Martes 29, Novembro 2022
HomePolíticaAS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS: A crise terminal do comunismo internacional

AS CRISES IDEOLÓXICAS DAS ESQUERDAS: A crise terminal do comunismo internacional

por Manoel Barbeitos

Coa derrota da “primavera de Praga”, quedou en evidencia que os sistemas políticos do “socialismo real” construídos a imaxe e semellanza do sistema soviético stalinista pouco ou nada tiñan que ver co socialismo e, non digamos, co comunismo. Eran sistemas de partido único, fortemente burocratizado e centralizado, que monopolizaba o poder -eran, xa que logo, auténticas ditaduras- e se apoiaban en economías planificadas pero incapaces de cubrir eficazmente a demanda cidadá dos produtos máis básicos. Eran tamén sistemas que vivían separados (“campo socialista”) do resto do mundo e moi especialmente de occidente. Algo que xa viña da época de V. I. Lenin, pero ao que contribuiría, aínda máis, a “guerra fría”.

Non resulta arriscado subliñar que unha das razóns do fracaso do movemento comunista hai que buscala nese illamento. Nin Rusia, cando a revolución, nin os países do socialismo real máis tarde reunían as condicións que, por caso, Karl Marx consideraba necesarias para o establecemento dunha economía socialista: ser un país industrial avanzado. Algo que, por certo, V. I. Lenin e os primeiros bolxeviques tamén tiñan claro.

Porque Rusia, que cando triunfa a revolución bolxevique era un país económica e socialmente moi atrasado, no seu afán de provocar un crecemento económico rápido e forte en base a unha planificación central que impulsara a industria pesada e as grandes infraestruturas, non conseguiría nunca aqueles obxectivos bolxeviques/stalinistas de superar a produción capitalista, a pesares dos indiscutibles éxitos iniciais -períodos de entreguerras e dos  anos cincuenta-.

A planificación económica

Neste contexto resulta oportuno preguntarse se logo da terrible guerra civil os bolxeviques non tiñan outra opción que optar, como fixeron finalmente, por unha economía fortemente centralizada. Se como o propio V.I. Lenin defendería máis tarde -velaí que introducira a NEP (Nova Política Económica) no ano 1921-, non resultaba máis apropiado unha sorte de capitalismo de estado gradualista -iso era realmente a NEP-. Mais Lenin morre no ano 1924, os outros compañeiros na dirección bolxevique tamén partidarios das reformas gradualistas -con N. I. Bugarín a cabeza- foron derrotados -aniquilados- e os vencedores -con I. V. D. Stalin como líder cada vez máis indiscutible- impuxeron a economía planificada, a economía dos plans quinquenais, apoiándose na xustificación de que a NEP desviaba a Rusia do camiño ao socialismo.

Pero impoñer tal tipo de política económica nun país tan atrasado, realmente en ruínas, como era a Rusia dos anos posteriores a 1920 esixía grandes sacrificios a unha poboación que tiña sufrido moito. Uns sacrificios que a pesar diso, e aínda que custe creelo, unha maioría da poboación rusa aceptou inicialmente a pesar das purgas, os campos de concentración, os traballos forzados, a carestía e a fame….. Unha aceptación que daría os seus froitos.

Porque a economía planificada, que substituíu a NEP en 1928, funcionou nos primeiros anos obtendo a nivel industrial uns resultados espectaculares. Funcionou porque aínda que o nivel de vida era moi baixo, o estado si foi quen de garantir un mínimo social: alimentación, vestido, vivenda, atención sanitaria, pensións, ensino….Pero esta planificación tamén tivo os seus pagáns: os campesiños. A colectivización forzosa foi un fracaso total, a fame negra disparouse, e Rusia pasaría durante décadas a depender da importación de cereais. A planificación tamén arrastrou outro problema que logo tería efectos políticos determinantes: a burocratización do sistema. Á sombra da planificación medrou unha enorme burocracia, con intereses propios, que remataría facéndose co control do poder no partido e no goberno. Unha burocracia (nomenclatura) que nin era bolxevique nin moito menos comunista, pero si stalinista por razóns de supervivencia.

Os resultados a nivel industrial fixeron que Rusia se transformara nunha potencia industrial a nivel mundial e que se convertera, logo da segunda guerra mundial, nun modelo para os países do “socialismo real”. Un modelo que, como sinalaba antes, tiña os pes de barro porque unha planificación económica tan centralizada como a que se implantou na Rusia dos anos vinte adoecía de varios fallos moi evidentes. O primeiro, e seguramente o máis relevante, que non tiña en conta que o país non estaba, polas razóns xa apuntadas, preparado para unha planificación dese tipo e natureza. O segundo, que non se tivo en conta a debilidade da demanda interna. Terceiro, que as estruturas comerciais eran moi deficitarias, o que favoreceu o crecemento do mercado negro, a economía somerxida e a corrupción. Finalmente, que ignorando estes déficits, non se pensaba que estes factores máis cedo que tarde provocarían un esgotamento do sistema, como así sucedeu.

O sistema de partido único orixe do stalinismo

Por outra parte, o partido bolxevique convertiuse no que a grande Rosa Luxembourg xa vaticinara moito antes (“A revolución rusa”), nun partido autoritario, sen democracia interna e  moi centralista: no ano 1921 chegaron a prohibirse as discusións internas. Pero hai que ser xustos, a terrible guerra civil levouse consigo a unha grande parte dos mellores cadros bolxeviques, de tal forma que a real implantación na sociedade rusa se fixo cada vez máis débil, podéndose dicir que o partido bolxevique, logo da guerra civil, xa non a representaba realmente. Un fenómeno que se acentuaría coas purgas e o terror stalinista, que o deixaron definitivamente sen cadros, como tamén deixaron a sociedade rusa sen auténticos interlocutores. A unha sociedade que, como sinalaba antes, se lle ía a esixir de novo grandes sacrificios, pero que agora serían impostos utilizando o terror.

I. V. D. Stalin, un dos maiores criminais que ten dado a historia da humanidade, elevaría ao paroxismo a política de terror apoiándose nun partido que, igual que sucedía coa economía, quería dirixir a política dun xeito totalmente centralizado e sen oposición. Un obxectivo cuxo logro facilitaría o propio modelo de partido (“leninista”) que se apoiaba en revolucionarios profesionais que seguían disciplinadamente os mandatos da dirección central. Pero nada puido impedir que eses revolucionarios, que substituíran as masas, foran a súa vez substituídos pola dirección central e esta por un dirixente único e indiscutible  que os reemplazaría a todos.

Durante o longo mandato de Stalin (1924/1953), o Partido Comunista Ruso apenas celebrou congresos, chegando aquel a concentrar nas súas mans o poder absoluto ao que quedaron subordinados tódolos demais poderes. “Baixo a dirección de Stalin, o sistema soviético converteuse nunha autocracia que intentaba impoñer o seu dominio sobre tódolos aspectos da vida e o pensamento dos cidadáns, subordinando toda a súa existencia, na medida do posible, ao logro dos obxectivos do sistema definidos e especificados pola autoridade suprema”(ERIC HOBSBAWN: “Historia del siglo XX”).

Finalmente, a para facerlle xustiza á historia, e sen negar o papel de Stalin na definitiva conversión do réxime soviético nunha brutal ditadura, cómpre aclarar que calquera sistema de partido único, moi especialmente si se trata dun partido ferozmente xerarquizado e centralizado como era o caso do partido bolxevique creado por V.I. Lenin, conduce con toda probabilidade a unha ditadura. Unha ditadura que Stalin elevou ao paroxismo máis cruel e terrorífico: “entre 1934 e 1939 catro ou cinco millóns de membros do partido e funcionarios foron arrestados por motivos políticos, catrocentos ou cincocentos mil deles foron executados sen xuízo previo, e no XVIII Congreso do PCUS que se celebrou na primavera de 1939, apenas había 37 supervivintes dos 1.827 delegados presentes no XVII Congreso do 1934” (E.H.)

A crise terminal do comunismo internacional

Si ben é certo que á morte de Stalin os seus sucesores suavizaron o sistema eliminando o terror, baleirando os gulags e deixando de encarcerar e asasinar sen criterio nin límites, aquel non deixou de ser un sistema policial e autoritario, carente de democracia e liberdades reais. Un sistema que non reunía ningunha das condicións que, segundo os seus ideólogos Karl Marx e Friedrich Engels, debía posuír un sistema para poder ser considerado como socialista. Un patrón que apostaba por economías de planificación central e pola glorificación de seus líderes máximos e que, como xa sinalamos en artigos anteriores, serviu de modelo para os estados comunistas do leste europeo.

Un patrón que no campo político coñecería, entre os anos cincuenta e sesenta, crises moi profundas como as xa reflectidas de Polonia, Hungría e Checoslovaquia. que puxeron en evidencia o esgotamento tanto do modelo stalinista como do  movemento comunista xa que afectaron as propias bases políticas e ideolóxicas do comunismo modelo soviético. Dentro do propio campo comunista, como iremos vendo en sucesivos artigos, tamén serían cada vez menos os dirixentes que seguirían defendendo o modelo soviético (centralismo democrático, liderado único e planificación central) mentres uns poucos tentarían buscar novas vías, como o que deron en chamar eurocomunismo, con resultados dispares pero en ningún caso satisfactorios. O lastre histórico era moi, moi pesado. Imposible de superar.

Non menos relevancia tiveron, nesta crise terminal do comunismo internacional as reclamacións nos países do socialismo real a prol de reformas que, cando menos, flexibilizaran o ríxido sistema de planificación económica. Unha necesidade que se faría cada vez mais urxente por razóns varias (MAURICE DOBB: “El desarrollo de la economía soviética desde 1917”). En primeiro lugar que as “economías socialistas” empezaron a floxear cuns ritmos de crecemento medio cada vez mais baixos. Mentres no campo rival, nas “economías capitalistas europeas”, o ritmo de crecemento económico foi moi elevado –os famosos trinta anos gloriosos- con niveis de emprego e benestar xamais coñecidos. As diferenzas entre a Europa do Oeste e a Europa do Leste se foron facendo cada vez mais grandes e notorias –as dúas Alamanas serían o paradigma diferencial-. Finalmente a economía mundo entraba nunha fase que non anunciaba nada bo para o bloque soviético entre outras razóns por que se fixo indiscutible que “as economías socialistas” nunca alcanzarían as “economías non socialistas”.


 

[td_block_7 f_header_font_transform="uppercase" ajax_pagination="next_prev" sort="" category_id="" custom_title="Novidades"]