès, tanto os deputados da SFIO francesa como da SPD alemá votaban a prol dos créditos de Guerra. Postura que sería posteriormente respaldada pola maioría dos dirixentes da Internacional Socialista: o fervor chauvinista e nacionalista impoñíase así aos ideais socialdemócratas, a loita nos dous frontes entre traballadores alemáns e franceses ía substituír a solidariedade entre as clases traballadoras europeas. A prol deste cambio de postura houbo diferentes argumentos, dende os que defendían que lles reportaría os beneficios dun maior protagonismo na política do seu país – de feito algúns dirixentes socialdemócratas accederon como ministros ao goberno do seu país- deica os que pensaban que a guerra abriría a porta á revolución, pasando polos que, como foi o caso de Rosa Luxemburg, defendían que os líderes socialdemócratas eran escasamente internacionalistas.

O que estes dirixentes socialdemócratas nunca pensaron foi que a I Guerra mundial duraría tanto tempo -catro anos-, que provocaría uns enormes custos humanos -calcúlase que superaron os 10 millóns os soldados mortos aos que habería que sumar os feridos e mutilados- e económicos, que se levaría por diante a numerosos lideres sindicais e que sería a serpente que incubaría o ovo do nazismo. Tampouco esperaban que faría medrar entre sectores das clases traballadoras, moi especialmente na máis moza, unha mentalidade “antimilitarista” e de desobediencia civil que, seguindo o faro da Revolución bolxevique (1917), se convertería en alimento para unha vangarda revolucionaria que lle daría as costas á socialdemocracia e chegaría a converterse nun formidable rival político e de clase.

A revolución bolxevique e a división do movemento socialdemócrata

A división interna na socialdemocracia europea que provocarían as distintas posicións fronte á I Guerra mundial tivo o seu cénit co gallo do triunfo da revolución bolxevique (1917), que “marcou profundamente a historia do século XX, alimentando as esperanzas dos de abaixo e convertida, polo menos nos seus temores, na maior das ameazas para os de arriba” (J.F.).

Unha revolución cuxos dirixentes -os bolxeviques-, con V.I. Lenin á fronte, seguirían un camiño moi diferente ao adoptado pola maioría da socialdemocracia europea. Un camiño que como demostraba o exemplo bolxevique, non precisaba para o seu éxito e para o conseguinte advento do socialismo que, en contra do que afirmaran Marx e Engels no seu día, houbera que agardar a que se producira a crise do sistema capitalista. Neste convencemento os bolxeviques, e con eles un número crecente de dirixentes europeos de esquerda, aducidos polo prestixio que tiña acado a revolución rusa, estaban seguros, e así o afirmaban, de que “o triunfo da revolución socialista sería cousa de meses”.

Esa tese non a compartían os partidos socialdemócratas europeos, que defendían que a revolución se alcanzaría actuando dentro dos estados burgueses e non por vía insurreccional. Unha diferenza estratéxica que tamén conducía a fortes diverxencias na funcionamento interno dos partidos, pois mentres os comunistas rusos, baixo o liderado de V.I. Lenin, eran partidarios do centralismo democrático -máis práctico para a vía insurreccional-, os socialdemócratas eran partidarios da democracia interna -máis axustada á democracia parlamentaria-.

Pero seguramente o que provocaría a ruptura definitiva será a dispar postura fronte á grande guerra. Mentres os bolxeviques rusos e os seus novos seguidores en Europa -como eran os casos destacados de Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht- defendían tanto unha posición totalmente contraria ao conflito como consideraban que o mesmo, tal e como sucedera en Rusia, facilitaría o triunfo da revolución en toda Europa e moi especialmente en Alemaña a potencia dominante. Os socialdemócratas optaron por colaborar cos seus gobernos, incluso no caso dos máis reaccionarios como Alemaña, o que supuxo participar indirectamente na represión aos comunistas.

O sucedido, aí están as hemerotecas, entre novembro de 1918 e xaneiro de 1919 en Alemaña -o 5 de xaneiro serían asasinados Rosa Luxemburg e Karl Liebknecht, dirixentes do recentemente creado Partido Comunista Alemán (KPD), por membros de grupos paramilitares (Freikorpos) que foran legalizados polo goberno liderado polo socialdemócrata Freidrich Ebert-, non so pasaría a formar parte da historia máis negra da socialdemocracia europea, senón que sinalaría o punto de ruptura definitiva no movemento socialista europeo.

En xustiza, non se pode identificar a ese minoritario sector da socialdemocracia alamana co conxunto da socialdemocracia europea, pero tampouco se pode eximir a esta de toda culpa en relación ao triunfo da contrarrevolución en Europa central. “No contexto de desorde interno provocado pola caída dos gobernos imperiais de Berlín e de Viena, milicias paramilitares que se crearon coa complicidade dos respectivos exércitos, protagonizaron unha ola de terror que se estendeu especialmente por Alemaña, Austria e Hungría……En Alemaña os Freikpors, integrados sobre todo por soldados desmobilizados, aos que se uniron estudantes e campesiños, dirixidos por mandos militares e apoiados polo novo ministro de Defensa, Gustav Noske, membro do SPD, empregáronse na disolución violenta dos consellos de traballadores e de soldados, e liquidaron a República soviética de Baviera, ademais de loitar en Silesia contra os polacos. Para a campaña do Báltico, á que se sumaron soldados en paro e campesiños sen terra, movidos pola ambición de establecerse neses territorios, e estimulados de inmediatos polas perspectivas de saqueo, calcúlase que reuniron trinta mil voluntarios en poucos meses” (J.F.).

Neste contexto de forte división do movemento socialista internacional fundouse en Moscova  -marzo de 1919- a Terceira Internacional  (Kominter), agora Comunista, que “acabou provocando en todas partes a escisión de partidos comunistas minoritarios, separados dos socialistas afiliados á Segunda Internacional, que seguiron na maioría dos casos mantendo a súa influencia sobre os sindicatos. O Segundo congreso da Kominter celebrado en Petrogrado en xulio e agosto de 1920, declarou a guerra a todo o mundo burgués e a tódolos partidos da socialdemocracia amarela, e estableceu as vinte e unha condicións que tiña que cumprir un partido para ser admitido na organización. Unhas condicións que esixían a ruptura completa e absoluta co reformismo, a expulsión de tódolos elementos pequenoburgueses e a práctica do centralismo democrático (o que significaba unha disciplina férrea de respeto ás decisións do centro dirixente do partido)” (J.F.)

Alea iacta est.