Antes de responder a esta pregunta recollamos algúns opinións relevantes sobre a actual situación económica e social en España. Por caso, que din os organismos internacionais máis recoñecidos, con maior credibilidade.
Pois resulta que non paran de gabar a economía española. O FMI (Fondo Monetario Internacional) sitúa a España como “a gran economía avanzada que mais medra e faino por segundo ano consecutivo”. O BCE (Banco Central Europeo) afirma que a zona euro foi quen de capea-lo temporal no actual entorno en boa medida “grazas ao excepcional desempeño da economía española”. Pola súa parte a OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico) prevé que a economía española medre un 2,6% este ano, previsións que superan a media da Eurozona e as grandes economías desenvolvidas como Estados Unidos, Gran Bretaña, Canadá, Australia e Xapón.
Apuntemos a maiores algúns datos. Por caso, como lle vai ao emprego, un dos maiores problemas macroeconómicos de sempre na economía española?. Pois ben, dende que o señor (Pedro) Sánchez está na Moncloa (2018) ao día de hoxe o emprego en España acadou cifras espectaculares: 22.387.100 ocupados (EPA 3ºT 2025) que supoñen case 3 millóns de empregos máis que en 2018. Pola súa parte o desemprego baixou en 713.000 pasando do 14,5% ao 10,4% -4 puntos-.
Sigamos: como lle vai ás clases traballadoras? A evolución moi positiva do emprego, a suba do SMI, a reforma laboral que permite un maior protagonismo das centrais sindicais favoreceron que a participación das rendas de traballo na riqueza nacional medrara de xeito importante nos últimos anos (45,4% no 2018, 47,9% no 2024).
Dadas as dúbidas que crearían sobre o futuro inmediato é previsible que variables como o consumo e o investimento privados así como o comercio exterior experimenten un freo.
Mais: como lle vai ás empresas? Por caso, a súa competitividade? Dende hai décadas unha das materias pendentes da economía española veu sendo a produtividade que nese tempo se mantivo con diferenzas importantes en relación cos estados europeos do noso entorno con riqueza parecida. Neste marco é xusto recoñecer que nestes anos de crecemento económico, posteriores á pandemia (2021-2024), as diferenzas reducíronse de xeito notable (-20,3% con Alemaña, -7,2% con Francia e -22,3% con Italia) pois deuse unha recuperación por riba da media europea, o que parece reflectir unha certa converxencia. Unha mellora na produtividade favorecida pola dinámica positiva do investimento privado que experimentou un importante impulso con relación a anos anteriores: no primeiro semestre do presente ano medrou un 17%. Un investimento privado nas empresas que se ve estimulado polo crecemento do gasto en I+D que incrementou de forma notable o seu peso no PIB: o gasto en I+D no ano 2024 acadou cifras históricas -24.000 millóns de euros: 1,5% do PIB- un crecemento do 60% en relación ao ano 2.018.
Unha mellora na produtividade que afecta positivamente ao comercio exterior que acadaría cifras históricas con un superávit récord na balanza de pagos no ano 2024 -un superávit de 48 mil millóns de euros: a cifra máis alta da serie histórica que comeza en 1993-, o que á súa vez repercute nunha diminución da débeda externa que se atopa en niveis historicamente baixos -44% do PIB, a cifra máis baixa dende 2001-.
Para rematar, como lle vai a quen peor o estaban pasando? Os datos non deixan lugar as dúbidas: a pobreza en España reduciuse a mínimos nesta última década: 12,5 millóns de persoas en risco de pobreza e/ou exclusión, que resulta se-la cifra máis baixa dende 2014. Cifra que confirma como os importantes incrementos no gasto publico social teñen efectos beneficiosos para os máis desfavorecidos e como o Estado de benestar en España evitou que 11,1 millóns de persoas caesen na pobreza. Evidencia que confirma o índice de Gini -o máis utilizado para medi-la desigualdade- que no ano 2023 alcanzou un dos niveis máis baixos de sempre: 32,1 (34,7 no 2018). Está fora de toda dúbida que as pensións públicas están xogando un papel clave nesta dinámica: o mantemento do poder adquisitivo das pensións e o incremento do número de beneficiarios explican o seu papel positivo e dinamizador: a nómina das pensións, dende 2018, incrementouse preto dun 50%.
Tendo en conta os datos expostos, como lle pode afectar un anticipo electoral á actual dinámica económica e social? Dadas as dúbidas que crearían sobre o futuro inmediato é previsible que variables como o consumo e o investimento privados así como o comercio exterior experimenten un freo. Tamén, e dadas as experiencias coñecidas, se pode asegurar que coas dereitas extremas (PP, Vox) no goberno se produciría un axuste no gasto público con especial incidencia nas pensións. Cambios que afectarían negativamente á demanda e, xa que logo, ao crecemento económico e a creación de emprego.
Neste horizonte probable a resposta á pregunta de a quen lle poden interesar unhas eleccións anticipadas está moi clara: a unha minoría social e politicamente privilexiada.





