Domingo 25, Xullo 2021
HomePolíticaA GALICIA QUE VÉN CO ESTATUTO QUE FOI?

A GALICIA QUE VÉN CO ESTATUTO QUE FOI?

Participan no debate:

Isabel Vilalba Seivane (Secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego)
Manuel González-López (Profesor de Económicas na USC e alcalde de Outes)
Manuel Martínez Barreiro (Analista e ensaísta)
Patricia Vilán Lorenzo (Avogada, ex-voceira parlamentaria do PSdG-PSOE)
Uxío-Breogán Diéguez Cequiel (Profesor e historiador na UDC)
Paulo Carlos López, moderador (Profesor de Comunicación Política na USC)

 

texto Francisco Cortez-Lobão Sineiro

Manuel M. Barreiro
Á hora de abordar o tema de debate que se nos propón temos que pensar que o marco estatutario establece límites para o autogoberno, pero tampouco é indiferente quen ocupa o goberno e desenvolve o Estatuto. Estes 40 anos foron os da construción da autonomía como un autogoberno conservador nunha tripla dimensión. Conservador por estar dirixido por un partido que o é. Conservador tamén porque as súas políticas públicas non se articulan ao servizo das maiorías sociais. E, en terceiro lugar, porque non explota, nin pretendía explotar, os límites competenciais do Estatuto. Contrariamente ao que afirmou Xosé Cuíña no seu momento -que eles gobernan no límite da autodeterminación-, nunca se chegou ao límite do teito competencial. Ese espazo foi infrautilizado nas súas potencialidades. Creo que esa conformación da autonomía, ou por dicilo máis graficamente, a expropiación da autonomía por parte do Partido Popular, permite explicar unha serie de éxitos políticos que tiveron. O primeiro, forzar a autoidentificación dende aquel inaugural ‘Galego coma ti’. Ser capaces de articular unha identidade galega non conflitiva a través dunha identidade dual galega e española. E un terceiro éxito non menor: a apropiación de boa parte dos trazos do nacional-popular, dun galeguismo feble.

Patricia Vilán
Partiamos dun problema territorial en todo o Estado. A monarquía e o territorio foron os vectores de loita en España. O Estado das Autonomías construíuse a ollo, sen planos previos, e por iso foi un proceso complicado. O propio concepto de nacionalidade histórica é unha invención para encaixar Euskadi e Cataluña sen chamalas nación, un proceso no que nós fomos a rebufo e despois de que nos intentasen colocar un Estatuto que non era o que remitiramos. É dicir, xa comezamos con lastres, e iso nótase no texto actual, malia que o nivel de autogoberno é satisfactorio. Pero coincido en que importa quen xestione o autogoberno.

Estes 40 anos foron os da construción da autonomía como un autogoberno conservador: por estar dirixido por un partido que o é, conservador tamén porque as súas políticas públicas non se articulan ao servizo das maiorías sociais e, en terceiro lugar, porque non explota, nin pretendía explotar, os límites competenciais do Estatuto” Manuel M. Barreiro

Manuel González
Eu quero facer fincapé nos cambios estruturais da nosa economía nos últimos anos e como os deberiamos interpretar en relación co estatuto político de Galicia. Cando un colle os indicadores económicos e de calidade de vida, vese que hai poucos deles que non mellorasen de forma clara nos últimos 40 anos. Galicia mellorou por riba do Estado e de Europa nese período, excepto nunha cuestión concreta. O Estatuto marca un punto de inicio dunha etapa de progreso e benestar para Galicia, máis alá das crises económicas que pasamos e da situación incerta actual. Calquera indicador que nos compare con outros lugares, agás o demográfico, di que no período de exercicio do autogoberno -e que tamén cadra coa entrada na UE-, Galicia mellorou. Xa é hora de facer unha ecuación: a maior autogoberno, máis benestar. É unha evidencia empírica. Creo que ten moito que ver coa xestión de proximidade das cousas públicas, algo que sempre escoitei aos nacionalistas vascos e cataláns.

Patricia Vilán
Coincido. O Estatuto marcou un antes e un despois na historia de Galicia, e o balance é positivo. Partiamos dunha moi mala situación en canto a benestar social e organización política e territorial. O Estatuto ofreceunos un crecemento en termos de renda e benestar indiscutible. As cifras están aí. A visión, xa que logo, é positiva, aínda que só sexa porque estableceu os marcos onde nos podemos mover, aínda que eses marcos medrasen ben pouco por non mover unha coma do Estatuto en 40 anos, cando a sociedade galega si mudou. As normas deben evolucionar coas sociedades.

Isabel Vilalba
A miña tese principal é que se trata dun autogoberno moi limitado. Hai competencias en exclusiva, pero sempre remitidas ao artigo 149 da Constitución, e un desenvolvemento escaso das que hai. Poño por exemplo que a Xunta dá importancia á minería, pero temos unha lei estatal de 1973, polo que o marco legal que regula esta actividade é preconstitucional e preestatutario. E non hai ningunha iniciativa de cambio, nin sequera por parte de Galicia, malia o peso que lle dá a Xunta.

Uxío-Breogán Diéguez
Gustaríame retrotraerme ao momento inicial do marco autonómico. O inicio do proceso foi o final da etapa que se abriu violentamente en 1936 en Galicia e no 39 en todo o Estado. Un proceso que se deu nunha situación de violencia e de exilio. Un exilio que no inicio do tempo autonómico estaba vivo e non participa na construción da autonomía. Sabemos que Bibiano Fernández Osorio-Tafall foi contactado, aínda que declinou, para tentar integrar esa realidade aínda viva do exilio na presidencia do Parlamento Galego. Pero máis alá do simbólico, é moi patente que o proceso non ía máis alá, con todo o que implica. A Galicia que loitou pola autonomía no primeiro terzo do século XX e fixo fronte ao golpe militar, en grande medida, non participa do inicio da autonomía.

Manuel M. Barreiro
Hai un relato moi asentado que di que os galegos teñen máis autonomía da que queren. Aséntase no resultado do referendo do Estatuto de Autonomía. Tamén é verdade que ese uso privilexiado da autonomía por parte das opcións conservadoras ten que ver cun desinterese das outras forzas políticas. No caso do PSOE, porque está ocupado na construción do marco político nos espazos que ocupa (Goberno do Estado, integración en Europa, e a tradición municipalista do PSdG). No caso do nacionalismo hexemónico, un rexeitamento global da propia autonomía e o acento na crítica á construción do autogoberno. Situáronse así nun segundo plano e moi lonxe de poder construír unha alternativa practicable fóra dese marco. Ata moi entrados os 2000, o nacionalismo hexemónico concibiu o autogoberno sobre as Bases Constitucionais.

Uxío-Breogán Diéguez
Naquel momento, unha ditadura esgotada precisaba de osixenarse para entrar nun novo tempo a escala europea e mundial. Isto confronta coa loita pola ruptura democrática, onde se incardina a aposta polas Bases Constitucionais por boa parte do nacionalismo galego, de forma lexítima. Se isto nos queda lonxe, tamén nos queda lonxe o texto do Estatuto de Autonomía de 1980. Estou seguro de que coincidimos nunha idea: ambos os dous textos resultan dun tempo que xa non é. Na globalización, as esixencias deben ser maiores, fronte a textos que están obsoletos en grande medida, porque derivan dunha realidade distinta. Aquela Galicia era debedora do final do franquismo, atrasada -tal vez non tanto como di o tópico- e chega aos inicios dos 80 necesitada de modernización en moitas materias, como a das infraestruturas. Isto implica que se hoxe facemos balance das melloras materiais de Galicia, eu non podo imaxinar unha Galicia moi distinta á do día de hoxe mesmo se non tivese autonomía. Non lle imputo ao Estatuto a situación actual da Galicia, desde o punto de vista económico, social e de infraestruturas. Pero a realidade demográfica desta Galicia é a que é. En decembro de 1980, Galicia tiña máis habitantes ca hoxe. Neste mesmo tempo, o Estado medrou en poboación. Realidades como Madrid viron a súa poboación incrementada mentres, por exemplo, as Castelas perderon capacidade demográfica. A realidade é que boa parte da nosa contorna xeográfica está deshabitada, cos problemas forestais conseguintes, e con incapacidade de xestión dos nosos recursos.

Hai competencias en exclusiva, pero sempre remitidas ao artigo 149 da Constitución, e un desenvolvemento escaso das que hai. Poño por exemplo que a Xunta dá importancia á minería, pero temos unha lei estatal de 1973, polo que o marco legal que regula esta actividade é preconstitucional e preestatutario” Isabel Vilalba

Manuel González
O devalo demográfico preocúpame, especialmente coa saída de xente preparada. Temos que ter un tecido produtivo diferente e moderno, para que a xente nova non marche traballar a Madrid. Galicia está nas gadoupas de Madrid como sistema. A nosa xente nova, a que marcha, marcha maioritariamente a Madrid. Non hai que esquecer o contexto de triunfo das grandes cidades. Madrid atrae a esta xente nova e nós perdemos a capacidade de innovación. Temos que utilizar as ferramentas políticas do Estatuto para modernizar os sectores produtivos. Cómpre unha estratexia potente, implicar ás universidades, implicar á Unión Europea…

Isabel Vilalba Seivane
Eu non nego que haxa un certo desenvolvemento a respecto das necesidades do país, pero as eivas son claras. As dificultades e perda de peso nos últimos anos tamén son unha evidencia. Que foi da industria galega? Onde se desenvolveu a comarcalización prevista no Estatuto, que podía ter permitido chegar con servizos a moitos lugares?

Manuel M. Barreiro
Pero, se volvemos á orixe, eu vexo dúas etapas na construción do autogoberno, obviando os gobernos de Laxe e o Touriño. Unha primeira dun conservadorismo dinámico, que coincide coa consolidación da autonomía nos gobernos de Fraga, que se move no marco que definín pero impulsa unha clarísima extensión da administración galega. Houbo a intención de subsumir aquí a administración periférica. Hai unha expansión notable no desenvolvemento de servizos básicos e un trazo paradoxal mesmo no propio Fraga: el era thatcheriano, pero no seu momento histórico quixo fundar un “Estado” e tivo que asumir unha sorte de keynesianismo conservador. É notorio nas súas políticas económicas e impulso ás infraestruturas, asumindo un papel de poder relacional co mundo da economía. Todo iso faise no marco dunha cultura da autonomía, análoga á cultura da Transición, que é despolitizadora e contraria ao conflito, forzando consensos arredor de ideas. Esta primeira etapa caracterízase tamén, a nivel estatal, polo papel de contrapeso que outorga a Galicia fronte ás dinámicas soberanistas que teñen as outras nacións do Estado. A segunda etapa iniciouse en 2009 e ten elementos de continuidade e de discontinuidade coa anterior.

Uxío-Breogán Diéguez
En efecto, creo que se fixeramos historia deste breve tempo autonómico, veriamos que cada época está moi influenciada por quen goberna. No caso de Fraga, gozou dun contexto moi favorable onde, na situación de falta de administración, calquera mellora feita era moi notoria. A isto sumamos que Fraga non era calquera. Pola súa idade e a súa historia na política española, aínda que fose a Madrid con certas esixencias, non sería criticado pola daquela única dereita. De existir daquela esta ultradereita á marxe do PP, choveríanlle críticas. Calquera outro executivo galego, a pouco que reclamase, tiña enfronte á dereita do Partido Popular. Isto dificultou a transmisión de competencias.

Isabel Vilalba
Hai  outros factores importantes xa na orixe da autonomía. Cando nacían as estruturas do autogoberno, tiveron lugar axiña feitos moi importantes para o deseño económico e social: a entrada na Unión Europea e os acordos de Marrakech que derivaron na creación da Organización Mundial do Comercio. Non podemos falar de autogoberno obviando que estamos na UE e que desde aí se deseñan as regras de comercio e investimentos. Houbo unha cesión de soberanía, que foi un marco non previsto cando se fixeron tanto a Constitución como o Estatuto, e polo tanto a representación dos nosos intereses singulares non estaba prevista. Cara ao futuro, é unha eiva clara. No tratado da Carta de Enerxía hai penalizacións e regulacións. Como non se preveu a cesión de soberanía, non se previron mecanismos de representación dos nosos intereses. Imaxinade que hai unha tendencia maioritaria no Parlamento favorable a rexeitar un tipo de enerxía. Unha grande compañía podería levar o Goberno a un tribunal por lexislar para evitar a implementación ou non dun modelo enerxético. Para ter soberanía hai que deseñar espazos de interlocución nos espazos de gobernanza globais.

Manuel González
Creo que aí temos que distinguir dous debates. Un sobre a problemática da cesión de soberanía que se deu a nivel global, que analice como a cidadanía perdeu mecanismos de capacidade de decisión, creándose unha crise de lexitimidade global. E outra é que podemos facer nós fronte ao Estatuto. Dígoo porque a cesión de soberanía á UE no seu momento foi cousa do Estado, que era quen as exercía. Hoxe en día, vemos medrar a extrema dereita con posicións contrarias á integración europea, pedindo volver ao Estado nación do XIX. Hai que ter ollo con iso se estamos dispostos a entrar nese debate, porque quen pode levar ese marco ao final son as forzas xacobinas que queren as competencias para o Estado-nación de sempre. O que busca Vox é iso, e ese é un debate que nos leva a ter que decidir: damos pasos atrás nesta cesión de soberanía que se produciu cara a organismos non democráticos, co perigo de centralizar competencias no Estado, ou tratamos de democratizar estes entes?

Hoxe en día, vemos medrar a extrema dereita con posicións contrarias á integración europea, pedindo volver ao Estado nación do XIX. Hai que ter ollo con iso se estamos dispostos a entrar no debate soberanista, porque quen pode levar ese marco ao final son as forzas xacobinas que queren as competencias para o Estado-nación de sempre” Manuel González

Manuel M. Barreiro
Non o teño claro. Non é cesión de soberanía, é expropiación de soberanía. Non é un proceso no que cedas poder a entidades políticas coas que poidas democraticamente discutir. Se repasamos os nosos bens comúns no novo ciclo político que inaugura Feijóo, vemos que se liquidan todo tipo de barreiras en beneficio da actividade extractiva. Isto cadra co resto de políticas públicas e lígase ao devalo demográfico do país. A construción dese deserto verde é condición necesaria para as políticas depredadoras sobre a minería, o forestal… Trátase de acabar coa resistencia civil. Eu entendo o que dis, pero teño un certo medo a que denominemos todo por igual. A cesión democrática de soberanía non é o mesmo que a expropiación da capacidade de decisión sobre as condicións materiais da nosa cidadanía, que é o que nos estamos a xogar.

Isabel Vilalba
Por outra banda, creo que tamén nos afectou unha escasa querenza polas posibilidades do autogoberno. No Estatuto prevese o desenvolvemento do código civil galego, que apenas se materializou. Non había esa crenza de defender as posibilidades do autogoberno. Hai pouco, interpretando unha posible plusvalía, pedíase a uns pais que querían transmitirlle ao fillo unha granxa familiar o pagamento duns dereitos administrativos. No noso dereito civil contemplábase unha compañía familiar. Todo o mundo di que é fundamental favorecer a transmisión, cun rural envellecido como temos. Pois esa interpretación da Axencia Tributaria, nun marco mercantil, obvia unha realidade que podía abordarse con outro tipo de fórmula. Temos un marco novo dende que asinamos unha serie de tratados de obrigado cumprimento. O Goberno galego freou a mina de Corcoesto, e a súa decisión soberana pode ser cuestionada legalmente. Temos que partir, pois, da nosa realidade, e analizar que soberanía queremos exercer e como evitar que se limite e acoute ao plano meramente administrativo.

Patricia Vilán
Discrepo sobre o dereito civil. Houbo dous desenvolvementos: un no 96 e unha lei de 2006 revolucionaria. A proporción de lexítima é moi distinta á do resto do Estado. Houbo grandes avances, e foi o Estatuto o que permitiu ese dereito civil que nos diferencia totalmente do resto de España, como os montes en mancomún. A organización territorial está asentada e a lingua recoñecida, malia que as leis sobre o idioma non sexan as que deberían. É satisfactoria a descentralización? Non, porque quedan moitas competencias por desenvolver, pero é bastante satisfactoria. Eu creo que o Estatuto non fracasou por falta de competencias, porque isto ten que ver coa decisión dos partidos que exercen o autogoberno, non do marco. Os grandes fracasos foron dous: recortar o Estatuto dos 16 e o feito de que o nacionalismo non apostase pola autonomía.

Manuel González
Aquí o nacionalismo sempre apuntou por outra vía. Mentres que en Euskadi e Cataluña sempre fixeron valer o seu Estatuto como ferramenta fundamental. Aquí non se fixo esa lectura, tamén porque non gobernaban. E hai que defender que a xestión de proximidade é máis eficaz, e poño o exemplo da  España recente: a segunda fase da pandemia, con delegación de competencias nas autonomías, foi moito mellor cá coa solución máis centralizada do comezo. É un pequeno exemplo de como a xestión de proximidade, especialmente cando xa existían competencias autonómicas en saúde pública, é mellor que a centralista.

Manuel M. Barreiro
Non sei se está tan estendida a idea de que o autogoberno é unha ferramenta necesaria. Hai un dato moi interesante. Xaquín Fernández Leiceaga participou no proceso de reforma do Estatuto e el conta como as persoas que negocian (Carlos Aymerich, Pedro Puy e máis el) chegan a un 99% de acordos. Pero hai dous aspectos que bloquean a reforma do Estatuto: como denominar a entidade política e o status da lingua galega. E conta tamén que antes do cumio entre Quintana, Feijóo e Touriño xa chegaran a fórmulas que podían valer para iniciar a reforma parlamentaria. O bloqueo, pois, é unha decisión baseada na cuestión identitaria. Non é unha cuestión administrativa, senón ideolóxica. Se identificamos autogoberno con benestar, podemos seguir facendo camiño. Pero hai un sector político que non está disposto a construír ese marco. A pandemia pon por riba da mesa algunhas cousas. Obriga, aínda que só sexa como reacción mecánica, a actuar ao Goberno galego. A facerse cargo de algo que deixaba historicamente en mans do mercado: o espazo dos coidados e da saúde.

“Hai dúas cuestións nas que o Estatuto coxea e habería que ampliar. A primeira, a pouca capacidade en política fiscal, que nos fai depender demasiado das achegas financeiras do Estado. Deberiamos reivindicar unha política fiscal propia e representativa. A segunda é que non profundizou na administración local”  Patricia Vilán

Manuel González
Se nalgún momento queremos convencer á cidadanía galega de que cómpre máis autogoberno, hai que pór o exemplo dos éxitos do Estatuto. Non podemos dicir o malo que foi ata agora. Hai retos que non se afrontan co actual Estatuto, pero as probas din que mellor nos irá canto máis autogoberno teñamos. E penso que todo o que pasou nos últimos meses afianzou o autogoberno en Galicia. Creo que o feito de que o PP xestionase esta pandemia en Galicia evitou ademais que atacase o autogoberno. Noutra situación, pedirían a xestión centralizada. Como foi ao contrario, e o PP é maioritario e hexemónico en Galicia, refórzase a conciencia do autogoberno na sociedade galega.

Isabel Vilalba
Esa identificación existente de que autogoberno non responde aos problemas da cidadanía é un problema. Necesitamos un Estatuto para o seu tempo, centrado no desenvolvemento endóxeno, pero teño dúbidas de que a sociedade estea nesa reivindicación. Por que cala a mensaxe populista contraria? Pola desafección existente, que require analizar como se constrúen as relacións económicas. Hoxe estamos nun proceso de dixitalización que elimina a necesidade de man de obra en moitos sectores. Como se xestiona unha renda digna para as persoas? Como se xestionan os coidados? Son debates importantes.

Patricia Vilán
O noso autogoberno foi cativo. Hai moitas competencias que aínda non temos porque non as pedimos, estando contempladas no Estatuto. E, mentres que a Constitución xa se cambiou dúas veces e vai para a terceira, o Estatuto só se tentou reformar unha vez. Hai dúas cuestións nas que o Estatuto coxea e habería que ampliar. A primeira, a pouca capacidade en política fiscal, que nos fai depender demasiado das achegas financeiras do Estado. Deberiamos reivindicar unha política fiscal propia e representativa. A segunda é que non profundizou na administración local, que na pandemia tería sido importante. Pasou algo semellante en Alemaña: a descentralización inicial foi boa e a centralización posterior deu malos resultados. Pero os concellos tiveron un papel moi importante na pandemia, e o Estatuto practicamente non toca a administración local. Habería que afondar moito máis e separar claramente as competencias municipais e autonómicas, cuxa indefinición xera conflitos diarios.

Uxío-Breogán Diéguez
Pero o debate de teito competencial é un pouco perverso, porque esgotemos ou non os lindes, seguirá a haber límites. O debate está en se traspasamos ou non eses marcos. É importante trasladar este debate á sociedade nun tempo tan velozmente cambiante coma este de globalización e pandemia. A autonomía galega asenta nun feito cultural diferenciado dentro do debate político, e a globalización esfarela boa parte destas realidades. No caso galego, ábrese tamén a cuestión da lusofonía no mundo global.

Manuel M. Barreiro
Foi unha oportunidade histórica a que se perdeu coa reforma do Estatuto. O primeiro Estatuto era un marco de organización. O Estatuto debería definir que democracia queremos, como organizar o autogoberno, e cales van ser as relacións de dependencia, independencia e interdependencia política. Eu tamén creo que o autogoberno é un instrumento de benestar, pero dende 2009 teño dúbidas sobre isto. Daquela organizouse unha forma de xestionar o espazo autonómico onde moitos cidadáns, ante a inacción da Xunta e o incremento de desigualdades creado pola crise económica, ábrense a un cuestionamento da utilidade neste momento deses instrumentos de autogoberno. E creo que iso, como cidadáns galegos e cidadás galegas, interpélanos. Fronte a isto hai unha pulsión moi forte no Estado, que é a vontade expresa de involucionar respecto á organización do Estado. A idea base é esa representación do conxunto da pluralidade do Estado en Madrid, como vimos de vivir. É unha pulsión recentralizadora e uniformizadora. Os inquéritos do CIS sinalan que en Galicia medra o grupo de cidadáns que prefiren menos competencias das que temos agora. Segue a ser estable a xente que prefire quedar como está, pero a busca doutros horizontes maiores de soberanía -máis autonomía, ou independencia-, é menor. É o que hai. Este vai ser un dos debates que teñamos que afrontar.

Patricia Vilán
É certo que non hai un especial sentimento a favor da reforma do Estatuto, pero ás veces haino que potenciar. Por exemplo, cando se aprobou o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, non era unha grande reivindicación na rúa. Sen embargo, hoxe pouca xente o pon en cuestión. A lei foi por diante da sociedade e mobilizouna. Ocorre poucas veces, pero ao mellor hai que pór o Estatuto nas rúas para que as persoas queiran melloralo.

Manuel González
Malia a actitude conservadora de presidentes como Fraga e Feijóo, hai oportunidades. Eu o outro día quedei sorprendido cando Feijóo falaba de xestión de impostos sobre patrimonio, onde pedía harmonizar pero non centralizar. E iso facíao días despois de posicionarse o PP a favor de centralizar impostos. Igual que lle pasou a Fraga, que se viu na situación de deber pórse á fronte de certas reivindicacións; sen chegar a eses niveis, Feijóo tamén pode verse obrigado. Cando Fraga chegou aquí non houbo unha hecatombe no autogoberno, porque nunha democracia consolidada hai límites que non se poden superar. O PP pode enlearse en cuestións simbólicas, pero sabe que non pode dar pasos atrás. Eu creo que o PP, que é hexemónico, ten unha lectura positiva do balance do Estatuto. Eles si que o saben explotar, mentres que o nacionalismo se equivocou neste sentido. A nivel social non hai vimbios para o debate do autogoberno, pero é que ademais se nós non somos capaces de trasladar a idea de que se nos gobernamos en proximidade, vainos ir mellor, dificilmente imos convencer xente. Por iso digo que a xestión da pandemia pode ser útil. E mirade a extrema dereita en Galicia, que cun discurso recentralizador non levanta cabeza. O PP sabe xogar, e  dicir unha cousa ou outra.

Uxío-Bbreogán Diéguez
Eu penso que Galicia perdeu nestes 40 anos a ocasión de ser unha grande potencia pesqueira, forestal e agrogandeira. Termos unha realidade soberana, e eu súmome á idea da expropiación da que fala Barreiro. Se falamos de autonomía, falamos de soberanía. E hoxe non interesa o ámbito local dende a perspectiva política. Hai que pensar primeiro no ámbito internacional, pero politicamente non podemos exercer nese ámbito porque temos lindes que non podemos atravesar. Por exemplo, non poderiamos ter unhas embaixadas, alén do cultural, para traballar dende unha perspectiva económica? Por que non traballar en chave cooperativa, e nunha perspectiva de xénero? Pois isto non o podemos facer. Fáltanos practicidade, pensar de maneira plural e xenerosa na chave da construción nacional, orientada a vivir o mellor posible e en harmonía con outros pobos.

Patricia Vilán
Sobre a soberanía, eu creo que o país ten que ter unha interlocución máis directa coa Unión Europea, sen o intermediario estatal, e avanzar cara ao sur: cara a Portugal. A raia non existe en realidade. Os que viven en Salvaterra viven en Monção.

Manuel González
E iso foi grazas á Unión Europea.

Patricia Vilán
Efectivamente. E hai que aproveitar a lusofonía porque somos capaces de comunicarnos sen impedimentos. Ao resto do Estado non lle é tan doado. A relación de Galicia con Portugal non é a mesma que a de Andalucía e a de Estremadura, porque a nosa ten un compoñente historicamente máis profundo.

Manuel M. Barreiro
Sería interesante analizar a relación de Estremadura con Portugal. Eles avanzaron comparativamente máis ca nós, tendo nós unha condición de partida moito máis vantaxosa.

Manuel González
Pero ese debate non ten que ver coas competencias, senón coa orientación política do exercicio destas.

O que toca en materia competencial é sermos ambiciosos, avanzarmos o máximo neste marco de autogoberno -reclamando todas e cada unha das competencias por transferir, pero sen privarnos dese ámbito internacional -con relacións con Portugal e Brasil, coa súa dimensión na América do Sur- para internacionalizar cultural e economicamente Galicia” Uxío-Breogán Diéguez

Isabel Vilalba
Eu creo que calquera proxecto de futuro debe partir dun desenvolvemento endóxeno. Dende o 81 para aquí mudou o marco de gobernanza. Hoxe non hai instrumentos de fiscalidade xusta nin sequera no marco estatal. A realidade nova afecta á ordenación económica e administrativa. E existe tamén un descontento social moi grande, porque a xente viu que cuestións moi básicas diarias se deterioraron, como as condicións laborais. Unha das grandes dificultades para ese desenvolvemento endóxeno e atención ás necesidades básicas da poboación (a igualdade, a saúde, os coidados…). Afrontamos a dificultade de que non se percibe, desafortunadamente, no autogoberno unha ferramenta eficaz para mellorar as condicións de vida. Hai amplas capas da sociedade que piden, como lembraba Manolo, eliminar administracións que identifican como un problema. Creo que necesitamos un Estatuto adaptado á realidade, pero vivimos un momento convulso e dubido de que o debate se poida facer agora.

Patricia Vilán
Tamén creo que o Estatuto require dunha reforma. A xente nova está completamente desconectada do Estatuto. E eu sempre digo que hai que fomentar querenza polo Estatuto, sacándoo á rúa. O momento é convulso, pero tamén o era o 36 e o 81, pouco antes do golpe de Estado. O 15-M tamén naceu nun momento así e implicou a moita xente nova. Hai que saber aproveitar esa convulsión. As chaves para min son as que seguen: o nacionalismo ten que estar necesariamente na reforma do Estatuto. Se non está, volvemos ao principio. En 2006, o nacionalismo estaba no intento de reforma. Discrepo con Manolo Martínez sobre aquilo porque había un acordo, e este truncouse porque Feijóo non quería dar unha baza ao goberno bipartito que podía beneficialo despois.

Manuel M. Barreiro
Pero a reforma do Estatuto en 2006 fracasou polo marco narrativo. A dereita non quería un Estatuto progresista. O fracaso veu marcado porque o Estatuto abría unha forma nova de xestionar o común. O Estatuto do 81 satisfacía o modelo do PP.

Patricia Vilán

En todo caso, a Constitución americana é moi antiga e case non se modificou. Pero teñen esa querenza por ela moi potente, e polos símbolos, que non potenciamos. Eles interiorizaron a Constitución e nós non o Estatuto. Hai que dar pasos polo autogoberno, polas competencias e a autonomía financeira. Dereitos que noutros países se reivindican. A ONU dixo que a auga era un dereito humano. En Galicia temos que recoller ese dereito no noso Estatuto, sendo ambiciosos como país e sendo xenerosas as forzas políticas. Lembremos que temos sentenzas en contra da UE polos nosos problemas de saneamento.

Manuel González
Hai que dar o debate competencial. Boa parte dos fondos europeos previos á pandemia xestionábanse desde Madrid, tendo as competencias para facelo aquí. Isto é unha cuestión política. Non se deu debate político. Para min, é o asunto principal. O segundo grande reto de futuro é manter unha identidade cultural nosa e aberta ao mundo que pode actuar como ferramenta de desenvolvemento. Hai sectores económicos que poderían desenvolverse moito mellor se pomos en valor a nosa identidade: audiovisual, publicitario… Poño por exemplo o triunfo de produtos audiovisuais galegos, que triunfan grazas a que existiu previamente a TVG, e esta existiu porque houbo autogoberno, un autogoberno xestionado pola dereita, por certo. Hai un universo de produtores, de actores… que compiten a nivel global. Hai unha relación positiva entre o feito de ter goberno e cultura propia e desenvolver unha economía creativa en sectores culturais. A nosa cultura, pois, diferéncianos pero tamén pode enriquecernos. Eu non me contento con que esta xente teña que ir a Madrid. Isto implica un cambio no Estatuto, pero tamén ser máis conscientes do que somos.

Uxío-Breogán Diéguez
A reforma do Estatuto foi unha ocasión perdida que deixamos pasar, cando naquela altura había unha masa crítica en favor dunha reforma decidida do Estatuto de Autonomía, algo que non había nin en 1981 nin hai hoxe. Porque o titular é ese: había masa crítica, unha parte importante conformada polos sectores máis dinámicos da sociedade galega que apostaban en favor desa reforma estatutaria. Quero sinalar que a Constitución tamén precisa dunha reforma. É o marco que está por riba do Estatuto, e aínda que nós quixeramos aumentar as nosas competencias, hai que debatelo no Congreso e ver que equilibrios hai. Os sentimentos ás veces xogan a favor de proxectos, deixando de lado as identidades partidarias, como pasou en 1945. Pero agora o que toca é superar as cifras que presentou a Galicia de 1980. Apenas un 28% da poboación votou, pronunciándose en relación co Estatuto. Máis alá de que sectores políticos apostaron pola abstención e polo voto contrario, a sociedade galega non estaba por ese debate. E hoxe, noutro contexto, a sociedade segue sen estar nese debate, especialmente após un ano de realidade pandémica. Haberá que deixar repousar a situación, que poderemos ver con certa perspectiva dentro duns anos. O que toca en materia competencial é sermos ambiciosos, avanzarmos o máximo neste marco de autogoberno -reclamando, como dicía Patricia, todas e cada unha das competencias por transferir-, pero sen privarnos dese ámbito internacional -con relacións con Portugal e Brasil, coa súa dimensión na América do Sur- para internacionalizar cultural e economicamente Galicia. Unha Galicia que pretende ser e non apagarse.

Manuel M. Barreiro
Fai falta conciencia cívica para volver pór o autogoberno no centro, de forma que poidamos construír unha democracia e un marco que xestione os nosos asuntos comúns. Necesitamos ter un novo marco de decisión sobre os coidados, como cidade envellecida que somos, e talentos, para evitar a marcha da xente nova. A emigración é unha das expropiacións históricas que sofre Galicia.

Isabel Vilalba
A capacidade de decidir é máis urxente ca nunca. Estamos a sufrir unha política depredadora sobre o monte e os recursos galegos, centrada nos intereses da grande corporación. Forzouse á administración a facilitar a implantación destes grandes proxectos con impacto enorme nos nosos territorios. Temos que potenciar esa capacidade de decidir, e para iso hai que desenvolver unha masa crítica e unhas condicións propicias.

[td_block_7 f_header_font_transform=”uppercase” ajax_pagination=”next_prev” sort=”” category_id=”” custom_title=”Novidades”]