Luns 4, Decembro 2023
HomePolíticaA Xunta reserva dous millóns para propaganda no inicio do ano electoral

A Xunta reserva dous millóns para propaganda no inicio do ano electoral

Case dous millóns e medio de euros. É a cantidade que o Goberno galego pode chegar a gastar coa contratación de senllas campañas de propaganda institucional cuxa tramitación vén de iniciar a través da Secretaría Xeral de Medios e da Consellería de Economía e Industria. Poucos días antes de que o presidente da Xunta concretase a primeira crise na composición do seu Goberno, motivada pola incorporación de altos cargos ao equipo de Mariano Rajoy, ambos departamentos remitían ao Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) senllos anuncios previos. Trátase de dous avisos sen valor contractual que teñen como obxectivo advertir ás empresas potencialmente interesadas en toda a UE de que o Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo vai licitar dúas accións propagandísticas no inicio do ano no que, previsiblemente, os galegos serán chamados ás urnas para renovar o Parlamento.

O primeiro anuncio que chegou ao DOUE foi o impulsado pola consellería que dirixe Javier Guerra. Mentres en diversos foros se puña en cuestión a continuidade do conselleiro na Xunta, o 26 de decembro Economía e Industria informaba da súa intención de sufragar un “contrato de servizo consistente na divulgación das iniciativas da Xunta de Galicia en materia de innovación, impulso empresarial, internacionalización e de promoción do emprego en sectores estratéxicos industriais durante o ano 2012”. Para desenvolvela, a consellería prevé destinar unha “horquilla entre 800.000 euros e 1.000.000 de euros”, cantidade á que habería que sumar o correspondente IVE.

[quote style=”boxed” float=”left”]“Promoveremos a elaboración da Lei de Publicidade Institucional que o bipartito non foi capaz de aprobar”, explicaba o programa popular en 2009[/quote] Catro días despois do anuncio de Economía e Industria quen se dirixía ao DOUE era a Secretaría Xeral de Medios, o departamento con dependencia directa do presidente da Xunta que xestiona, entre outros asuntos, as controvertidas axudas directas aos medios de comunicación. Neste caso, dende a área xestionada por Alfonso Cabaleiro ofrécese información previa do que será o contrato dunha campaña para a “promoción das iniciativas da Xunta de Galicia en materia de identidade, galeguidade e datas de especial sensibilidade social”. Trátase, explica escuetamente, de levar adiante “campañas de acción institucional” e para isto prevé gastar ata 1,20 millóns de euros. Inicialmente, Medios sinalaba que esta sería unha cantidade co IVE “excluído”, se ben poucos días despois remitía unha correción de erros ao DOUE para especificar que o imposto vai estar incluído nese montante previsto.

Á espera da prometida Lei de Publicidade Institucional

Mentres non se coñecen as características concretas que a Xunta esixirá para ambas campañas -os pregos de condicións serán públicos cando o anuncio previo se converta en licitación, momento no que se saberá tamén definitivamente o gasto máximo posible en cada contrato-, o Goberno galego continúa operando en materia de iniciativas propagandísticas e publicitarias sen regular este tipo de contratacións a través dunha Lei de Publicidade Institucional, tal e como prometera o PPdeG na campaña das eleccións autonómicas de 2009.

Naquela altura, e entre duras críticas ao Goberno bipartito por incumprir o compromiso de aprobar esta mesma lei, os conservadores aseguraban que sería unha das primeiras decisións do seu Executivo. “Promoveremos a elaboración da Lei de Publicidade Institucional que o bipartito non foi capaz de aprobar”, explicaba o programa popular. Esta decisión, dicían, remataría coa “inaudita tendencia ao luxo” de PSdeG e BNG, formacións que subtituíran na Xunta a “eficacia” por “ostentosas campañas de publicidade política”. “O gasto en publicidade absurda é tan sinxelo de evitar como que simplemente non hai que facelo, e punto”, resumía Alberto Núñez Feijóo no seu blog electoral unha semana antes da cita coas urnas.

Así e todo, esa belixerancia inicial foi aminorando co retorno dos conservadores ao poder, se ben aínda en febreiro de 2010 o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, consideraba “urxente” aprobar a norma. En resposta a unha pregunta parlamentaria do socialista José Manuel Lage Tuñas, Rueda aseguraba que a regulación legal da propaganda e da publicidade gobernamental chegaría “na primeira metade da lexislatura” e “despois” faríase o propio coa Lei da CRTVG.

Na mesma liña, catro meses despois, Presidencia enviaba aos medios un comunicado anunciando que “proximamente” se remitiría a Lei de Publicidade Institucional ao Parlamento para lograr que “a relación entre as Administracións e os cidadáns sexa o máis eficaz, accesible e transparente posible”. A norma, explicaba o departamento de Rueda, obrigaría ao Executivo a enviar cada ano á Cámara galega “un informe” sobre os seus contratos publicitarios.

Malia a estas declaracións de intencións, en novembro do mesmo 2010 os votos do PPdeG botaban por terra no Parlamento a proposición formulada polo PSdeG para, precisamente levar adiante a Lei de Publicidade Institucional. Daquela, o conservador Antonio Rodríguez Miranda argumentaba o rexeitamento xustificándoo nos “criterios de oportunidade” dos meses próximos ás eleccións municipais. “Os concellos están a piques dun proceso electoral e non é o momento máis apropiado”. Tomando como referencia esta afirmación, o futuro desta promesa resulta incerto tendo en conta que os cálculos de boa parte do ecosistema político galego pasan por que as eleccións ao Parlamento de Galicia se celebren neste mesmo ano. Polo momento, as únicas leis que agora están en trámite no lexislativo galego son a de Bibliotecas, a de Protección das Persoas Consumidoras, a do Deporte e a da Área Metropolitana de Vigo.